A moeda etrusca é a cuñada e utilizada pola civilización etrusca, entre os séculos VIII e VII a. de C. e nun espazo abranguido entre os ríos Arno e Tíber, entre o mar Tirreno e os montes Apeninos.

Tres exemplares de aes grave de Iguvium, ca. 280-240 a. de C., no Altes Museum de Berlín.

O breve período de uso da moeda etrusca supón unha conciliación de dous sistemas ben diferenciados: un sistema ponderal primitivo para o bronce, baseado no aes grave, característico da Italia central, e outro para as cuñaxes de prata e ouro, de influencia grega e máis propio do sur da Península, que ata ese momento resultaba pouco familiar en Etruria.

Do estudo das emisións monetarias etruscas ocúpase unha división da numismática: a numismática etrusca.

Moedas editar

Series de prata editar

Sen termos en conta as primeiras fraccións de prata dos inicios do século V a. de C. do tesouro de Volterra (1868)[1][2], que probablemente sexan de produción non etrusca, as primeiras moedas etruscas de prata coñecidas parecen ser as de Vulci e Populonia, nas actuais provincias de Viterbo e Livorno, respectivamente. Resulta plausible a atribución ao século V a. de C. deses primeiros tridracmas, didracmas ou estateros e dracmas, xa que parecen responder ao padrón ponderal de Calcis, cun didracma de 5,8 gramos, propio das áreas gregas máis próximas a Etruria naquela época.[3] Estas moedas son, ademais, de estilo grego, aínda que con influencias etruscas, e abundan nelas as imaxes de animais e monstros exóticos. As rodas con puntais curvos de Vulci tamén lembran algunhas moedas trivais macedonias dese mesmo século V.[4] Estas primeiras moedas de prata son raras e parece que non foron exportadas; carecen de marca de valor e deberon ter unha circulación limitada.

 
Moeda de prata de 20 ases de Populonia, posterior a 211 a. de C., coa cara da deusa Metus. Peso: 8,30 g.

Adoita atribuírse a Luca e ao derradeiro cuarto do século IV a. de C. (ou algo máis tarde) unha emisión de didracmas de prata coa imaxe ruda dunha cabeza masculina, cuñada segundo o padrón de peso calcídico, similar ao das moedas de Vulci e Populonia mais agora coa marca de valor V.[5] Estas moedas corresponden a unha unidade de prata de aproximadamente 2,25 gramos, e é probable que indiquen a equivalencia de valor en unidades de bronce como o ás ou libra, derivado da litra grega. É probable que esa serie de moedas coa cabeza masculina fose seguida doutras coas figuras dun polbo e unha ánfora, cunha produción máis coidada, emitidas baixo o mesmo padrón ponderal mais co dobre de valor que a primeira.[6] As marcas de valor XX, X e V desta nova serie achéganse ao valor dunha unidade de prata de 1,13 gramos (aproximadamente o escrúpulo romano), e é probable que represente a desvalorización da unidade de bronce en relación coa prata.

Populonia puido ser a primeira cidade etrusca en colocar unha marca de valor na súa moeda, seguindo unha práctica establecida a mediados do século V a. de C. en Siracusa e noutras cecas sicilianas para as fraccións unciais de prata da litra, e en Akragas, para a litra e as cinco litras de prata, denominadas respectivamente ΠΕΝ (pentalitron) e I (litra).[7][8]

A primeira serie de Metus foi datada na segunda metade do século V a. de C., a partir da escavacións recentes en Prestino[9], unha cronoloxía confirmada polo posterior achado dunha peza de cinco unidades da mesma serie na escavación do século IV a. de C. dun santuario etrusco en Golasecca.[10] O padrón ponderal empregado parece ser o do estatero corintio (ou dracma ático), cun peso teórico de aproximadamente 8,6 gramos, subdividido en 10, 5 e 2½ unidades que parecen suxeitarse ao padrón siciliano da litra de prata de 0,86 gramos. Unha emisión de estateros de padrón corintio testemuñada en Cumae, o veciño grego máis próximo a Etruria, datada arredor de 470-455 a. de C.,[11] pode proporcionar o modelo metrolóxico para esa emisión, que se marcou co número X (10), en tanto que as fraccións son V (5) e II< (2½).

A segunda serie de Metus de Populonia, con marcas de valor de XX, X e V unidades, responde ao mesmo padrón metrolóxico que as de XX unidades de Hércules e de Minerva, as de X da cabeza masculina ou feminina, as de V da cabeza masculina,e as de 2⅕ e dunha unidade, e por asociación metrolóxica están relacionadas coas de Metus, as da cabeza de león, e emisións de ouro coa cabeza masculina ou feminina, de 10 a 50 unidades. O feito de atopar a evidencia na escavación de Ponte Gini de Orentino suxire unha datación para toda esta fase na primeira metade do século III a. de C. e pode estar relacionada coa primeira guerra púnica.[12] A metroloxía desta fase, con marcas de valor exactamente o dobre da primeira emisión de Metus, pode corresponder á introdución do denario, proposta por Plinio en 269 a. de C.,[13] xa que é exactamente o mesmo padrón e anticipa o sistema do denario romano introducido durante a segunda guerra púnica, cara a 212 ou 211.

Series de ouro editar

 
Moeda de ouro de 25 ases de Populonia, ca. 211-206 a. de C., con prótome de león. Peso: 1,40 g.

Ademais destas series de prata, existe unha de ouro cun notable mérito artístico, probablemente orixinaria de Volsinii e con marcas de valor de 20 e de 5 unidades.[14] A única peza de 20 unidades, que representa a cabeza de Apolo e un boi camiñando, lembra as emisións de bronce das colonias latinas de Aesernia, Cales, Compultaria, Suessa Aurunca e Teanum Sicidinum in Campania datadas a mediados do século III a. de C.[15]

O motivo dun can correndo do reverso da moeda de cinco unidades achega reminiscencias doutras cuñaxes de bronce do século III a. de C. do val de Chiana, cunha cabeza masculina no anverso. Trátase dunha serie illada, cunha unidade de ouro de aproximadamente 0,225 gramos, anterior á principal emisión de ouro de Populonia, cunha unidade de 0,225 gramos, emitida na primeira metade do século III a. de C. e probablemente relacionada coa intervención de Roma, no tempo da rebelión de escravos de Volsinii ca. 265-264 a. de C.

Series de bronce editar

 
Dupondio de bronce de Volterra do padrón do aes grave, ca. 230-220 a. de C. Peso: 288,90 g.

As orixes da moeda etrusca de bronce está nos lingotes premonetarios de bronce denominados aes rude, característicos do centro da Península Itálica e que chegaron a circular por toda Italia a modo de pseudomoedas, polo menos desde o século V a. de C. Cara ao ano 280 a. de C. a libra romana pesaba arredor de 325 gramos e subdividíase en 12 unidades denominadas onzas (duns 27 gramos) e en 288 escrúpulos (de arredor de 1,13 gramos). As posteriores moedas fundidas, xa de forma redonda, coñecidas como aes grave, procedentes de Volterra, Tarquinia, e o val de Chiana, coas súas fraccións (onzas e semionzas), dátanse con seguridade no século III a. de C.[16][17] Estes ases fundidos (non cuñados), parecen ser un reflexo da ampla serie romana. Estímase que a data de inicio desta serie de moedas de bronce fundidas é en 280 a. de C., e foi reducindo progresivamente o seu peso desde un sistema libral ata outro semilibral coincidindo co estoupido da segunda guerra púnica, cara a 217 a. de C., e mesmo ata un sistema sextantal cara a 214-212 a. de C., que acabou coa introdución dunha moeda de prata de 10 ases (denario) , coas fraccións de cinco ases (quinario) e de 2½ ases (sestercio).

Hai dúas amplas series de bronce cuñado de Populonia e Vetulonia próximas ás series romanas posteriores ao padrón semilibral, que Crawford data arredor de 215-211 a. de C., aínda que poderían ser anteriores.[18]

Estudos de numismática etrusca editar

 
Lenda etrusca AREVIZIES, reproducida por Sebastiano Ciampi.[19]

O Renacemento supuxo unha redescuberta da civilización etrusca, que despois dese período se converteu no obxecto de diversos estudos, aínda que as descricións das moedas e as súas atribucións non foron suficientes para achegar a suficiente claridade sobre a cuestión.

 
Lenda etrusca PUPLUNA (Populonia), reproducida por Giuseppe Micali.[20]

O considerado fundador da numismática moderna do mundo clásico, o xesuíta Joseph Hilarius Eckhel (1737-1798), identificou a moeda de Populonia e a de Volterra, mais ampliou a confusión daquela existente ao atribuír o estatero de ouro de Koson á moeda da colonia romana de Cosa, e as moedas de Élide (coas letras F-A no campo) aos Faliscos.[21]

 
Reprodución de tres moedas etruscas nun traballo de Sebastiano Ciampi.[22]

O numismático inglés James Millingen (1774-1845) identificou as emisións etruscas de aes grave como paralelas ás moedas do Reino da Umbría e de Roma, mais considerou como arcaicas as primeiras emisións cuñadas a martelo de Populonia, sobre a base de consideracións estilísticas e dos modelos utilizados. Millingen admitía que a vila puidese estar fundada polos colonos provenientes de Focea en Xonia, e que as moedas de ouro como as que amosan un prótome de león tivesen a súa orixe en Focea.[23]

O numismático italiano Francesco Carelli (1758-1832) catalogou correctamente as moedas de Populonia, aínda que atribuíu as de bronce de Vetulonia á vila de Telamón.[24][25]

 
Theodor Mommsen

Sobre o traballo relativo á historia da moeda romana, Theodor Mommsen (1817-1903), a partir de exemplos de moedas cuñadas desde a época de Solón en Atenas realizou unha análise metrolóxica sobre o tema e datou a cuñaxe da moeda de Populonia a principios da metade do século VI a. de C.[26]

«Para acharmos o prototipo das moedas etruscas de prata cómpre volvermos ás antigas moedas greco-asiáticas cuñadas dun só lado e, por tanto, nun tempo moi remoto. En efecto, a antiga moeda cuñada en Atenas o ano 165 de Roma (594), da Época de Solón, podería ter sido imitada ben axiña en Populonia, á que as minas de ferro de Etruria lle abriran as relacións comerciais con Grecia, logo dun tempo inmemorial».
Mommsen, T.
[27]

Gian Francesco Gamurrini (1835-1923), numismático italiano especializado na moeda etrusca, elaborou un estudo co material daquela dispoñible; seguiu a datación de Mommsen mais apreciou semellanzas entre a litra de Populonia e a moeda de prata de Siracusa, e salientou as similitudes entre os signos de valor das moedas de bronce etruscas e as romanas. Foi o primeiro en publicar, en 1875, o contido do tesouro no que apareceron os tipos de Volterra, ademais doutras descubertas.[28]

Wilhelm Paul Corssen (1820-1875), filólogo alemán especialista nas linguas latina e etrusca, interpretou correctamente a maioría das moedas etruscas, segunda a atrubución admitida xeralmente.[29] Pola súa banda, o filólogo orientalista Wilhelm Deecke (1831-1897) catalogou as emisións monetarias etruscas maioritariamente a partir de pezas dispoñibles en Florencia, Londres e París, ao atribuírlles unha datación tradicional coa anotación dun catálogo de descubertas.[30]

Friedrich Hultsch (1833-1906), numismático alemán, identificou o padrón do scrupulum utilizado para as primeiras moedas de prata, de 11,38 gramos, e confirmou a Mommsen nas súas opinións sobre a orixe babilónica, datando moedas do século V a. de C. Tamén apreciou un paralelismo entre a teoría de Plinio, que data o primeiro denario no 269 a. de C., e o estatero de prata de 20 litras, consonte o padrón monetario ático, que el chama "dobre denario".[31]

O numismático italiano Raffaele Garrucci (1811-1885) foi o primeiro en redactar un catálogo das moedas etruscas, romanas e gregas de Italia cun procedemento moderno e científico, a partir das descubertas en tesouros monetarios. A súa cronoloxía coincide coa de Mommsen, mais rexeita o paralelismo coas moedas romanas.[32]

 
Isidoro Falchi

Outro numismático e arqueólogo italiano, Isidoro Falchi (1838 - 1914), nun traballo publicado en 1891, proporcionou un importante catálogo das moedas de Vetulonia, aínda que cometeu algúns erros na atribución dalgunhas moedas de prata de Papulonia. Falchi adoptou a cronoloxía de Mommsen e os paralelos coa moeda romana.[33]

O traballo de Arthur Sambon (1867-1947), numismático francés especializado na Italia antiga, publicado en 1903, foi máis completo que o anterior de Garrucci. Sambon procurou incluír todos os tipos de moeda coñecidos, e el data os comezos das cuñaxes etruscas a mediados do século V a. de C., sobre a base do estilo e dos padróns monetarios empregados. El estimaba que os etruscos tiñan orixes persas.[34]

Barclay Vincent Head (1844-1914), en Historia Numorum (1887), fixou os comezos da moeda local no século V a. de C. e os das emisións en ouro de Velzna entre os anos 300 e 265 a. de C. Segundo el, antes de 350 a. de C., o padrón utilizado era o eubóico-siracusano da litra, seguido primeiro por un padrón de 1/2 litra, despois, no século III a. de C., por outro de dous escrúpulos e finalmente por un padrón dun escrúpulo, e o seu equivalente en bronce.[35]

O mesmo ano, Etienne Kovacs fixo unha división drástica da produción monetaria en seis períodos que van desde 500 a 200 a. de C., baseándose en parámetros metrolóxicos e aceptando as teses de Mommsen, de Hultsch e de Sambon, e apoiando a orixe asiática do padrón ponderal.[36]

 
Secondina Cesano

En 1926, Secondina Cesano (1879-1973) organizou e datou as series, segundo as probabilidades históricas, nas guerras contra os galos e os romanos desde o século V ata o século III a. de C.[37]

Nese mesmo 1926, Edward Allen Sydenham salientou unha imitación "natural" dos romanos polos etruscos. En consecuencia, datou a prata etrusca con anterioridade a 271 a. de C. e o aes grave no período entre 275 e 268 a. de C.[38]

Walther Giesecke atribuíu as primeiras moedas de prata da Etruria meridional, baseadas no padrón do escrúpulo, no século V a. de C. Giesecke datou as moedas que presentan un prótome dun león despois de 450 a. de C., ao achegalas ao padrón das litras de Siracusa, os estateros de Populonia de 10 litras de padrón ático no século IV d. de C. e os de 20 litras no século III a. de C., baixo influencia romana.[39]

Harold Mattingly (1884-1964) sostén que o estatero de Populonia de 20 unidades foi cuñado segundo o padrón do denario.[40] Na segunda edición, logo da "revolución", cando se reduciu a data da primeira emisión, omitiu a referencia ás moedas de Populonia.[41] Posteriormente atribuíu a serie etrusca de prata lixeira á segunda guerra púnica (218-201 a. de C.) -201), un período considerablemente inferior ao atribuído á introdución do denario, que se estableceu en 187 a. de C.[42]

 
Portada de Testimonia Linguae Etruscae (1968), onde M. Pllottino fai a súa compilación de inscricións etruscas.

O pai da etruscoloxía moderna, Massimo Pallottino (1909-1995), publicou unha colleita de todas as inscricións etruscas coñecidas, que abrangue as atopadas nas moedas, e datounas entre o século V e os comezos do século III a. de C., partindo de consideracións estilísticas.[43]

O numismático dinamarqués Rudi Thomsen (1919-2004), nos seus estudos dobre os comezos da moeda romana, situou a moeda etrusca nun contexto cronolóxico paralelo ao da romana e datou a súa introdución en 311 a. de C., con base nas evidencias achadas nas escavacións de Morgantina, en Sicilia.[44]

Gilbert Kenneth Jenkins (1918-2005), publicou dous traballos ben documentados respecto á datación, nos que se declara o seguinte:

«A datación das moedas etruscas é moi difícil... e non semella haber unha evidencia válida para establecer unha cronoloxía».
Jenkins, K. J.[45]

Jenkins indicou que a serie de Populonia de valores de X e XX unidades seguramente reflectiría o prezo do bronce do centro de Italia. El descubriu que os bronces etruscos "podían datarse con certas tolerancias... tiñan reducións do padrón triental ao sextantal", e tamén postulou que era practicamente imposible que a prata e o bronce puidesen estar en circulación simultaneamente, tendo en conta que o seu estilo é moi diferente.[45] Posteriormente, Jenkins confirmou a datación previa das moedas coa marca de X unidades, aínda que refutou a hipótese de Laura Breglia, que falaba dun padrón ponderal asiático, e as de Walther Giesecke, dun padrón baseado na litra de orixe calcídica. Jenkins optou por un padrón baseado no escrúpulo e o dobre escrúpulo para a Etruria interior.[46]

Durante as décadas de 1960 e 1970 estivo activa a chamada Escola Pliniana, liderada por Francesco Panvini Rosati. A partir de diversos estudos, cuestionou as datacións e as atribucións tradicionais. En 1969, a American Numismatic Society publicou o primeiro volume do Sylloge Nummorum Graecorum, que incluía as imaxes das moedas etruscas propiedade desa sociedade e que se converteron na referencia para o estudo da moeda etrusca.[47]

En 1976 publicouse o libro Contributi Introduttivi allo Studio della Monetazione Etrusca (coñecido como CISME), que abrangue numerosos artigos de investigadores eminentes e de numismáticos como Colin M. Kraay, Massimo Pallottino, Laura Breglia ou Tony Hackens, entre outros moitos. Este traballo foi ben acollido polos tradicionalistas, dado que confirmaba a teoría de Thomsen que trazaba un paralelismo entre a introdución do denario romano e a emisión dos 20 ases co Metus de Populonia.[48]

Patrick Marchetti, levou a teoría de Thomsen á súa conclusión lóxica ao demostrar a relación metrolóxica entre as catro moedas etruscas principais cos signos de valor do aes grave de Roma.[49]

Pola súa banda, Patrizia Petrillo Serafin elaborou o primeiro estudo acerca das secuencias das moedas na numismática etrusca e publicou novamente os datos do tesouro de Populonia de 1939.[50] Marchetti publicou un estudo máis xeral do período, no que confirmou as teorías xa propostas por el no CISME sobre a metroloxía etrusca.[51] No entanto, Marchetti foi criticado por Thomsen pola pertinencia de certas interpretacións sobre os padróns ponderais empregados durante a revalidación do bronce romano. Thomsen centrouse no perfeccionamento e na confirmación da datación das diversas fases da revalidación do bronce do aes grave libral ao bronce uncial durante o século III a. de C.[52]

En 1984 Fiorenzo Catalli utilizou as incisións de Garrucci para ilustrar un catálogo dos tipos clasificados consonte unha datación tradicional.[53] O Ministerio de Bens Culturais de Italia proclamou o ano seguinte, 1985, como ano do Proxecto Etruscos (Progetto Etruschi), baixo o que viu a luz un gran número de traballos sobre a moeda etrusca, así como varios catálogos incompletos sobre ese particular, a partir sobre todo do material existente no Museo Arqueolóxico Nacional de Italia.[54]

Ese mesmo ano publicouse un estudo de Emilio Peruzzi acerca da utilización do bronce na economía premonetaria na Italia central, no que se demostra con claridade, e sen ter en conta as referencias ás tendencias anacrónicas dos autores clásicos, o xeito en que a economía etrusca se integrou coa de Roma e a do centro da Península, en períodos moi distantes.[55]

Tamén en 1985 Michael H. Crawford demostrou que o uso do bronce na Italia central estivera moi espallado antes da aparición da moeda. Crawford confirmou a revitalización do bronce partindo do padrón libral e ata osextantal, no período da segunda guerra púnica. El data o comezo da cuñaxe ao martelo da prata no século V a. de C., en Vulci, e no século IV a. de C. en Populonia. Nas súas palabras:[56]

«.. que aínda que ela xa fora adoptada polas poles gregas occidentais, para todos os efectos prácticos, aínda non fora adoptada en Etruria ata tres séculos despois».
— Michael H. Crawford

En 1988, no catálogo de moedas gregas do Antikenmuseum und Sammlung Ludwig in Basel, datáronse numerosos exemplares que non foran publicados ata entón, en paralelo coa metroloxía romana.[57] E no mesmo ano, Francesco Panvini Rosati, resumindo 80 anos de investigación sobre a circulación de moeda gregas en Etruria e asociando ese material coas descubertas de Pristina, chegou á conclusión de que a moeda de Etruria data do século V a. de C.[58]

Mauro Cristofani sostén que había pouca información salientable publicada sobre Etruria desde o congreso CISME en Nápoles. El data as orixes da moeda etrusca no século V a. de C. ao atribuír a emisión sucesiva da imaxe da Gorgona dos XX ases á derradeira parte do século IV a. de C.[59]


O catálogo de Fiorenzo Catalli, moi ilustrado, resume as investigacións numismáticas desde Petrarca ata a súa publicación, e precisa que a primeira descrición das moedas etruscas fora realizada por Pier Francesco Giambullari (1495-1555) en Il Gello. Catalli enumera 97 tipos de moedas etruscas e dátaas a partir do século V a. de C.[60][61]

Stefano Bruni, nun artigo que fai referencia aos achados de moedas asociadas con obxectos, fixou a data das moedas de bronce de Populonia a finais do século IV a. de C.[62]

Claudia Tesei realizou un catálogo dos estudos sobre a moeda etrusca.[63]

Fabio Vicari publicou un catálogo xeral das moedas etruscas no que se recollen 251 tipos. No entanto, a obra non está acompañada de ilustración ningunha e inspírase en estudos anteriores sen ter en conta a identidade das pezas, os erros nin as repeticións. Aínda así, os gráficos confirman os padróns utilizados e os mapas indican os lugares de procedencia.[64]

Giuseppe Amisano, nunha publicación de carácter xeneralista, inclúe a moeda etrusca, á que lle atribúa unha orixe cara a 550 a. de C. A cronoloxía ignora a contribución dos gregos da Magna Grecia e atribúe aos etruscos a introdución da moeda en Italia. Nese traballo as fontes clásicas son a referencia e o autor dá crédito á proveniencia dos etruscos desde Lidia, xa sostida por Heródoto, onde tería xurdido a moeda.[65]

En 2001 publicouse o primeiro volume da nova Historia Numorum: Italy, un excursus xeral realizado por un grupo de especialistas baixo a dirección de N. K. Rutter. No proxecto tomaron parte numismáticos da relevancia de Andrew Burnett, Crawford e Martin Jessop Price. Neste traballo enuméranse e dátanse os tipos xerais, coa catalogación das descubertas máis recentes de moeda grega en Italia, o que abrangue tamén as moedas fundidas e cuñadas de Etruria, da Umbría e do nordeste e do centro de Italia.

Tamén en 2001 Sandra Della Giovampaola, Paola Bittarelli e Margherita Bergamini publicaron a colección Emilio Bonci Casuccini, de Siena, coa identificación das moedas.[66]

En 2003 Anna Rita Parente publicou un estudo pertencente á serie Sylloge Nummorum Graecorum sobre as moedas etruscas do Gabinete de Moedas e Medallas da Biblioteca Nacional de Francia. Trátase dun dos traballos máis exitosos sobre a datación das moedas etruscas e converteuse nunha obra de referencia para a clasificación destas moedas.[67]

A última publicación salientable sobre a moeda etrusca débeselle a Italo Vecchi e céntrase na produción de moedas fundidas.[68]

Notas editar

  1. Rutter, N. K. (2001). Nº 92-94.
  2. Thompson, M.; Morkholm , O.; Kraay, C. M. (1973). Nº 1.875.
  3. Rutter, N. K. (2001). Nº 513.
  4. Sylloge Nummorum Graecorum. American Numismatic Society. "Macedonia". Nº 942 e 1.005.
  5. Vecchi, I. (2012).
  6. Probablemente producidas en Populonia e atribuídas á ceca de Pisa por Rutter, N. K. (2001). Nº 104-106.
  7. Colin M. Kraay en VVAA (1976). Páxina 795.
  8. Sylloge Nummorum Graecorum. American Numismatic Society. "Sicily". Nº 986-995.
  9. VVAA (1986). Como fra etruschi e celti. Societa Archeologica Comense. Como.
  10. Quaderni Ticinesi di Numismatica et Antichità Classiche. XXII. 1993. Páxina 44.
  11. Rutter, N. K. (2001). 524.
  12. Ciampoltrini, G. (1996). "L'insediamento etrusco nella valle del Serchio fra IV e III secolo a.C. Considerazioni sull'abitato di Ponte Gini di Orentano". En Studi Etruschi. 62. Páxinas 173-210.
  13. Plinio. Naturalis Historia. 23:44.
  14. Rutter, N. K. (2001). 221-222.
  15. Rutter, N. K. (2001). 431, 436, 437, 454.
  16. Rutter, N. K. (2001). 108-110, 212-220, 51, 56-75.
  17. Vecchi, I. (2013). 115-127, 128-144, 144-195, 196-201.
  18. Crawford, M. (1974).
  19. Publicada en Rivista italiana di numismatica. 1891. Páxina 374.
  20. Micali, G. (1849). Storia degli antichi popoli italiani. Vol. I. Florencia. Páxina 146. Nota 153.
  21. Eckhel, J. H. (1792-1798).
  22. Ciampi, S. (1813). Lettera di Sebastiano Ciampi sopra tre medaglie etrusche in argento. Pisa.
  23. Millingen, J. (1841). Páxinas 162-166.
  24. Carelli, F. (1812).
  25. Carelli, F. (1850).
  26. Momsen, T. (1860).
  27. Mommsen, T. Páxina 217 da edición en francés de 1865.
  28. Gamurrini, G. F. (1874).
  29. Coessen, W. (1874).
  30. Deecke, W. (1876).
  31. Hultsch, F. (1882).
  32. Garrucci, R. (1885).
  33. Falchi, I. (1891).
  34. Sambon, A. (1903).
  35. Head, B. V. (1887).
  36. Kovacs, E. (1911).
  37. Cesano, S. (1926).
  38. Sydenham, E. A. (1926).
  39. Giesecke, W. (1928). Páxinas 20-30.
  40. Mattingly, H. (1928). Páxina 12. Nota 1.
  41. Mattingly, H. (1928). Segunda edición (1937): páxina 5 e seguintes.
  42. Mattingly, H. (1929). "The first age of Roman coinage". En Journal of Roman Studies. Vol. 19. (1929). Páxinas 19-37
  43. Pallottino, M. (1968). Nº 357, 378, 409, 459, 789.
  44. Thomsen, R. (1957-1961).
  45. 45,0 45,1 Jenkins, G. K. (1955). "Greek coins recently acquired by the British Museum". En Numismatic Chronicle. Royal Numismatic Society. 45. Páxinas 131-156.
  46. Jenkins, G. K. (1959). "Recent acquisitions of Greek coins by the British Museum". En Numismatic Chronicle. Vol. 19. Royal Numismatic Society. Páxinas 23-45.
  47. Recensión desta publicación en: "Sylloge Nummorum Graecorum. The Collection of the American Numismatic Society. Part I : Etruria-Calabria". L'Antiquité Classique. 1971. 40-1. Páxinas 414-416.
  48. Contributi introduttivi allo studio della monetazione etrusca: atti del V Convegno del Centro Internazionale di Studi Numismatici, Napoli, 20-24 aprile 1975. Istituto Italiano di Numismatica. ISBN 8885914047
  49. Marchetti, P. (1976). "La mythologie des monnaies étrusques avec marques de valeur". En Annali dell'Istituto Italiano di Numismatica. Supl. T. 22. Páxinas 273-296.
  50. Serafin, P. (1976). "Le serie monetarie di Populonia". En I Annali dell'Istituto Italiano di Numismatica. Supl. Vol 22. Páxinas 105-130. Táb. XV-XIX.
  51. Marchetti, P. (1978). "Une mise au point sur la valeur en denier de la drachme polybienne". En Revue Belge de Numismatique. CXXIV. Société royale de numismatique de Belgique. Páxinas 49-52.
  52. Thomsen, R. (1978). "From Libral 'Aes Grave' to Uncial 'Aes' Reduction: The Literary Tradition and the Numismatic Evidence". En Les'dévaluations' à Rome: Époque Républicaine et impériale. École franáise de Rome. Páxinas 9-30.
  53. Catalli, F. (1984).
  54. Cristofani, M. (1985). I bronzi degli Etruschi. Istituto geografico De Agostini. ISBN 978-8840235264
  55. Peruzzi (1985).
  56. Crawford, M. H. (1985). Páxinas 1-60.
  57. Griechische Münzen aus Grossgriechenland und Sizilien. Basilea. Antikenmuseum Basel und Sammlung Ludwig. 1988. ISBN 3905057026
  58. Rosati, P. (1988). "Le monete etrusche: alcune note". En Rivista italiana di numismatica. 90. Società numismatica italiana. Páxinas 45-49.
  59. Cristofani, M. (1989). "La monetazione etrusca dieci anni dopo il Convegno di Napoli". En Annali dell'Istituto italiano di numismatica. 36. Páxinas 83-100.
  60. Catalli, F. (1990).
  61. "GIAMBULLARI (Pierfrancesco), Il Gello (1546)". Ficha do libro: Fondation Barbier-Mueller.
  62. Bruni, S. (1990). "Per la cronologia delle serie enee de Populonia". En Rivista Italiana di Numismatica. 92. Páxinas 11-18.
  63. Tesei, C. (1991). I rinvenimenti di monete etrusche. Primi risultati di una ricerca. Cortone.
  64. Vicari, F. (1991).
  65. Amisano, G. (1992). "Cronologia e politica monetaria alla luce dei segni di valore delle monete etrusche e romane". En Panorama numismatico. 49. Xaneiro. Páxinas 15-20.
  66. Bergamini, M.; Bittarelli, P; Della Giovampaola, S. (2001). La collezione numismatica di Emilio Bonci Casuccini. Giorgio Bretschneider. Roma. ISBN 978-8876892035
  67. Parente, A. R. (2003). Sylloge Nummorum Graecorum France 6,1 : Département des Monnaies, Médailles et Antiques : Italie, Etrurie, Calabre. Bibliothèque Nationale de France. ISBN 978-2717722321
  68. Vecchi, I. (2012).

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar