Antroponimia

rama da lingüística que se ocupa dos nomes propios e apelidos das persoas
(Redirección desde «Antropónimo»)

A antroponimia é a rama da lingüística que se ocupa dos nomes propios e apelidos das persoas, como parte da onomástica, división que estuda os nomes propios en xeral.

Orixe dos antropónimos galegos

editar

A altura da formación das linguas románicas, entre os séculos VI e IX, o exame da documentación referida a Galiza, escrita en latín, ofrece as seguintes tradicións antroponímicas:

  • O patrimonio romano, que engloba nomes persoais de orixe latina (Fortunius, Valerius, Marina etc.), grega ( Eusebius, Eugenia, Eulalia etc.) e hebrea (Ismael, Osías, Maria etc).
  • O legado xermano, maiormente gótico pero tamén suevo, aínda que sexan difíciles de separar, con formas latinizadas: Bermudus, Rudesindus, Miro, Aldegundia, Ilduara, Tota / Toda etc.
  • O patrimonio hispánico, posibelmente en boa medida onomásticos vascoides, que se reflicte nunha serie de nomes, pouco numerosos, que chegan a acadar un certo éxito: Velasco / Vasco, García, Urraca / Orraca, Scemeno / Scemena.
  • Algúns casos esporádicos de onomásticos árabes, pola chegada a territorio galego de cativos musulmáns ou de refuxiados mozárabes.
  • O uso dun único nome para cada individuo, fronte ó costume romano dos tria nomina.

Orixe altomedieval dos apelidos galegos

editar

A partir do século IX comeza a aparecer un segundo nome. Este é o xerme do que logo se designaría como apelido. A pesar de que se usaba unha gran variedade de nomes, estes comezaron a repetirse, porque confluíron un aumento demográfico coa repetición de nomes por moda; así, subsistiu a necesidade de identificar con claridade a cadaquén (así un escrito de 1007 distingue "alio Vimara": "outro Vimara" porque se citara antes un homónimo dese). Empregaranse varios recursos:

  • O nome do pai, ben aposto en nominativo: Fromarigus Vidisclia (966), ben aposto en xenitivo, p.e.: Vistrarius Eroni (966), ou ben aposto cun sufixo coas variantes -ici, -izi, -it ou -iz, que despois se xeneralizou en -ez, p.ex. Emisindus Petriz (a. 935), Marina Ovequiz (a. 1082), Marina Ramirici (a. 1108), Exemena Suarizi (a. 1110), Gimara Pait (a. 1193).
  • O oficio ou profesión, que os documentos máis antigos, nos que aparecen primordialmente individuos dos estratos superiores reflicten como cargos institucionais: Raymundus comes (a. 921), Onorigus confesor (a. 928), Gudigeve abatisse (a. 964), Menendo monacho (a. 1076).
  • A orixe xeográfica do individuo, que nos tanteos iniciais pode ser mesmo un sintagma: Genitigia, quae fuit de Lemabus (a. 997), é dicir: Genitigia, que era de Lemos.
  • Un alcume ou sobrenome. Xa en 997 temos un Uincentius Malus, i.e. Vicente (o) Malo. Nun só documento de 1137: Pelagius Curvus, Didacus Capas, Aluarus Rubeus.

Unha variante máis viría engadirse para conformar a variedade temática dos apelidos galegos, que serán os de orixe estranxeira, entendido nun sentido lato, como apelidos fóra do sistema lingüístico propio de Galiza, en rápido proceso de formación:

  • Apelidos estranxeiros de diversa orixe: casteláns, cataláns, franceses etc. O seu número foi aumentando a medida que se acrecentou a afluencia de forasteiros, á par da importancia do Camiño de Santiago. Xa en 955 cítase en Compostela un Bertenando Franco, demasiado xenérico, mais en 1199 atopamos en Melide un Nuno Gualman, que pode ser o antecedente máis remoto coñecido do aínda actual Galmán.

Apelidos galegos medievais

editar

Da aplicación desas modalidades foran aparecendo ao longo da Idade Media os diversos apelidos:

Apelidos patronímicos

editar
  • Da primeira xorden os apelidos patronímicos (matronímicos se proceden do nome da nai). Velaí unha mostra de apelidos galegos medievais con exemplos documentais, na que se indican en letra grosa as formas actuais:

Álvarez (p.ex., en 1082: Monio Alvariz; en 1281: Iohan Aluarez), Bermúdez (1082: Roderico Veremudiz), Bernárdez (1454: Afonso Bernaldes), Díaz (1001: Odoarius Didaci; 1244: Lopo Dias), Domínguez (1269: Pedro Domínguez), Estévez < STEPHANICI < STEPHANUS (1274: Martín Steuâês ; 1276: Marina Esteueez), Fagúndez , de FACUNDUS (1316: Pay Fagundez), Fernández (1082: Odoario Fernandiz, 1307: Sancha Fernandes), Flórez (1323: Lopo Flores), Froiz / Frois < FROILICI < FROILA, segundo Piel (1137: Didacus Froilet; 1147: Ramirus Froiez; 1271: Garcia Froyes), Giráldez, desde GIRALDUS < GERHARDT (1158: Arias Giraldiz; 1307: Roy Giraldez), Gonçálvez < GUNDISALUICI < GUNDISALUUS (1137: Pelagius Goncaluiz; 1370: Affonso Gonçalues) e o seu correlato González (1360: Fernan Gonçalez das Lageas; 1408: Nuno Gonçalez; 1520: Marquesa Gonçales), Gutiérrez (1001: Pepi Gutierriz, 1227: Fernando Guterriz), Henríquez / Enríquez (1257: Johan Anriquez), López (1095: Scemeno Lupiz; 1360: Gonçaluo Lopes), Martíns ou Martís (1198: Iohannes Martiniz; 1231: Pay Martiz; 1260: Oracha Martijz), Méndez < MENENDICI < MENENDUS < HERMENEGILDUS (982: Sisnandus Menendiz; 1321: Roy Meendez; 1460: Costança Mendes), Miguez ou Miguéns < MICHAELICI (1188: Rui Miguez; 1295: Ioham Mjgéés; 1491: Gomes Migues), Moniz (1076: Maria Monniz; 1274: Azêda Moniz), Muñiz (1016: Ecta Munici; 1227: Petrus Muniz de Suagildi), Muñoz < xenitivo de MUNIO, -ONIS (1001: Nunno Munionis; 1228: Dominicus Munionis), Núnez (1016: Nunius Nuniz; 1281: Aras Nunez; 1516: Barbora Nunnes), Ordóñez, de ORDOÑO (1111: Veremundi Ordonis; 1273: Paay Ordonez de Penosinus), Ozores < OSORICI < OSORIUS (1156: Petrus Osoriz; 1280: Gonçaluo Osorez), Páez < PELAGICI < PELAGIUS (1082: Didaco Pelaiz; 1241: Gonçaluo Paez) ou, coa mesma orixe Pais (1271: Domingo Pays de Camoira ; 1281: Maria Payz) e Paz / Pas (1323: Roy Paas; 1454: Aluaro Paas), Pérez < PETRICI < PETRUS (1095: Muninus Petriz; 1216: Aras Perez), Ramírez (1001: Ranemirus Ranemiriz ; 1271: Martin Ramiriz), Reimóndez, posibelmente de RAGIMUNDUS (1271: Váásco Reymondez), Rodríguez (1153: Alvarus Ruderiguiz Gallecie; 1298: Sancha Rodriguez; 1429: Biringuela Rodrigues), Salvadores (1243: Dominicus Salvatoris; 1370: Pedro Salvadores), Sánchez (1091: Aragonti Sangiç ; 1115: Eldoncia Sanchiz; 1394: Aluar Sanches de Hulloa), Suárez < SUARICI < SUARIUS (1164: Sanxa Suarici; 1257: Martin Suares), Vázquez (1087: Osorio Velasquiz, 1106: Gudesteo Veasquiz; 1160: Petrus Vahasquiz; 1272: Meen Vaasquez; 1497: Roy Vasques) etc. De IOHANNIS, usado como xenitivo, formaranse varios resultados diferentes: Anes (1262: Pedre Anes; 1454: Maria Anes,) Eans, Eanes, Enes, Ennes, Ianes, Yanes (1273: Eldora Yanes, que en 1276 aparece como Eldora Eanes; 1275: Laurenço Ianes d'Ourense; 1396: Eynes Ianes), Oanes (1082: Tota Joanis; 1272: Migael Joanes; 1279: Gonzaluo Oanes).

  • Algúns dos patronímicos, por diversas razóns (pola súa estrutura fonética ou morfolóxica ou por introducírense tardiamente)non levan sufixo -ez/-es, de modo que coinciden co nome propio:

Abel (1361: Johan d'Auel), Afonso (1520: Fernando d'Afonso), André/ Andrés (1321: Martín André / 1333: Johan Andres), Ares (1254: Rodrigo Ares) ou a súa variante Arias (1151: Froyla Arias), García (1316: Aras Garcia; 1454: Eluira Garçia), Giao < IULIANO (1454: Lopo Giaao), Gil < AEGIDII, a través do francés (ca. 1152: Petrus Gil; 1287: Steuao Gil), Gómez (1227: Ruderico Gomez; 1335: Eynes Gomes; 1489: Sancha Gomes), Jácome < IACOB (1291: Pedro Jácome), Macía < MATHIA (1347: 1347: Pedro Maçia; 1454: Oraqa Maçia), Martín < MARTINI (1252: Marie Martin; 1467: Juan Martin), Ogea / Ojea < EUGENIA (1423: Lopo Ougea; 1482: Aluaro Ougea), Tomé < THOMAE (1255: Petro Tome; 1290: Martin Thome; 1454: Johan Tome); Vidal < VITALE(M) (1240: Petro Vitale; 1305: Johan Vidal).

Pode observarse que do mesmo xeito que temos un vocabulario común co castelán, o corpus de apelidos patronímicos de Galiza evolucionou, en certos casos, para resultados coincidentes.

Outra conclusión que se pode extraer é que segundo avanzou a Idade Media, os nomes propios con procedencia na área grecorromana foran aumentando fronte aos xermánicos, maioritarios no período altomedieval.

Apelidos indicando profesión

editar
  • Da segunda modalidade de aposicións altomedievais xurdiran os apelidos que indica profesión, oficio, dignidade etc. Así por exemplo:

Bispo / Vispo (1435: Roy Bispo; 1489: Fernán Vyspo), Cabaneiro (1249: Rodericus Petri, dictus Cabanerus; S. XV: Johan Cabaneiro), Cabreiro (1436: Martin Cabreiro), Capelán (1455: Eluira do Capelán), Casado (1294: Johan Casado), Cerralleiro (1454: Afonso Saraleyro), Chantres (1316: Afon Peres Chantres), Colmeiro (1482: Lopo Colmeyro), Ferreiro / Ferreira (1274: Vicente ferreyro; 1422: Estevoo Ferreiro; 1454: Costança Ferreyra), porén a forma feminina pode ser tamén de orixe toponímica; Frade (1285: Iohan do Frade), Freire (1289: Aras Freyre; 1442: Johan Freire), Labrador (1403: Fernán Lavrador), Mariño (1273: Pero Marino; 1467: Juan Marynno), Mercador (1274: Pero Perez dito mercador d'Ourense; 1406: Ares Mercador), Mogo (1225: Gundisalvo Monago; Johanne Moogo Costanzo), Moleiro (1333: Pero Molleyro; 1407: Fernán Moleiro), Notario (1488: Jacome Notario), Porteiro (1282: Pedro Uidal dito Porteyro; 1350: Martin Porteiro), Romeu (1251: Petro Romeu; 1467: Jacome Romeu), Señor (1306: Johan Sennor; 1450: Maria Señora).

Apelidos toponímicos

editar
  • A terceira modalidade orixinou os apelidos toponímicos. Na inmensa maioría dos casos o topónimo vai precedido da preposición de, o que demostra que os apelidos actuais con tal preposición non indican de por si a pertenza a unha liñaxe nobiliaria. Velaquí unha mostra:

Abeleda (1278: Pedro Sanchez d'Auelaeda; 1484: Pedro de Abeleda), Araúxo (1491: Ferrán d'Araujo), Brandeso (1484: Juan de Brandeso), Arousa (1416: Pero da Arouça), Camós (1437: Gonçalvo de Camoes), Garabatos (1495: Ares de Garabatos), Insua (1454: Johan da Ynsoa), Irixoa (1429: Juan de Irijoa), Xunqueira (1374:Pedro de Junqueira), Laxe < de LAGENA (1269: Martin da Lagea; 1331: Iohanne da Lage; 1549: Ruy da Laje), Lago (1438: Gonçalvo do Lago), Merza (1422: Afonso de Merça), Lemos (1414: Johan de Lemos), Nóvoa (1364: Johan de Novoa; 1435: Lyonor de Noboa), Pumar (1434: Vaasco do Pumar), Remesal (1289: Pedro Remesal), Ruanova (1454: Gomes da Rua Noba; 1481: Pero da Rua Nova), Sanlés < da comarca do Salnés < (TERRA) SALINENSE (1416: Afonso de Salnes; 1438: Afonso Sanles do Camino), Sas < de SALAS (1500: Juan de Saas), Torre / Atorre (1276: Ruy Perez dictu da Torre; 1505: Gomes da Torre), Valeirón / Baleirón (1158: Petrus de Valeiron; 1365: Iohan Valeiron), Viso (1417: Gonçalvo de Viço, 1486: Afonso do Vyso)

Tamén pertencen a esta sección boa parte dos apelidos orixinados en nomes de santos, porque con frecuencia aluden ao santo protector da freguesía de orixe do individuo ou ben indica un lugar formado por un haxiotopónimo (en casos poden aludir ao santo do día, ou a unha devoción particular):

Sampaio (1470: Fernan de Sam Payo), San Pedro / Sampedro (1442: Aluaro de Sant Pedro; 1502: Juan de San Pedro), Sanfiz (1519: Gonçalo de San Fiis), Sanxurxo (1342: Gomez Eanes de San Gurgo; 1491: Jacome de Sanjurjo), Seoane (1430: Iohan Seoane; 1474: Fernan de Seoane), Santalla (1470: Ares de Santalla).

Tamén se poden incluír aquí os apelidos orixinados en xentilicios: '''Galego''' (1297: Pero Galego da Garda), Esturao "asturiano" (1487: Fernando Asturiaao), Portugués (1488: Pedro Portuguees), Alamán / Alemán (1438: Rodrigo Alaman), Franco (1349: Fernan Franco).

Alcuños

editar
  • A cuarta modalidade deu lugar aos apelidos orixinados dun alcume ou sobrenomes. Os temas poden ser variados:

Relativos a cualidades físicas (reais ou imaxinarias do suxeito): Albo (1258: Iohanne Albo), Vermello (1445:Roy Vermello), Bocacho (1294: Fernan Yanes Bocach; 1303: Fernando Affonso Bocacho), Calvete (1275: Martin Caluete de Leyro; 1403: Gomes Rodriges Calvete), Chamorro (1434: Johan Chamorro; 1447: Pero Chamorro), Crespo (1173: Martinus Crispus; 1428: Afonso Crespo), Feixoo (1448: Pero Feijoo ; 1468: Iohan Feixoo; 1510: Luis Feijoo), Gago (1280: Martî Perez dito Gago; 1424: Pedro Gago Ferreiro), Longo (1201: Pelagio Longo; 1437: Afonso Longo), Mouriño (1322: Fernâ Martins dito Mouriño; 1417: Rui Mouriño), Rapado (1400: Johan Rapado), Regalado, cfr. (a)rregalar "revirar os ollos" (1284: Pay Eanes dito Regallado de Nanton). A este apartado pertencen tamén os sobrenomes que aluden a partes do corpo, p.ex.: Cabeza(s) (1267: Iohannes Cabeza; 1417: Vaasco Peres Cabeça), Costas, cfr. galego costas: "lombo do corpo" ( 1280: Petro Perez dito Costas), Topete (1268: Johanne Topete, 1286: Fernan Eanes dito Topete).

Referidos a cualidades morais: Alegre (1296: Jhoâ Alegre; 1454: Eluira Alegre), Amigo (1292: Pero Amigo dicto Amigo de Coymbraos), Cansado (1454: Gonçaluo Qansado), Cordo (1305: Johan Cordo), Leal (1275:Pedro Leal; 1433: Johan Leal), Ledo (1274: Martin Ledo; 1454: Estevoo Ledo), Manso (1287: Johan Mansso; 1516: Francisco Manso), Salgado (1259: Petro Lupi dicto Salgado; 1488: Aluaro Salgado), Sutil (1419: Iohan Sutil), Traveso (1269: Martin Travesso; 1385: Afonso Yanes Traveso), Tato (1331: Afonso Tato; 1485:Juan Tato).

Comparacións con animais, como p.ex.: Abella (1275: Pero Abella), Balea / Valea (1493: Afonso Valea; 1525-1535: Rui Balea), Cabalo (1177: Munio dictus Caballus; 1289: Pedro Iohannis, dito Cauallo), Chasco (1248: Iohannes Chascus), Mascato (1440: Gonçalvo Mascato), Pato (1433: Aluaro Pato; 1533: Ruy Pato), Ratón (1330: Fernan Eanes, Raton; 1441: Vasco Raton), Solla (1242: Petri Fernandi dicti Solia), Vaca (1302: Esteuoo Uaca).

Referencias ás plantas, partes delas ou froitos, p. ex.: Baluga / Baluja (1434: Gonçaluo Baluga; 1494: Vasco Baluga), Bugallo (1449: Juan Bugallo de Bueiros), Carballo (1378: Roy Lourenço, dito Caruallo), Cereixo (1454: Roy Cereygo; 1506: Aluaro Çereyjo), Ramallo (1457: Afonso Ramallo).

Alusións a todo tipo de obxectos, como: Agulla (1420: Juan Agulla), Caldeiro (1449: Fernan Caldeiro), Cuba (1255: Pedro Pelagii Cuba), Fariña (1369: Diego Fariña), Loriga (1308: Pedro Fernández Loriga), Saco (1515: Pero Saco de Villanoble), Tacón (1314: Pero Tacón)

Apelidos estranxeiros

editar
  • A última variante está formada polos apelidos estranxeiros (aínda que é cuestión discutíbel para o portugués da época), foráneos ao sistema lingüístico galego, onomásticos traídos polos numerosos inmigrantes, peninsulares ou europeos, chegados a Galiza polas circunstancias máis diversas:

Abarca (1487: Abraan Abarca), del Castillo (1484: Christoval del Castillo) ; Frango, cfr. portugués frango "polo" (1454: Ares Frango), Goth (1283: Johan Goth), Mendoza (1418: Pedro de Mendoça), Padilla (1458: Johan de Padilla); Soixon, posibelmente do topónimo francés Soissons (1421: Afonso de Soixon), Tamayo (1455: Pero de Tamayo), Zubiazo ( 1416: Juan Sanches de Çubiaçu)

Formación e evolución dos nomes persoais medievais

editar

Paralelamente houbo unha escolla dos nomes persoais, ditos ás veces tamén nomes propios, de pía ou de bautismo (fr. prénom ; en. given name). As características esenciais que mostran son as seguintes:

  • Uso dun único nome persoal ao longo de todo o período.
  • Paso do predominio da onomástica xermánica no período altomedieval, a unha igualdade entre esa tradición e a tradición latino-cristiá. Así Manuel Ferreiro, a partir dos padróns da cidade de Ourense, acha que no século XV, os trece nomes persoais máis utilizados (damos consonte a escrita actual e entre parénteses as grafías na transcrición de Xesús Ferro Couselo), que son:
Xoán (Johan, Juan), Afonso, Pedro (Pedro, Pero), Rodrigo (Rodrigo, Roy), Gonzalo (Gonçaluo), Álvaro (Aluaro, Alvaro), Fernando - Fernán, Gómez (Gomes), Diego, Vasco (Vaasco, Vasco), Ares, Lopo, Martiño - Martín (Martiño, Martín, Martyn) .
Outros: Paio (Payo), Lourenço, Xácome (Jácome), Nuno(Nuno, Nuño), Estevo (Esteuoo, Estevoo,Estebo), Henrique (Anrrique, Enrique), García (Garçía), Antóneo, Luís (Loys, Luys, Luis), , Mendo (Meen, Meendo), Tomás, Jorje, Miguel (Migeel, Miguell), Gabriel (Grauiel, Grabiel), Bernaldo (Vernaldo), Gregorio (Gregorio, Grigorio), Nicolás, Francisco (Françisco, Francisco), Aparicio (Apariço), Andrés, Vinçenço, Paulos, Domingo, Pascoal.
Entre a etnia xudía úsanse: Abraham (Abrafán, Abraán), Samuel, David (Dabí), Xacob (Jacó), Isaac (Ysaque)
  • Para as mulleres (aínda que o número de casos é moi inferior) os máis frecuentes eran: Constança (Costança, Constança), Inés (Eynés, Aeynés), Tereija - Tareija (Tereyja, Tareija), Maria, Maior (Moor, Mor, Mayor), Leonor (Lyonor, Lionor), Aldonza (Aldonça), Elvira (Eluira, Eluyra), Catalina (Catalina, Catalyna, Katalina), Aldara, Mariña (Maryna), Beatriz (Biatrís), Sancha, Xoana (Johana).
Outros que aparecen: Margarida, Oufemea, Mencía (Mençía), Esteboa, Orraca (Oraqa), Branca, Dona (xudeu)
  • Da análise das series anteriores poden deducirse varios principios:
  • Que os nomes evoluíran segundo as propias regras do galego, p.ex. , Diego < DIDACU, Estevo < STEPHANU, Lourenço < LAURENTIU, Martiño < MARTINU, Nuno < NUNNU, Paio < PELAGIU, Vasco < VELASCU-BELASCU, Xácome - Jácome < XACOBE, Xoán - Johan < IOHANNE, Einés < AGNESE, Margarida < MARGARITA, Mariña < MARINA, Mor < MAIORE. Lopo é un semicultismo < LUPU etc.
  • Non se diferencia publicamente entre nome formal e hipocorístico (Pero, Roy, Meen, Mencía).
  • En certos casos ou hai unha regresión cultista (Tomás, Luís, Mayor, Paulos, cfr. para este caso o actual apelido Pailos) ou ben hai xa un maior influxo castelán ( nos padróns dos anos 1483, 1487 e 1490 hai unha clara preponderancia do nome Juan fronte Johan, no que tamén interfire o feito de que o primoxénito dos Reis Católicos foi o príncipe Juan; do mesmo xeito neses padróns hai varios Henrique, cando no de 1454 non aparece ningún, que se puidera achacar ao nome do rei anterior Henrique IV, prestixiado como valedor dos Irmandiños).
  • Que as regras ortográficas da época, como tamén se observa para os apelidos, usan "j", "g", "y", en casos en que hoxe non se faría. O mantemento destas grafías en períodos posteriores abre un campo de discusión.

Evolución da onomástica galega na Idade Moderna

editar

O corpus básico da antroponimia galega fora fixado na Idade Media, de xeito que durante a Idade Moderna, os apelidos novos son poucos (fundamentalmente de topónimos). Cos nomes propios ocorrerá outra cousa: os antigos nomes medievais castelanizáronse e o influxo da Igrexa Católica se deixou sentir co espallamento de novas devocións (os anxos custodios, a sagrada familia, novas ordes relixiosas como os xesuítas ou os dominicos, novos santos).

Castelanización dos apelidos

editar
Ao converterse o castelán no idioma da Corte e asentarse un proceso paralelo de centralización administrativa (incipiente no século XIV, forte coa uniformación lingüística dos Reis Católicos, e continuísta cos Austrias e Borbóns), vanse dando unha serie de pasos tendentes a prohibicións parciais dos restantes idiomas peninsulares, de maneira que se produciron intentos de castelanizar tanto a toponimia como a antroponimia no territorio galego.
  • Este proceso é observábel desde antes do XV, pero en medida moi escasa. En 1430: Juan d'Otero. En 1386 aparece un Nuno Peres d'Orantes (S. Clodio, doc. 389), en documento redactado en Toro, mentres na mesma zona de orixe hai aínda en 1454 unha Eynés d'Ourantes. Indubitabelmente o apelido está en relación con Ourantes, lugar de Punxín, Ourense. A partir do XVI obsérvanse moitas castelanizacións nos libros parroquiais e nos catastros (especialmente no da Ensenada, no século XVIII). En 1757 sería bautizado en Pontedeume o futuro presbítero José Jacinto del Río López (1757-1819), porén na acta o seu pai figura como Joseph do Río; mais nas actas da Universidade de Santiago o presbítero figurará como de el Río / del Río.
  • De xeito semellante ao longo da Idade Moderna iranse asentando os Soto (1639: Juan Soto González; 1772: José de Soto), Sotelo (1639: Juan Sotelo) etc, de modo paralelo a como se foran mudando outros topónimos. Baste citar os que comezaban con vila-, pasados doadamente a villa-: 1564: Luis de Villamarín; 1699: Miguel de Villamor; 1602: Alonso de Villamoure; 1561: Juan de Vilariño, á par de Alonso de Villarino; 1556: Martín de Villaverde. Certo que pode alegarse antigo reflexo gráfico, como sucedeu en portugués, pero agora era noutro sistema o que daría a pauta de lectura. Tema parello son as grafías con "j", "g", "y", do tipo Cagiao, Coya, Eyras, Fojo, Gegunde, Gigirey, Jares, Juviño, Feijoo, Rajoy que poden responder tamén a arcaísmo gráfico, pois eran comúns na documentación medieval, pero agora pasarán a pronunciarse á maneira castelá. Outro caso son os Seixas, Teixeiro, Freixeiro, que foron castelanizados tanto na grafía como na pronuncia: Seijas, Teijeiro, Freijeiro.

Lema Suárez ten demostrado como estas transformacións se foran efectuando en boa medida por decisión dun escribán ou un crego, con poder para asentar un nome por escrito.

Máis apelidos foráneos

editar
Pódense citar varios focos de atracción que provocaron a chegada de xentes de fóra de Galiza:
  • A demanda dos centros artísticos: catedrais, mosteiros, nobreza etc, en boa medida impulsadas pola reformas eclesiásticas e o auxe da fidalguía. Así, en relación con Santo Estevo de Ribas de Sil traballarán, entre outros, a fins do XVI: Diego de Isla (montañés), Juan Bautista Celma (aragonés), Juan de Angés (francés, en realidade sería "de Angers"), Manuel de Arnao Leitâo (portugués), Fructuoso Manuel (portugués).
  • A reforma emprendida polos Reis Católicos puxo a dirección dos conventos en mans de foráneos, que viñan con frecuencia acompañados de paniaguados e familiares. Baste ver, p.ex., algúns nomes de abades de Monfero no XVII: Joaquín de Lora, Angel Manzanares, Ignacio Cuadrillero, Malaquías Insausti, Malaquías Junquera, Gabriel Valladolid, Mauro Albarrán, Isidoro Meruéndano, Geroteo Higueras etc .
  • Para reimpulsar as ferrarías e minas desde o XXII aparecen numerosos vascos, especialmente na zona oriental galega, pero non só: Juan de Belastegui, Martín de Celaya (zona mindoniense), Andrés de Bedía, Lopo de Espella, Miguel de Aurtiz (Quiroga), Gsspar de Arestigui, Pedro Bizcaíno, Martín de Gurriarán (Valdeorras).
  • Para o XVIII, con continuación no XIX, débese destacar a chegada de cataláns (ás veces son valencianos e mallorquinos) ao litoral, en relación coa súa expansión pesqueira. Asentados nas rías, os seus apelidos ficarán entre nós: , Alsina, Buch, Buhigas, Castañer, Colomer, Curbera, Curt, Dalmau, Doménech, Fábregas, Ferrer, Goday, Jover, Lloret, Martí, Nunell, Parachá, Pasant, Poch, Pou, Roig / Roch, Romaní, Roquete, Roura, Villoch etc. En bastantes casos as grafías tampouco eran as normais catalás ; noutros casos os apelidos foron adaptados aquí: Almau, Almao, rexistrados na Coruña, son sen dúbida unha segmentación errada de Dalmau.
  • De europeos: Barrié, Lees, Bret, Vitry (todos citados por Lucas Labrada), Marchesi, Tettamancy etc.

Antropónimos na actualidade

editar

Os 25 nomes dados a bebés máis frecuentes na derradeira década do século XX en Galicia son[1]:

Orde Muller Orde Home
1 Laura 1 Hadrián & al.
2 Andrea 2 David
3 María 3 Daniel
4 Sara 4 Alexandre & al.
5 Alba 5 Pablo / Paulo
6 Cristina 6 Diego
7 Lucía 7 Iván
8 Marta 8 Xavier & al.
9 Paula 9 Rubén
10 Ana 10 Serxio & al.
11 Noelia 11 Manuel
12 Raquel 12 Miguel
13 Sandra 13 Carlos
14 Patricia 14 Xurxo & al.
15 Nerea 15 Alberto
16 Tania 16 Cristian
17 Lorena 17 Martiño & al.
18 Tamara 18 Brais
19 Beatriz 19 Marcos
20 Iria 20 Óscar
21 Silvia 21 Iago
22 Carla 22 Álvaro
23 Antía 23 Borxa & al.
24 Natalia 24 Xosé Manuel & al.
25 Rocío 25 Anxo
  1. Marcos Ferreira Sanmamede (dir.) & Lucía Castro Díaz (coord.) & Ana Isabel Boullón Agrelo (asesora) & al. (2008) O teu embarazo. Semana a semana. Impreso por Tórculo. D.L.: C 4574-2008 (listaxe na páxina 57; os nomes (todos masculinos) que levan a indicación "& al." inclúen supostamente os datos para os nomes nas súas versións galega e castelán e para as diferentes grafías posibles)

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Fontes lingüísticas

  • Faure, Roberto et alii, Diccionario de apellidos españoles. Madrid. 2001 - ISBN 84-239-2289-8
  • Ferro Ruibal, Xesús (dir.) Diccionario dos nomes galegos. Vigo: Ir Indo. 1992. ISBN 84-7680-096-7.
  • Leite de Vasconcelos, Antroponimia portuguesa. Lisboa, 1928.
  • Méndez Ferrín, Xosé Luís, Consultorio dos nomes e dos apelidos galegos. 2007 - Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9782-642-6
  • Piel, Joseph M., Sobre os apelidos portugueses de tipo patronímico en -ici / -es (Rodrigues), in Boletim de Filologia, t. XXI. Lisboa, 1962-1963
  • Santamarina, Antón: “A Journey through Galician Onomastics”, en A. I. Boullón Agrelo (ed.): Actas do XX Congreso Internacional de Ciencias Onomásticas: Santiago de Compostela, 20-25 setembro 1999. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 2002, 3-32. [Edición en CD-Rom)]. Trad. gal.: “Viaxe pola onomástica galega”, A Trabe de Ouro 62 (2005) 11-38. Versión resumida en “Onomástica galega”, apéndice da Gran Enciclopedia Gallega 35, 140-152.

Fontes históricas medievais

  • Ferro Couselo, A vida e a fala dos devanceiros, vol. II. Vigo. 1967
  • Cartularios dos mosteiros de Ribas de Sil (Duro), San Pedro de Rocas (Duro), Sobrado (Loscertales), San Clodio do Ribeiro (M. Lucas, P. Lucas) etc.

Fontes históricas modernas

  • Alonso Álvarez, Luis, Industrialización y conflictos sociales en la Galicia del Antiguo Régimen, 1750-1830. Madrid. 1976 - ISBN 84-7339-243-4
  • Daviña Sáinz, Santiago, Pontedeume a través del Catastro de Ensenada, in Cátedra: revista eumesa de estudios, nº 8, 2001.
  • Lema Suárez, Xosé María (2006): Onomástica histórica dunha parroquia galega: Berdoias (1607-2000), Santiago de Compostela: Asociación Galega de Onomástica. ISBN 84-611-2956-3
  • Rodríguez Fráiz, Antonio, Tierra de Montes: El monasterio de Acibeiro. Pontevedra. 1973 - ISBN 84-400-6803-4

Ligazóns externas

editar