Ramón Armada Teixeiro
Ramón Armada Teixeiro, nado en Santa Marta de Ortigueira o 14 de setembro de 1858 e finado na Habana o 1 de xullo de 1920, foi un escritor, poeta e dramaturgo galego. Foi secretario do Centro Gallego de La Habana e impulsor de diversas iniciativas nesta institución. Con Manuel Lugrís Freire, fundou e dirixiu A Gaita Gallega (1885-1889), primeiro periódico escrito enteiramente en lingua galega na emigración americana. Colaborou tamén noutras publicacións.[1] Empregou os pseudónimos de Chumín de Céltegos e Amador Marán. Foi autor de traballos publicados en lingua castelá sobre pedagoxía e sobre as sociedades galegas de América. Publicou tamén poesía en galego: Caldo de grelos (1895), Aturuxos (1898), Milicroques (1918) e finalmente Da terriña (1918), que inclúe o contido dos tres anteriores.[2]
Ramón Armada Teixeiro | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de setembro de 1858 Ortigueira, España |
Morte | 1 de xullo de 1920 (61 anos) A Habana, Cuba |
Lugar de sepultura | necrópole de Cristóbal Colón |
Actividade | |
Ocupación | poeta, dramaturgo, perito mercantil |
Membro de | |
Xénero artístico | Teatro, poesía |
Familia | |
Fillos | Ramón Armada Sagrera, Rafael Armada Sagrera |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada Enciclopedia Galega Universal |
Con todo, Armada é maiormente coñecido por ser autor da zarzuela titulada ¡Non máis emigración! (1886), que é a segunda peza teatral integramente en galego (tras A fonte do xuramento, 1882) e a primeira representada fóra de Galiza. Foi estreada no teatro de Tacón da Habana no ano da súa publicación. Subtitulada Apropóseto lírico-dramáteco en dous autos e sete cadros, a obra é unha forte alegación contra a diáspora galega.
Ingresou na Real Academia Galega, como membro fundador, o 4 de setembro de 1905.[3]
Traxectoria
editarInfancia
editarRamón Armada Teixeiro naceu de Juan Armada Iglesias, licenciado en medicina e amante da literatura, e Bibiana Teijeiro Soto. Irmán de Ramón foi o tamén médico Manuel Armada Teijeiro, e primos carnais foron os Díaz Baliño. A infancia desenvolveuse na súa vila natal, concretamente na casa nº 4 da “calle Ancha o calle Real”. O feito de nacer nunha familia acomodada permitiulle marchar á cidade de Lugo a seguir os seus estudos de Peritaxe Mercantil, título que acadou finalmente na illa de Cuba (1895). Nesa cidade, por medio de oposición pública, acadou o Premio ordinario correspondente á materia de Aritmética e Álxebra (diploma expedido polo Instituto de Lugo en 1877).
Emigración cara a América
editarCando Armada contaba con 16 anos de idade decidiu embarcar cara a América, concretamente a Buenos Aires, onde pasou unha curta estadía, pois como din os seus biógrafos andou “coa nostalxia ao ombreiro, xa que a vocación de comercial non lle atraía”. Un boleto de lotería premiado permitiulle volver á casa aproximadamente tres anos despois da súa ida. Mais como era habitual na Galiza do momento, debido á crise agraria e á marxinación sufrida, Armada Teixeiro decidiu emigrar para un dos focos culturais do momento, A Habana, en 1878. Desembarcou, como moitos galegos do momento coa esperanza dun futuro mellor, mais a diferenza doutros moitos compatriotas, cuns estudos e unha posición que non o levarán a traballar en condicións deplorábeis.
Desde a súa chegada á Habana, Armada Teixeiro non descansou na súa loita por defender os intereses dos galegos de fóra e dentro de Cuba, a través da súa participación como Secretario do Centro Galego (1886–1893), Vocal da Sección Instrutiva da Entidade Galega (1893–1899), Vocal da Xunta de primeiro ensino da cidade da Habana, Inspector de ensinanza do 6º distrito e presidente dos tribunais de exames Regulamentarios.
Ademais destes cargos públicos, fundou en 1885 xunto con Manuel Lugrís Freire a primeira publicación da emigración monolingüe en galego, A Gaita Gallega, da que tamén será director. O feito de estar escrita integramente en galego non representa unicamente unha opción lingüística, senón que implica unha reivindicación da cultura galega por parte dos seus creadores e dos persoeiros que participaron nela. A través das páxinas desta publicación maniféstase unha constante preocupación pola defensa da lingua como elemento de identidade, o que di moito de Armada Teixeiro e do seu pensamento. A Gaita Gallega publicouse até 1889, anos durante os cales proporcionou numerosos textos baixo os pseudónimos de Chumín de Céltegos e Amador Marán. Durante a súa estadía na capital cubana, participou tamén noutros xornais: La Tierra Gallega (1894–1896), El Eco de Galicia, Eco de Galicia, Pro-Galicia, Follas Novas etc.
Canto á súa faceta literaria, durante esta primeira etapa na Habana publicou en 1885 a peza teatral ¡Non máis emigración! cunha dedicatoria a Fidel Villasuso Espiñeira. Ao ano seguinte apareceu a segunda edición e estréase no Teatro Tacón o 10 de abril, contando coa música do galego Felisindo Rego. A obra pon de manifesto un dos problemas do momento, a emigración, que será o tema principal da obra de Armada Teixeiro, enmascarado a través da historia de amor de Xan e Marica e das falcatruadas de Farruco, o cal ofrece unha visión que moitas veces foi rebatida pola crítica. Non amosa a obra as súas experiencias persoais, xa que estas en Cuba non foron negativas, pola contra el foi un triunfador, mais vive de cerca a experiencia doutros galegos establecidos na illa. Destaca esta obra por ser a primeira zarzuela en galego e a primeira obra en galego representada fóra de Galiza.
En 1890 ocupou o posto de Inspector de Escolas do 6º Distrito. En 1895 publicou a súa primeira obra poética, Caldo de Grelos, prologada polo pedagogo Vicente Fraiz Andón, e que recolle textos aparecidos con anterioridade en xornais. Como di o seu grande amigo Manuel Curros Enríquez “resaltan entre as condiciones artísticas de Armada as súas condicións de poeta descritivo”, pois neste poemario dedica varios textos a falar das dúas patrias das que se sente membro: Cuba e Galicia.
En 1898 publicou Aturuxos, libro de poesía prologado por Curros Enríquez, e que constitúe o único texto en prosa que nos deixou o celanovés, xunto cunha carta. Neste libro Armada segue a facer unha evocación á terra e a denunciar o caciquismo e as miserias dos labregos. Ese mesmo ano foi xefe de negociado de cárceres e presidios do goberno autonómico cubano.[4] Tamén nesta etapa formou parte da “Cova Céltiga” cubana, reflexo da que existía na Coruña.
Volta a Galicia
editarDespois deste intenso labor na Habana en todos os niveis, Armada Teixeiro volveu a Ortigueira no 1899, despois da perda de España da Illa de Cuba (1898). Durante a súa estadía na súa vila natal seguiu a desempeñar cargos oficiais, paralelamente conxugados coa súa escrita e o seu pensamento galeguista. Continuou en Ortigueira o labor xornalístico, que comezara na Habana, coa fundación do periódico El Eco de Ortigueira,[5] e como correspondente galego do habaneiro Diario de la Marina, onde publicou unha serie de crónicas do país galego.
En novembro de 1902 foi nomeado Secretario do concello de Ortigueira, e nestes anos tamén prestou servizo á Xunta Local de Primeiro Ensino, en calidade de vogal delegado de pais de familia. Cando Armada Teixeiro dimitiu deste cargo, a Xunta Local de Primeiro Ensino, a proposta do seu presidente o alcalde Manuel Sandomingo, acordou por unanimidade:
...conste en acta o sentimento da Xunta pola renuncia que do cargo de secretario deste concello e como tal desta entidade, formulou o Sr. Ramón Armada Teijeiro, persoa cultísima e honrada que con tanto acerto soubo secundar o interese que pola mellora e progreso da educación popular, demostrando a súa superioridade. (Libro de Actas de las Sesiones celebradas por la Junta Local de 1º Enseñanza de Ortigueira)
No ano 1904 Armada Teixeiro presentou aos Xogos Florais de Viveiro o ensaio: “Misión del Municipio y su importancia como órgano social para la propaganda de la enseñanza primaria en sus aspectos intelectual, artístico y físico”, que resultou gañador. O texto mostra os problemas que observa canto á educación, e foi lido en Ortigueira en agosto de 1904 por mor das conferencias que nesa vila se celebraron, e ás que Armada acode como vogal delegado dos pais de familia.
Sobre o mesmo tema versa o texto “Labor moralizadora de las sociedades gallegas en América que sostienen planteles de enseñanza. Su importancia educativa y patriótica”, que enviou ás Festas Pedagóxicas que se celebraron en Santiago de Compostela en 1906, ás que fora convidado, mais sen poder asistir por formar parte da comisión de festas de Santa Marta de Ortigueira. Con este ensaio recibiu o primeiro premio, e como di o pedagogo Vicente Peña Saavedra “representa na orde de divulgación educativa a peza sobranceira da súa produción”.
En 1909 participou no Certame Histórico celebrado en Santiago de Compostela coa súa obra "Labor moralizadora de las sociedades gallegas en Cuba".
No plano literario cómpre destacar a súa colaboración como membro da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega que naceu na Habana da man de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. Ao pouco tempo fundouse na Coruña, en setembro de 1905, a Real Academia Galega, aparecendo Armada como número 2 dos primeiros 40 integrantes.[3]
Regreso a Cuba
editarDebido ao caciquismo que el tanto denuncia a través dos seus escritos foi destituído do cargo municipal que ocupaba, o 19 de marzo de 1909 volveu a Cuba, onde permaneceu até a súa morte en 1920.
Na illa ocupou o posto de secretario do Casino Español e o de Secretario da Conferencia de colonias e casinos españois de Cuba. O 21 de novembro do ano da súa chegada á Habana, a Xunta Xeral da “Sociedade de Instrución de Santo Adrián” nomeouno Socio de Mérito en recoñecemento do apoio que lle vai prestando a esta entidade a través da prensa, medio que lle serve a Armada para dar a coñecer ao mundo o seu ideal.
En 1912 no número 2 da Revista Pro-Galicia fixo unha síntese da encomenda das Sociedades Galegas de Instrución fronte ao caciquismo:
Pero en Galicia non hai só caciques, hai “cipas”, isto é, caciques de caciques, e o seu poder é tan considerable que se nas colonias galegas de América e nesas sociedades de Instrución non impera a concordia estruturando lazos de afecto, xuntando vontades e establecendo conxuncións de resistencia… (Pro-Galicia).
Ao igual que durante a súa estancia en Galiza, seguiu a colaborar no Diario de la Marina, labor que durará até a súa morte. Nos últimos anos da súa vida, concretamente en 1912, Armada Teixeiro publicou un monólogo: Mexamorno en Viveiro,[7] onde ao igual que fixera antes con Non mais emigración, volve a mostrar o seu rexeitamento cara a emigración e a necesidade de retornar a Galiza.
A súa xestión no Centro Gallego recibiu acedas críticas por parte do semanario La Tierra Gallega, dirixido en 1915 por Roberto Blanco Torres, desde as páxinas deste periódico foi alcumado como "mexamorno".[4]
A súa última obra, A Terriña, data de 1918 e constitúe unha recompilación das tres obras anteriores de poesía coa única diferenza de ter cambiado o título de Aturuxos (que aparecía na primeira edición) polo de A-la-las.
Dous anos despois, en xullo de 1920, Ramón Armada Teixeiro faleceu na Habana, onde permanece o seu corpo, baixo un monólito funerario situado ao carón do panteón que pertence á Sociedade de Naturais de Ortigueira. Segundo di Xosé Neira Vilas, “o pequeño monumento ten na cima unha lira e non unha cruz, e debaixo, nos frontis, aparecen os títulos dalgúns libros da súa autoría. Unha novedosa bibliografía na pedra, como alguén a denominou”.
“Armada era o verbo ardido, entusiasta, elocuente que decote mantiña nas almas as inmorrentes arelas patrióticas”, segundo as palabras que un grande amigo seu lle brindou.
Obra
editarEn galego
editar- ¡Non máis emigración!, A Habana 1886 (peza teatral).[8]
- Caldo de grelos, A Habana 1895 (poesía).
- Aturuxos, A Habana 1898 (poesía).
- "Mexamorno en Viveiro", Boletín de la RAG 1911 (monólogo).[7]
- Milicroques, A Habana 1918 (poesía).[9]
- Da terriña, A Habana 1918 (poesía).[2]
En castelán
editar- Memorias del Centro Gallego de la Habana, 1887-1893.
- Galicia: su agricultura, industria y comercio, 1895.[10]
- Misión del Municipio y su importancia como órgano social para la propaganda de la enseñanza primaria..., 1904.
- Labor moralizadora de las Sociedades Gallegas en América que sostienen planteles de enseñanza, 1906.
- Galicia en 1907-1909, 1909.
- Efemérides de Ortigueira.
- Memorias del Casino Español de la Habana, 1918.
- Confederadición de las Colonias y Casinos Españoles de la República de Cuba.
Biblioteca virtual
editar-
¡Non máis emigración!, 1886 segunda edición.
-
Caldo de grelos, 1895. Prologado por Vicente Fraiz.
-
"Mexamorno en Viveiro", Boletín da RAG n.º 54-55.[7]
Vida persoal
editarCasou na Habana con Francisca Sagrera Mayol. Foi pai de Fidelina, Ramón (escritor), Xan, Rafael (escritor), Crisanto e Amparo Armada Sagrera
Notas
editar- ↑ Neira Vilas 2011.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Inclúe o contido dos tres libros de poesía anteriores: Milicroques, A-la-lás, Caldo de grelos; prólogo e xuicios críticos de Álvaro de la Iglesia, Curros Enríquez, V. Fraiz, E. Núñez Sarmiento...
- ↑ 3,0 3,1 Académicos e académicas. Ramón Armada Teixeiro Real Academia Galega.
- ↑ 4,0 4,1 "Ramón Armada Teixeiro". Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.
- ↑ Santos Gayoso, Enrique (1995). Historia de la prensa gallega 1800-1993. Cadernos do Seminario de Sargadelos (en castelán) 68. Sada: Ediciós do Castro. p. 63. ISBN 84-7492-767-6.
- ↑ Vida Gallega, 1/3/1912, p. 29
- ↑ 7,0 7,1 7,2 "Mexamorno en Viveiro" Boletín de la Real Academia Gallega 54-55 (1911).
- ↑ ¡Non máis emigración na Biblioteca Virtual da Real Academia Galega.
- ↑ Recolle poemas escritos entre 1901 e 1906.
- ↑ Discurso inaugural para el año escolar de 1895 a 1896
Véxase tamén
editarA Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Ramón Armada Teixeiro |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ramón Armada Teixeiro |
Bibliografía
editar- "Armada Teixeiro, Ramón". Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 191. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Armada Teixeiro, Ramón". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Couceiro Freijomil, A. (1951). "ARMADA TEIJEIRO, Ramón". Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) I. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos. p. 93.
- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. pp. 138, 356, 456, 802. ISBN 84-7154-227-7.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 498. ISBN 84-7492-465-0.
- Moreda, Marisa (175/2007). "Algunhas anotacións sobre a lingua de Ramón Armada Teixeiro (1868-1920)". Revista Galega de Filoloxía 8: 157–183. ISSN 1576-2661. doi:10.17979/rgf.2007.8.0.5296.
- Neira Vilas, Xosé (1994). "Significación de Ramón Armada Teixeiro". Memoria da emigración I. Sada-A Coruña: Ediciós do Castro. pp. 239–246. ISBN 84-7492-729-3.
- ——— (2005). "Armada Teijeiro, Ramón". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- ——— (2011). A prensa galega de Cuba. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. ISBN 978-84-453-5020-1.
- Rabuhal, Henrique (1994). Textos e contextos do teatro galego: 1671-1936. Santiago de Compostela: Laiovento. ISBN 978-84-87847-39-4.
- Santos Gayoso, Enrique (1990). Historia de la prensa gallega 1800-1986. Cuadernos do Seminario de Sargadelos (en castelán) 52. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-489-8.
- Vidal Felipe, Yolanda Bárbara (1999). "Ramón Armada Teixeiro e A Gaita Gallega". A Gaita Gallega (facsímile). CIRP. pp. 31–41. ISBN 84-453-2627-9.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. p. 62. ISBN 84-8288-019-5.