Follas Novas (A Habana)
Follas Novas foi un semanario publicado na Habana, Cuba, editado de 1897 a 1909.
Follas Novas | |
---|---|
![]() | |
País | Cuba |
Fundación | 1897 |
Descrito por | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada |
Na rede | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia e características
editarSubtitulado Revista semanal ilustrada, apareceu o 6 de xuño de 1897. O título está inspirado no poemario homónimo de Rosalía de Castro. Na terceira páxina aparece o subtítulo Semanario científico, literario y defensor de la Colonia gallega. Os fundadores e propietarios foron Francisco J. Ramil e Antonio de P. Cea, sendo este último o director ata 1907, ao que sucederon Adelardo Novo Brocas, Alfredo Fernández, Pascual Aenlle, Antón Villar Ponte e novamente Adelardo Novo. Como redactor figurou José Baña Pose. Na presentación inicial enviáballes un saúdo á prensa cubana e a El Eco de Galicia.
Follas Novas publicouse uns meses despois de desaparecer La Tierra Gallega, e en plena guerra pola independencia, pero non axitou a bandeira colonialista nin dedicou unha soa liña a defender ao colonizador.
Entre os seus colaboradores figuraron, en castelán, Benito Fernández Alonso, Basilio Álvarez, Gerardo Álvarez Limeses, Wenceslao Fernández Flórez, Manuel Murguía, Antón Villar Ponte, Emilia Pardo Bazán, Teodosio Vesteiro Torres e Ramón María del Valle-Inclán. Publicou por entregas La alondra, novela de Álvaro de la Iglesia. En lingua galega hai colaboracións de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal, Francisco Añón, Manuel Amor Meilán, Lisardo Barreiro, Alberto Camino, Nan de Allariz, Evaristo Martelo Paumán, Antonio Noriega Varela, Roberto Blanco Torres, Juan Fernández Merino e Ramiro Gayoso. Publicou por fascículos Campaña da Caprecórneca de Luís Otero Pimentel (e outras colaboracións asinadas como Xan de Outeiro) e ¡A besta! de Xan de Masma.
A través das súas páxinas reflíctese unha preocupación constante pola exaltación da identidade de Galicia. En 1903 sostivo unha polémica con Curros Enríquez a raíz da lectura pública do seu poema "A espiña". O último número conservado corresponde ao 9 de maio de 1909.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Follas Novas |
Bibliografía
editar- Domingo Cuadriello, Jorge (2002). Los españoles en las letras cubanas durante el siglo XX. Diccionario Bio-Bibliográfico. Sevilla: Renacimiento. p. 246. ISBN 84-8472-069-1.
- Neira Vilas, X. (1992). Rosalía de Castro e Cuba. Padrón: Edicións do Patronato / Patronato Rosalía de Castro. ISBN 84-87668-05-4.
- Neira Vilas, X. (2013). Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas. CCG. ISBN 978-84-92923-55-7. Inclúe Rosalía de Castro e Cuba.
- Neira Vilas, X. (2011). A prensa galega de Cuba. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. ISBN 978-84-453-5020-1.
- Peña Saavedra, Vicente (dir.) (1998). Repertorio da prensa galega da emigración. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. pp. 206–207. ISBN 84-87172-30-X.
- "Follas Novas". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Follas Novas (A Habana) |