Os heráclidas (en grego antigo Ἡρακλεῖδαι Hêrakleĩdai) eran os fillos de Heracles (Hércules) e os seus descendentes. O termo aplícase nun sentido máis estrito aos descendentes de Hilo, o máis vello dos catro fillos que Heracles tivo con Deianira (aínda que ás veces considerábase Mélite como nai de Hilo). Outros heráclidas eran Macaria, Axelao, Manto, Tlepólemo, Télefo e Bianor. Estes heráclidas foron un grupo de reis dorios que conquistaron os reinos peloponesios de Micenas, Esparta e Argos reclamando, segundo a lenda, o seu dereito a gobernalos polos seus devanceiros. A súa ascensión ao poder adóitase chamar «invasión doria».

Estatua de mármore, copia romana do s. I ou do s. II da orixinal grega do s. IV a. C., achada en Tívoli e conservada no Museo do Louvre: Heracles con Télefo, un dos heráclidas.

Orixe editar

Heracles, a quen Zeus destinara orixinalmente a ser rei de Argos, Laconia e a Pilos mesenia, fora suplantado por un engano de Hera, caendo estes reinos en mans de Euristeo, rei de Micenas. Tras a morte de Heracles, os seus fillos, tras moito vagar, acharon refuxio na corte de Teseo en Atenas. Euristeo, ao ver rexeitadas as súas esixencias de rendición, atacou Atenas, pero foi derrotado e morto. Hilo e os seus irmáns invadiron entón o Peloponeso, pero tras un ano de dominio foron obrigados a se retiraren por unha peste. Retiráronse a Tesalia, onde Eximio, o mítico devanceiro dos dorios, a quen Heracles axudara na súa guerra contra os lapitas, adoptaron a Hilo e cedéronlle un terzo do seu territorio.

Tras a morte de Eximio, dous dos seus fillos, Pánfilo e Dimante, sometéronse voluntariamente a Hilo (quen era, segundo a tradición doria, recollida en Heródoto v.72, realmente un aqueo), que así se converteu en gobernante dos dorios; as tres ramas dos dorios son chamadas como estes tres heroes, na súa honra. Desexando reconquistar a súa herdanza paterna, Hilo consultou o oráculo de Delfos, que lle dixo que esperase ao «terceiro froito» (ou colleita) e entón entrase ao Peloponeso por «unha estreita pasaxe marítima». Así, tres anos despois, Hilo marchou cruzando o istmo de Corinto para atacar a Atreo, o sucesor de Euristeo, pero morreu nun combate contra Équemo, o rei de Texea. A este segundo intento seguiu un terceiro por parte de Cleodeo e un cuarto por Aristómaco, fracasando ambos igualmente.

Invasión doria editar

Ao final, Témeno, Cresfontes e Aristodemo, fillos de Aristómaco, queixáronse ao oráculo de que as súas instrucións resultaran ser fatais para quen as seguiu. Recibiron a resposta de que por «terceiro froito» quería dicir «terceira xeración» e que a «estreita pasaxe» non era o istmo de Corinto senón o estreito de Río. Así, armaron unha frota en Naupacto, pero antes de facerse ao mar Aristodemo foi golpeado por un raio (ou disparado por Apolo) e a frota destruída, debido a que un dos heráclidas matara un adiviño acarnanio.

O oráculo, consultado de novo por Témeno, ofreceulle facer un sacrificio expiatorio e desterrar ao asasino durante dez anos, e buscar un home con tres ollos para que lles servise de guía. Ao seu regreso a Naupacto, Témeno atopouse con Óxilo, un etolio que perdera un ollo, montando dacabalo (o que facía que tivese tres ollos) e inmediatamente obrigouno a se poñer ao seu servizo. Segundo outra versión, o macho ao que montaba Óxilo era quen perdera un ollo. Os heráclidas repararon a súa frota, partindo de Naupacto a Antirrío, e de aí a Río, no Peloponeso. Libraron unha batalla decisiva con Tisámeno, fillo de Orestes, gobernante da península, a quen derrotaron e mataron. Esta conquista datábase tradicionalmente sesenta anos tras a Guerra de Troia.

Os heráclidas, que así se converteron en practicamente donos do Peloponeso, procederon a distribuír o seu territorio entre eles por sorteo. Argos tocoulle a Témeno, Lacedemonia a Procles e Eurístenes, os xemelgos fillos de Aristodemo, e Mesene a Cresfontes. O fértil distrito de Elis fora reservado por acordo para Óxilo. Os heráclidas gobernaron en Lacedemonia até -221, pero desapareceron moito antes noutros países.

A conquista do Peloponeso polos dorios, comunmente chamada «invasión doria» ou «regreso dos heráclidas», represéntase como a recuperación polos descendentes de Heracles da lexítima herdanza do seu heroico antepasado e os seus fillos. Os dorios seguiron o costume doutras tribos gregas ao reclamar como antepasado das súas familias gobernantes a un dos heroes lendarios, pero as tradicións non deben neste sentido considerarse como enteiramente míticas. Representan unha invasión conxunta do Peloponeso por parte dos etolios e os dorios, sendo estes empuxados cara ao sur desde o seu fogar orixinal do norte pola presión dos tesalios. É destacábel que non se mencione a estes heráclidas ou a súa invasión nas obras de Homero e Hesíodo. Heródoto (vi.52) fala de poetas que celebrara as súas fazañas, pero estes limitáronse a sucesos xusto despois da morte de Heracles. A historia foi primeiro amplificada polos dramaturgos gregos, que probabelmente se inspirasen en lendas locais que glorificaban os servizos rendidos a Atenea polos gobernantes do Peloponeso.

Na literatura editar

Artigo principal: Os Heráclidas.

Os heráclidas son tema principal da obra de Eurípides chamada así: Os Heráclidas. Nela, Macaria, os seus irmáns e as súas irmás escóndense de Euristeo en Atenas, baixo o goberno de Demofonte. Cando Euristeo se prepara para atacar, un oráculo dille a Demofonte que gañaría só con que unha muller nobre fose sacrificada a Perséfone. Macaria préstase voluntaria ao sacrificio, polo que unha fonte foi bautizada na súa honra.

Obras que tratan do tema editar