Para outros usos deste termo, véxase Óbolo (homónimos).

O óbolo (en grego: ὀϐελός -obelós-; en ático: ὀϐολός -obolós-) foi unha antiga unidade de masa que posteriormente deu lugar a unha moeda da Antiga Grecia, cuñada en prata, divisionaria do dracma.[1][2][3]

Óbolo ateniense posterior ao ano 449 a. de C.

Nas idades Media e Moderna, a denominación foi recuperada para diversas moedas europeas de escaso valor, ata quedar no galego actual para designar unha pequena cantidade de diñeiro coa que se contribúe a algún fin.[4][5]

Na Antigüidade

editar

Unidade de masa

editar

O óbolo foi unha unidade de masa das culturas grega e romana. Na Antiga Grecia correspondíase coa sexta parte dun dracma ou, o que é o mesmo, arredor de 0,72 gramos no sistema actual. Na Antiga Roma, correspondíase coa corenta e oitoava parte da onza romana (0,57 gramos).[6]

Unidade monetaria

editar
 
Óbolo de Tebas. 525-480 a. de C. Peso: 0,90 g.

Aínda que no mundo romano o óbolo se utilizou como moeda de conta, nunca chegou a cuñarse como moeda metálica. Porén, na Grecia antiga, o óbolo foi tamén unha moeda de prata equivalente á sexta parte do dracma, a moeda principal do sistema.

As equivalencias do estatero coas outras moedas do padrón ático é a seguinte:[7]

Neste padrón monetario ateniense, xa que logo, ao óbolo correspondíalle un peso de prata de 0,72 gramos e dividíase, pola súa vez, en oito calcos. Pola contra, segundo o padrón exinético, usado no Peloponeso, o óbolo pesaba 1,04 gramos e subdividíase en 12 calcos. Inicialmente cuñouse en prata e, máis adiante, a partir do período helenístico, en bronce. Segundo Plutarco, os espartanos utilizaron tamén pezas de ferro.[8]

Na seguinte táboa amósanse as moedas emitidas en diferentes épocas do mundo grego antigo como múltiplos e divisores do óbolo:

Múltiplos e divisores do óbolo
Imaxe Denominación Valor Peso
 
Tetróbolo[9] 4 óbolos 2,85 g
 
Trióbolo[10] (hemidracma)[11] 3 óbolos 2,15 g
 
Dióbolo[12] 2 óbolos 1,43 g
 
Trihemióbolo[13] 1,5 óbolos 1,08 g
 
Óbolo 0,72 g
 
Tritartemorion[14] 3/4 óbolo 0,54 g
 
Hemióbolo[15] 1/2 óbolo 0,36 g
 
Trihemitartemorion[16] 3/8 óbolo 0,27 g
 
Tetartemorion[17] 1/4 óbolo 0,18 g
 
Hemitartemorion[18] 1/8 óbolo (1 calco) 0,09 g

Uso funerario

editar
 
Óbolo de Caronte. Pseudomoeda de ouro, non circulante, destinada exclusivamente a fins funerarias. Estas pezas carecen de identificación da autoridade emisora, teñen o anverso incuso no reverso e son máis delgadas cás circulantes, e áchanse adoitoen sitios mortuorios. Diámetro: 12 mm. Peso: 0,23 g.
Artigo principal: Óbolo de Caronte.

Segundo o ritual funerario grego, os mortos eran soterrados cunha moeda dun óbolo (tamén coñecido como danake) na boca, de xeito que, cando a sombra do cadáver chegase a Hades, fose quen de lle pagar ao barqueiro Caronte pola súa pasaxe polo río Aqueronte.

Aínda que é común que nestes casos se utilizasen moedas dun óbolo das emisións regulares, tamén era frecuente utilizar pseudomoedas, ás veces en metais nobres, utilizadas en exclusiva para esta finalidade.[19][20]

Nas idades Media e Moderna

editar
 
Óbolo francés ou maille de Xoana de Constantinopla (1205-1244), cuñado en Valenciennes.

A denominación de óbolo foi recuperada en época medieval para designar diversas moedas de prata, billón ou cobre equivalentes á metade dun diñeiro, en diversos países da Europa Occidental. En ocasións, estes óbolos adquirían denominacións particulares nas súas diferentes áreas de circulación: mealha en Portugal, maille en Francia, miaja ou meaja en Castela, e malla en Mallorca, Cataluña e Valencia.[21]

Durante moito tempo pensouse que este novo óbolo medieval fora introducido no século XI, pero as investigacións recentes amosaron que xa existía en Francia a finais do período merovinxio e no inicio do acarolinxio. Estes óbolos do século VIII teñen a particularidade de seren unifaces e co motivo do anverso gravado en negativo nos reversos, contrariamente á tradición posterior ao século XI, xa con gravado en ambas as faces e cun diámetro inferior ao do diñeiro.[22]

Óbolos cuñados en Galicia

editar
 
Óbolo de Afonso X cuñado na casa da moeda da Coruña

Durante a Idade Media, Afonso X (1252-1284) cuñou na casa da moeda da Coruña moedas de billón tanto dun diñeiro como dun óbolo que amosan un castelo nos seus anversos xunto coa lenda CASTELLE, e un león nos seus reversos rodeado pola lenda LEGIONIS. Como marca da casa da moeda figura baixo o castelo do anverso a tradicional cuncha de vieira.[23]

  1. ὀβολός. En Liddell, H. G.; Scott, R. A Greek-English Lexicon. Oxford. Clarendon Press, 1940.
  2. "Óbolo (2)". En Digalego. Dicionario de galego.
  3. "Óbolo (2)". En Alfaro Asins et al. (2009).
  4. "Glosario de unidades monetarias: Óbolo". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999)
  5. "Óbolo (1)". En Digalego. Dicionario de Galego.
  6. "The Use of Obeliskoi". En Stecchini, L. A History of Measures (Internet Archive).
  7. Renfrew; Wagstaff. 1982. An Island Polity. The archeology of exploitation in Melos. Cambridge University Press. 1982. Páxina 49. ISBN 0521237858. "One Attic talent was the equivalent of 60 minae or 6,000 drachmae..."
  8. Plutarco. Vidas paralelas dos homes ilustrados. (Licurgo, IX, 2–4 e Lisandro, XVII, 3–5).
  9. "Tetróbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
  10. "Trióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
  11. "Hemidracma". En Alfaro Asins et al. (2009).
  12. "Dióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
  13. "Trihemióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009)
  14. "Tritetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
  15. "Hemióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
  16. "Trihemitetartemorion". En Frey, A. R. (1916).
  17. "Tetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
  18. "Hemitetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
  19. Stevens, Susan T. (1991). "Charon's Obol and Other Coins in Ancient Funerary Practice". Phoenix 45 (3): 215-229
  20. Grinder-Hansen, Keld (1991). "Charon’s Fee in Ancient Greece?". Acta Hyperborea 3.
  21. "Óbolo (1)". En Alfaro Asins et al. (2009).
  22. M. Dhénin e P. Schiesser. "Oboles mérovingiennes". En Revue Numismatique. 2007. Páxinas 283-313 e láminas LXII-LXIII.
  23. "A Real Casa da Moeda da Coruña". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999).

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar