Patricio Delgado Luaces
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Patricio Valentín Sisto Delgado Luaces, nado en Mondoñedo o 6 de agosto de 1850 e finado na Habana o 25 de abril de 1900[1], foi un militante carlista e escritor galego, autor dunha das escasas novelas das letras galegas escritas no século XIX: A besta!, que presentou baixo o pseudónimo de Xan de Masma.
fotografía de Eugenio Lanelongue. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de agosto de 1850 Mondoñedo, España |
Morte | 25 de abril de 1900 (49 anos) A Habana, Cuba |
Actividade | |
Ocupación | escritor, autor |
Xénero artístico | Novela |
Traxectoria
editarEscasos son os datos vitais sobre Delgado Luaces. Durante moito tempo coñeceuse a existencia da súa novela publicada con pseudónimo, citada xa na obra de Uxío Carré Aldao en 1911, e aínda que este alude a que coñece o nome do autor, prefire gardar o seu anonimato. Sería Xesús Alonso Montero quen dese as primeiras noticias certas sobre o autor nun artigo do ano 1970, desvelando o seu nome: Patricio Valentín Sisto Delgado Luaces, que fora bautizado na cidade de Mondoñedo o 6 de agosto de 1850, que fora capitán nunha partida tradicionalista que actuou durante a terceira Guerra Carlista nas terras mindonienses, por cuxa causa ingresaría como cativo no castelo de Santo Antón da cidade da Coruña (consonte datos posteriores sufriría cadea entre 1875 e 1885); entéiranos, por último, de que colaboraba na revista cubana Follas Novas e de que faleceu na Habana, posibelmente en marzo de 1900, segundo se deduce dunha necrolóxica inserida en El Eco de Galicia, de 30 de marzo de 1900.
Da lectura da propia novela, infírese que o autor estudou no seminario conciliar da súa cidade natal; que coñecía a fondo o ambiente e as persoas de Mondoñedo e a súa comarca; que participou nas loitas políticas do último terzo do XIX (non só presenta a loita na comarca mindoniense, senón que demostra ter participado no propio País Vasco e Navarra); e que foi enviado a Cuba a loitar no exército español fronte os independentistas.
A novela
editarFoi publicada a xeito de folletín na citada revista Follas Novas, por entregas desde o 29 de xaneiro de 1899 e até finais de decembro de 1900. Trátase dunha obra moi extensa: 390 páxinas en folletín (unhas 260 na edición de 1993), que conforman a máis ampla das novelas galegas do XIX, e unha das máis extensas de toda a literatura galega
A obra está relatada por un narrador omnisciente, que mostra a visión dos feitos a maneira dunhas memorias, aínda que ese narrador transluce ao propio autor, este na escrita práctica ocúltase. O argumento contrapón as loitas políticas do derradeiro terzo do século XIX entre contendentes que reduce a liberais e tradicionalistas. Dado que o autor comunga co ideario carlista, presenta os liberais como amorais en todos os sentidos (desde manipuladores das eleccións a malversadores, pasando por irrelixiosos, se non ateos), concentrando o símbolo totalizador deles na figura dun cacique ("a besta"), sátiro insaciábel, que se aproveita da súa posición social e económica. Por contra a sociedade mindoniense, especialmente o estrato rural, é mostrada como claramente idílica e virtuosa, e ben simbolizada pola figura de Pepiña, obxecto dos desexos da "besta". Esta tranquila sociedade só pode ser conducida á modernidade polo tradicionalismo, respectuoso cos principios morais fundamentados na guía eclesiástica. Tales valores condénsase na figura de Pedro.
Estilisticamente ten sido cualificada de novela sociopolítica dado o carácter dos feitos xerais narrados. A Carré, porén, impresionoulle máis o asunto traslucido polo título: o abuso sexual dun cacique, de modo que non dubidou en cualificar a novela de naturalista (o propio autor aludía a La bête humaine de Émile Zola), o que só en parte aceptou Ricardo Carballo Calero, que preferiu encadrala na sátira social.
A linguaxe da novela
editarDelgado Luaces posuía un rico vocabulario e unha variada fraseoloxía, procedentes dun galego sen dúbida bebido no mundo rural mindoniense. Con todo mostra coñecer a literatura que entón se facía, da que incorpora solucións que son alleas ao galego da súa zona. Porén a súa gramática transloce con frecuencia o amoldamento a estruturas do castelán, o que non debe por outra banda estrañar, dado que a súa educación letrada regular por forza fora nese idioma, e, sen dúbida, cando escribe, en Cuba, está inserido nun medio que non favorece a escrita doada e espontánea no que temos que supor o seu idioma materno.
A difusión da novela
editarAo ser publicada en folletín, en 187 números, e non ser publicada en volume, o espallamento da obra foi por forza restrinxido e, en principio só ao alcance dos lectores de "Follas Novas". Todo isto aclara o escaso coñecemento da mesma no mundo galego, a pesar de ser citada por Carré en 1911. Sen dúbida, Carballo Calero leu a novela ou ben conseguiu de alguén unha ampla información sobre a mesma por outra persoa. O caso foi que para o lector corrente toda a información sobre a mesma foi indirecta durante bastantes décadas.
Só en 1993, Modesto Hermida e Carme Hermida puideron publicala na editorial Galaxia, cunha introdución literaria xeral (mais que non fornecía maiores datos sobre a vida do autor) e un comentario lingüístico. Porén a edición non é aínda completa, como confesa Modesto Hermida. Os editores bateron con tres tomos encadernados, mais, a pesar dos seus esforzos, non lograron localizar un hipotético IV tomo que contería a parte final, da que Carballo Calero tivo noticia ou viu directamente. A edición actual de "A besta!" é, por desgraza, incompleta.
Edicións
editar- A Besta!: novela de costumes gallegas. A Habana. Rev. Follas Novas. 1899 - 1900.
- ¡A besta!. Prólogo de Modesto Hermida e comentario lingüístico de Carme Hermida. Vigo. Ed. Galaxia. 1993 - ISBN 84-7154-857-7
Notas
editar- ↑ Lembranza de "Xan de Masma"
- ↑ Lence-Santar y Guitián, Eduardo: "Carlistas prisioneros por la Guardia Civil…" Almanaque gallego para: Año 1925.
Véxase tamén
editarA Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Patricio Delgado Luaces |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Patricio Delgado Luaces |
Bibliografía
editar- Alonso Montero. Datos prá biografía de Xan de Masma, primeiro novelista social en galego, Faro de Vigo, 12/4/1970, incluído logo en Língua, literatura e sociedade en Galicia. Akal. 1977. ISBN 84-7339-273-6.
- Carballo, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. pp. 454–455, 508, 772, 781. ISBN 84-7154-227-7.
- Comesaña Paz, Alfredo (2016). Hijos del Trueno: La Tercera Guerra Carlista en Galicia y el Norte de Portugal. Schedas.
- Hermida, M. e Hermida, C.. Noticia sobre ¡A Besta ! e Comentario lingüístico, respectivamente, no prólogo a súa edición da novela en 1993.
- Neira Vilas, Xosé (1995). A lingua galega en Cuba. p. 65. Consello da Cultura Galega.
- Pena, X.R. (2014). "E) A narracións «híbridas»: Xan de Masma. Luís Otero Pimentel". Historia da literatura galega II. De 1853 a 1916. Xerais. pp. 390–392. ISBN 978-84-9914-764-2.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da Literatura Galega. Autores I. Editorial Galaxia. p. 172. ISBN 84-8288-019-5.
- —————————, ed. (2000). Diccionario da Literatura Galega. Obras III. Editorial Galaxia. p. 59. ISBN 84-8288-365-8.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- "Patricio Delgado Luaces". Álbum da Emigración do Consello da Cultura Galega.
- Danny M. Barreto. "‘Sen pátrea nin lareira’: los espacios nacionales y domésticos en la novela transatlántica ¡A Besta! de Xan de Masma" Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine. (en castelán).