Guerras médicas

conflitos que enfrontaron os gregos cos persas

As guerras médicas foron unha serie de conflitos que enfrontaron os gregos cos persas (confundidos polos gregos cos medos, outro pobo iraniano)[1] durante a primeira metade do século V a.C.. En particular, as guerras médicas refírense a unha ou ás dúas invasións persas do territorio grego europeo en -490 e -480-479. Non todos os gregos loitaron contra os persas; algunhas cidades-estado foron neutrais e outras aliáronse con Persia.

Guerras médicas

Un hoplita grego e un soldado persa combatendo nunha escena do século -V.
Data -499 a -449
Lugar Grecia, Tracia, Illas do Exeo, Asia Menor, Chipre e Exipto
Resultado Vitoria grega.
Belixerantes
Polis gregas (cidades-estado) Imperio Persa
Líderes
Milcíades
Temístocles
Leónidas I
Pausanias
Cimón de Atenas
Pericles
Xerxes I
Artafernes
Datis
Artafernes fillo
Mardonio
Hidarnes
Artabazo I
Megabizo II
Forzas en combate
30.000-110.000 (segundo Heródoto)
  • 30.000 espartanos
  • 30.000 atenienses
  • 20.000-50.000 outros

10.000-40.000 (estimacións modernas)

2 600 000 (segundo Heródoto)
  • 1 600 000 infantaría
  • 200.000 cabalaría
  • 1000-1200 barcos
    • 500.000 homes
  • 100.000 mercenarios (árabes, hindús, africanos etc.)
  • 200.000 aliados gregos

100.000-300.000 (estimacións modernas)

O que sabemos hoxe sobre este conflito deriva fundamentalmente de fontes gregas (principalmente Heródoto) e, en menor medida, dalgúns escritores romanos.

Antecedentes do conflito

editar

Os gregos do período clásico crían que, na época escura que seguiu ao colapso dos Micenos, varios grupos de gregos emigraron cara a Asia Menor e instaláronse alí [2][3] Os historiadores modernos aceptan, polo xeral, esta migración como histórica (pero a diferencian da posterior colonización grega do Mediterráneo).[4][5] Porén, hai quen pensa que a migración xónica non pode ser explicada de xeito tan sinxelo como fixeron os gregos.[6] Estes colonos pertenceron a tres grupos tribais: Eolios, Dorios e Xónicos.[2] Os xónicos establecéronse na costa de Lidia e Caria, fundando doce cidades que formaron Xonia[2] Estas cidades foron Mileto, Miunte e Priene en Caria; Éfeso, Colofón, Lébedos, Teos, Clazómenas, Focea e Eritras, Xonia en Lidia; e as illas de Samos e Quíos.[7] Malia que as cidades xónicas foron independentes unhas doutras, recoñecían que compartían un pasado e supostamente tiñan un templo común e un lugar de reunión, o Panionion.[8] Formaron unha liga cultural, na que non admitían a outras cidades, ou incluso a outras tribos xónicas.[9][10]

As cidades de Xonia permaneceron independentes ata que foron conquistadas polos lidios de Asia Menor. O rei Aliates II atacou Mileto, e o conflito rematou co tratado de alianza entre Mileto e Lidia, que significou que Mileto tería autonomía interna pero seguiría a Lidia nos asuntos externos.[11] Neste momento, os lidos estaban tamén en conflito co Imperio Medo, e Mileto enviou un exército para axudar aos lidios neste conflito. Estableceuse un tratado de paz entre Medos e Lidia, no que o río Halys establecía o límite entre ambos reinos.[12] O rei lidio Creso sucedeu ao seu pai Aliates arredor do ano 560 a.C. e conquistou outras cidades de Asia Menor.[13]

O príncipe persa Ciro liderou unha rebelión contra o último rei dos Medos Astiaxes no ano 553 a.C.. Ciro era o neto de Astiaxes e recibiu o apoio de parte da aristocracia meda.[14] Cara ao 550 a.C., a rebelión estaba finalizada e Ciro saíu vitorioso, fundando así o Imperio Achemida.[14] Creso viu este conflito como a oportunidade para expandir o seu reino e preguntou ao Oráculo de Delfos se debía atacar. O Oráculo respondeu cunha resposta ambigua se conducía un exército cara ao leste e cruzaba o río Halis, destruiría un imperio.[15] Cego ante a ambigüidade da profecía, Creso atacou os persas, pero foi derrotado e o Lidia pasou ás mans de Ciro.[16] Por cruzar o Halis, Creso destruíu efectivamente un grande imperio, o seu.

 
O Imperio Persa na súa máxima extensión.

Mentres loitaba cos lidios, Ciro II enviou mensaxes aos xonios animándoos a que se levantasen contra o dominio dos lidios, algo que os xonios rexeitaron.[17] Cando Ciro rematou a conquista do Reino de Lidia, as cidades xonias ofreceron ser os seus vasalos baixo as mesmas condicións que tiveran con Creso.[17] Ciro rexeitou, citando a negativa xonia de axudalo cando llo pediu. Os xonios preparáronse entón para defenderse a si mesmos, e Ciro enviou ao xeneral medo Harpago para conquistalos.[18] Harpago atacou primeiro Focea, onde os seus cidadáns decidiron abandonar a cidade e partir cara ao exilio en Sicilia, antes que pasar a ser vasalos dos persas (aínda que máis adiante algúns regresaron).[19] Algúns dos habitantes de Teos tamén decidiron emigrar cando Harpago atacou a súa cidade, pero o resto dos xonios permaneceron nos seus dominios e foron conquistados.[20]

Nos anos que seguiron as conquistas, os persas viron as dificultades de gobernar aos xonios. Nalgún lugar do seu imperio, Ciro II atopou uns grupos de elite, como os sacerdotes de Xudea, para que o axudaran a gobernar aos seus novos vasalos. Nas cidades gregas non existía ningún grupo así nese momento. Os persas instauraron un tirano en cada cidade xonia. Na antigüidade algúns estados gregos foron dirixidos por tiranos, pero esta forma de goberno estaba en declive.[21] Na véspera das guerras médicas, é probable que a poboación xonia estivera descontenta e lista para a rebelión.[22]

A revolta de Xonia

editar
 
O Imperio Persa no -490.

A revolta de Xonia representa un episodio decisivo cara á confrontación entre gregos e persas. Ten por orixe a vontade de Darío I de controlar as fontes de aprovisionamento de trigo e de madeiras de construción naval de Grecia. Para isto debe atacar, coa axuda de continxentes gregos xonios, nun primeiro momento aos escitas, que fundaran un poderoso imperio na Rusia meridional e cuxas relacións comerciais cos gregos eran frutuosas e activas. Tamén está, sen dúbida, o desexo de controlar a ruta do comercio do ouro, extraído dos montes Urais ou de Siberia e co cal os escitas facían un gran comercio. Certamente a expedición contra os escitas foi un gran fracaso, ao aplicaren estes a táctica da terra queimada ante o exército persa. O exército persa escapa mesmo do desastre e do perigo de ser cercados grazas á lealdade do continxente grego que garda a ponte sobre o Danubio.

Con todo, Darío asegurouse o goberno de Tracia, mentres que o rei Amintas I de Macedonia recoñece a soberanía de Persia (-513). En -508, é a illa de Samotracia a que cae baixo o xugo persa. Mesmo Atenas solicita sobre o -508 a alianza persa. Desta campaña Darío tira a conclusión de que pode contar coa fidelidade dos gregos xonios. Estes, pola súa banda, estiman que poden revirarse sen moitos riscos contra a dominación persa, xa que a expedición contra os escitas demostrou que o imperio aqueménida non era invulnerable.[23]

As orixes da revolta

editar
 
Desenvolvemento da guerra

Xonia sofre nos seus intereses con esta dominación. Está constituída por doce cidades gregas fundadas desde polo menos o século VIII a.C: Mileto, Éfeso, Focea, Clazomenas, Colofón, Priene, Teos, Quíos, Samos, Eritrea, Miunte e Lebedos.[24] Cómpre engadir as cidades da Eólida, rexión situada ao noroeste de Xonia, entre elas a de Esmirna. Estas cidades, das que se apoderara Ciro II a través do seu xeneral Harpago cara ao ano 540 a.C, eran prósperas no momento da conquista. Despois só Mileto dera concluído un tratado de amizade que lle aseguraba unha relativa independencia.[25] Con todo, é Mileto quen está na orixe do levantamento do ano 499 a.C.

Porén a dominación persa non é asoballante. Cada cidade conserva as súas institucións coa condición expresa de aceptar e manter o tirano grego ou o sátrapa[23] ou funcionario persa que ao «Gran Rei» lle prouguese mandar. Darío I e os seus sucesores respectan os costumes dos diferentes pobos do seu imperio e encárganse por veces de chamaren á orde aos funcionarios celosos. Pero Mileto sente ameazada a súa prosperidade coa chegada dos persas.[26]

Desde o 512 a.C, o Mar Negro é un «lago persa», a Tracia volveuse unha satrapía. Pero Mileto fornécese nela de trigo e de todo tipo de materias primas. A isto engádese que o pobo de Mileto viu partir os seus «intelectuais», que emprenden a fuxida ante a dominación persa. Os persas aparecen, aos ollos de numerosos gregos xonios, como bárbaros reticentes aos «encantos» da civilización grega, xa que conservan a súa lingua, a súa relixión e os seus costumes. Por último, a colonización persa fecha o acceso dos mares setentrionais no momento en que Síbaris, o porto de depósito occidental de Mileto, cae baixo os ataques de Crotona (510 a.C). Ademais os persas favorecen sistematicamente aos rivais fenicios de Tiro e Sidón.[23]

Finalmente a toma de Bizancio polos persas péchalle os estreitos e o comercio cara ao Ponto Euxino.[27] Sen dúbida tamén cómpre lembrar o rexeitamento en certas clases sociais da tiranía como réxime político. Cando estoupa a revolta ten como primeira consecuencia, en numerosas cidades, a evicción dos tiranos e a proclamación da isonomía.

O papel de Mileto e a busca de axuda da Grecia europea

editar

A soberanía volve a ser unha prioridade. Esta aspiración de liberdade tiña como teórico a Aristágoras de Mileto. Baixo a bandeira da liberación, xunta as cidades xónicas. O obxectivo de recuperar Bizancio e Chipre aos persas semella realista e move aos gregos de Asia á revolta. Esta prepárase en gran secreto en Naxos e en Mileto. O tirano desta última é Histieo, retido en Susa por Darío, e cuxo home de confianza, que dirixía a cidade na súa ausencia, é o seu xenro Aristágoras, sobriño dun antigo tirano da cidade.[23] Este nun primeiro momento alíase cos persas para recuperar Naxos (-500), que se rebelara, pero xorde rapidamente a inimizade co xeneral persa.

Nese momento recibe consellos de Histieo que o animaba a se rebelar contra Darío. Sen dúbida, tamén teme levar a responsabilidade do fracaso ante Naxos. Tras un tenso consello dos milesios, onde so a voz discordante de Hecateo, un predecesor de Heródoto, se opuña ao proxecto, Aristágoras brandiu o estandarte da revolta (-499) e apodérase de varias naves persas ou fenicias. Proclama daquela a igualdade das cidades xónicas. Pero esta alianza carece dun proxecto claro e, sobre todo, de medios; cómpre, pois, esperar a axuda da Grecia de Europa.

Aristágoras parte no inverno de -499 a Grecia continental para solicitar unha axuda militar. O momento é pouco propicio porque Esparta está dividida pola rivalidade dos dous reis Cleómenes I e Demarato. Canto a Atenas, estase recuperando con traballo das convulsións que ocorreron como consecuencia da aplicación das reformas de Clístenes de Atenas.[23] Finalmente só dúas cidades responden á chamada, Atenas (20 barcos) e Eretria (5 barcos) por recoñecemento cara a Mileto, que noutrora a axudara contra Calcis. En total isto non representa máis que 2.000 homes. Ás cidades gregas de Europa o problema parécelles afastado e os conflitos locais considéranse máis importantes.

As etapas do conflito

editar

Con todo, os persas han precisar seis anos para sufocar a rebelión. En efecto, os primeiros combates son favorábeis aos xonios. A frota grega desfai a frota fenicia tras un primeiro combate nas costas de Panfilia, sen dúbida sobre o 498 a.C.. En terra, os persas prepáranse a cercaren a cidade de Mileto cando Caropino, o irmán de Aristágoras, coa axuda do continxente ateniense, organiza unha manobra de distracción e arrasa Sardes, a antiga capital de Creso, que era a sede dunha satrapía. Pero na volta o sátrapa Artafernes, que cercaba Mileto, intercéptaos nas alturas de Éfeso e consegue a vitoria (primavera de 498 a.C.).

A finais do verán de 498 a.C. o corpo expedicionario grego — ou polo menos o que queda del — marcha para volver a Atenas ou Eretria. Esta defección non impide que a revolta gañe en extensión. No outono de -498, o levantamento gaña Chipre, coa excepción de Citio, así como a Propóntide e o Helesponto ata Bizancio. Despois, á súa vez a Caria rebélase. A principios de -497, a situación dos persas é crítica, pero Darío I reacciona con rapidez e arma simultaneamente tres exércitos e unha nova frota. Nun ano (-497) a revolta é esmagada en Chipre e despois nas cidades do Helesponto. Canto aos carios, son vencidos no río Marsias no outono de -497, malia a axuda dos milesios, e despois en Labranda no verán de -496. Parece que por esta época Aristágoras foxe a Tracia onde morre pouco despois (-497) nun combate escuro. Canto a Histieo, faise pirata no mar Exeo. Morre pouco despois.

Os carios restablécense e inflixen unha grave derrota aos persas no seguinte outono en Pédaso (-496). Finalmente, establécense negociacións longas e penosas e os carios non depoñen as armas definitivamente ata -494. Mileto atópase soa. Ao principio do ano -494, os persas agrupan as súas tropas contra Mileto. A cidade ha de ser asaltada á vez por terra e por mar. Ten lugar unha batalla naval que enfrontou sobre 350 naves gregas a 600 naves fenicias, exipcias e chipriotas diante da illa de Lade durante o verán de -494. A frota grega é destruída. A cidade é tomada e arrasada pouco despois e a súa poboación deportada ás ribeiras do río Tigris. No ano -493 os persas someten as últimas cidades e illas rebeldes (Quíos, Lesbos e Ténedos) mentres que a súa frota recorre vitoriosamente as costas do Helesponto e da Calcedonia.

As consecuencias da derrota xonia

editar

Esta derrota xera en Grecia continental, en particular en Atenas, unha profunda reacción de tristura. Así, o poeta Frínico compón unha peza titulada A toma de Mileto que fai que o público se desfaga en bágoas (o autor foi condenado a unha multa de mil dracmas por lembrar acontecementos malfadados).

A intervención militar persa en Asia Menor virou a Darío cara a Occidente e quizais suscitou nel ideas expansionistas, ou polo menos o desexo de establecer na Grecia mesma réximes que lle fosen favorábeis. O papel desempeñado por Atenas e Eretria amósalle a necesidade de impoñer a súa autoridade nas dúas beiras do mar Exeo. Con todo, coa excepción da sorte de Mileto, Darío usa unha moderación relativa ao impoñer, é verdade, un forte tributo ás cidades rebeldes pero deixándolles a súa autonomía.

Primeira guerra médica (Maratón)

editar

A campaña de 492 a.C.

editar

En efecto, Darío I non esqueceu a axuda, mesmo pequena, achegada por Atenas e Eretria. Preparou unha expedición punitiva contra a Grecia continental. Para isto encarga ao seu xenro Mardonio que retome Macedonia e Tracia, teoricamente sometidas pero cuxas gornicións persas foran evacuadas cando a revolta de Xonia. Na primavera de -492, Mardonio reúne a súa frota e o seu exército en Cilicia, atravesa o Helesponto e cruza Tracia e Macedonia. A frota parte cara a Tasos, sométea e segue a costa europea ata Acanto.

Asaltada por unha violenta treboada, no momento de dobrar o cabo do monte Athos, a frota perde a metade das súas naves (segundo a revista Sciences et avenir estaba prevista unha expedición arqueolóxica en xuño de 2004 para atopar os restos deste naufraxio). Despois, un ataque de tribos de peonios que sorprenderon ao campamento persa provoca numerosas vítimas. En total, as fontes contan máis de 30.000 mortos entre os dous acontecementos. Certamente, cómpre desconfiarmos das cifras dos efectivos militares e das perdas anunciadas, pero está claro que Mardonio debe dar a orde de retirada. Isto non bota para atrás a Darío, simplemente estima agora necesario preparar a seguinte expedición con máis minuciosidade.

A expedición persa de 490 a.C.

editar

Todo o ano -491 conságrase aos preparativos militares e diplomáticos desta ofensiva. Numerosas cidades gregas reciben embaixadores que pedían a súa submisión. Algunhas cumpren a orde, pero Atenas e Esparta rexéitana e matan (segundo Heródoto) os embaixadores persas, sen deixaren de tomar verdadeiras medidas para adiantarse á futura ofensiva.

O exército persa, dirixido polos xenerais Artafernes (exército de terra), un sobriño de Darío, e Datis (frota), cruza esta vez directamente o mar Exeo, dereito cara a Eubea e a Ática, despois de teren tomado de paso o control de Naxos e Delos (490 a.C.). Hai de 100.000 a 200.000 soldados persas segundo as versións, pero os historiadores contemporáneos estiman que a cifra real está comprendida entre 25.000 e 50.000, cousa que xa é considerábel para a época. En total a frota persa representa sen dúbida 600 trirremes. Acada a punta meridional de Eubea, arrasa Caristo, que rexeitaba abrir as súas portas, despois Eretria, abandonada polos seus aliados atenienses, que foi destruída e cuxa poboación foi deportada a Ardéricca, preto de Susa, marcando así a primeira etapa da vinganza do Gran Rei.

A batalla de Maratón

editar
Véxase tamén: Batalla de Maratón.

O exército persa desembarca, aconsellado por Hipias, o antigo tirano de Atenas, a principios de setembro de 490 a.C. na praia de aproximadamente catro quilómetros que rodea a chaira de Maratón, a corenta quilómetros de Atenas. Os atenienses non agardan polo inimigo detrás dos seus muros senón que, conducidos polo estratego Milcíades, os hoplitas atenienses e plateenses, sobre 10.000 homes[28], se lanzan ao encontro do inimigo. O 13 de setembro os persas deciden atacar Atenas por terra e por mar. Unha parte das tropas persas, incluída a cabalaría, embarca, co obxectivo de desembarcar en Falero a fin de chegar rapidamente á Acrópole. As tropas restantes, máis ou menos 21.000 soldados, atravesan entón Caradra, o pequeno arroio que cruza a chaira de Maratón antes de se perderen en marismas litorais, para impediren o regreso das tropas atenienses cara á cidade.

 
A batalla de Maratón - posicións iniciais das tropas gregas (azul) e persas (vermello).

Estas, cos seus aliados da cidade de Platea, ocupan dúas pequenas alturas (o Pentélico e o Parnes) e esperan os reforzos prometidos por Esparta, reforzos que se atrasan. Ante a evolución da situación, os atenienses non teñen xa opción: cómpre enfrontárense aos persas na chaira de Maratón e despois adiantárense ás naves inimigas e gañar Atenas para protexela. Milcíades, un dos dous estrategos atenienses coñece a debilidade do exército persa por ter combatido con eles na ofensiva contra os escitas. En efecto, este exército está composto por soldados de orixes diferentes, que non falaban as mesmas linguas e que non tiñan o costume de combateren xuntos. Ademais, o armamento persa, con escudos de vimbio e picas curtas, non permite os combates corpo a corpo.

Ao contrario, o armamento dos gregos é o dunha infantaría pesada, os hoplitas, protexidos por un casco, un escudo, unha coiraza, grebas e brazais de bronce. Ademais engádese unha espada, unha longa lanza e un escudo de pel e de láminas de metal. Finalmente os hoplitas combaten en ringleiras pechadas (falanxe), cos seus escudos formando ante eles unha muralla. Milcíades convence a Calímaco o polemarco para estender a liña dos soldados gregos, a fin de non ser engulidos polo número, e para reforzar as ás en detrimento do centro. En efecto, os persas dispoñen as súas mellores tropas no centro e trátase, xa que logo, de as envolver.

Os atenienses cargan desde que chegan a tiro de frecha. É, en efecto, improbábel, visto o pesado do equipamento dos hoplitas, que estes efectuasen unha carga de máis de 1500 metros como afirman os historiadores da época. Como estaba previsto, as ás do exército persa, compostas de tropas diversas recrutadas no imperio ou de xonios pouco motivados, foxen en desbandada e embarcan presos do pánico a bordo das súas naves. Pero o centro dos gregos cede. As tropas gregas dispostas nas ás renuncian a perseguir as tropas persas derrotadas e préganse sobre o centro do exército persa nunha perfecta manobra envolvente. Este vese superado.

 
Batalla de Maratón - O asedio duplo dos gregos.

En total morren sobre 6400 persas, a maioría afogados ao fuxiren, e son destruídas sete naves, mentres que os atenienses perden case 200 cidadáns. Unha tal diferenza non ten nada de extraordinario, mesmo se a cifra das perdas persas é sen dúbida esaxerada. En efecto constátase frecuentemente unha proporción dun morto dos gregos por vinte ou trinta dos exércitos orientais nas diversas batallas que os enfrontaban aos pobos de Asia.

Pero é necesario previr a segunda ofensiva dos persas co ataque dos mellores elementos do seu exército que reembarcaran antes da batalla de Maratón. A frota persa necesita sobre dez horas para dobrar o cabo Sounion e chegar a Falero. Tras unhas marchas forzadas de sete ou oito horas, cunha batalla nas costas, os hoplitas gregos chegan sobre unha hora antes cá frota inimiga. Os persas, vendo o fracaso da manobras, renuncian a desembarcar. Así se acaba a ‘’primeira guerra médica’’. Esta vitoria estratéxica converteuse en simbólica para os gregos e deulle un gran prestixio a Atenas. De feito para os persas tratouse sobre todo dun desembarco infrutuoso e dun fracaso menor. A súa expedición deu sometido todas as illas, en todo caso un gran número, do mar Exeo ao poder de Darío I.

Segundo algúns historiadores (que Heródoto rexeita), foi nesta ocasión cando Fidípides (ou Filípides) tería corrido a distancia que se había converter na do maratón. Dito isto, que o episodio de Filípides fose verdadeiro ou non, a fazaña deportiva aquí é colectiva coa marcha forzada dos hoplitas atenienses para impedir o desembarco persa en Falero.

A reacción de Darío a esta derrota é preparar de entrada o seu desquite e unha nova expedición. Élle imposible ao soberano dun imperio tal quedar cunha derrota. Pero daquela estala unha revolta en Exipto, dirixida polo sátrapa Ariandes e ocupa os derradeiros meses de Darío. Este morre en 486 a.C. e sucédeo o seu fillo Xerxes I.

Segunda guerra médica

editar

Os preparativos persas

editar

É certo que para os soberanos persas a derrota de Maratón é un motivo suplementario para acabar dunha vez con Atenas e cómpre considerarmos a expedición de -480 como unha vontade de desquite e unha expedición punitiva. Xerxes animouse a facela polo seu carácter impulsivo e brutal pero tamén polos exiliados de Atenas, numerosos na corte do Gran Rei, así como polo seu tío Artabano.

Para esta expedición os preparativos son moi longos. Antes de nada Xerxes debe reprimir as revoltas de Exipto e de Babilonia, cousa que fai con moi gran brutalidade. Logo, a partir de -484/-483, planifica a invasión de Grecia, non deixando nada ao azar. Así, anima a Cartago a atacar os gregos de Sicilia e de Italia co fin de privar aos gregos da súa eventual axuda. A combinación das dúas expedicións de 480, a de Xerxes e a dos cartaxineses sobre Agrigento e Siracusa, non é unha simple coincidencia e xorde dun plan sabia e pacientemente posto a punto. Os cartaxineses son vencidos en terra e no mar en Himera por Xelón de Siracusa pero non había chegar axuda ningunha a Grecia para loitar contra Xerxes (semella tamén que Xelón pediu esixencias desmesuradas como prezo da súa axuda).

Ademais, os persas alíanse con algúns pobos ou algunhas cidades na Grecia continental mesma, sen contar os Xonios que volveran a ser vasalos do Imperio tras o esmagamento da súa revolta de había quince anos. Así a Lócride e, sobre todo, a Beocia, con Tebas á cabeza, colócanse do lado dos invasores.

O proxecto de invasión escollido é o que defende Mardonio, o fillo dunha irmá de Darío I, un curmán, xa que logo, de Xerxes I. Consiste en retomar o proxecto de invasión por terra de -492 pasando por Tracia e a costa macedonia. Para isto, é necesario segundo Mardonio ter un corpo de exército terrestre considerábel, apoiado por unha frota que transporte o avituallamento e encargada de evitar os contraataques da frota grega sobre a retagarda do exército persa. Para evitar as treboadas do Nordeste frecuentes e brutais na rexión do monte Athos e non reeditar o desastre de -492, un canal corta o Istmo de Acté. Ten 2,4.quilómetros de longo e é ancho bastante para que dúas trirremes circulen. Destacamentos de exploradores persas constrúen pontes sobre o Estrimón. Ademais os fenicios e os exipcios encárganse de construír unha dobre ponte de barcos sobre o Helesponto desde Ábido ata un promontorio situado entre Sesto e Mádito. A primeira ponte está composta por 360 naves e a segunda por 314, que están solidamente ancorados e atados borda a borda con cordas. Logo puxeron táboas cubertas de terra á vez que se instalan altas barreiras de madeira, que serven de parapeto, para que os animais non se asusten do mar. Finalmente escóllense cidades para converterse nos principais mercados que centralicen o aprovisionamento necesario para un exército tal. Son as cidades de Dorisco, Eión e Terme, situadas respectivamente nas saídas dos fértiles vales do Hebro, do Estrimón e do Axio, así como Leuké Acté no Helesponto e Tiródiza.

Os efectivos

editar

Cuestión espiñenta a dos efectivos pois, as cifras dos historiadores da antigüidade parecen fantasiosas. Así Heródoto fala de máis de 500.000 mariñeiros, 1,7 millóns de infantes e sobre 80.000 xinetes. E fala só de combatentes. Os historiadores contemporáneos fan estimacións que varían moito:

  • Efectivos dos persas: de 75.000 homes (segundo o historiador Delbrück) a 300.000 (para Hanson) [29] e de 20.000 a 60.000 xinetes divididos en 6 corpos de exército. A frota posúe un número de unidades de sobre 1.200 trirremes fornecidas basicamente polos fenicios, os exipcios e os xonios. Máis que as cifras, o que importa para os contemporáneos do acontecemento é a impresión dunha leva en masa impresionante. «Asia baleirouse de todos os seus homes» escribe Esquilo na súa traxedia Os Persas.
  • Efectivos dos gregos coligados: nisto tamén diverxen as estimacións: van de 7.000 infantes a 35.000 hoplitas (ao que habería que engadir 40.000 solados armados máis lixeiramente). Por contra, os gregos non tiñan cabalaría. No mar a frota grega só dispón de entre 360 e 380 trirremes[30] ou pentecontéres. Se se admite que cada nave tiña unha tripulación completa (sobre 150 remeiros, unha decena de oficiais, unha decena de tripulantes e sobre 15 soldados) isto representa sobre 70.000 / 75.000 homes.

A formación das tropas persas faise de maneira remarcable. A frota agrúpase na enseada de Focea e na de Cime en Xonia, mentres que as tropas terrestres invernan en Sardes e en Critala, en Capadocia. Á chegada de Xerxes na primavera de -480 coas tropas de elite, o inmenso exército ponse en marcha e chega a Ábido para franquear as pontes de barcos. Segundo as fontes gregas a ponte da dereita é utilizado polos infantes e os xinetes, o da esquerda polos peóns, escravos e bestas de carga. En total, segundo a tradición, esta pasaxe durou sete días e sete noites. Despois o exército diríxese cara a Sesto e logo a Dorisco, onde ten lugar o encontro coa frota.

A reacción dos gregos

editar

A maioría das cidades gregas permaneceron moito tempo sen se inquietar do perigo persa, en particular despois da vitoria ateniense de Maratón. Os gregos recomezan coas súas loitas intestinas unha vez o perigo pasado. Así, Milcíades, despois dun fracaso ante Paros en -489, é tratado ignominiosamente por Atenas e morre pouco despois.[27] De -487 a -486 Atenas tenta en van apoderarse da súa vella rival Exina mentres que Esparta continúa a súa política hexemónica no Peloponeso, converténdose así na cidade máis poderosa de Grecia. No interior de Atenas as loitas políticas opoñen os demócratas, voltos ao poder xusto despois de Maratón, a Xantipo, o pai do futuro Pericles, e a Arístides, máis moderado e que ten o apoio dalgúns aristócratas. É neste contexto cando aparece un terceiro home: Temístocles. É arconte en -493/-492 con 30 anos e estratego tres anos máis tarde (-490/-489). Ambicioso e sen escrúpulos, é elocuente – cousa importante na vida pública de Atenas –, valente e tenaz. Sen dúbida comprendeu antes cós outros que o porvir de Atenas pasa pola creación dunha grande frota permanente. Como arconte proxecta substituír o porto profundo e abrigado do Pireo pola mala enseada, e aínda por riba demasiado aberta, de Falero. Este proxecto, aprazado nun primeiro momento, é activado por Temístocles, elixido estratego despois de Maratón.[27] Os argumentos que avanza son múltiples. Unha frota tal ha permitir a Atenas protexerse contra Exina, cuxos habitantes teñen unha certa propensión á piratería, que molesta o comercio. Está, claro, o perigo persa, que Temístocles estima que está lonxe de rematar pero que é sen dúbida menos mobilizador có argumento de Exina, perigo «máis próximo» para os atenienses. Hai tamén argumentos económicos. Fronte ao rápido crecemento da poboación, é necesario ir buscar o aprovisionamento cada vez máis lonxe, alén do Helesponto ou cara á Magna Grecia (Sicilia e Sur de Italia). Por isto, é indispensábel posuír unha frota que poida controlar as rutas comerciais. Por fin, unha frota representa traballo para unha parte non desprezábel dos habitantes da cidade (remeiros, construción e mantemento das naves etc.).

Resta un problema de envergadura, a saber, o financiamento dun proxecto tal nunha cidade onde as finanzas do Estado non son moi boiantes. Pero en -483 son descubertas as minas de prata do Laurio, ao sueste de Atenas. Temístocles consegue que o produto do arrendamento das minas, sobre 50 a 100 talentos por ano, sexa consagrado á construción desta frota. O seu principal adversario, oposto ao proxecto, é exiliado e Temístocles, coas mans libres, ordena a construción inmediata de 100 trirremes. Os cen cidadáns máis ricos reciben cada un préstamo dun talento para construír e armar unha trirreme. Logo ofrécense cen talentos a 50 naucrarias (grupos de cidadáns): ao seu cargo estará construír e manter dúas trirremes. É o momento. En -480 Atenas posúe sobre 200 trirremes listas para levantar áncora.[27]

Batalla das Termópilas

editar
Artigo principal: Batalla das Termópilas.
 
Recreación da cara de Xerxes I.

O congreso de Corinto

editar

Os preparativos persas non pasaron desapercibidos e reuniuse un congreso das diferentes cidades gregas en Corinto a finais do outono de -481. Por unha vez os intereses inmediatos de Esparta e de Atenas se confunden. Atenas teme a vinganza dos persas polos seus éxitos anteriores e Esparta constata que os enviados de Xerxes se puxeran en contacto coa súa grande rival no Peloponeso, Argos.

Todas as grandes cidades gregas, agás Cirene, Argos, Siracusa, Córcira e Focea, envían representantes ao templo de Poseidón en Corinto. Esparta, en tanto que máis poderosa das cidades, preside o congreso. Hai unha reconciliación xeral, como por exemplo entre Atenas e Exina, e 31 cidades intégranse baixo xuramento nunha liga defensiva contra os persas e preparan continxentes de soldados. O mando das tropas é confiado a dous espartiatas, o rei Leónidas I para os infantes e Euribíades para a frota grega. Pero durante o inverno de -481/-480 os gregos vacilan sobre o plan de campaña e non poden opoñerse á conquista de Tesalia polas tropas persas na primavera de 480.[31]

Daquela os gregos escollen en agosto, mentres os persas invaden a Pieria, unha posición defensiva moi forte nas Termópilas que domina o acceso a Beocia e á Grecia central. En canto á frota, instálase ao norte de Eubea nun lugar chamado Artemisio para lle impedir á frota persa rodear esta posición. En efecto, os persas, para gardaren o contacto coa súa frota, deben tomar a única ruta importante, que pasa polas Termópilas (as «Portas Quentes», a causa das fontes termais que se atopan alí). Alí, entre o golfo Malíaco e a montaña, a estreita calzada pasa por un desfiladeiro cuxa anchura en certos sitios non pasa dos dez metros e que ademais está cortado polos restos dun muro construído en zigzag. Finalmente, os pantanos son numerosos e forman un obstáculo suplementario.

Entre os aproximadamente 7000 a 10.000 homes dos que dispón Leónidas e a frota de Euribíades (con Temístocles á cabeza do continxente das naves atenienses, de lonxe o máis numerosos) os contactos son constantes.

A treboada de Artemisio

editar

Ao saíren de Tesalia, as tropas de Xerxes móvense cara ao sur. Os infantes abandonan a cidade de Terme e chegan trece días máis tarde á chaira traquinia (entre o val do Asopo e a cidade de Antícira). A frota persa parte dez días despois para que a chegada das tropas terrestres e navais sexa conxunta. Euribíades, ante a magnitude da frota persa, deixa Artemisio e navega polo canal de Eubea para ocupar o estreito de Calcis, deixando a Leónidas a mercede dun desembarco na retagarda. Pero esta manobra alenta aos persas a progresaren máis ao sur do previsto e a fondear no cabo Sepiás, preto dunha costa rochosa e escarpada onde non poden botar as súas naves para terra firme e onde a profundidade das augas impide que se amarren ben numerosas naves. Unha violenta treboada de tres días destruíu case 400 naves. Varios milleiros de homes afogaron. A principal consecuencia é que Xerxes, aínda que garda a superioridade numérica, xa non ten a capacidade de dividir as súas forzas navais de xeito que escolten ao exército á vez que libraba batalla coa frota grega. En Calcis, Euribíades toma confianza e vai recuperar a súa garda en Artemisio. Pero malia a treboada, a superioridade numérica persa parece tan tremenda que Euribíades e o seu adxunto, o corintio Adimanto, dan media volta.

Nese momento Aquemenes, un dos medio irmáns de Xerxes e almirante da frota persa, destaca unha escuadra de 200 naves e sobre 40.000 homes para rodear Eubea por mar aberto mentres que o resto da frota fondea no Afetas, fondeadoiro máis seguro có do cabo Sepiás. Previdos desta estrataxema, que lles impide a fuxida polo canal de Eubea ao Sur, e deste novo fondeadoiro, os gregos intentan un asalto e lanzan un ataque sorpresa contra os xonios aliados des persas e afúndenlles unha trintena de naves antes de volveren ao seu punto de amarre de Artemisio. Finalmente, desencadéase unha nova treboada e produce novos danos nunha frota persa cuxas naves están ancoradas, mentres que en Artemisio os gregos, segundo adoitan, tiran as naves a terra firme, cousa que os pon ao abrigo. Sobre todo, esta nova treboada causa a destrución total da escuadra enviada para rodear Eubea.

A batalla

editar
 
David, Leónidas nas Termópilas

Nun primeiro momento, en terra, as tropas de Leónidas manteñen firmemente a súa posición e rexeitan aos persas, inflixíndolles grandes perdas, mesmo aos famosos Inmortais, as tropas de elite de Xerxes. Pero Leónidas é traizoado por un tal Efialtes, fillo de Euridemo, un cidadán de Malia, quen revela aos persas o xeito de rodear ao exército grego, polo sendeiro de Anopea. Leónidas decide entón sacrificarse cos 300 hoplitas espartiatas, así como 700 soldados das cidades de Tebas e de Tespias, para deixar aos gregos o tempo de organizaren a súa defensa e ao exército de se retirar en orde. Os gregos resisten heroicamente arredor do rei espartiata e son todos masacrados por orde de Xerxes. Esta batalla converteuse no emblema da resistencia grega ao invasor e do espírito de sacrificio dos espartiatas. No cumio do Colono, teatro da derradeira resistencia espartiata, sobre o cal se erixiu un mausoleo, unha inscrición do poeta Simónides de Ceos (-556, -467), conmemora esta acción: «Viaxeiro, vaille dicir a Esparta que aquí os seus fillos morreron por obedecer as súas leis».

O saqueo de Atenas
editar

Xerxes retoma a súa progresión por mar e por terra tendo en mente a toma de Atenas. Ao seu paso as cidades de Beocia son obrigadas a capitularen e Tebas embaza a súa reputación cunha rendición sen gloria. Os persas penetran finalmente na Ática e avanzan cara a Atenas. Para os atenienses, a situación é difícil. A cidade non posúe murallas nesa época. Tamén, seguindo o consello de Temístocles, a poboación é evacuada en particular cara a Exina, Trecén e Salamina mentres que os exiliados son convocados, como Arístides, coa anulación de todos os decretos de exilio ditados por razóns políticas. Cimón, o fillo de Milcíades, un dos adversarios, porén, de Temístocles, deposita o seu ex-voto na Acrópole para significar que os tempos da «Unión Sagrada» eran chegados e que era momento de combater non dacabalo senón nos barcos. A cidade é así abandonada, coa excepción dalgúns centos de irredutíbeis que desexan defender a Acrópole e que van pagar este xesto coa súa vida. Os persas, en efecto, toman a cidade de Atenas, e despois a Acrópole, e saquéana completamente, masacrando aos poucos atenienses aínda presentes e que resisten nun combate sen esperanza.

A situación na véspera da batalla e a estratexia de Temístocles

editar

A frota grega está no fondeadoiro de Artemisio cando se desencadea a batalla das Termópilas. Ten ademais que rexeitar un asalto da frota de Xerxes despois dunha batalla moi indecisa, onde varias decenas de naves se perden. Tamén os xefes gregos deciden unanimemente deixar Artemisio, ademais Leónidas está morto e o exército terrestre das cidades gregas coligadas se retira cara ao sur. Na noite, subrepticiamente, a frota dirixida por Euribíades enfila o canal de Eubea e navega cara ao sur.

A situación para os gregos non é esperanzadora, como nos conta Diodoro de Sicilia. A derrota das Termópilas, a submisión da Beocia, a toma de Atenas sementan a desesperanza nos espíritos. Cleómbroto I, o irmán de Leónidas e rei dos espartiatas, só pensa en protexer o Peloponeso coa construción dun muro no Istmo de Corinto. En canto á frota, instálase en Salamina na busca de Temístocles. Este plan, resistir no Istmo de Corinto e no golfo de Salamina, implica o abandono total da Ática, cousa que explica tamén a toma de Atenas, abandonada polos seus habitantes segundo os consellos de Temístocles.

 
A batalla de Salamina, óleo sobre tea pintado en 1868 por Wilhelm von Kaulbach

Temístocles ten un plan preciso que impón contra a opinión de Euribíades. Trátase de combater na enseada estreita de Salamina, pois está convencido, con razón, de que os persas non habían poder emprender a manobra de cerco polas ás debuxada en Artemisio. Ademais está persuadido de que neste paso estreito as naves inimigas se habían molestar mutuamente e serían facilmente abordábeis ou atacábeis co esporón das sólidas trirremes gregas. Finalmente estaba convencido de que ao separar o exército persa da súa frota, esta daría media volta. Ten estes propósitos, relatados por Plutarco de Queronea:

«Nunca daredes parado en terra o fluxo deste inmenso exército. O que cómpre é cortármoslles as subministracións aniquilando a súa frota de aprovisionamento. Reducido pola fame, non lle ha quedar outra que dar media volta. É a vosa única esperanza de salvación».

Euribíades prefire defender outro punto de vista, máis circunspecto. Agora que a frota grega asegurou a evacuación da Ática, cómpre volver á proximidade das forzas terrestres para emprender accións combinadas. Este punto de vista é compartido polos corintios, segunda frota da coalición. Temístocles recibe, con todo, o apoio de Exina e de Mégara, directamente ameazadas en caso de repregue no Istmo de Corinto da frota grega. Nese momento é cando Temístocles, segundo Plutarco e Heródoto, utiliza a astucia e fai chegar unha mensaxe a Xerxes, por mediación dun grego, probabelmente orixinario de Xonia, chamado Sicino, informándoo do desexo de fuga dunha parte dos xenerais gregos polo paso occidental da baía de Eleusis, aínda libre. Esta manobra, hoxe diríamos que de desinformación, funciona plenamente e unha parte da frota persa termina o cerco dos gregos mentres que o illote de Psitalia é ocupado por un destacamento co obxectivo de recoller as tripulacións persas e rematar cos gregos cando comece a batalla.

Os efectivos

editar

O número de efectivos que enfrontaron na batalla de Salamina é difícil de concretar con precisión:

  • Para as forzas gregas podemos considerar que a cifra de 350/380 trirremes[32] é crible, cousa que representa a case totalidade da frota grega. Ademais das naves de Atenas, máis da metade da frota, temos 40 naves de Corinto, unha trintena de Exina, entre 15 e 20 de cidades como Mégara, Sición,...
  • Onde hai máis problema é para calcular os efectivos da frota de Xerxes. Os historiadores antigos, como Heródoto, Diodoro de Sicilia ou o Panexírico de Atenas de Isócrates dan a cifra de 1200 naves. Estas cifras son fantásticas e semellan non ter en conta as perdas sufridas por mor das treboadas e tras a batalla de Artemisio. Ademais, cómpre considerar que a frota persa debe procurar o avituallamento do exército, gardar puntos neurálxicos (estreitos, depósitos,...). Probabelmente hai que admitir unha cifra de 500 a 600 naves como mínimo, cousa que lle permite a Xerxes manter a superioridade numérica e compensar a inferioridade no combate das súas tropas.

A véspera da batalla

editar
 
Trirreme grega

Mentres a frota persa termina na noite o cerco da illa de Salamina, os xenerais gregos seguen vacilando. Con todo, Arístides chega de Exina, tras lograr pasar a través do bloqueo, e informa a Euribíades e a Temístocles de que o bloqueo é total e de que a frota non ten elección. No sucesivo, estando cortada toda posibilidade de retirada, haberá que combater. A astucia de Temístocles tivo éxito. A táctica utilizada é simple. A angostura do estreito fai que so poidan combater as primeiras liñas de naves, cousa que contrarresta a superioridade numérica dos persas. Os combates terrestres precedentes mostraron que o valor no combate dos gregos así como o seu armamento eran superiores, cousa que, no caso dunha abordaxe das naves inimigas, é unha vantaxe. Finalmente, as tripulacións persas, de feito sobre todo fenicios ou xonios, han de estar fatigadas tras teren percorrido algunhas unha distancia media dunha decena de quilómetros desde os seus fondeadoiros de Falero.

Impóñense dous imperativos aos gregos: Ante todo instalárense rapidamente deste lado do estreito para que a masa persa se instale na bocana, pero tamén non recuaren demasiado para que as naves persas non poidan tirar vantaxe da súa superioridade numérica. Hai tamén que evitar un desembarco persa en Salamina onde están refuxiados un número importante de atenienses, protexidos por un destacamento de hoplitas mandados por Arístides.

Os persas prepáranse tamén para a batalla, en particular con esta instalación incrible do trono de Xerxes nas abas do monte Exialeo, coa que dominan o estreito. Pouco antes do amencer do 29 de setembro de -480 Xerxes instálase no seu trono cos seus ministros e oficiais, os seus secretarios encargados de anotaren as fazañas e as faltas que habería que castigar, e a súa garda dos Inmortais. Ao mesmo tempo, a frota ponse en posición. Á dereita atópanse os fenicios das frotas de Tiro e Sidón, dirixidas polos xenerais persas Megabazo e Prexaspes. No centro o corpo de batalla diríxeo Aquemenes, medio irmán de Xerxes, que exerce o papel de Grande Almirante e dirixe máis concretamente as frotas de Cilicia e de Licia. Finalmente, na ala esquerda atópanse as frotas de Xonia, do Reino do Ponto e de Caria, dirixidas por un príncipe aqueménida, Ariabignes, e onde combate Artemisa I, raíña de Halicarnaso, a única que ousou dicirlle a Xerxes, algúns días antes, que había ser mellor evitar o combate.

A batalla

editar

Os persas fan unha falsa manobra, descrita así por Diodoro de Sicilia:

«As naves persas gardaron a súa orde mentres navegaron en mar aberto, pero ao entraren na canle, víronse obrigados a faceren saír da formación a algunhas das súas naves, cousa que produciu unha grande confusión»

Os persas cometen un erro por exceso de confianza e están desorganizados desde o principio da batalla. Nese momento a frota grega aparece e, sen romper as súas liñas, lánzase sobre as naves persas. Hai un punto sobre o que os historiadores están aínda en desacordo: saber cal era a orientación das dúas liñas de naves no momento do impacto. Para algúns está claro que a frota grega está pegada á Illa de Salamina e que a frota persa está aliñada máis ou menos en paralelo á costa da Ática. Para outros, pola contra, a frota grega pecha completamente o estreito, cousa que, daquela, dá unha orientación de batalla perpendicular á orientación do estreito. Esta segunda hipótese é a máis comunmente admitida hoxe. De todos xeitos, calquera que fose o aliñamento das frotas ao principio da batalla, a acción principal desenvólvese na angostura do estreito de Salamina e nas dúas canles que crea o illote de Psitalia entre Salamina e a Ática.

A ala dereita grega, dirixida por Euribíades, e constituída por naves lacedemonias, corintias e exinetas, cede e recúa provisoriamente, baixo os probábeis apupos dos civís amoreados nas beiras da illa de Salamina. Temístocles dirixe todo o resto da frota, a saber, no centro as frotas de Mégara, Calcis e naves atenienses, e, sobre todo, na ala esquerda unha frota homoxénea de sobre 120 trirremes atenienses. Fronte a eles está nos seus vellos adversarios, os fenicios.

Heródoto conta así o desencadeamento desta batalla:

«O ateniense Aminias de Palene, vogando fóra da liña, chocou contra un navío persa e non puido zafarse; ao lanzarse o resto da frota na súa axuda, comezou a contenda. Pero, doutra banda, os exinetas pretenden que foi o navío enviado a Exina o que provocou a loita»

Esta rivalidade de gloria é a tradución dun conflito antigo entre as dúas cidades, pero tamén a tradución dun feito verificado: atenienses e exinetas foron os máis ardentes dos gregos na batalla. Non hai que crer, por outra banda, que a bravura está só do lado dos atenienses e os seus aliados. A presenza de Xerxes I que vixía a batalla, a súa severidade na represión dos covardes ou dos incapaces, as rivalidades entre gregos, fan que os gregos de Xonia sirvan moi lealmente aos persas e se batan encarnizadamente. Mariñeiros de Samos como Teoméstor ou como Fílaco, o fillo de Histieo, mandan a pique naves gregas e han recibir máis tarde numerosas recompensas de Xerxes. Fai falla toda a habilidade dos mariñeiros de Exina para conter o asalto das naves de Ariabignes.

Con todo, a combatividade dos gregos de Xonia, ou dos fenicios fronte a Temístocles na ala esquerda, non basta para contrapesar o erro inicial que fora a desorde introducida nas súas liñas desde antes do ataque. O barullo, o pánico,... conducen ben de naves persas a presentaren o flanco no canto da proa, cousa que, nun combate con esporón, é perigoso, sobre todo fronte a uns gregos que deron mantido a súa formación. Os atenienses realizan unha manobra de serradura particularmente eficaz — un asalto cara a adiante e despois marcha atrás para tomar impulso e volver cara a adiante sen se desviar do eixo de ataque — que sementa a devastación nas ringleiras fenicias.

A batalla xa estaba empezada cando se levanta unha brisa mariña — segundo Plutarco — que non molesta ás naves gregas, cuxas superestruturas son pouco elevadas, pero prexudica claramente aos barcos en particular fenicios cuxa popa é alta e a ponte moi elevada. Se é pouco plausíbel que Temístocles esperase esta brisa para abordar a frota persa, sobre todo porque non puido escoller a hora do enfrontamento, pola contra é máis que posíbel que esperase ese momento propicio para utilizar as súas reservas que, coa axuda da brisa, terminan de sementar o desacougo nas ringleiras inimigas.

O desastre parece irremediábel cando no transcurso do combate a frota de Xerxes perde un dos seus almirantes, Ariabignes, o irmán do Gran Rei, morto por unha xavelina ao saltar á abordaxe dunha trirreme grega. O seu corpo é recuperado pola raíña Artemisa de Halicarnaso quen o ha levar onda Xerxes I. Esta muller, que desaconsellara a batalla, dáse de conta de que todo está perdido. Pero está chea de recursos, a falta de escrúpulos, e para librarse non dubida en mandar a pique a nave de Damasítimo, rei de Calinda (en Licia). O máis sorprendente é que recibiu eloxios de Xerxes por este episodio guerreiro, pois na confusión pareceu que viña de enviar a pique unha nave inimiga. É pouco probábel que teñan sobrevivido moitos calindeos para a acusaren. A propósito deste episodio cóntase a famosa frase de Xerxes:

« Os meus homes volvéronse mulleres e as miñas mulleres homes. »
Na tarde da batalla
editar

O sálvese quen poida vólvese xeral, pero o problema é poder saír da trampa que constitúe o barullo de naves no angosto estreito de Salamina para volver ao fondeadoiro de Falero. A retirada dos barcos persas efectúase na máis completa desorde ao final do día, a batalla durou sobre doce horas. Arístides, á cabeza dun destacamento de hoplitas, desembarca no illote de Psitalia e elimina as tropas que Xerxes instalara a noite precedente. En canto ao propio Xerxes, tivo que abandonar, sen dúbida de xeito bastante precipitado, o seu observatorio, porque os atenienses se apoderaron na tardiña do seu trono, que moitos anos máis tarde lles era mostrado con orgullo aos peregrinos no Partenón.

Con todo Temístocles non quere perseguir a frota persa en mar aberto pois, malia o desastre, conserva probabelmente a súa superioridade numérica. Semella que os gregos non comprenden enseguida a importancia da súa vitoria e que esperan un novo asalto ao día seguinte. A frota persa é incapaz diso, desmoralizada por este desastre. As tripulacións refúxianse en Falero baixo a protección do exército de terra, mentres que as naves exipcias que rodearan a illa de Salamina polo sur para bloquear a entrada oeste do estreito regresan tamén sen seren molestadas. Á caída da tarde o silencio volve ao lugar desta batalla, como escribe Esquilo n’Os Persas :

«Un laio mesturado con saloucos reina só sobre a alta mar ata a hora na que a noite de sombrío rostro ven paralo todo.»

Despois desta batalla, os persas perderon polo menos 200 trirremes, sen contar as caídas nas mans dos vencedores, e os gregos unha corentena.

Os días posteriores a Salamina

editar

A situación despois da vergoñenta derrota de Salamina non é desesperada para os persas. O seu exército de terra está intacto coa excepción das tropas, pouco importantes, masacradas no illote de Psitalia polos hoplitas de Arístides. A frota persa aínda é, malia as súas perdas, superior en tonelaxe e os inmensos recursos do imperio poden permitir a construción de numerosas naves, mentres que para os gregos, a destrución des estaleiros da Ática é unha perda insubstituíbel. Por iso a actitude de Xerxes I despois da batalla formula numerosas interrogantes xa desde a Antigüidade clásica, onde se fala de pusilanimidade do Gran Rei. En efecto, ao deixar o mando do seu exército a Mardonio, o seu cuñado, que xa dirixira a expedición de -492, Xerxes abandona as súas tropas para volver ás súas capitais Susa e Persépolis.

Segue nisto o consello de Mardonio e da raíña Artemisa I de Halicarnaso, a saber, deixar en Grecia un exército importante, (Heródoto fala de 300.000 homes, o que é sen dúbida excesivo), que invernará en Grecia continental, e despois atacar o Peloponeso na primavera. En canto a Xerxes, a súa presenza xa non é útil, posto que acadou o seu principal obxectivo, a saber, a destrución de Atenas. Esta presentación dos feitos permite ao rei persa salvar as aparencias e non volver ao seu imperio como vencido. Xerxes pasa o Helesponto nos derradeiros días do ano -480, non sen dificultade, pois os tracios, furiosos polas requisicións do verán, lanzan numerosos ataques sobre as tropas persas.

En canto aos vencedores, están sorprendidos pola inacción dos persas e non semellan comprender nun primeiro momento a amplitude do seu éxito. Cando parece que os persas se baten en retirada, Temístocles na euforia da vitoria propón cortarlle a Xerxes a ruta de Asia, atravesando o Exeo. Pero Arístides e Euribíades impoñen a prudencia. Ademais, os gregos perderon en Salamina máis de 40 naves e non poden substituílas tan rapidamente como os seus adversarios. Finalmente, enviar toda a frota tan lonxe de Grecia mentres que os refuxiados de Atenas están aínda na illa de Salamina e sen estar protexidas as costas gregas é bastante arriscado. Por último, a estación convértese en perigosa para a navegación. Para Arístides unha eventual derrota de Atenas faríalle o xogo a Esparta, moito máis porque Esparta está a piques de rematar o muro que pecha o istmo do Peloponeso e deixa de sentir a ameaza persa coa mesma intensidade.

Batalla de Platea

editar

Negociacións

editar

Mardonio, o novo xeneralísimo persa, declara despois de Salamina: «Os chipriotas, os homes de Fenicia, de Cnido e de Exipto, foron os únicos vencidos, non os persas, que non puideron combater». Este estado de ánimo é revelador da vontade dos persas de continuar o combate malia a marcha de Xerxes I. Con todo, Mardonio estima imposible a continuación das operacións coa chegada da mala estación e retírase aos seus cuarteis de inverno en Tesalia. Aproveita para lanzar intensas manobras diplomáticas ante Atenas, á que espera separar do resto dos seus aliados. Pero a embaixada enviada á capital ática, baixo a dirección dun príncipe de Macedonia, Alexandre, recibe a seguinte resposta «en tanto o sol siga o seu camiño habitual» os atenienses non se habían aliar co soberano persa. Inquietos, os espartiatas envían eles tamén unha embaixada para contradicir a argumentación dos persas. É recibida friamente polos atenienses furiosos de que se puidese dubidar da súa determinación. Precisan que «o feito de ser gregos, de compartir o mesmo sangue e a mesma lingua, de ter santuarios e sacrificios comúns así como costumes semellantes» lles prohibe a traizón.

Recomezo das hostilidades

editar

Na primavera, Mardonio invade de novo a Ática, que novamente é evacuada polos seus habitantes, reocupa Atenas e instálase en Beocia. Créase unha coalición das forzas do Peloponeso, na primavera de -479 dirixida por Pausanias, rexente de Esparta e sobriño de Leónidas I. Comprende tropas de Esparta, sen dúbida 10.000 hoplitas e de 30.000 a 35.000 auxiliares, máis 8.000 atenienses e algúns millares de homes provenientes das outras cidades de Grecia, como Corinto, Epidauro, Mégara, Platea, Trecén, Calcis, Fliúnte, Exina,... Os gregos aliñan sobre 110.000 soldados en total, ou sexa tres veces menos cós persas, pero xa vimos que isto non era obstáculo ningún. Isto constitúe, con todo, a tropa grega máis considerábel xamais reunida, malia que compra aquí tamén minguar fortemente os efectivos reais.

Os gregos atravesan o Istmo de Corinto, chegando preto de Eleusis co fin de pasar a Beocia. Mardonio escolle unha localización, ao sur de Tebas preto de Platea, que debe favorecer á súa cabalaría. En fronte, os espartiatas ocupan a ala dereita e os atenienses a ala esquerda.

A batalla

editar

Pausanias pasa por ser un xeneral avisado, apto para albiscar os puntos débiles do adversario, pero Mardonio está tamén considerado como un excelente táctico e o mellor xeneral persa. Ademais a marcha de Xerxes I déixalle as mans libres para levar a batalla ao seu xeito. Cada un dos dous xenerais desexa, en Platea, levar ao adversario a se lanzar contra as súas propias posicións.

Nun primeiro momento, Pausanias toma posición no somonte do Citerón mentres que Mardonio instala o seu campamento fortificado na outra ribeira do río Asopo. Un ataque da cabalaría persa sobre as posicións gregas fracasa pero Mardonio fai acosar as liñas de avituallamento dos seus adversarios e os puntos de auga. Pausanias cambia daquela de posición e sitúase na chaira onde un pequeno macizo de outeiros protexe o seu exército dun ataque frontal dos xinetes inimigos. Pero ao cabo de dez días a falta de auga e de víveres obrígao a se retirar, en plena noite, cara a unha posición máis próxima das súas antigas liñas, onde o avituallamento é máis doado. Esta retirada faise nunha certa confusión e as diferentes unidades gregas perden o contacto.

Nese momento, Mardonio comete un erro de apreciación fatal. Estima que a desorganización entre os gregos lle permite lanzar un asalto, o 27 de agosto de -479, no canto de agardar a que as querelas entre os diversos continxentes gregos dividan aos seus adversarios. O ataque persa enfróntase cunha tenaz resistencia, sobre todo da parte dos espartiatas que, aínda que separados do resto do exército, ocupan unha posición dominante que os protexe da cabalaría inimiga. Neste combate é cando morre Mardonio. A morte do seu xefe, e o asalto posterior contra o seu campamento e a chegada das outras unidades gregas que viñan de vencer aos beocios, aliados dos persas, provocan a derrota das tropas de Xerxes I e un masacre en gran número. Ben poucos, ao que parece, deron fuxido para unirse ao outro corpo do exército persa cuxo xefe, Artabazo, en conflito con Mardonio, estaba xa a dar media volta cara ao Helesponto con preto de 40.000 homes. En canto a Tebas, que colaborara cos persas, é tomada rapidamente e os seus xefes son executados. As perdas gregas son estimadas en preto de 3.000 mortos, as do bando persa son imposibles de precisar. Cobrouse un enorme botín no campamento de Mardonio.

O cabo Micale

editar

A vitoria grega vese culminada pola vitoria naval do cabo Micale, no outono de -479, onde a frota persa, polo menos as naves non destruídas en Salamina, que fora sacada a terra preto do cabo Micale é totalmente destruída por un incendio no curso dun ataque lanzado polos gregos. Esta vitoria culmina a vitoria dos gregos e é tradicionalmente considerada polos historiadores como o final da segunda guerra médica. En realidade a partir da primavera de -478 os gregos, e en particular os atenienses, conducidos polo estratego Cimón, lánzanse á conquista das diferentes posicións persas no Quersoneso, no Helesponto e nas illas do mar Exeo. A toma de Sesto en -478, cidade desde onde Xerxes I partira á conquista de Grecia tres anos atrás, é o seu símbolo. Pouco importa que a paz — chamada paz de Calias — non se asine ata -449, pouco importa que a unidade helénica do congreso de Corinto de -481 non se manteña, porque o triunfo grego nestas guerras médicas é total e inaugura o período máis glorioso da Grecia antiga, en particular para Atenas.

Paz con Persia

editar

Logo da batalla de Salamina, Tucídides non fai máis mención do conflito cos persas, dicindo que os gregos simplemente regresaron a casa.[33] Por outra banda, Diodoro Sículo, afirma que no rescaldo de Salamina, asinouse a Paz de Calias cos persas.[34] Diodoro Sículo seguía probablemente a historia de Éforo de Cime neste asunto, quen recibiu influencias do seu mestre Isocrates –de quen se obtén a primeira referencia desta suposta paz no ano 380 a.C.–[35] Incluso durante o Século IV a.C. a idea deste tratado foi controvertida, e dos autores deste período, Calístenes e Teopompo parecen rexeitar a súa existencia.[36]

É posible que os atenienses tratasen de negociar cos persas previamente. Plutarco suxire que no rescaldo da vitoria na batalla do Eurimedonte, Artaxerxes acordou un tratado de paz cos gregos, incluso suxire que Calias foi o embaixador ateniense encargado da negociación. Porén, Calístenes nega que se acordase unha paz no ano 466 a.C.[37] Herodoto tamén menciona, unha embaixada ateniense dirixida por Calias, que foi enviada a Susa a negociar a paz con Artaxerxes.[38] Esta embaixada incluía algúns representantes de Argos, e probablemente tivo lugar no ano 461 a.C.[35] Esta embaixada puido ser un intento de acadar algún tipo de acordo de paz, e suxírese que o fracaso destas negociacións foron o que provocaron que os atenienses apoiaran as revoltas de Exipto.[39]

A opinión entre os historiadores modernos tamén está dividida; mentres que Fine acepta o concepto da Paz de Calias[35] Sealey a rexeita.[40] Holland acepta que algún tipo de acordo foi aceptado entre Atenas e Persia, pero non un tratado.[41] Non hai polo tanto unha existencia clara entre os historiadores modernos de que existira o devandito tratado.

En caso de que realmente existira o tratado de Paz de Calias, os seus termos foron humillantes para Persia. Nas fontes antigas danse detalles do tratado e cales foron os seus termos:[34][35][36]

  • Todas as cidades gregas de Aisa podían vivir baixo as súas propias leis ou ser autónomas –dependendo da tradución.
  • Os persas (e previsiblemente os seus exércitos), non podían viaxar máis aló do río Halis (Isocrates) ou máis cerca dunha xornada a cabalo do mar Exeo (Calístenes) ou máis cerca de tres días a pé do mar Exeo (Eforo e Diodoro).
  • Ningún barco de guerra persa podía navegar ao oeste de Fasélide (na cosa sueste de Asia Menor), así como de Simplégades (probabelmente no punto máis oriental do Bósforo, na costa norte).
  • Se os termos eran respectados polo rei e os seus xenerais, os atenienses non enviarían tropas as terras gobernadas por Persia.

A guerra de Alexandre

editar

Aínda que a priori separada do contexto das precedentes guerras médicas, a invasión do imperio persa por Alexandre foi presentada por este como un desquite que os gregos debían obter, un século e medio despois. Estaba a explotar un resentimento vivo entre os gregos, ao que se engadía nalgúns a lembranza das intervencións financeiras do rei dos persas, que decidiron a miúdo o vencedor nos conflitos no curso do século -IV. Este resentimento motivara en todo caso varias expedicións gregas contra o imperio persa, especialmente a de Naucratis.

  1. Lefèvre 2007, p. 176
  2. 2,0 2,1 2,2 Herodotus I, 142–151
  3. Thucydides I, 12
  4. Snodgrass, pp. 373–376
  5. Thomas & Contant, pp. 72–73
  6. Osborne, pp. 35–37
  7. Herodotus I, 142
  8. Hall, p. 68
  9. Herodotus I, 143
  10. Herodotus I, 148
  11. Herodotus I, 22
  12. Herodoto I, 74–75
  13. Herodotus I, 26
  14. 14,0 14,1 Holland, pp. 9–12.
  15. Herodotus I, 53
  16. Holland, pp. 13–14.
  17. 17,0 17,1 Herodotus I, 141
  18. Herodotus I, 163
  19. Herodotus I, 164
  20. Herodoto I, 169
  21. Fine, pp. 269–277.
  22. Holland, pp. 155–157.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 Philip Huyse, La Perse antique, Les Belles Lettres,‎ 2005
  24. http://www.perseus.tufts.edu/hopper/text?doc=Hdt.+1.142
  25. Pierre Briant, Histoire de l'empire perse, Fayard,‎ 1996
  26. Herodotus V, 31
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 Michel Kaplan, Le Monde Grec, Histoire ancienne, Bréal,‎ 2010
  28. Claude Mossé et Anne Schnapp-Gourbeillon, Précis d’histoire grecque, Armand Collin,‎ 1990, 372 p. (ISBN 2-200-31292-X)
  29. Victor Davis Hanson, Carnage et Culture: Les grandes batailles qui ont fait l'Occident, Flammarion, 2002.
  30. 367 trirremes segundo Ducrey 1999, p. 167
  31. Herodoto
  32. Pierre Ducrey, Guerre et guerriers dans la Grèce antique, Hachette littératures, collection Pluriel,‎ 1999
  33. Holland, Tom (2006). Abacus, ed. Persian Fire: The First World Empire and the Battle for the West. ISBN 978-0349117171. 
  34. 34,0 34,1 Diodorus XII, 4
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 Fine, p. 360.
  36. 36,0 36,1 Sealey, p. 280.
  37. Plutarch, Cimon, 13
  38. Herodoto VII, 151
  39. Kagan, p. 84.
  40. Sealey, p. 281.
  41. Holland, p. 366.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar