Francisco Añón

escritor e xornalista galego
(Redirección desde «Francisco Añón Paz»)

Francisco Añón Paz, nado en Boel (San Pedro de Outes, Outes) o 9 de outubro de 1812 e finado en Madrid o 20 de abril de 1878, foi un poeta e xornalista galego precursor do Rexurdimento. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1966.

Modelo:BiografíaFrancisco Añón

Añón nun gravado de Ricardo Balaca.
Nome orixinal(gl) Francisco Añón Paz Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento9 de outubro de 1812 Editar o valor en Wikidata
Boel, España Editar o valor en Wikidata
Morte20 de abril de 1878 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta, escritor, xornalista, xurista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1845 Editar o valor en Wikidata -
Xénero artísticoPoesía
MovementoRomanticismo Editar o valor en Wikidata
Familia
IrmánsNicolasa Añón
Tomás Añón Paz Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnsayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Añón y Paz (Francisco), p.19) Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1165465 BUSC: anon-paz-francisco-1812-1878

Traxectoria

editar
 
Casa de Añón en Outes.

Era fillo dunha familia labrega acomodada. Estudou Filosofía e Teoloxía no seminario de Santiago de Compostela e licenciouse en Xurisprudencia na Universidade de Santiago (1845). Participará na actividade da Academia Literaria e colaborará coa primeira xeración provincialista. Por eses anos comeza a escribir e publicar poemas, algúns deles en galego.

En 1846, tras os acontecementos revolucionarios, marcha para Lisboa, onde vivía como libreiro o seu curmán Diego Campos. Alí reside até 1850 cando marcha de viaxe por Francia, Italia e o sur de España ao servizo de lord Shanford, un inglés, transcorrendo a maior parte da súa vida fóra de Galicia.

Logo reside en Sevilla e Madrid (1861), onde vive do xornalismo e dando clases de idiomas a domicilio. Regresa a Portugal e logo da revolución de setembro de 1868, de novo, a Madrid. Vai a Galicia, onde reside un ano (1868-1869) e marcha definitivamente para Madrid.

Durante uns meses traballa como funcionario do Ministerio de Graza e Xustiza, mais cesa ao pouco tempo. Malvive escribindo até que en 1875 se funda en Madrid a asociación La Galicia Literaria, da que é nomeado presidente. Esta asociación, creada por Teodosio Vesteiro Torres, ten como fin reunir os intelectuais galegos de Madrid e animalos para seguir a escribir.

Añón pasa os últimos anos da súa vida sumido na penuria, e morre na máis absoluta miseria. Foi soterrado no Cemiterio Norte madrileño, mais os seus restos desapareceron co tempo nunha foxa común.

Añón gozou de moita popularidade no século XIX. Parte desta popularidade é debida a Manuel Curros Enríquez, que o escolle como guía no seu Divino Sainete. Curros admiraba a Añón como o "vello mestre" e identificábase coas súas ideas progresistas e anticlericais.

Añón escribiu na súa vida poesía en galego, castelán e portugués. Despois de morrer deixou os seus poemas ciscados en xornais e outros nas mans de amigos e parentes aos que llelos dedicara. Unha vez morto, os seus contemporáneos comezan o traballo de recoller a súa obra.

A primeira compilación foi feita pola Biblioteca de "La Concordia", en Vigo en 1878. En 1879 o semanario El Tambre, de Noia, publica as súas poesías en folletíns. En 1889 publícase a edición da "Biblioteca Gallega" de Martínez Salazar (A Coruña).[1]

 
Álbum de la Caridad. Juegos Florales de La Coruña en 1861.[2]

Xosé María Álvarez Blázquez recibiu a obra de Añón inédita que posuía o seu sobriño-neto. Con este material e o xa publicado con anterioridade, Fernando Bel Ortega fai a súa tese de doutoramento (1991), na que constitúe a recompilación máis completa: 39 poemas en galego, 7 en portugués e 107 en castelán.[3]

A maioría dos poemas de Añón son improvisacións ás que el non lle daba importancia, o que xustifica que o tema máis usado sexa o da poesía de circunstancias, cargadas de humor e de sátiras. De todos os xeitos, o máis importante da súa obra son os poemas nos que canta a Galicia como patria da infancia e aqueles nos que describe tipos e costumes galegos. Estes son os poemas fundamentais da obra de Añón, destacando o famoso poema "Recordos da infancia" (1845, cunha segunda versión anos despois).

Un segundo tipo de poemas son os que cantan costumes e situacións do mundo popular, ás veces con ironía. O máis famoso é "Alma en pena" (1860). Anteriores a 1862 son "O magosto" ou "A leiteira". No que se refire aos poemas de circunstancias, escribiu varios poemas deste tipo en galego. Estas obras están dedicadas a amigos (Vesteiro Torres), familiares reais ou imaxinados (Eduardo Campos ou a súa "filla" Eufrosina) ou persoeiros da época (os reis), nestes poemas atopamos moitas veces o humor ou a ironía.

Moitas das improvisacións mencionadas anteriormente teñen intención irónica, como os "Epigramas". Tamén se conservan poemas amorosos, aínda que non son moitos. Entre eles, "Amor apresurado" (1869) ou "A Sabeliña". Se por algo foi coñecido Añón foi por ser o "poeta dos Himnos", destacando o "Himno á agricultura" (1873), o "Hymno dos povos" (en portugués) ou os poemas dedicados a Galicia.

No que se refire á súa obra noutras linguas, os poemas en castelán son os máis numerosos e os que teñen máis variedade canto aos temas, aínda que teñen as mesmas motivacións que os escritos en galego. Os poemas dedicados á patria da súa infancia en ningún momento chegan a ter a calidade dos escritos en galego.

Os poemas en portugués non teñen o interese literario que posuía a outra obra do autor. Destaca nesta lingua o "Hymno dos povos", himno revolucionario que supuxo a súa expulsión de Portugal.

O corpus poético contén, entre outras poesías, catro dedicadas a Galicia. Estes poemas están escritos en galego (tres deles) e en castelán (un). As poesías en cuestión son:

O Recordo, A Galicia
A Galicia (Ay esperta, adorada Galicia,)
Á Galicia (Dos teus recordos vivo ¡Galicia encantadora!)
A Galicia, visitada por el Rey Don Amadeo I.

Analizandoos un por un, o "O Recordo, A Galicia" é unha obra de corenta e oito versos escrito en febreiro de 1857 cuxo tema principal é a exaltación de Galicia centrándose na paisaxe e nos recordos da infancia. Para o autor, Galicia é unha especie de paraíso onde pasou os momentos máis felices da súa vida. Galicia é un lugar idóneo para a felicidade, terra para o amor e chea de festas. Neste sentido, resulta moi interesante a comparación que fai Añón de Galicia cun "célico Edén". A composición ten un destacado ton biográfico. Ademais dos recordos da infancia, fala dalgúns dos lugares que visitou ao longo da súa vida (Lisboa, Francia ou Italia). Esta citas permítelle comparar Galicia con estes lugares, os máis valorados nesa época, e aos que Galicia non ten nada que envexar. Á descrición da paisaxe da que antes falabamos, únense as referencias pastorís, que dotan ao poema dun ton bucólico, que nos recorda o estilo das églogas da literatura clásica.

Con "A Galicia (Ay esperta, adorada Galicia)" gañou o accésit ao primeiro premio nos Xogos Florais da Coruña de 1861. Este feito, ademais de non gustar en absoluto a Añón, provocou a composición do poema "O meu amigo Antón Mª d´a Iglesia", no que deixa ben patente o seu enfado. O poema está escrito en oitavas italianas (conta cunha métrica culta) e comeza coa cita dunha balada popular. Observamos así a mestura do popular e do culto na composición. De novo aparece a exaltación de Galicia como o "paraíso" da infancia que o poeta desexa recuperar. Aparece unha descrición da paisaxe destacando a súa beleza e a súa riqueza natural. Mais neste poema temos un novo aspecto que non aparecía no anterior, Galicia está sumida nun profundo soño do que debe acordar para así recuperar a importancia que tivo noutras épocas. Polo tanto, nesta composición aparece a denuncia política e social. Galicia debe erguerse e saír da situación na que se atopa, mais para facer isto necesita axuda. Por iso Añón apela aos "escritores poetas guerreiros" e a todos os fillos de Galicia para que leven a cabo ese labor. As persoas que fagan isto veranse premiadas, pois os seus nomes pasarán á historia. Outra mención interesante é a que se fai do "imperio d´a industria", que nos fai recordar certas obras de Curros Enríquez nas que aparece tratado o tema do progreso (recordemos a admiración que Curros sentía por Añón). Mais tamén aparece outro soño no poema, é o soño por regresar á súa terra. Añón ve Galicia como o lugar da súa felicidade e por iso sente que debe volver antes de morrer.

O terceiro poema con este título é "A Galicia (Dos teus recordos vivo ¡Galicia encantadora!)". Esta composición foi escrita en Madrid en 1877 (pouco antes de morrer) e compúxose en quintetos. Nesta obra aparecen de novo os tópicos da paisaxe e da esperanza no progreso que xa foran utilizados nos outros dous poemas. Canto á paisaxe, Añón compara outra vez a súa patria cun Edén, ese paraíso da infancia a onde quere regresar antes de morrer. Neste poema este desexo faise máis importante, quizais Añón presentise que lle quedaba pouco tempo de vida. Ademais, chega a dicir que a súa morte se debe ao feito de estar lonxe de Galicia. Temos unha referencia a un futuro prometedor, destacando a importancia que lle dá ao ferrocarril para o progreso das cidades galegas (ao igual que Curros). Por outro lado, fala dos galegos ilustres, como exemplos de que a súa terra viu e verá nacer persoas que lograrán un porvir dourado para Galicia. Concretamente, nomea a Feijoó e a Casto Méndez Núñez.

O último dos poemas con este título é "A Galicia, visitada por el Rey Don Amadeo I". Esta obra é a única con esta temática escrita en castelán. Foi escrita en 1872 en Madrid. Só polo título vese que o poema, mais que unha obra de ton "patriótico", pode ser cualificado como de circunstancias (pois é composto co motivo da visita dun rei a Galicia). Aínda así, inclúese neste traballo pola súa singularidade. Non hai referencias á paisaxe e só se atopa un canto ao futuro porvir que lle espera a Galicia. O país ten un grande futuro por diante, mais necesita acordar do seu soño. Hai ademais unha referencia ao novo sistema político, unha monarquía que respecta a liberdade dos cidadáns e a súa soberanía.

Os temas recorrentes na poesía de Francisco Añón son a paisaxe, os recordos da infancia, a denuncia da situación de Galicia e a esperanza no progreso do futuro. Nos primeiros poemas predominan as dúas primeiras e, conforme avanza o tempo, as outras dúas van adquirindo máis protagonismo.

Galería de imaxes

editar

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar