Lei de instrución pública de 1857

(Redirección desde «Lei Moyano»)

A Lei de instrución pública de 1857, aprobada o 9 de setembro de 1857, tamén coñecida como lei Moyano, foi a lei reguladora da ensinanza impulsada en España en 1857 por Claudio Moyano, ministro de Fomento do goberno do Partido Moderado.[1] Supuxo a consolidadción definitiva do modelo educativo liberal e foi o fundamento do ordenamento lexislativo no sistema educativo español durante máis de cen anos.[2]

As liñas fundamentais da lei Moyano persistiron até a Lei Xeral de Educación de 1970, que estableceu a escolarización obrigatoria até os 14 anos, e a LOXSE de 1990 que aumentou esa idade aos 16.

Características editar

 
La Primera Luz, obra de Manuel Murguía (1859), usada como libro de lecturas escolares recomendado polo Ministerio de Fomento para o ensino nas escolas galegas.

Ten a súa orixe na Lei de Bases do 17 de xullo de 1857, que autorizou ao goberno a formular e promulgar unha lei de instrución pública.[3] A propia Ley de Instrucción Pública foi aprobada o 9 de setembro de 1857,[4] chegou froito do acordo entre os moderados e os progresistas[2] incorporando boa parte do Proyecto de Ley de Instrucción Pública do 9 de decembro de 1855, elaborado durante o Bienio Progresista polo Ministro de Fomento Manuel Alonso Martínez. En oposición á lei estaban os neocatólicos e a banda máis conservadora dos moderados que estaban en contra da regulamentación que se facía da ensinanza privada e porque se evitaba citar expresamente o dereito de inspección da Igexa no ensino, tal como se establecera no Concordato de 1851.

Outras leis anteriores elaboradas con consenso foran o Regulamento Xeral de Instrución Pública (aprobado en Cortes o 29 de xuño de 1821), o Plan Xeral de Instrución Pública (promovida polo Duque de Rivas e aprobada por Real Decreto o 4 de agosto de 1836) e o Plan Xeral de Estudos (Plan Pidal, Real Decreto de 17 de setembro de 1845).

Constaba de catro seccións:

  1. "Dos estudos". organizaba o sistema en primeira ensinanza, dividida en elemental (obrigatoria e gratuíta para que non puidera pagala) e superior; unha segunda ensinanza, con seis anos de materias xerais e materias de aplicación ás profesións industriais e, na terceira etapa, ou superior, no que se incluían as ensinanzas en facultades, ensinanzas superiores e ensinanzas profesionais.
  2. "Dos establecementos de ensinanza". Onde aparecía a regulamentación dos centros de ensinanza públicos e privados.
  3. "Do profesorado público". Regulamentaba a formación inicial, o sistema de acceso e os diferentes corpos do profesorado existente non ensino público.
  4. "Do goberno e administración da ensinanza pública", na que se estableceron 3 niveis de administración educativa (central, provincial e local), moi xerarquizados, cun incipiente sistema de participación cidadá para asesorar á administración.

A lei procuraba mellorar a condición da educación en España, daquela un dos países europeos con maior taxa de analfabetismo, organizando os tres niveis da primeira ensinanza:

Recollía a existencia de centros escolares para persoas cegas e xordomudas, pero non permitía o ensino noutras linguas que non fosen o castelán.[5]

As ideas fundamentais da Lei Moyano perviviron ata a Lei Xeral de Educación de 1970. En 1974, estendeuse a escolarización obrigatoria ata os 14 anos, mediante a Lei 27/1964, de 29 de abril, sobre ampliación do período de escolaridade obrigatoria ata os catorce anos. A Lei Orgánica 1/1990 de Ordenamiento Xeral do Sistema Educativo, LOXSE, a aumentou ata os 16 anos.

Notas editar

  1. Delgado Criado, B.: La educación en la España Contemporánea, 1789-1975: Volumen 3: la educación en la España Contemporánea(1789-1975). Publicaciones SM, 1994 (en castelán).
  2. 2,0 2,1 VV.AA. (2000), p. 41
  3. "MINISTERIO DE FOMENTO" (PDF). boe.es (en castelán). 22 de xullo de 1857. Consultado o 20 de novembro de 2022. 
  4. "Ministerior de Fomento. Ley de Instrucción Pública" (PDF). boe.es (en castelán). 10 de setembro de 1857. Consultado o 20 de novembro de 2022. 
  5. Pellicer i Borràs (2003), p. 808

Véxase tamén editar

Bibliografía editar