Hecateo de Mileto

Hecateo de Mileto, nado en Mileto sobre o 550 a.C e finado sobre 476 a.C., foi un historiador grego. O primitivo do seu método histórico clasifícao entre os logógrafos. Tamén pode considerárselle precedente da xeografía e a cosmografía. Non debe confundirse co seu homónimo Hecateo de Abdera, tamén historiador.

Hecateo de Mileto
Hekataios von Milet.JPG
Nacementoséculo VI a. C.xuliano
Lugar de nacementoMileto
Falecemento475 a. C.
Lugar de falecementoMileto
NacionalidadeMileto
Ocupaciónxeógrafo, historiador, escritor e mitógrafo
Coñecido porGenealogia
editar datos en Wikidata ]
Mapa de Hecateo. Nel represéntase a Terra coñecida (Asia e Europa) como un disco rodeado do Océano.

TraxectoriaEditar

Naceu en Mileto de rica familia e recibiu o nome da deusa Hécate. Chegou á madurez no tempo da invasión persa. Tras longas viaxes asentouse na súa cidade natal, onde ocupou altos cargos e dedicouse á composición de traballos históricos e xeográficos. Cando Aristágoras convocou un consello dos xonios en Mileto para organizar a revolta xónica contra o poder persa, Hecateo tratou en balde de disuadir aos seus compatriotas de levala a cabo [1]. No -494, cando os derrotados xonios se viron obrigados a negociaren a rendición, el foi un dos embaixadores ante o sátrapa persa Artafernes, ao que persuadiu que permitise a reconstrución das cidades xonias.[2]

Hecateo foi un dos primeiros autores clásicos que mencionan aos pobos celtas.

ObraEditar

Atribúese a Hecateo a Ges Periodos ("Viaxes ao redor da Terra"), obra en dous libros, cada un dos cales organízase a xeito de periplo (navegación costeira con escalas). O primeiro, sobre Europa, é esencialmente un periplo mediterráneo, describindo unha por unha cada rexión visitada, chegando ata a Escitia. O segundo, sobre Asia, organízase de modo similar ao Periplo do Mar Eritreo, do que sobrevive unha versión do século I. Hecateo describe os países e pobos do mundo coñecido, sendo a parte de Exipto particularmente completa. As descricións acompáñanse dun mapa, baseado no de Anaximandro, que corrixe e aumenta. Consérvanse 374 fragmentos da obra, a maior parte citados no léxicon xeográfico Étnica, compilado por Estevo de Bizancio.

Tamén se lle coñecen as Genealogiai, compendio racionalmente sistematizado das tradicións e mitoloxía gregas, que rompe coa tradición épica de construción de mitos. Consérvanse poucos fragmentos, pero suficientes para considerar a súa importancia.

EscepticismoEditar

As obras de Hecateo, especialmente as Genealogiai, mostran un marcado escepticismo:

"Isto di Hecateo de Mileto: Escribo o que considero verdade; as historias dos gregos parécenme ridículas".

Ao contrario que o seu contemporáneo Xenófanes, non critica os mitos partindo dos mitos mesmos, senón que a súa incredulidade provén da súa ampla exposición ás moitas mitoloxías contraditorias que atopa nas súas viaxes.

É ilustrativa a anécdota da visita a un templo exipcio en Tebas [3]. O sacerdote mostra a Heródoto unha serie de estatuas no sagrado interior do templo, cada unha supostamente erixida polo sumo sacerdote de cada xeración. Hecateo, di Heródoto, tras presenciar o mesmo espectáculo, mencionou aos sacerdotes que el mesmo podía reconstruír a súa liña de antepasados a través de dezaseis xeracións ata chegar a un deus do que descendía. Os exipcios, comparando a súa xenealoxía coa súa propia manifestada en 345 estatuas, todas de mortais, negáronse a crer a pretensión de Hecateo de descender dunha figura mitolóxica. Este encontro coa antigüidade inmemorial de Exipto considérase unha influencia crucial no escepticismo de Hecateo. O pasado mitoloxizado dos gregos vólvese insignificante cando o compara coa historia dunha civilización que xa era antiga antes de que se fundase Micenas.

Hecateo foi probabelmente o primeiro dos logógrafos en intentar unha seria historia en prosa e en empregar o método crítico para distinguir o mito do feito histórico, aínda que acepta a Homero e outros poetas como autoridades fidedignas. Heródoto debe a Hecateo o concepto de historia en prosa, aínda que ás veces discuta o seu contido.

NotasEditar

  1. Heródoto 5.36, 125
  2. Diodoro Sículo, Biblioteca histórica X.25.
  3. Heródoto II, 143

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar