O divino sainete
O divino sainete, subtitulado Poema en oito cantos, é unha obra de Manuel Curros Enríquez aparecida en agosto de 1888. É un longo poema de carácter satírico-burlesco ("ladrade, mordede, ride" indicará Curros referíndose a función dos versos da súa obra). Composto por 512 unidades de versos octosílabos con rima consonante, que parodia tanto unha das obras cume da literatura occidental, A divina comedia de Dante Alighieri, coma a obra Mi romería de Emilia Pardo Bazán, compilación de textos publicados en El Imparcial nos que relata a súa viaxe a Roma entre 1887 e 1888.[1]
O divino sainete poema en oito cantos | |
---|---|
Primeira edición | |
Autor/a | Curros Enríquez |
Cuberta | Manuel Ángel Álvarez |
Orixe | |
Lingua | galego |
Xénero(s) | Poesía |
Data de pub. | 1888 |
Páxinas | 115 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Obxectivos
editarCurros pretendía con esta obra súa tres obxectivos básicos:
- Facer unha crítica as institucións de goberno e os sectores reaccionarios da sociedade, en xeral, e á Igrexa católica, en particular.
- Expresar unha defensa do Rexurdimento e das súas principais figuras e reivindicar o dereito á existencia dunha literatura galega completamente autónoma, posta o servizo do país.
- Satirizar determinados inimigos persoais, ideolóxicos e literarios.
Estrutura e contido
editarO divino sainete componse dunha “introdución” e oito “cantos”. Adopta como motivo argumental unha suposta peregrinación de Curros a Roma con motivo do xubileu do papa León XIII (1877), acompañado polo poeta Francisco Añón que exerce o papel de guía, ao igual que Virxilio guiaba a Dante n'A divina comedia. Añón vai conducindo a Curros a través dos distintos vagóns do tren en que viaxan. Cada vagón leva o nome correspondente a cada un dos sete pecados capitais: a preguiza, a envexa, a gula, a ira, a luxuria, a avaricia e, finalmente, a soberbia.
Nos diversos vagóns viaxan o xuíz Mella e o bispo Cesáreo Rodrigo (que actuaron contra Curros cando a publicación de Aires da miña terra); frades obscenos e lambóns, que devoran ó xeito caníbal ós nosos escritores, incluído o propio Curros; beatas luxuriosas que non ocultan a verdadeira motivación da súa devoción...; libreiros e usureiros que lle meteron calote a Curros; carlistas sanguinarios con pinta de moi devotos que moulan a súa derrota política; escritoras como Emilia Pardo Bazán, envexosas da fama de Rosalía de Castro e contrarias o Rexurdimento etc... Todos estes personaxes son satirizados polo poeta.
Unha vez en Roma, Añón e Curros entrevístanse co papa León XIII e aconséllanlle que a Igrexa renuncie as súas enormes riquezas, que deixe de lado os bens temporais e abandone as súas ambicións guerreiras. O papa promete facer todas esas cousas... máis Añón apostila con sorna, xa de regreso: “¡nunca se cumpren/os programas liberales!” e o poema remata: "desde entón creo... ou non creo/ pero dudar ¡xa non dudo!"
Edicións
editarA obra foi publicada en 1888 por Andrés Martínez Salazar na Coruña. Isto supúxolle atrancos ao editor, que deixou de editar unha obra de Emilia Pardo Bazán polo enfado desta logo de aparecer retratada neste libro. Curros Enríquez recibiu 225 pesetas pola publicación da obra.
A primeira edición contaba na súa portada cun debuxo de Manuel Ángel Álvarez, datado en 1885. En branco e negro, a ilustración inclúe numerosas referencias iconográficas: unha muller deitada e semiespida cun crucifixo na man dereita e unha máscara de teatro na esquerda; un animal cun rosario entre as mans; unha serpe enroscada a unha árbore, e unha cabaza. Na parte da dereita hai un home de barba vestido coa peza impermeable tradicional feita con palla, a falar con outro home vestido elegantemente con abrigo e sombreiro. O deseño do home co vestido tradicional galego casa coas cabeceiras de numerosas publicacións desa época, que incluían debuxos de homes vestidos co traxe tradicional de gala (polainas, pucho, chaleco...).
Posteriormente foi publicado en Madrid en 1908, 1911, 1917, 1922, 1929, 1943 e 1956. En 1969 fíxose unha edición crítica de Ediciós do Castro, cun estudo introdutorio de Xesús Alonso Montero cunha análise teolóxica de Andrés Torres Queiruga e ilustracións de Colmeiro, Xosé Conde Corbal, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Saturno Lois, I. Pardo Pedrosa, Reimundo Patiño, Agustín Pérez Bellas, Beatriz Rey e portada de Luís Seoane.
O libro foi incluído na Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia en edición de Xavier R. Baixeras.[2]
Traducións
editar- Ao castelán por Adelardo Curros Vázquez co título de El divino sainete: poema en ocho cantos, publicado en 1918 pola Imprenta de Felipe Peña Cruz.[3][4]
- Hai tamén unha edición bilingüe de Andrés Pociña co título de El divino sainete publicada en 1992 por Akal, Col. Akal Bolsillo.[5]
- Ao éuscaro por Gabriel Aresti co título de Jostirudi jaikotarra publicado en 1986 por Susa.[6]
Notas
editar- ↑ Frutos Martínez, María Consuelo de (2010). "O divino sainete, de Curros Enríquez, e Mi romería, de Pardo Bazán" (PDF). Boletín Galego de Literatura (43): 143–172.
- ↑ Ficha do libro na páxina web de Xerais
- ↑ Ficha Arquivado 18 de abril de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
- ↑ Datos bibliográficos de la BNA.
- ↑ Ficha Arquivado 18 de abril de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
- ↑ Ficha Arquivado 18 de abril de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. ISBN 84-7154-227-7.
- Curros Enríquez, M. (1917). Obras completas de Curros Enríquez I (3ª ed.). Madrid: Librería de los Sucesores de Hernando.
- Curros Enríquez, M. (1969). O divino sainete. A Coruña. Ediciós do Castro.
- Curros Enríquez, M. (2019). O divino sainete. Biblioteca das Letras Galegas. Xerais. ISBN 978-84-9121-542-4. Edición de Xavier R. Baixeras.
- Gómez, A.; Queixas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega. A Nosa Terra. pp. 145–146. ISBN 84-95350-79-3. Arquivado dende o orixinal o 02/07/2017. Consultado o 12/03/2018.
- Méndez Ferrín, X. L. (2004). "Arredor d'O divino sainete". Actas do I Congreso internacional "Curros Enríquez e o seu tempo" I. CCG. pp. 103–115. ISBN 84-95415-88-7.
- Pena, Xosé Ramón (2014). Historia da literatura galega. II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento. Xerais. ISBN 978-84-9914-764-2.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. p. 139. ISBN 84-8288-365-8.
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: O divino sainete |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: O divino sainete |