Xesús Rodríguez López
Xesús Rodríguez López, nado en Lugo o 28 de xullo de 1859 e finado o 24 de marzo de 1917, foi un médico e escritor en galego e castelán. Foi escritor de temas variados, pois ademais de obra literaria estrita —novela, teatro e poesía—, acometeu tamén o ensaio.
(1917) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de xullo de 1859 Lugo, España |
Morte | 24 de marzo de 1917 (57 anos) Lugo, España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | médico, escritor, xadrecista, folclorista, autor |
Membro de | |
Deporte | xadrez |
Traxectoria
editarRodríguez López, de nome oficial Jesús, naceu no seo dunha familia procedente de San Mamede de Lousada, en Guntín. En 1874 obtivo o título de bacharel, e a continuación trasladouse para Santiago de Compostela, onde realizou estudos de Medicina, que acabou en 1881. Volveu entón para Lugo, exercendo alí a profesión até o seu pasamento o 24 de marzo de 1917.[1] Colaborou prolificamente na prensa galega e de ultramar[2]
Concelleiro municipal
editarRodríguez López participou no goberno municipal como concelleiro polo Partido Liberal. Desa segunda actividade parece que naceu o alcuño "Gambetta", co que era coñecido entre os seus veciños pola semellanza física co político francés. Polo demais participaba na vida diaria lucense frecuentando o Círculo das Artes, o Orfeón Galego e a "Juventud Antoniana"[3]. Era católico practicante, o que valerá para encadrar mellor o incidente xurdido a raíz da publicación de Supersticiones de Galicia.
Xadrecista relevante
editarFaceta menos divulgada é a súa condición de excelente xogador de xadrez, até chegar a figurar como campión de Galicia.[4].
Liorta coa Igrexa
editarEn 1895 tivo un choque coa Igrexa católica a raíz da publicación de Supersticiones de Galicia. Rodríguez López presentou a obra a un concurso literario-musical convocado en Monforte de Lemos polos escolapios. Aínda que o traballo non foi admitido por un xurado mediatizado polo bispado, que debía velar pola ortodoxia das obras que se presentasen ao certame[5], o médico lucense fíxoo publicar no verán dese mesmo ano. O bispado lucense prohibiu a obra aos tres meses de vir a lume, en outubro, mesmo a pesar de contar co informe favorábel do cóengo Antolín López Peláez[6], home de gran peso intelectual nos medios católicos que había de chegar a arcebispo. Porén, Rodríguez López non se acañou e conseguiu unha entrevista co bispo, Benito Murúa, por quen ficou convencido de que os ritos católicos non constituían supersticións. Logrou así obter a autorización eclesiástica para unha segunda edición, á vez que o médico reformaba as súas informacións sobre a calidade supersticiosa de certas prácticas relixiosas[7].
Membro da RAG
editarNos avatares da creación da Real Academia Galega, Xesús Rodríguez López foi elixido como un dos dous representantes por Lugo (o outro era Indalecio Varela Lenzano) para formar parte da comisión organizativa, que presidía Murguía, e que redactou os estatutos en 1904. O médico lucense foi un dos corenta académicos numerarios fundadores da institución[8], da que foi membro ata a súa morte. Nos anos seguintes seguiría a colaborar activamente, viaxando á Coruña en compaña dos restantes membros lucenses, como Manuel Amor Meilán, Aureliano J. Pereira ou Xoán Montes Capón[9]. Este, compositor, puxo música a un poema de Rodríguez López ("Ai, Maruxiña, por Dios dáme un bico").
Obra
editarDa súa obra permanece inédita a comedia El zorro [Cómpre referencia].
En galego
editar- Cousas das mulleres (Madrid. 1895), longa novela en verso en opinión de Carballo Calero.
- Pasaxeiras (Madrid, 1898), colección de poemas.
- Gallegadas (Madrid, 1908), con relatos en prosa mais versos. Inclúe A malla.
- A cruz de salgueiro (Lugo, 1899), novela da que publicou a primeira parte na revista Galicia.
- O Chufón (Lugo, 1915), comedia.
En castelán
editarPublicou nesta lingua algunha obra profesional de tipo divulgativo e ensaios:
- Ligeros apuntes sobre las supersticiones de Galicia Arquivado 11 de febreiro de 2021 en Wayback Machine. (Lugo, 1895)
- Las preocupaciones en Medicina: Conocimientos útiles a la familia: Reglas para conservar la salud, para no dejarse engañar por los curanderos y para conocer a los médicos Arquivado 11 de febreiro de 2021 en Wayback Machine. (Lugo, 1896), obra que sería premiada nun congreso médico en Madrid. Reeditada en 1910 baixo o título Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares.
- Estudio psicológico de la mujer lucense (Lugo, 1897).
- Defensa de las feas: Estudio social (Madrid, 1898).
- El socialista (en manuscrito desde 1914) comedia nun acto, inédita até 1988.
Notas
editar- ↑ Esta biografía de urxencia pode verse en diversos lugares, p.ex., R. Carballo Calero, Historia da Literatura Galega Contemporánea. Vigo. Galaxia. 1975, páx. 441, ou na da Biblioteca Virtual Galega
- ↑ Cfr. Modesto Hermida, Narrativa galega: tempo do Rexurdimento. Vigo. Xerais de Galicia. 1995, en especial páxs. 87-89, que cita traballos de X.R.L. en Galicia; Revista Gallega; El Eco de Galicia, El Regional, Galicia Moderna, A Monteira e As Burgas
- ↑ Para estes detalles, cfr. a introdución de Florentino Uriarte para "A cruz de salgueiro". Vigo. Ed. Xerais. 1994, páxs. 11 e 12
- ↑ Florentino Uriarte indica que foi campión de Galicia, ibídem, páx. 12, sen indicar fonte; esta podería remitir a José Paluzíe y Lucena, Primer libro del ajedrecista. Barcelona. Hijos de Paluzíe, S. en C., Editores. 1921 (por unha advertencia preliminar infírese que houbo unha edición anterior en 1917), quen na páx. 203, indicando xadrecistas salientes de España di, sen engadir máis: "Jesús Rodríguez López, de Lugo, campeón de Galicia", e só cita outro xogador galego, o coruñés Pedro Morodo. Prudentemente, o artigo Xadrez da Gran Enciclopedia Gallega, que lembra a ambos, evita citalo como campión galego, porque formalmente non os houbo até anos máis tarde, o que non empece que o lugués gañase algún certame galego relevante, que o levase a ser proclamado campión oficioso; de feito Paluzíe cita casos semellantes noutras cidades. Nalgún lado ficará memoria...
- ↑ Cfr. X. Rodríguez López, Prólogo á 2ª edición de Supersticiones de Galicia, 1910
- ↑ Xesús Alonso Montero, Unas palabras sobre el escritor Jesús Rodríguez López (1859-1917), prólogo á 5ª edición de "Supersticiones de Galicia"
- ↑ X. Rodríguez López, ibídem
- ↑ R. Carballo Calero, op.cit., páx. 138
- ↑ F. Uriarte, op. cit., páx. 12