Moeda sasánida

cuñaxes do Imperio Sasánida

A moeda sasánida é a emitida dentro dos dominios do Imperio Sasánida entre os anos 224 e 651. Xunto coas do Imperio Romano, as cuñaxes sasánidas foron as máis importantes da Antigüidade tardía.[1]

Dinar de ouro de Ardashir I (224-242), da ceca de Ctesifonte, Mesopotamia. A/: Busto coroado de Ardashir con diadema e toucado con orquídeas; lenda pahlavi: mzdysn bgy ’rthštr MRK’n MRK’ ’yr’n MNW ctry MN yzd’. R:/ Lenda NWR' ZY á esquerda dun altar de lume, e 'rthštr á súa dereita.
Extensión do Imperio Sasánida cara a 621

Estas emisións constitúen unha fonte primaria fundamental para o estudo do período sasánida, e de grande importancia na historia e, destacadamente, na historia da arte en xeral.[2][3]

O Sylloge nummorum Sasanidarum é unha serie de publicacións de referencia para o estudo destas moedas.[2]

O sistema monetario sasánida editar

 
Dirham de prata de Bahram II (274-293). A:/ Busto coroado de Bahram II e a súa consorte ollando á dereita, e o seu fillo fronte a eles, cun bonete cunha cabeza de aguia. R/: Altar de lume con encargados; faravahar á esquerda das chamas e símbolo de tauro á dereita
 
Dinar de ouro de Cosroes II (591-628) datado en 611. A/: Busto coroado do rei e lenda pahlavi:GDH 'pzwt' e hwslwd mlk'n mlk'. R/: Busto da divindade Anahita de fronte coa lenda: y'cwysty e 'yl'n 'pzwt hwytk'.

A denominación monetaria principal dos sasásidas, introducida polo rei Ardashir I (224-242) e herdada do Imperio Parto, era o dirham de prata (en pahlavi: drahm), derivado do dracma da Antiga Grecia.[2][4] A maioría dos gobernantes sasánidas emitiron tamén fraccións en cobre, como óbolos e hemidracmas, e tamén tetradracmas.[3]

Con todo, o tetradracma caeu axiña en desuso ao principio do período sasánida, durante o reinado de Bahram I (271-274), cando xa estaba cuñado maioritariamente de cobre e só cunha minúscula proporción de prata, e abandonouse definitivamente con Bahram II (274-293). Do mesmo xeito, os hemidracmas tamén apareceron apenas ao principio do período sasánida, en tanto que os óbolos e os hemióbolos tiveron uso durante un período máis longo, aínda que só se emitían esporadicamente, en ocasións especiais (agasallos de investidura, para esparexer entre as multitudes, etc.). A variante iraniana do óbolo, o dang, cuñouse ata a fin do reinado de Kavad I (488-496 e 498-531).[4][5]

Canto ás moedas de ouro, estas emitíronse en tiraxes limitadas, mesmo con propósito propagandístico e para competir coas equivalentes dos imperios romano e cuxano.[2] Este dinar (en pahlavi: dēnār, derivada do denarius aureus do Imperio Romano) tamén foi introducido por Ardashir I, o primeiro gobernante sasánida. De feito, o sistema monetario parto (o antecesor do sasánida) descoñecía a cuñaxe do ouro.[3] O dinar sasánida pesaba entre 7 e 7,4 gramos ata o reinado de Sapor III (383-388).[6]

Durante os arredor de catrocentos anos de historia sasánida, a cuñaxe de moeda foi un privilexio único dos gobernantes reais, e a tipoloxía destas emisións era invariable ao longo de todo o imperio, o que demostra que as cecas sasánidas estaban baixo o estrito control do poder central do imperio.[2][3] As cuñaxes realizábanse á man e as emisións estaban ben reguladas, e compróbase que as súas cantidades foron moi superiores nos períodos de máxima actividade bélica, sobre todo con Cosroes I (531-579) e Cosroes II (590-628), polo que o seu uso parece estar moi vinculado ao pagamento de tropas, á parte dos impostos e os usos cotiáns do pequeno comercio.[3][4]

Caracterización e iconografía editar

 
Un exemplo arquetípico de moeda sasánida, a nome de Shapur I

As moedas sasánidas amosan unha tipoloxía iconográfica moi constante desde o século III ao século VII, coa excepción de que os retratos son progresivamente máis estilizados. En palabras de Darley e Canepa:[2]

As moedas amosaban adoito o retrato real no anverso e un altar con lume con dous asistentes no reverso. As moedas sasánidas contiñan múltiples grafilas e as das últimas épocas portaban como característica símbolos astrais por fóra das grafilas. As lendas estaban en pahlavi e estaban compostas polo nome e os títulos do shahanshah ("rei de reis") nos anversos e nos reversos a frase "lume de (nome do rei)" e, por veces, un slogan. Ocasionalmente indicábase a localización do lugar de cuñaxe. Cada rei adoptaba unha coroa persoal con símbolos divinos e astrais que, en xeral, eran únicos para el, coas excepcións dos casos de rexencia compartida (por exemplo, Ardashir I e Shapur I). Xa no período sasánida tardío, as coroas vólvense moi estilizadas e, con frecuencia, similares. Se un rei sufría unha grave derrota, podía adoptar unha nova coroa (por exemplo, Narsés).

Influencia noutras emisións editar

Segundo Darley e Canepa, a moeda sasánida foi utilizada amplamente no comercio, especialmente con China e Asia Central, e serviu de modelo para outras emisións en áreas adxacentes ao imperio, como as gobernadas polos Eftalitas e os Kidaritas.[2]

A partir da conquista árabe de Persia, o califato omeia copiou as moedas sasánidas, ás que lles engadiron, habitualmente, algunhas lendas en árabe. Estas moedas, chamadas árabe-sasánidas, cuñáronse no corazón do antigo imperio sasánida e amosaban os mesmos motivos que aquelas, entre eles o tradicional altar con lume de Zoroastro.[7] Cando se creou, durante o reinado de Abd al-Malik ibn Marwan (685-705), unha nova tipoloxía de moeda musulmá anicónica, os novos dirhams de prata aínda amosaban trazas das tradicionais cuñaxes dos sasánidas.[2]

Sylloge Nummorum Sasanidarum editar

Malia a existencia de diversos estudos acerca da moeda sasánida, a cantidade destas moedas estudadas e publicadas é relativamente escasa, en comparación coa doutras épocas e culturas, e a súa interpretación está aínda nun estadio pouco desenvolvido. Para suplir esta carencia, o Consello Internacional de Numismática, xunto co Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS), de París, e o Instituto Italiano para a África e o Oriente (IIAO), de Roma, en colaboración co Departamento de Linguas e Civilizacións de Oriente Próximo da Universidade Harvard e a Academia Austríaca de Ciencias, en Viena, botaron a andar o proxecto de investigación Sylloge Nummorum Sasanidarum (SNS).[8]

O seu primeiro obxectivo é a publicación de todas as moedas sasánidas depositadas en tres institucións museísticas: o Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, os Museos Estatais de Berlín e o gabinete numismático do Museo de Historia da Arte de Viena. O número total de moedas sasánidas destas tres institucións é de arredor de 12.000.[8]

Estes son os volumes aparecidos ata o de agora:[8]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Darley, R. (2018).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Darley, R.; Canepa, M. (2018).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Schindel, N. (2005).
  4. 4,0 4,1 4,2 Gignoux, P.; Bates, M. (1995a).
  5. Album, S.; Bates, M.; Floor, W. (1992).
  6. Gignoux, P.; Bates, M. (1995b).
  7. Bates, M. (1986).
  8. 8,0 8,1 8,2 "Sylloge Nummorum Sasanidarum Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". Österreichische Akademie der Wissenschaften.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar