Lingua escocesa

lingua céltica falada nalgunhas illas de Escocia e no norte do país

O escocés[6] ou gaélico escocés (gàidhlig) é unha lingua céltica falada hoxe en día nalgunhas illas de Escocia e tamén no norte do país; fálana só 70.000 persoas aínda que en tempos tivo unha extensión moito maior polo territorio da actual Escocia. Recentemente fixéronse intentos por recuperala e mesmo se declarou a súa cooficialidade co inglés nalgunhas administracións locais.

Escocés
Gàidhlig
Pronuncia:/ˈkaːlikʲ/
Falado en: Escocia, Canadá
Rexións: Europa occidental
Total de falantes: 58.552 en Escocia[1]
500[2] - 2.000[3] en Nova Escocia
1.610 nos EUA (ano 2002)[4]
Familia: Céltica
 Céltica insular
  Goidélica
   Escocés
Escrita: Alfabeto latino
Status oficial
Lingua oficial de: Escocia Escocia
Códigos de lingua
ISO 639-1: gd
ISO 639-2: gla
ISO 639-3: gla
Mapa
Status

O escocés está clasificado como definitivamente en perigo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[5]
Mapas bilingües en gaélico e inglés.
Para a lingua xermánica orixinaria de Escocia, véxase scots.

O gaélico escocés é membro da rama goidélica das linguas celtas, que inclúe tamén as variantes de Irlanda e de Manx. Provén do irlandés antigo, xa que chegou desde Irlanda a Escocia a partir do século IV.

Historia

editar

O gaélico escocés é unha das linguas tradicionais dos escoceses e a lingua histórica da maior parte de Escocia. Non está claro desde cando se fala gaélico en Escocia. Aínda que hai quen afirma que se falaba en Argyll antes da chegada dos romanos, parece que a data máis segura é o século IV, co reino de Dál Riata, que uniu a antiga provincia do Ulster, no norte de Irlanda, co oeste de Escocia, acelerando así a expansión do gaélico, ao que tamén contribuíu o establecemento da igrexa gaélico-falante. A toponimia parece indicar que o gaélico xa se falaba no século V.

Esta lingua acabou por desprazar a dos pictos ao norte do río Forth e, até finais do século XV, coñecíase en inglés como Scottis. O seu declinio comezou no continente a comezos do século XIII; dous séculos máis tarde existía xa a divisoria Terra Alta/Terra Baixa.

A comezos do século XVI, os falantes de Inglis chamábanlle ao gaélico Erse, isto é, irlandés, pasando a ser Scottis a colección de dialectos de inglés medio falados no reino da Escocia, e de aí o moderno scots. Porén, o gaélico ocupa aínda un lugar especial na cultura escocesa e non foi nunca desprazado totalmente da súa consideración como lingua nacional. Moitos escoceses, fáleno ou non, consideran que fai parte fundamental da súa cultura nacional, se ben tamén hai quen o considera unha mera lingua rexional das Terras Altas e das illas.

O gaélico conta cunha tradición oral (beul aithris) e escrita moi ricas, tendo sido a lingua da cultura bárdica dos clans da Terra Alta durante varios séculos. A lingua preservou o acervo e adhesión a leis e costumes pre-feudais (como se ve, por exemplo, no uso das expresións tuatha e dùthchas). Sufriu especialmente coas persecucións padecidas polos habitantes das terras altas a seguir a Batalla de Culloden en 1746 e durante os Desaloxos das Highlands. Certas actitudes pre-feudais aínda se ven nas queixas e reclamacións da Liga Agraria das Highlands de finais do século XIX.

É posíbel distinguir entre gaélico da Terra Alta, que correspondería co que se coñece como gaélico escocés e gaélico da Terra Baixa, agora extinto. Este último falábase no sur de Escocia antes da introdución do scots da Terra Baixa. Porén, non hai probas da existencia dunha fronteira lingüística entre o norte e o sur, como tampouco entre Argyll e Galloway. Os dialectos nas dúas marxes do Estreito de Moyle, que ligaban o gaélico escocés co irlandés, tamén están extintos hoxe en día.

Distribución actual en Escocia

editar
 
Distribución xeográfica dos gaélico-falantes en Escocia (2001).

Segundo o censo do Reino Unido de 2001, hai preto de 60.000 falantes de gaélico en Escocia (1,2% da poboación de máis de tres anos). Comparado co de 1991, diminuíron en máis de 7.300 (11% do total), o que mostra que o declive do gaélico en Escocia continúa.

Xa non hai parroquia en Escocia cunha proporción de gaélico-falantes superior ao 75%; as que máis se aproximan son Barvas e Lewis e Harris. Ningunha parroquia do continente conta cunha proporción superior ao 25%; os valores máis altos atópanse en Lochalsh, na Terra Alta, co 20,8%.

O bastión da lingua continúan a ser as Illas Occidentais (Na h-Eileanan Siar), onde a proporción supera o 60% e todas as parroquias o 50%. Hai máis do 20% en todas as illas de Skye, Raasay, Tiree, Islay e Colonsay.

Porén, a importancia do gaélico en Escocia vese moi reducida. Dun dotal de 900 parroquias:

  • Só 9 superan o 50% de gaélico-falantes.
  • Só 20 superan o 25%.
  • Só 39 superan o 10%.

Ortografía

editar

O alfabeto moderno do gaélico escocés ten dezaoito letras:

A, B, C, D, E, F, G, H, I, L, M, N, O, P, R, S, T, U

O letra h, utilizada agora sobre todo para indicar a lenición dunha consoante, non se empregaba na ortografía antiga, xa que a lenición se indicaba cun punto sobre a consoante. As letras do alfabeto recibían nomes tradicionais segundo árbores: ailm (olmo), beith (bidueiro), coll (abeleira), dair (carballo) etc., aínda que xa non se fai así.

A calidade das consoantes indícase en parte coas vogais que as arrodean. As vogais clasifícanse como caol ("delgadas", ou sexa, e e i) ou leathann ("anchas", ou sexa, a, o e u). A regra ortográfica é caol ri caol is leathann ri leathann ("delgada a delgada e ancha a ancha"). As consoantes delgadas palatalízanse, en canto que as anchas velarízanse. Debido a esta regra ortográfica, un grupo consonántico interior débese rodear de vogais da mesma calidade para indicar a súa pronuncia sen ambigüidade, dado que algunhas consoantes mudan a súa pronuncia dependendo de se rodean con vogais anchas ou delgadas. Por exemplo, o t de slàinte ([slaːntʃə]) co t de bàta ([paːtə]). Esta regra non afecta a pronuncia das vogais. Por exemplo, os plurais en gaélico fórmanse habitualmente co sufixo an: bròg, [proːk] ("zapato")/brògan, [proːkən] (zapatos). Mais, debido á regra ortográfico, o sufixo escríbese -ean (aínda que pronunciado igual) após unha consoante delgada, como en taigh, [tʰɤj] ("casa")/taighean, [tʰɤjən] ("casas").

A partir de 1976, a Comisión de Exames de Escocia introduciu determinadas modificacións a esta regra. Por exemplo, o sufixo do participio de pasado sempre se escribe -te, mesmo após unha consoante ancha, como en togte ("elevado"), e non o tradicional togta. Cando coinciden pares de vogais, non sempre está claro que vogal se debe pronunciar e cal se introduciu para satisfacer esta regra ortográfica.

As vogais acentuadas omitidas na fala tamén se poden omitir na escrita informal. Por exemplo:

Tha mi an dòchas ("Espero") > Tha mi 'n dòchas

Unha vez aprendidas as regras ortográficas, a pronuncia dos textos escritos resulta bastante predicíbel.

Pronunciación

editar
 
Rótulos bilingües nun supermercado en Portree.

A maioría das letras pronúnciase de maneira semellante a outras linguas europeas. As consoantes anchas t e d e, con frecuencia, n teñen unha articulación dental (como en irlandés e as linguas románicas e eslavas, en contraste coa articulación alveolar típica do inglés e outras linguas xermánicas. O r non palatal é unha vibración alveolar, como o rr do galego.

As consoantes oclusivas "sonoras" b, d, g non o son nin gaélico, senón máis ben non aspiradas xordas. As oclusivas "xordas" p, t, c son xordas e pronúncianse cunha aspiración forte (postaspiradas en posición inicial, preaspiradas en posición medial ou final). O gaélico comparte esta propiedade co islandés. Nalgúns dialectos gaélicos, as oclusivas ao comezo dunha sílaba acentuada sonorizan se as segue unha consoante nasal. Por exemplo, taigh ("unha casa") é [tʰɤi], mais an taaigh, ("a casa") é [ən dʰɤi]. Tamén tombaca ("tabaco"), [tʰomˈbaxkə].

As consoantes con lenición teñen pronuncias especiais: bh e mh son [v]; ch é [x] ou [ç]; dh, gh é [ʝ] ou [ɣ]; th é [h], [ʔ] ou mudo. A lenición de l, n e r non se mostra na escrita.

fh é case sempre mudo, con só tres excepcións: fhèin, fhathast e fhuair, en que se pronuncia [h].

As consoantes coa súa pronuncia no Alfabeto Fonético Internacional
Radical Lenición
Ortografía Ancha Delgada Ortografía Ancha Delgada
b [p] [p] bh [v] [v]
c [kʰ, xk] [kʰʲ, çkʲ] ch [x] [ç]
d [t] [tʃ] dh [ɣ] [j]
f [f] [f] fh muda muda
g [k] [kʲ] gh [ɣ] [j]
l [ɫ] [ʎ] l [ɫ] [l]
m [m] [m] mh [v] [v]
n [nɰ] [ɲ] n [n] [n]
p [pʰ, hp] [pʰ, hp] ph [f] [f]
r [r] [r] r [r] [ɾʲ]
s [s] [ʃ] sh [h] [h]
t [tʰ, ht] [tʃʰ, htʃ] th [h] [h]

Hai determinados trazos que convén facer notar:

  • O acento recae habitualmente na primeira sílaba: por exemplo drochaid ("unha ponte"), [ˈtroxatʃ].
  • Insírense vogais epentéticas entre determinadas consoantes adxacentes, en concreto as vibrantes (l ou r) e certas consoantes das seguintes:
tarbh ("touro") — [tʰarav]
Alba ("Escocia") — [alapa].
  • O schwa ([ə]) ao final dunha palabra pérdese se vai seguido dunha palabra que comeza por vogal. Por exemplo:
duine ("un home") — [ˈtɯnʲə]
an duine agad ("o teu home") — [ən ˈdɯnʲ akət]

Gramática

editar
 
O Libro de Deer, do século X, contén o texto en gaélico máis antigo coñecido, que nesta foto se pode ver nas marxes dunha páxina do Evanxeo de Mateu.

O gaélico escocés é unha lingua flexiva. Os substantivos indican as súas relacións por medio de casos gramaticais (nominativo, vocativo, xenitivo e dativo, segundo a terminoloxía utilizada nas gramáticas tradicionais). Os verbos conxúganse para indicar tempo gramatical (os tempos simples son o pasado e o futuro; os tempos compostos son continuos (presente, pasado e futuro). Hai tamén modo gramatical (indicativo, imperativo, subxuntivo) e voz gramatical (activa e pasiva).

O gaélico comparte con outras linguas celtas determinado número de trazos gramaticais interesantes:

  • Orde sintáctica Verbo+Suxeito+Obxecto, unha tipoloxía relativamente infrecuente nas linguas do mundo.
  • pronomes prepositivos: os pronomes e a maioría das preposicións fusiónanse en formas compostas, tales como agam ("en min"), agad ("en ti"), ris ("para el").
  • Inexistencia do verbo haber. No seu lugar, a posesión exprésase preposicionalmente, con aig (isto é, dicindo que algo está en unha persoa:
tha taigh agam — Teño unha casa (lit. unha casa está en min)
an cat aig Iain — O gato de Xoán (lit. o gato en Xoán)
  • Pronomes enfáticos: distínguese entre pronomes ordinarios, como mi e thu e os seus equivalentes enfáticos mise, thusa etc., que expresan contraste con outras persoas. Por exemplo:
tha i bòidheach — ela é linda
tha ise bòidheachela é linda (en contraste con outra persoa)

A énfase gramatical transfírese a outras situacións:

an taigh aicese — a casa dela
chuirinn-saeu po(ñe)ría
na mo bheachd-sa — na miña opinión
  • Cópula: o gaélico conta con dous verbos tipo ser/estar: tha adscribe unha propiedade a un nome ou pronome; is utilízase para identificar un nome ou pronome como complemento (Is pódese usar para adscribir unha descrición a un nome ou pronome, mais habitualmente este uso redúcese a expresións fixas como, por exemplo, 'Is beag an t-iongnadh' (lit. "É pequena a sorpresa") ou 'Is e Gàidheal a th'annam' (lit. "Hai un Gaélico en min"):
tha mise sgìth — Estou canso.
is mise Eòghann — Son Ewan.

Porén, é posíbel utilizar tha para dicir que unha cousa é outra converténdoa nunha propiedade:

tha mi nam Albannach — Son escocés. (lit. Estou no meu escocés.)
Is e Albannach a th' annam — Son escocés. (lit. é un escocés que está en min).

Artigos

editar

O gaélico conta con artigo definido, mais non con artigo indefinido:

an taigh — "a casa"
taigh — "(unha) casa)

A forma do artigo (definido) depende do número gramatical, do xénero gramatical, do caso gramatical e do son inicial do substantivo.

(i). an, am, e an t- utilízanse con substantivos en nominativo masculino singular:

an cat — "o gato" (tamén para substantivos que non poden levar lenición)
am balach — "o rapaz" (substantivos que comezan con consoantes labiais)
an t-òran — "a cantiga" (substantivos que comezan por vogal)

(ii). a' utilízase antes dunha consoante con lenición; hai dous casos:

a' chaileag — "a rapaza" (nominativo e dativo femininos)
leis a' bhalach — "co rapaz" (dativo e xenitivo masculinos)

(iii). na e na h- (antes de vogal) utilízanse no xenitivo feminino singular:

na mara — "do mar"
na h-Alba — 'de [a] Escocia'

(iv). na e na h- (antes de vogal) utilízanse no nominativo e dativo plurais de ambos os dous xéneros:

na cait — "os gatos"
na h-àireamhan — "os números"

(v). nan ou nam (antes dunha labial) utilízanse no xenitivo plural:

nan cat — "dos gatos"
nam balach — "dos rapaces"

Recoñecemento oficial

editar

Após séculos de persecución, prexuízo e abandono, o gaélico adquiriu recentemente recoñecemento oficial coa aprobación da Lei Escocesa da Lingua Gaélica (21 de abril de 2005).

Ademais de aprenderse nalgunhas escolas escocesas, nalgunhas mesmo como medio de instrución, tamén se usa nos concellos das Illas Occidentais, Comhairle nan Eilean. A BBC ten unha emisora de radio en gaélico (Radio nan Gaidheal), que con frecuencia retransmite en conxunto coa Raidió na Gaeltachta da República de Irlanda, e hai tamén programas de televisión na BBC e na ITV, normalmente subtitulados en inglés.

A rotulación das estradas é bilingüe na actualidade, especialmente nas Highlands. Os mapas oficiais están a adoptar a toponimia gaélica.

Historicamente, o gaélico escocés non ten recibido o mesmo nivel de recoñecemento oficial por parte do goberno británico que o galés, e só recibiu maior atención a raíz da Devolución.

En 2005 creouse o primeiro instituto de educación secundaria no que a instrución é en gaélico. Existen varias escolas de primaria que xa o fan.

En Nova Escocia (Canadá) viven entre 500 e 1.000 falantes nativos, a maioría anciáns.

Toponimia

editar

Os seguintes son nomes, ben de orixe gaélica, ben doutra orixe coa súa tradución gaélica:

AberdeenObar Dheathain
Aberfoyle - Obar Phuill
Aviemore - an Aghaidh Mòr
Dingwall - Inbhir Pheofharan
DumfriesDùn Phris
DundeeDùn Dèagh
Dumbarton - Dùn Breatann
EdimburgoDùn Èideann
Fort WilliamAn Gearasdan
GlasgowGlaschu
Gleneagles - Gleann na h-Eaglais
Inchinnan - Innis Fhionghain
InvernessInbhir Nis
Kilmarnock - Cill Mhearnaig
PaisleyPàislig
PerthPeairt
St Andrews - Cill Rimhinn
StirlingSruighlea
StornowaySteòrnabhagh

Antropónimos

editar

Para algúns antropónimos gaélicos, tales como Aonghas, Dòmhnall, Donnchadh, Coinneach e Murchadh, existen formas tradicionais en inglés (Angus, Donald, Duncan, Kenneth, Murdo). Outros nomes de persoa son comúns a outras linguas europeas, como Iain (Xoán), Alasdair (Alexandre), Uilleam (Guillerme), Caitrìona (Catarina), Cairistìona (Cristina), Anna (Ana), Màiri (María). Algúns proveñen do noruegués antigo, como Somhairle ( < Somarliðr), Tormod (< Þórmóðr), Torcuil (< Þórkell, Þórketill), Ìomhair (Ívarr). Outros non teñen equivalente, como Oighrig, Diorbhal, Gormul ou Beathag.

Moitos destes considéranse anticuados e xa non se usan. Dado que son moi poucos os nomes tradicionais gaélicos a escoller, algunhas familias están a empregar nomes ingleses.

A clase máis frecuente de apelidos gaélicos e, por suposto, os que comezan con mac ("fillo" en gaélico), como MacGillEathain (MacLean). A forma feminina é "nic": Catherine MacPhee é Caitrìona Nic a' Phì.

Varios apelidos frecuentes proveñen dos nomes das cores: bàn (Bain - branco), ruadh (Roy - vermello), dubh (Dow - negro), donn (Dunn - marrón), buidhe (Bowie - amarelo).

Empréstimos

editar

A maior parte do vocabulario do gaélico escocés é celta. Existen numerosos empréstimos tomados do latín (muinntir, Didòmhnaich), o grego antigo, especialmente de tipo relixioso (eaglais, Bìoball de Ekklesia e Biblia), o noruegués antigo (eilean, sgeir), o hebreu (Sàbaid, Aba) e o Scots (briogais, aidh).

En común con outras linguas indo-europeas, os neoloxismos para conceptos modernos baséanse frecuentemente no grego e no latín: televisión é telebhisean (cian-dhealbh tamén se podería usar), e computador resulta en coimpiùtar (aireamhadair, bocsa-fiosa ou bocsa-sgrìobhaidh tamén se poderían usar). Aínda que os falantes nativos utilizan con frecuencia palabras inglesas para as que existe un equivalente en gaélico, fanno sen pensalo e adaptando as regras da gramática gaélica. Cos verbos, por exemplo, simplemente engaden o sufixo verbal (-eadh, ou, en Lewis, -igeadh, como por exemplo en, Tha mi a' watcheadh (Lewis, watchigeadh) an telly'' (Estou vendo [watch] a "tele").

O gaélico escocés ten influenciado o scots e o inglés. Entre os empréstimos resaltan whisky, slogan, brogue, jilt, clan, strontium, trousers, ben, glen/glenn e loch.

Palabras e frases frecuentes en gaélico escocés

editar
Gaélico escocés Irlandés Manx Galego
Fàilte Fáilte Failt Benvido
Halò Haileo ou Dia dhuit Hello Ola
Ciamar a tha thu? Conas atá tú? (Cad é mar atá tú? no Ulster) Kys t'ou? Que tal estás?
Ciamar a tha sibh? Conas atá sibh? (Cad é mar atá sibh? no Ulster) Kanys ta shiu? Que tal estades? (plural, singular formal)
Madainn mhath Maidin mhaith Moghrey mie Bos días
Feasgar math Trathnóna maith Fastyr mie Boas tardes
Oidhche mhath Oíche mhaith Oie vie Boas noites
Tapadh leat Go raibh maith agat Gura mie ayd Moitas grazas
Dè an t-ainm a tha ort? Cad é an t-ainm atá ort? Cre'n ennym t'ort? Como te chamas?
Dè an t-ainm a tha oirbh? Cad é an t-ainm atá oraibh? Cre'n ennym t'erriu? Como vos chamades?
Is mise... Is mise... Mish... Eu son...
Slàn leat Slán leat Slane lhiat Adeus
Dè a tha seo? Cad é seo? Cre shoh? Que é isto?
Slàinte Sláinte Slaynt Saúde (ó beber)
  1. "Census 2001 Scotland: Gaelic speakers by council area". Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2006. Consultado o 05 de marzo de 2012. 
  2. "Nova Scotia Museum's Curatorial Report No. 97" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de setembro de 2011. Consultado o 05 de marzo de 2012. 
  3. Gaelic in Nova Scotia Arquivado 29 de outubro de 2008 en Wayback Machine. from gov.ns.ca.
  4. ""Language by State – Scottish Gaelic"". Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 26 de agosto de 2018. 
  5. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escocés.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar