Francisco María de la Iglesia cursou na súa cidade natal os estudos de Maxisterio, trasladándose á Coruña para exercer de mestre municipal. Nesa cidade entrará en contacto con Emilia Pardo-Bazán e rexionalistas como Uxío Carré Aldao ou os irmáns Gil-Taboada, cos que colaborará en diversos proxectos.[2]
Publicou varios poemas no Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos, editado polo seu irmán Antonio e que pasou a formar parte do Álbum de la Caridad (1862), publicado tras celebrarse os Xogos Florais da Coruña en 1861.
Como escritor dramático é o pai do teatro galego non popular, ao estrear con ruidento aprauso a súa peza A fonte do xuramento o 13 de agosto de 1882 no Liceo Brigantino da Coruña, e con millor trunfo no Teatro Principal o 22 de outubro. De feito, foi Francisco María de la Iglesia o primeiro autor que viu a necesidade de crear un teatro galego. Tanto era así que os seus correlixionarios (que non vían tal necesidade) rebautizárono co alcume de "Capitán Araña" (parafuseiro, enguedellante, embrullador,...), acusándoo de querer falar no gabinete como se fai na aldea.
↑Tamén empregou o nome de Farruco d'a Igrexa González, concretamente na publicación de A fonte do xuramento, aínda que na portada desa mesma obra figuraba como Francisco Mª de la Iglesia y González.