Basilio Álvarez

sacerdote e político galego

Basilio Álvarez Rodríguez, nado en Ourense o 10 de agosto de 1877 e finado en Tampa (Florida) o 15 de novembro de 1943, foi unha das figuras máis destacadas do movemento agrario galego.[Cómpre referencia]

Basilio Álvarez
Nome completoBasilio Álvarez Rodríguez
[1][2][3][4][5][6][7][8][9]
Nacemento10 de agosto de 1877 e 1877
 Ourense
Falecemento15 de novembro de 1943
 Tampa
NacionalidadeEspaña
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónxornalista, político, sacerdote católico e avogado
Na rede
Galiciana: 14796
editar datos en Wikidata ]
Basilio Álvarez Rodríguez que simbolizou toda a bravura e a dor dunha raza

Vilanova Rodríguez [10]

Traxectoria editar

Nado en Ourense en 1877,[11][12] o 10 de agosto,[13] era fillo de José Álvarez, un ferreiro artesán. Estudou no Instituto ourensán e logo iniciou a súa carreira eclesiástica no Seminario Conciliar de San Fernando. Dirixiu a revista La Galerna. Foi ordenado sacerdote o 19 de marzo de 1902.[14] Foi párroco de Parada de Labiote de 1902 a xuño de 1905. Polo 1907 marchou a Madrid,[11][15][16] mais polo 1912, xa estaba de novo en Galicia, en concreto en Beiro.[17][18][19]

 
Igrexa parroquial de Beiro.

Formou parte xunto personalidades como a Manuel Portela Valladares e Alfredo Vicenti do grupo de intelectuais e políticos residentes na capital do Estado que se reunían para debater sobre os problemas de Galiza, grupo que constitúe as orixes de Acción Gallega (1910). Precisamente, el foi un dos fundadores desta asociación agraria. Mais a súa actividade política e o seu claro posicionamento a favor dos labregos non foi visto con bos ollos por parte do bispado, o que lle custou a perda da súa parroquia. Desde ese momento, abandonou a Igrexa e comezou a vivir da avogacía, sen abandonar a causa agrarista. De feito, foi determinante para que Ramón Cabanillas (autor do himno de Acción Gallega) comezase a colaborar co movemento agrario. En 1928 foi nomeado Fillo Predilecto de Ourense.

 
Basilio Álvarez en Mundo Gráfico.

A comezos da década de 1930, ingresou no Partido Republicano Redical de Alejandro Lerroux[20][21] e, en 1931, coa instauración da Segunda República, nas eleccións xerais de xuño de 1931, conseguiu ser deputado nas Cortes Constituíntes. Abandonou o partido en abril de 1935 e presentouse como candidato centrista aos comicios de febreiro de 1936 nos que non conseguiu escano. O golpe de estado de Francisco Franco e o estalido da guerra civil (1936-1939) sorprenderon a Basilio Álvarez en Madrid, onde tiña o seu despacho de avogado. Sentíndose ameazado polos dous bandos viuse obrigado a se exiliar a América (Arxentina nun primeiro momento, logo Cuba e finalmente os Estados Unidos de América).

Durante a súa estadía en Buenos Aires colaborou, a pesar dunha diabetes moi aguda, no xornal arxentino Crítica. Os seus artigos foron recopilados ao ano seguinte no libro España en crisol, onde Basilio Álvarez lembraba o final do período republicano e denunciaba as barbaridades perpetradas pola represión franquista e a incapacidade dos propios políticos republicanos.

Son un republicano español que foi arroxado por estas terras arxentinas polo terrible naufraxio da súa terra natal. Non sinto simpatía ningunha polo fascio, nin estiven nunca de acordo coas ideas marxistas. Tampouco son carlista, porque nunca tiven vocación de paleontólogo, nin de falanxista, un curioso grupo de rapaces do Instituto cos que o desgraciado rapaz Primo de Rivera estaba ensaiando para maiores esforzos; nin da Ceda, un conglomerado reaccionario que Gil Robles dirixiu indecisamente; nin de Martínez Barrios, nin de Azaña; nin comunista, [...]. É certo que fun lerrouxista e o meu pecado non é pouco para iso.

España en crisol, 1937.

Basilio Álvarez morreu no Hospital do Centro Español de Tampa.

Carreira xornalística editar

 
Banquete da redacción de El Debate ó seu exdirector Basilio Álvarez, en 1912 (27 de xuño de 1912, en Nuevo Mundo.)

Basilio Álvarez amosou interese polo xornalismo desde moi novo. Estivo vinculado a xornais ourensáns como La Nueva Época, diario católico silvelista, e La Galerna. Tamén traballou para El Eco de Orense, o xornal que dirixía Valentín Lamas Carvajal.[22]

 
Anuncio de La Zarpa.

En 1907 trasladouse a Madrid onde colaborou co centro galego e coa revista Galicia. Participou tamén na fundación do diario madrileño El Debate que mesmo dirixiu entre outubro de 1910 e xullo de 1911. Abandonou entón a dirección do xornal para aceptar a oferta do bispo de Ourense Eustaquio Ilundáin e facerse cargo da freguesía de Beiro, o cal lle valeu o sobrenome de "o cura de Beiro".

El libro del periodista, aparecido en 1912, serviu a Basilio Álvarez como tribuna onde expoñer o seu xeito de entender o xornalismo. Defendía un periodismo combativo e enérxico, feito desde a rúa e con afán de apostolado, no que prevalecese a inmediatez e a síntese.

Xa moi determinado na defensa do movemento agrario, emprende en 1913 a edición do xornal El Heraldo Gallego, editado en Ourense e dirixido por Manuel Lustres Rivas. As autoridades eclesiásticas reaccionaron de xeito irado contra a publicación e denunciaron a participación do crego en mitins políticos. Finalmente o bispo suspendeu a divinis a Basilio Álvarez que así abandonaba a parroquia para licenciarse logo en Dereito. A partir deste momento só se dedicou á avogacía, ó xornalismo e á política. En febreiro de 1918 dirixiu o efémero xornal La Raza, editado en Ourense por Luis Antón del Olmet como propaganda da súa candidatura para deputado a Cortes polo distrito de Verín.

La zarpa editar

En xullo de 1921 iniciou a máis destacada das súas aventuras xornalísticas coa publicación do xornal ourensán La Zarpa, que foi o gran diario agrario da época. Colaboraron nel non só os principais líderes agrarios senón tamén a maioría dos escritores galeguistas como Castelao, Vicente Risco, Ben-Cho-Shey, Arturo Noguerol, os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte etc. Acolleu ademais nas súas páxinas a un moi amplo abano de tendencias ideolóxicas dentro do progresismo. Durante a Segunda república (1931-1936), o xornal perdeu esa amplitude ideolóxica e converteuse en portavoz do propio Basilio Álvarez, deputado polo Partido Radical, e en defensor dos intereses desta formación política.

Despois do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foron intervidos os talleres e a redacción do xornal, que se seguiu publicando durante uns días pero cos novos símbolos falanxistas e con fins propagandísticas a favor dos golpistas. Ao mesmo tempo foi intervido o Círculo Basilista, sociedade que reunía aos seus adeptos, e o seu retrato máis famoso, feito por Francisco Lloréns, foi arrastrado polas rúas ourensás a xeito de escarnio público. A rúa que levaba o seu nome foi logo chamada de Capitán Eloy, ata o ano 2008 en que foi rebautizada coma Rúa da Concordia.

Obras editar

  • El cura rural (1904), folleto, impreso en Ourense na imprenta de A. Otero.
  • Por los agros celtas (1907).
  • Hablando con los santos (1909).
  • El libro del periodista (1912).
  • Abriendo el surco (1913).
  • A Virxe e a paisanaxe (1914).
  • España en crisol (1937).

Notas editar

  1. "Álvarez Rodríguez, Basilio". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo. 2010-2011. pp. 46–47. 
  2. "Álvarez Rodríguez, Basilio". Diccionario enciclopédico galego universal 3. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 79. ISBN 84-7680-429-6. 
  3. "Álvarez Rodríguez, Basilio". Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 113. 
  4. "Álvarez Rodríguez, Basilio". Enciclopedia Galega Universal 1. Ir Indo. 1999-2002. p. 404. ISBN 84-7680-288-9. 
  5. "Álvarez Rodríguez, Basilio (1878-1943)" Biblioteca Nacional de España.
  6. Basilio Álvarez Rodríguez en galegos.galiciadigital.com
  7. Barros Guede, José: "Basilio Álvarez Rodríguez fue un tribuno defensor del pueblo gallego frente a la política caciquil..."
  8. Suárez Picallo, R. (2008) La feria del mundo: crónicas desde Chile (1942-1956) pp. 173-177, CCG.
  9. Couceiro Freijomil no Diccionario Bio-bibliográfico de Escritores e Carballo Calero na Historia da literatura galega contemporánea dan, erroneamente, "Díaz" como segundo apelido: "Basilio Álvarez Díaz".
  10. "Álvarez, Basilio". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8. 
  11. 11,0 11,1 Durán, 1973, p. 21
  12. Tezanos Gandarillas, 1997, p. 152.
  13. Valcárcel, 1991, p. 13
  14. Tezanos Gandarillas, 1997, pp. 152-153
  15. Cabo Villaverde, 2013, p. 114
  16. Tezanos Gandarillas, 1997, p. 154
  17. Cabo Villaverde, 2013, p. 115
  18. Durán, 1973, p. 22
  19. Tezanos Gandarillas, 1997, p. 158
  20. Vicente Algueró, 2012, p. 312
  21. Tezanos Gandarillas, 1997, pp. 167-168
  22. Cabo Villaverde (2023), pp. 36-37

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar