Literatura galega do período intersecular
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2017.) |
A introdución deste artigo precisa dunha ampliación, redución, carece de contexto ou non fornece un resumo axeitado do artigo segundo indica o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
A literatura galega do período intersecular refírese á creación literaria producida durante o ocaso do século XIX e os albores do XX.
O período intersecular
editarRealmente, é bastante complicado delimitar cando comeza a etapa intersecular e cando finaliza o Rexurdimento, posto que os movementos literarios non desaparecen da noite para a mañá, senón que precisan dun proceso de degradación. Normalmente, temos datas de acontecementos históricos que marcan o inicio simbólico de cada fase das nosas letras, mais non ocorre o mesmo neste caso. Ademais, non todos os xéneros comezarán o proceso de decaemento ao mesmo tempo (é máis, o teatro apenas sufriu esta decadencia nesta época).
Por este motivo, para non crear unha interrupción artificial entre o teatro e a prosa do Rexurdimento e do período intersecular, remontarémonos no tratamento deste dous xéneros á fin do Rexurdimento (en 1880 a narrativa, en 1882 a dramática).
No caso da poesía, iniciaremos a literatura "entre dous séculos" en 1888, ano da publicación d'O divino sainete, de Manuel Curros Enríquez, posto que é a última obra poética publicada por un dos tres grandes mestres do Rexurdimento.
Contexto histórico
editarA Galiza de fins do século continuaba a padecer o atraso económico de comezos desta centuria, o cal provocou que se mantivese (e incluso se incrementase) o índice de emigración.
No tocante ao campesiñado, o final do século XIX e o principio do XX estivo marcado pola crise agraria finisecular, a cal vén derivada da competencia do gando americano que o gando galego comezou a sofrer nesta época.
Por outra parte, a estrutura social vai estar marcada pola decadencia da clase fidalga, a cal será xenialmente narrada, xa andando o século XX, nas novelas históricas de Ramón Otero Pedrayo. Ademais, contaremos neste espazo de tempo cunha certa "desruralización" de Galiza, posto que teremos un incremento do proceso mediante o cal a poboación rural vai mudando a "vida campestre" pola "vida urbana".
En 1891, tiveron lugar os Xogos florais de Tui, nos cales Manuel Murguía usou por primeira vez a lingua galega nun acto público (salvando a etapa medieval, na que o galego era usado en todo tipo de actos). Mais estes Xogos Florais marcarán tamén a fin do auxe dos Xogos Florais, eventos que se viñan celebrando desde 1861 e, arredor dos cales, fora rexurdindo o sistema literario galego. E, se o idioma foi utilizado por vez primeira nun acto público en 1891, en 1907 será empregado por primeira vez nun discurso político impartido por Manuel Lugrís Freire.
Foi a partir de 1907 cando xurdiron as Revolucións Agrarias (ou agrarismo), coa fundación do sindicato agrario Solidaridad Gallega. O relixioso Basilio Álvarez foi a principal figura política deste movemento e, Ramón Cabanillas, a literaria. O agrarismo pasou desde 1907 por varias fases (concretamente catro), e non finalizou ata 1936, co inicio da guerra civil.
A primeira guerra mundial (1914-1919) tivo fortes repercusións en Galiza, xa que freou enormemente os índices de emigración, malia que España foi neutral neste conflito bélico.
A poesía
editarDespois do auxe poético do Rexurdimento, o xénero lírico vai comezar a sufrir unha certa decadencia nesta etapa. O número de publicacións poéticas (e literarias) vai ir decrecendo progresivamente conforme nos acheguemos ao século XX. Os poetas interseculares utilizarán e abusarán os recursos e temáticas propias dos mestres da literatura galega do Rexurdimento (Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal), ata o punto de chegar a esgotalos.
Un dos máis destacados autores poéticos desta etapa será Antonio Noriega Varela, quen terá relación persoal e influencia literaria con outro dos grandes versificadores deste período: Manuel Leiras Pulpeiro. De feito, segundo Ricardo Carvalho Calero, Noriega e Leiras repartiron o territorio a cantar como se fosen dous señores feudais, posto que Leiras Pulpeiro será o cantor da mariña e, Noriega Varela, o da montaña. En Noriega, por outra parte, acharemos a influencia do saudosismo portugués e de escritores lusos como Teixeira de Pascoaes, Antero de Quental, Guerra Junqueiro ou Eugénio de Castro.
Mais, o grande creador lírico desta época intersecular vai ser Ramón Cabanillas. Se ben é certo que o "Poeta da Raza" é encadrado normalmente (e con bastante criterio) como un dos grandes escritores da época das Irmandades da Fala, non é menos verdadeiro que o versificador cambadés comezou a súa carreira literaria neste período intersecular (o seu poemario No Desterro data de 1913, e Vento Mareiro foi publicado en 1915). Cabanillas será o renovador da poesía (debido á súa influencia do modernismo, corrente iniciada polo nicaraguano Rubén Darío), mais sen perder de vista a tradición anterior (sobre todo Rosalía de Castro).
Finalmente, temos que dicir que a poesía intersecular, contou basicamente con tres liñas temáticas [1] que continúan coa tradición poética do século XIX:
- Costumismo: toma como modelo a Rosalía de Castro pero acaba caendo no pintoresquismo, entre os autores máis destacados están Manuel Leiras Pulpeiro e Francisca Herrera Garrido
- Historicismo: toma como modelo a Eduardo Pondal, caracterízaos un ton intemporal e un estilo sobrio. Entre os autores salientan Florencio Vaamonde Lores, ou Evaristo Martelo Paumán
- Poesía civil: toma como modelo a Manuel Curros Enríquez e caracterízanse pola denuncia da inxustiza, entre os autores máis salientables están Manuel Lugrís Freire ou Alberto García Ferreiro.
Xunto a estas tres liñas temáticas principais tamén agroman outras liñas máis minoritarias:
- Presenza do modernismo: pese a que a literatura galega non contou cunha poesía propiamente modernista, si achamos a influencia desta corrente en autores como Ramón Cabanillas, Antonio Noriega Varela, Antonio Rey Soto,...
- Antecesores do neotrobadorismo: pese a que tendeu a dicirse que a corrente neotrobadoresca nace en 1926, co poema de Fermín Bouza-Brey Lelias ao teu ouvido, os antecedentes do neotrobadorismo remóntanse ao período intersecular, sobre todo a partir dunha conferencia impartida por Manuel Murguía en 1905 e titulada Los trovadores gallegos. Xa en 1905 publicara Eduardo Pondal o texto Ao jeito de Johan Zorro, poema de clara filiación neotrobadoresca. En 1911, un dos grandes poetas do século XX catalán, Carles Riba, escribiu en galego Cantigas de Amor e de Amigo (aínda así, a obra non se publicou ata 1991. E, 1916, o portugués António Lopes Vieira publicou no diario lisboeta O Século o poema político (mais que se vale de recursos neotrobadorescos) titulado Á Galiza, a modo de vello cantar. Xa fóra do período intersecular, en 1919, achamos influencias neotrobadorescas en Xoán Vicente Viqueira.
A prosa
editarA pesar de que a prosa xornalística en lingua galega xa viña existindo desde o Prerrexurdimento e xa fora consolidada no Rexurdimento, coa fundación por parte de Valentín Lamas Carvajal do semanario O Tío Marcos da Portela (1876), a prosa literaria non aparecerá ata o serán do Rexurdimento, coa publicación por entregas da novela de Marcial Valladares Núñez Maxina ou a Filla Espúrea (1880). Mais a afirmación de que esta é a primeira novela escrita en galego debe ser feita con cautela, posto que estamos ante un libro "trilingüe" (en galego, en español, e na mestura destes dous idiomas popularmente coñecida como castrapo), sendo a lingua un elemento caracterizador dos personaxes (os de clase alta falan español; os de clase media e os de clase baixa que teñen algún tipo de relación cos adiñeirados ou co exército, en castrapo; e os de clase baixa e/ ou que viven nun medio rural, en galego). Precisamente o factor idiomático impídelle de cheo a esta obra ser a primeira novela naturalista na cal se utiliza a lingua galega. E é que un dos principais trazos do naturalismo literario radicaba en concederlle importancia á influencia do medio. Valladares, porén, presentaranos ao final do libro a unha Maxina capaz de expresarse nun perfecto español mentres mantén os seus diálogos co Marqués, a pesar de ser criada en galego e nun medio rural e monolingüe en galego. Así, a lingua a empregar viría determinada polo sangue, e non polo medio.
Por outra parte, en 1889, publicarase o primeiro best-seller da prosa galega,[Cómpre referencia] o Catecismo da Doutrina Labrega Composto polo R. P. M. Fr. Marcos da Portela, Doutor en Teoloxía Campestre de Valentín Lamas Carvajal, popularmente coñecido como O Catecismo do Labrego. Trátase dunha obra que, reproducindo a estrutura do Catecismo da Doutrina Católica (é dicir, a estrutura de pregunta-resposta), critica o caciquismo e os males dos labregos. Aínda así, non podemos pensar (a pesar do título e da forma) que se trata dunha obra anticlerical (o catolicismo de Lamas impedíao), senón que, con O Catecismo do Labrego, Lamas Carvajal pretendeu denunciar as penurias do rural galego a través dun sistema coñecido por todos os posíbeis lectores. É dicir, naquela época todo o mundo (letrados e analfabetos) coñecía e sabía de memoria o Catecismo.
A partir da década de 1890, van aparecendo textos interesantes para a literatura galega, posto que presentan unha certa diversificación temática. Neste decenio vai xurdir a novela histórica galega, da man do cóengo Antonio López Ferreiro, autor de A Tecedeira de Bonaval (1895), O Castelo de Pambre (1895) e Niño de Pombas (1905). Andando o tempo, acharemos novelas de carácter costumista, como ¡A Besta!(1899) de Patricio Delgado Luaces (Xan de Masma) ou A Cruz de Salgueiro (1915), de Xesús Rodríguez López ou os contos de Néveda (publicados en 1920), de Francisca Herrera Garrido. O naturalismo si aparecerá plenamente nos contos naturalistas de Pé das Burgas (1904), do andaluz Francisco Álvarez de Nóvoa. A novela de temática amorosa, iniciada por Marcial Valladares Núñez con Maxina ou a Filla Espúrea, vai ser continuada por Aurelio Ribalta en O Pastor de Dona Silvia e O Derradeiro Amore.
Finalmente, autores como Henrique Labarta Pose, Heraclio Pérez Placer ou Valentín Lamas Carvajal, escribirán obras contísticas nas que se presente, en clave humorística, a máis chocalleira da realidade galega, unida por veces á defensa do labrego do país.
O teatro
editarAntes da década de 1880, o teatro dominante en Galiza era o teatro popular, o cal viña desde os Séculos Escuros e que se trata nos artigos literatura galega dos Séculos Escuros e literatura galega do Rexurdimento.
Mais, a partir deste decenio (e incluso antes), Francisco María de la Iglesia viu a necesidade de crear un teatro galego para minorías instruídas. Realmente, foi este escritor compostelán o primeiro que creu necesaria a creación dun teatro galego non popular, que combatese a imaxe negativa do galego e dos galegos que ofrecían as obras bilingües e en lingua española. Tanto era así, que (segundo Laura Tato Fontaíña) o seu interese por elaborar un novo teatro galego custoulle Francisco María de la Iglesia o alcume de "Capitán Araña" (parafuseiro, embrullador,...), alcuño imposto polos seus propios correlixionarios. Por este motivo, este escritor dramático viuse na obriga de iniciar el só o teatro galego de corte non popular. E fíxoo con A Fonte do Xuramento, peza estreada no Liceo Brigantino da Coruña o 13 de agosto de 1882. En 1871 José María Chao Ledo estreou en Mondoñedo Noite Boa de 1871.
A noticia da existencia deste tipo de dramática chegou aos ouvidos da emigración galega en Cuba. Así, en 1884 estrea na Habana Manuel Lugrís Freire a obra A Costureira da Aldea e, en 1885 Ramón Armada Teixeiro estreou no Gran Teatro Tacón da mesma cidade a peza ¡Non Máis Emigración!. Nesta obra combínanse escenas cantadas e dialogadas. Publicouse tres veces en América e unha en Galiza. Unha innovación é que, ao igual que no acto primeiro, que está ambientado na aldea, no segundo, ambientado na Habana, a única lingua que se fala é o galego. Outra innovación é que os diálogos son en prosa.
Alén disto, tanto en Galiza como na diáspora, tense (exceptuando as pezas de Francisco María de la Iglesia) o teatro histórico de Emilio Álvarez Giménez (autor de Mari-Castaña. Unha Revolta Popular, 1884) e de Xoán Cuveiro Piñol (autor de Pedro Madruga, 1897) e os dramas de Galo Salinas (A Torre do Peito Burdelo, 1890, e ¡Filla...!, 1892). Deste período intersecular é tamén o teatro de Xan da Coba, o cal merece (debido á súa escasa calidade) ser pouco máis que mencionado.[2]
Mais toda esta tenue actividade dramática culminará en 1903 na constitución da Escola Rexional de Declamación, xurdida da man dun grupo de mozos liderados por Eduardo Sánchez Miño. Esta Escola dramática tivo como directores a Galo Salinas (nunha primeira etapa) e a Manuel Lugrís Freire (sucesor de Galo Salinas). Precisamente, as disputas persoais e ideolóxicas entre Galo Salinas e Manuel Lugrís Freire, alén da falta de apoio do resto de escritores dramáticos galegos sufrido por esta institución, levou á disolución da mesma en 1905. de todas as maneiras, pese a contar tan só con dous anos de existencia, a Escola Rexional de Declamación supuxo un pulo definitivo na construción dun teatro galego.
A partir de 1905, e ata 1915, temos que as representacións de teatro galego son esporádicas e minoritarias en Galiza. Porén, a prensa rexionalista de Cuba, despois da desaparición da Escola Rexional de Declamación, comezou a exercer presión para que reactivase na emigración o teatro galego. E vai ser desde aquel momento cando o actor-director-escritor Dramático Nan de Allariz comece a ter un grande éxito tanto na diáspora como no país.
E tamén nesta época terán un importante éxito os espectáculos cómicos (mais non ausentes de denuncia social, pois pénsese, por exemplo, en Mal de moitos) do dúo ferrolán Charlón e Hermida, formado por Uxío Charlón e Manuel Sánchez Hermida.
Para concluírmos, a partir de 1915 comezarán a ter importancia no ámbito dramático os coros populares, posto que será neste ano cando o ferrolán Toxos e Froles se converta no primeiro coro que inclúa o teatro de xeito estábel nas súas funcións. Desde ese momento, os coros populares formarán parte activamente da vida teatral galega, e incluso se converterán, na ditadura de Miguel Primo de Rivera, nos depositarios da mesma.
Notas
editar- ↑ Bernárdez; Ínsua; Millán; Rei e Tato (2001). Literatura galega. Século XX. A Nosa Terra. pp. 14–15. ISBN 84-95350-33-5.
- ↑ De calidade pésima, carecía de acción e de interese. "Coba Gómez, Xan da" en Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Pena Sánchez, X. R. (2014). Historia da literatura galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento. Xerais. ISBN 978-84-9914-764-2.
- Tarrío, Anxo (primavera-outono de 1985 (XVII)). "Síntesis de la historia de la literatura gallega (siglos xv-xx)" (PDF). Boletín de la Asociación Europea de Profesores de Español (en castelán) (32-32): 7–25. ISSN 1133-4444.
- Tato Fontaíña, Laura (1996). O teatro galego e os coros populares 1915-1931 (tese). UDC. ISBN 978-84-692-8929-7.