Moeda aqueménida

moedas do Imperio Aqueménida

A moeda aqueménida é a emitida baixo o poder do Imperio Aqueménida entre o ano 520 a. de C. e o 330 a. de C. O dárico persa foi a primeira moeda de ouro e, en conxunto coa súa correspondente de prata, o siclo, representaron o padrón monetario bimetálico do Imperio Aqueménida Persa.[5]

O Imperio Aqueménida no momento da súa máxima expansión.[1][2][3][4]

Con todo, a moeda aqueménida abrangue non só as emisións oficiais en dáricos e siclos, senón tamén outras cuñaxes realizadas por algún gobernadores aqueménidas (sátrapas), como é o caso dos da Asia Menor.

Primeiras cuñaxes da Asia Occidental baixo o Imperio AqueménidaEditar

 
Moeda tipo de Creso, a creseida, cuñada en Lidia baixo os reinados de Ciro o Grande a Darío I. Ca. 545-520 a. de C.[6]
 
Moeda de Licia, cun prótome de touro no anverso e cun motivo xeométrico incuso punzonado no reverso. Ca. 520-470 a. de C.

Cando Ciro o Grande (550-530 a. de C) accedeu ao poder, a moeda non era algo habitual no seu reino e, no canto dela, utilizábase o troco e tamén os lingotes de prata nas relacións comerciais, unha práctica habitual en Asia Central despois do século VI a. de C.[7][8]

Ciro introduciu a moeda no seu imperio a partir de 546 a. de C., logo da súa conquista de Lidia e a derrota do seu rei Creso, cuxo pai cuñara as primeiras moedas da humanidade. Coa súa conquista de Lidia, Ciro accedeu a unha rexión desenvolvida, cunha metalurxia moi avanzada e xa con medio século de amoedacións, o que facía dese territorio unha das potencias comerciais do seu tempo.[7]

Suponse que Ciro adoptou inicialmente a moeda lidia e logo continuou cuñando as súas propias creseidas coa característica tipoloxía do león e o touro.[7] Os estateros tiñan un peso de 10,7 gramos, un estándar inicialmente creado por Creso e logo adoptado polos persas, que se coñece como "padrón persa". Os persas tamén cuñaron medias creseidas póstumas, cun peso de 5,35 g, o cal se ía converter máis tarde no padrón de peso dos siclos, introducidos á fin do século VI a. de C.[9][10]

Pouco despois de 546 a. de C., Ciro tomou tamén control de toda a Asia Menor, incluíndo outros reinos como Licia, Caria ou Xonia, a partir das conquistas do seu xeneral Harpago.[11]

Coa conquista de Lidia e a adopción do seu sistema monetario, o incipiente Imperio Aqueménida alcanzou a supremacía económica. A ceca foi situada en Sardes, daquela capital de todas as satrapías, rexión que abastecía de moeda circulante.[12]

Canto á tecnoloxía das cuñaxes, ambas as caras eran gravadas por separado. Estas primeiras moedas tiñan un reverso incuso gravado a golpe de punzón, en tanto que os motivos dos anversos consistían nalgunha figura pictórica.[13] As moedas lidias cuñábanse cun dobre golpe de punzón nos reversos, unha técnica que sería simplificado no tempo de Darío, na que se utilizaba unha única punzonada.[12] Algunhas das primeiras cuñaxes de Licia baixo os aqueménidas tamén amosaban un deseño animal nos anversos e punzonadas incusas nos reversos que reproducían formas xeométricas.[14][15]

O tesouro de Apadana (ca. 515 a. de C.)Editar

No momento da fundación do Palacio de Apadana en Persépole, arredor de 515 a. de C., os aqueménidas non deberan ter ideado aínda os seus dáricos e os seus siclos. Isto despréndese do feito de que ningunha destas moedas fose atopada no achado monetario baixo as pedras do devandito palacio. No entanto, neste tesouro apareceron grandes cantidades de creseidas do tipo das cuñadas en Sardes, probablemente baixo o reinado de Darío I, así como estateros de prata importados da Grecia arcaica.[5]

Estes son os tipos máis frecuentes de moedas con presenza no tesouro de Apadana:

Os dáricos e os siclosEditar

Artigo principal: Siclo.
Artigo principal: Dárico.
 
Siclo do tipo I ("rei con arco e frechas", só coa parte superior do corpo), do tempo de Darío I. Ca. 520-505 a. de C.
 
Dárico do tipo II ("rei disparando a frecha"), do tempo de Darío I a Xerxes I, ca. 505-480 a. de C. Non se coñecen siclos deste tipo).[5]

Os primeiros cambios introducidos nas moedas aqueménidas sobre as que herdaron dos lidios ocorreron durante o reinado de Darío I (522-486 a. de C.). Nese período a cuñaxe de creseidas en Sardes foise substituíndo progresivamente pola de dáricos e siclos. Desde arredor de 510 a. de C., Darío simplificou o procedemento de cuñaxe ao limitar a un só golpe de punzón a gravación dos reversos, que nas cuñaxes de Lidia era dobre, e introduciu a imaxe do rei persa no canto do león e o touro característicos.[5][12]

Nunha taboíña de arxila datada no ano 22 do reinado de Darío I (arredor de 500 a. de C.), reprodúcese un siclo co característico guerreiro disparando unha seta, o que supón un testemuño de que tal moeda xa existía na época.[17][18] Por mor desta e doutras descubertas, a creación do dárico e do siclo dátase na derradeira década do século VI a. de C., durante o reinado de Darío I.[5]

As primeiras destas novas moedas aqueménidas eran todas de prata, en tanto que se mantiñan en circulación as de ouro implantadas por Creso. Darío introduciu os novos modelos das moedas de ouro coñecidas como dáricos, tomando o nome da palabra daruiyaka, da antiga lingua persa, que significaba "de ouro".[12] Malia teren desenvolvido os aqueménidas o seu propio sistema monetario, estes seguían recoñecendo e aceptando a produción monetaria local nos territorios controlados por eles, particularmente na Asia Occidental.[19]

Actividade das cecasEditar

 
Localización de Sardes, en Lidia.

A pesar de que os aqueménidas desenvolveron completamente a produción de moeda na Asia occidental, a economía baseada no troco mantivo a súa importancia no corazón de Irán durante todo o período aqueménida, e nesa zona non implantaron obradoiros monetarios. A cuñaxe en Irán non se iniciou ata máis ou menos o ano 330 a. de C., baixo Alexandre o Grande e durante o Imperio Seléucida. A circulación dos dáricos limitábase principalmente á parte occidental do Imperio Aqueménida.[12]

Parece que toda a actividade de cuñaxe dos dáricos e os siclos para todo o imperio estaba centralizada nunha ou, quizais, dúas cecas: en Sardes e, probablemente, en Licia.[20] Sardes mantívose como a ceca central da moeda aqueménida e non hai evidencia doutros obradoiros para as novas moedas aqueménidas durante todo o tempo do imperio.[21] Baseándose nos achados monetarios, Sardes foi con claridade a ceca principal, mais non se pode pechar a posibilidade de que existisen cecas secundarias no suroeste e no noroeste da Asia Menor.[5]

En xeral, a cuñaxe de dáricos e siclos debeu ser en pequenas cantidades en comparación coas doutras producións de moeda local e coa circulación de moedas gregas naquela zona.[22] Malia térense convertido os dáricos de ouro nunha moeda internacional, que chegou a circular por todo o mundo antigo, a circulación dos siclos de prata limitouse practicamente a Asia Menor: os achados importantes de siclos só se producen nesa zona, e os escasos aparecidos noutras áreas sempre son moi marxinais, en comparación coas moedas gregas, mesmo en territorios aqueménidas.[21]

Consonte o numismático británico Martin Preice, non hai dúbida de que algúns tipos de dáricos (que el chama tipo I e tipo II) foron cuñados en Sardes, continuando inmediatamente a produción de creseidas, xa que ambas as moedas tiñan un peso e unha tipoloxía similares. Price insiste en que os achados de creseidas e os tipos de dáricos e siclos que reproducen a figura do arqueiro non se corresponden con emisións imperiais, senón máis ben da satrapía de Lidia.[23]

PadrónsEditar

 
Sistema bimetálico da moeda aqueménida: o valor dun dárico equivalía ao de 20 siclos.

Darío introduciu a reforma do sistema monetario ca. 510-500 a. de C., baseado no dárico como moeda de ouro e o siclo como unidade de prata, cunha taxa de troco entre eles dun dárico por cada 20 siclos (a razón e entre o valor do ouro e o da prata era de 1 a 13).[5][12]

O peso da moeda de ouro era de entre 8,10 e 8,50 gramos, con base no siclo de Babilonia, lixeiramente superior ao padrón utilizado por Creso, de 8,06 gramos.[12] A pureza de ouro era entre 98 % e o 99 %. O valor dun dárico era o mesmo que o de 25 dracmas áticos, o que representaba aproximadamente o soldo dun mes dun soldado.[24] Esta nova moeda adquiriu moita popularidade en todo o mundo antigo durante máis de 150 anos.[12]

Arredor de 395 a. de C., os aqueménidas, encabezados polo sátrapa Farnabazo II, subornaron os estados gregos para atacar Esparta mediante o pagamento de decenas de milleiros de dáricos, que na época estaban a desenvolver unha campaña bélica en Asia Menor dirixidos por Axesilao. Isto supuxo o inicio da Guerra de Corinto. Segundo Plutarco, o rei espartano Axesilao dixo ao saír de Asia "fun expulsado por 10.000 arqueiros persas", en referencia aos dáricos polos deseños dos seus anversos, xa que esa cantidade de diñeiro fora o pagado aos políticos atenienses e tebanos para empezar a guerra contra Esparta.[24][25][26]

Pola súa banda, os siclos tiñan un peso de entre 5,40 e 5,60 gramos, e foi concibido con base na metade do siclo lidio de entre 10,73 e 10,92 gramos por unidade. A pureza era ao principio do 97 % ao 98 %, mais cara á metade do século IV a. de C. se rebaixou ao 94 % ou 95 %. En relación coa moeda ática, un siclo equivalía a sete óbolos e medio.

Aínda que a rexión de Babilonia non cuñara nunca dáricos nin siclos, logo da súa captura por Alexandre o Grande o sátrapa Maceo, reconfirmado no seu posto por Alexandre, emitiu dobres dáricos de 16,65 gramos.[27]

 
Arqueiro de Heracles nunha moeda de Chipre de fins do s. VI ou principios do V a. de C. (esquerda) e siclo aqueménida tipo II (dereita).

DeseñoEditar

A tipoloxía do arqueiro característica da moeda aqueménida pode ter derivado doutras similares da moeda grega do seu tempo, en particular as frechas de Heracles. A adaptación deste deseño para a representación do rei ou o heroe aqueménida nos anversos puido ter o contido de glorificación do rei doadamente intelixible para a poboación helenizada nas zonas occidentais do Imperio Aqueménida, á que, precisamente, se destinaban principalmente estas moedas.[28][29]

Así mesmo, coñécense na arte sumeria outras representacións do rei como un arqueiro (por exemplo disparando desde o seu carro), polo que esta tipoloxía tamén resultaría natural para esa poboación.[28][29]

O arqueiro do tipo II, menos hierático e ríxido que o do tipo I, pode representar a fusión da concepción oriental do rei como cazador real e a occidental como heroe, e presentando o rei aqueménida como un competidor olímpico cun interese propagandístico cara ao oeste.[28][29]

ExtensiónEditar

 
Filipo, ou estatero de ouro de Filipo II de Macedonia (359-336 a. de C.) supuxo a primeira competencia real para o dárico aqueménida.

O dárico converteuse nunha moeda aceptada e desexada en todo o mundo antigo, xa que tiña o formato máis conveniente para intercambiar e acumular riqueza. O ouro cuñado polos gregos foi máis ben escaso, mais os seus tetradracmas atenienses de prata tamén se converteron n unha sorte de moeda global a partir do século V a. de C.[20]

A primeira competencia salientable de ouro para o prestixioso dárico como medio de almacenaxe de riqueza e para facer pagamentos importantes mesmo a nivel internacional veu da man de Filipo II de Macedonia (359-336 a. de C.), que introduciu a súa propia moeda de ouro, o estatero, chamada polos gregos dareikos philippeios ("dárico de Filipo").[20]

Achados arqueolóxicosEditar

Atopáronse dáricos na Asia Menor, en Grecia, en Macedonia e en Italia. Tamén se atoparon siclos en tesouros da Asia Menor, e moedas soltas xunto con outras moedas gregas desde o Antigo Exipto a Afganistán e Paquistán (tesouro Shaikhan Dehri).[20]

A moeda grega no Imperio AqueménidaEditar

 
Moeda do sátrapa de Exipto Sabaces, a imitación da ateniense. Ca. 340-333 a. de C.
 
Fragmentos e pequenos obxectos de prata para o seu uso como moeda polos aqueménidas de Levante, que inclúe xoias e moedas gregas. Ca. 425-420 a. de C.

En todos os achados monetarios do período aqueménida, a moeda imperial (dáricos e siclos) representa unha pequena parte das pezas, entre unha masa máis importante de cuñaxes locais e, fundamentalmente, de emisións do ámbito grego.[30] Por exemplo, o achado do Tesouro de Cabul, en Afganistán, abranguía 30 moedas de varias cidades gregas, 33 moedas de prata atenienses e unha imitación iraniana dunha moeda ateniense, 29 cuñaxes locais e 14 moedas con contramarcas, xunto con só nove siclos imperiais aqueménidas.[31] [32]

Tamén se coñecen cuñaxes de imitacións de moedas atenienses por parte de diversos sátrapas aqueménidas de Exipto, como é o caso de Sabaces (ca. 340-333 a. de C.).

O feito que as moedas gregas (tanto as do período arcaico como as do principio do clásico) sexan comparativamente máis numerosas nos achados en comparación coas imperiais aqueménidas suxire que a circulación de moeda do sistema grego foi fundamental no Imperio Aqueménida.[33] Seguramente o uso destas moedas gregas non tería apoio legal no Imperio Aqueménida, aínda que se valoraban polo valor do seu peso en ouro e prata. De feito, tamén é frecuente a presenza nos achados arqueolóxicos de pequenos obxectos, xoias e fragmentos de diversos obxectos, tamén de moedas, para favorecer o intercambio comercial en función do seu peso.[34]

A moeda grega estendeuse por todo o Imperio Aqueménida. Por exemplo, as moedas gregas achadas no Tesouro de Cabul inclúen os tipos seguintes:[35][36]

A moeda na Asia meridional no Imperio AqueménidaEditar

O Imperio Aqueménida xa chegara ás portas da India durante a expansión orixinal de Ciro o Grande, e a conquista aqueménida do val do Indo dátase arredor de 515 a. de C., baixo Darío I, tras o que se estableceu unha administración na zona conquistada.[7] O achado do Tesouro de Cabul (tamén chamado Chaman Hazouri) axuda a testemuñar e a datar estes feitos.[22][37] [38] [39]

Segundo o numismático británico Joe Cribb, este achado suxire que a idea da moeda e o uso dos cuños foron introducidos na India polo Imperio Aqueménida durante o século IV a.de C.[40] Á parte deste achado, tamén se atoparon máis moedas aqueménidas en Pushkalavati e en Bhir Mound, ambas no actual Paquistán.[41][42]

Cuñaxes serodias dos sátrapasEditar

Durante o século IV a. de C., logo do debilitamento do poder imperial aqueménida, a produción centralizada de siclos minguou e moitos sátrapas comezaron a cuñalos autonomamente por todo o Imperio, con moi boa calidade, dado o desenvolvemento das técnicas de cuñaxe. Coexistían na circulación moedas dos sistemas aqueménida e grego e, mesmo, estes novos siclos dos sátrapas combinaban trazos característicos de ambas as tradicións.[22]

Algúns sátrapas de Exipto cuñaron mesmo imitacións de tetradracmas atenienses.

Primeiros intentos de retratoEditar

Aínda que moitas das primeiras moedas da Antigüidade amosaban imaxes de divindades ou figuras humanas simbólicas, os primeiros retratos de gobernantes vivos apareceron con estas emisións satrapais aqueménidas, no século V a. de C., en particular coas moedas de Licia.[44][45] Xa antes do ano 500 a. de C, os aqueménidas foran os primeiros en representar a persoa do seu rei ou un heroe nos seus dáricos e siclos, dun xeito estereotipado, amosando un busto ou o corpo completo, mais nunca cun retrato real.[28][29][45]

Antes das moedas licias con retratos dinásticos puido darse o caso dun retrato de Temístocles, o xeneral ateniense que chegara a ser gobernador de Magnesia do Meandro dentro do Imperio Aqueménida, arredor de 465-459 a. de C., aínda que hai dúbidas de que as súas moedas poidan representar realmente a Zeus, no canto do propio gobernador.[46][47][48] [49]

A partir dos tempos de Alexandre o Grande, a presenza nas moedas dos retratos dos gobernantes emisores converteuse nun estándar ata os nosos días.[45]

Despois das conquistas de Alexandre o GrandeEditar

Despois da súa conquista do Imperio Aqueménida, Alexandre o Grande estabeleceu os seus propios sátrapas nos territorios conquistados, algúns deles aqueménidas que eran favorables ao invasor, como Maceo, e outros homes próximos a Alexandre e que colaboraran con el, como Balacros. Varios destes sátrapas, como Balacros, continuaron a tipoloxía da moeda aqueménida nas súas emisións, que máis tarde influíron nas cuñaxes imperiais de Alexandre, producidas, por outra parte, nas mesmas cecas.[50]

Mesmo moitos anos despois da morte de Alexandre, continuaron a cuñarse dáricos de ouro de tipo aqueménida en Babilonia, en paralelo ás emisións imperiais alexandrinas. Algunhas destas cuñaxes son datados arredor de 315-298 a. de C. Estes dáricos continuaron a usar os tipos aqueménidas, pero cos reversos lixeiramente mobilizados para incluír patróns ondulados.[51][52]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 O'Brien, P. K. (2002). Páxinas 42-43.
  2. "The expansion of the Achaemenid Empire". En O'Brien, P. (1999).
  3. "The Achaemenid Persian Empire". En Davidson, P. (2018).
  4. 4,0 4,1 Barraclough, G. (1989). Páxina 79.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Alram, M. "Daric". En Encyclopaedia Iranica.
  6. "Kings of Lydia. Time of Cyrus to Darios I. Circa 545-520 BC. AV Stater (8.06 g)". CNC Classical Numismatig Group.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Metcalf, W. E. (2016). Páxinas 61-65.
  8. Bivar, A. D. H. (1971).
  9. Kim, H. S.; Kroll, J. H. (2008). Páxina 55.
  10. Cahill, N.; Kroll, J. H (2005).
  11. Christidēs, A.-Ph et al. (2007). Páxina 924.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 Metcalf, W. E. (2016). Páxinas 63-64.
  13. Dow, J. A. (2011). Páxina 83.
  14. Carradice, I. (1987). Páxina 32.
  15. Kraay, C. M. (1976). Páxina 269: "[...] on the reverse an incuse punch which develops into a distinctive local form incorporating two diagonals between projecting rectangular lugs" [...]
  16. "Lycia, Uncertain. Circa 520-470/60 BC. AR Stater (18mm, 9.18 g)". CNG Classical Numismatic Group.
  17. Daehn, W. (2012). Páxina 17.
  18. Root, M. C. (1989).
  19. Mildenberg, L. (2000). Páxina 10.
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 Metcalf, W. E. (2016). Páxinas 68-71.
  21. 21,0 21,1 Fisher, W. B. et al. (1968). Páxina 619.
  22. 22,0 22,1 22,2 Metcalf, W. E. (2016). Páxinas 70-80.
  23. Price, M. (1989). "Intervention". En Root, M. C. (1989). Páxina 50.
  24. 24,0 24,1 Snodgrass, M. E. (2015). Páxina 125.
  25. Plutarco 15-1-6: "[...] As moedas persas estaban estampadas coa figura dun arqueiro, e Axesilao dixo, en tanto que rompía o campamento, que o rei o estaba a expulsar de Asia con 10.000 "arqueiros", xa que ese diñeiro fora enviado a Atenas e a Tebas e distribuído alí entre os gobernantes locais, e como consecuencia esas xentes fixéronlles a guerra aos espartanos [...]".
  26. Schwartzwald, J. L. (2014). Páxina 73.
  27. Spek, R. J. Van der et al. (2014). Páxina 377.
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 Root, M. C. (1989). Páxinas 43-50.
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 Daehn, W. (2012). Páxina 20.
  30. Kagan, J. (2009). Páxinas 230-231.
  31. Cribb, J. (1985). Páxina 548: "The Iranian imitations were close copies of silver tetradrachms of Athens; the latest Greek coin of the Chaman Hazuri hoard is an example of these Iranian copies of an Athenian coin".
  32. Bopearachchi, O. (2000). Páxinas 300-3001.
  33. Kagan, J. (2009). Páxinas 230-234.
  34. "Eastern Hacksilber". CNG. Classical Numismatic Group.
  35. Kagan, J. (2009). Páxina 230.
  36. Curiel, R.; Schlumberger, D. (1953). Moeda nº 9. Moeda nº 12. Moedas nº 7-8. Moedas nº 31-32-33.
  37. 37,0 37,1 37,2 Bopearachchi, O.; Cribb, J. (1992). "[...] The most important and informative of these hoards is the Chaman Hazouri hoard from Kabul discovered in 1933, which contained royal Achaemenid sigloi from the western part of the Achaemenid Empire, together with a large number of Greek coins dating from the fifth and early fourth century BC, including a local imitation of an Athenian tetradrachm, all apparently taken from circulation in the regio [...]"
  38. Bopearachchi, O. (2000). Páxinas 300-301, 309 e nota 65.
  39. André-Salvini, B. (2005). Páxina 208. Moeda nº 381 .
  40. Cribb, J. (1983). Páxina 101.
  41. "Lot: 658. Two AR bent bars". CNG Classical Numismatic Group.
  42. Bopearachchi, O.; Cribb, J. (1992). Páxinas 57-59: "Silver bent-bar punch-marked coin of Kabul region under the Achaemenid Empire, c.350 BC: Coins of this type found in quantity in Chaman Hazouri and Bhir Mound hoards".
  43. "Extremely Rare Early Silver from the Kabul Valley", CNG 102, Lot:649, CNG Coins
  44. Carradice, I. (1978). Páxina 2: "[...] The earliest attempts at portraiture appear to have taken place in Lycia. The heads of various dynasts appear on coins of the fifth century [...]".
  45. 45,0 45,1 45,2 West, S. (2004). Páxina 68.
  46. Carradice, I.; Price, M. (1988). Páxina 84: "[...] A rare silver fraction recently identified as a coin of Themistocles from Magnesia even has a bearded portrait of the great man, making it by far the earliest datable portrait coin. Other early portraits can be seen on the coins of Lycian dynasts [...]".
  47. Stieber, M. (2010). Páxinas 98-99.
  48. Rhodes, P. J. (2011). Páxina 58.
  49. Howgego, C. (2002). Páxina 64.
  50. Mildenberg, L. (2000). Páxina 10 e nota 8.
  51. "Persia. Alexandrine Empire. Circa 331-288/7 BC. AV Double Daric (16.65 g)". CNG. Classical Numismatic Group.
  52. Hill, G. F. (1922). Páxina cxliii: "[...] At Babylon or other Eastern mints were issued also certain groups of Alexandrine coins which can be identified by means of the symbols and monograms which they bear in common with the double darics [...]".
  53. "Persia. Alexandrine Empire. Circa 331-288/7 BC. AV Double Daric (16.65 g)". CNG. Classical Numismatic Group.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar