Escola Rexional de Declamación

institución teatral galega

A Escola Rexional de Declamación foi un proxecto de consolidación do teatro galego levado a cabo a comezos do século XX.

Escola Rexional de Declamación
Tipoescola
Data de fundación1903
Data de disolución1905
SedeA Coruña
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Historia

editar

En decembro de 1902 apareceu nun xornal unha noticia na cal figuraba que un grupo de mozos liderado por Eduardo Sánchez Miño pretendía crear na cidade herculina unha escola teatral. A iniciativa recolleuna a Cova Céltica[1], e o 18 de xaneiro de 1903, actores e actrices da Coruña representaron a obra dramática ¡Filla...! de Galo Salinas. De todos os xeitos, non foi doado encontrar actores, e sobre todo actrices, que estivesen dispostos a actuar en galego, debido aos preconceptos lingüísticos existente na época. De feito, o problema dos prexuízos creados arredor da lingua de Galiza viña minguando o número de actores en galego xa desde 1882. Pouco despois ese colectivo, dirixido polo propio Salinas, constituíu na Coruña a Escola Rexional Galega de Declamación.

O seu Presidente pasou a ser Manuel Lugrís Freire, máximo representante do teatro social, o primeiro escritor teatral en utilizar a prosa e autor da totalidade dos espectáculos realizados polo cadro coa excepción da obra de Salinas: A Ponte (1903), Minia (1904) e Mareiras (1904).

Houbo un grupo de autores ligados á Escola Rexional de Declamación, definindo unha serie de trazos comúns aos integrantes deste grupo[2]:

Foi o primeiro grupo de teatro estábel do ámbito galego (Rabunhal 1994). Comezou a levar a cabo ensaios teatrais, a substitución do verso pola prosa e a evolución desde o teatro histórico de pegadas románticas a un teatro que desde estratexias realistas chega á alegación de inpiración social.

Mais a Escola Rexional de Declamación sufriu unha serie de problemas internos, protagonizados principalmente pola falta de entendemento patente entre Galo Salinas e Manuel Lugrís Freire. Alén disto, os autores dramáticos galegos non se implicaron demasiado con esta causa. Eduardo Sánchez Miño declarou en 1911 nun artigo de prensa que a Escola solicitara a través dun xornal que os escritores teatrais galegos lle enviasen as súas obras para seren postas en escena.[3] Parece ser que só Galo Salinas e Manuel Lugrís Freire atenderon ao dito chamamento. Todos isto derivou na disolución (en 1905) da Escola Rexional de Declamación. Aínda así, tal disolución valeu para que a prensa rexionalista da emigración cubana comezase a exercer presión para que reactivase na emigración o teatro galego.

Foi a primeira compañía teatral dedicada á realización de espectáculos en galego e constitúe a primeira iniciativa de formación teatral que se emprendeu na Galiza. A pesar da súa curta traxectoria, pois desapareceu aos dous anos sen acadar os obxectivos, converteuse nun feito transcendental e pioneiro no desenvolvemento do teatro rexionalista e na creación dun movemento teatral galego.

Serviu como precedente do Conservatorio Nacional de Arte Galega, creado polas Irmandades da Fala en 1919.

  1. Campos Villar, X. (2000). A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire. Santiago de Compostela: CRPIH. p. 20. 
  2. Rabunhal, H. (1994). Textos e contextos do teatro galego (1671-1936). Laiovento. 
  3. Tato Fontaíña, Laura (1999). Historia do teatro galego (das orixes a 1936). A Nosa Terra. ISBN 84-89976-98-8.