Moeda grega da Península Itálica e Sicilia
A moeda grega da Península Itálica e Sicilia orixinouse no seo das poboacións locais dos italiotas e dos siciliotas, comunidades prerromanas grecoparlantes do período helenístico procedentes de emigrantes gregos que formaron numerosas cidades-estado nas que facían as súas propias emisións. Taras (actual Tarento), foi unha das máis prominentes.[1]
O sur da Península Itálica estaba ata tal punto helenizado que pasou a coñecerse como Magna Grecia.
Cara ao século II a. de C., algunhas destas emisións gregas evolucionaron baixo o dominio Romano, ata constituíren as prmeiras das coñecidas como moedas provinciais romanas.
Caracterización
editarUnha temática recorrente nas emisións de moeda italotas eran os bustos dos deuses e outras figuras mitolóxicas, e algunhas outras representaban animais e outros símbolos. Sirvan como exemplo as cuñaxes de Síbaris, coa deusa Minerva, as de Kroton (Crotone), co busto de Hércules ou as de Posidonia (Paestum), coa figura de Poseidón. As moedas da cidade de Taras, a máis próspera, caracterízanse pola presenza de golfiños e de cabalos de mar (estes últimos, cando van alados, refírense a Poseidón). Algunhas moedas destas cidades (Gela, Neapolis...) representan un touro con face humana, o que probablemente aluda a algunha clase de alianza cos romanos.[2] A cidade de Gela en Sicilia, fundada por colonos rodios, que tomou o nome do do río que a atravesa, amosa nas súas moedas representacións diversas do deus do río local.[3]
Por outra banda, algúns tiranos na Magna Grecia conmemoraron as súas vitorias nos Xogos Olímpicos mediante a cuñaxe de moedas alusivas ás súas vitorias acadadas neles.[4]
O estilo dos motivos presentes nas moedas pódense pór en paralelo cos da olaría da rexión, o que nalgúns casos serve como método de datación desas pezas cerámicas, tendo ademais en conta que a data de fundación de varias destas cidades é ben coñecida.[5]
Padrón ponderal
editarOs pesos das primeiras emisións de prata foron tomados dos mercadores corintios, cos que Taras mantiña unhas ligazóns comeciais moi estreitas. Este feito trouxo tamén consigo o padrón persa para as cuñaxes de ouro da Magna Grecia. Máis tarde utilizouse tamén durante un breve período o padrón de Exina, que chegara da man dos colonos calcídicos, antes de asumir definitivamente o padrón ático, de Atenas.[6]
Para o ouro, porén, utilizouse o talento siciliano (ou macedonio), en lugar do talento ático, máis pesado, utilizado en Grecia.[7]
Magna Grecia
editar- Artigo principal: Magna Grecia.
A rexión de Magna Grecia incluía orixinariamente as cidades gregas de Cumas, Heraclea, Caulonia, Kroton, Locri, Neapolis, Metaponto, Síbaris, Taras, Turios e Reggio di Calabria. Case todas elas cuñaron a súa propia moeda, amosando motivos particulares nos seus anversos e reversos (Metaponto: espiga; Locri: aguia atacando unha lebre; Cumas: cuncha, etc.).[3][8][9][10]
As cidades de Taras, Metaponto, Síbaris e Kroton foron fundadas entre o 750 e o 650 a. de C. e é probable que trouxesen directamente desde as súas zonas de orixe o coñecemento das técnicas de cuñaxe, que apareceran pouco tempo antes.[11]
Taras
editarAs moedas de Taras do século IV a. de C. caracterízanse pola figura dun soldado de cabalaría que porta un escudo (naquel momento, ningún outro exército dotaba de escudos a súa cabalaría) e tamén pola presenza de elementos mariños como os golfiños e os cabalos de mar.[12][13][14]
En toda a área de influencia grega era común que os padróns ponderais da moeda helenística fosen minguando progresivamente. Unha das máis singulares destas reducións de peso pode atribuírse por si mesma a un acontecemento: durante as guerras pírricas (280-275 a. de C.) as dimensións das emisións de Taras diminuíron sensiblmente, do mesmo xeito que ocorreu noutras comunidades gregas da Península Itálica.
As moedas de prata de Taras, Kroton, Heraclea, Turios e Metaponto tiñan un peso de 7,9 g antes da guerra e logo descendeu ata 6,6 g. As posteriores emisións monetarias tarantinas sufriron unha mingua de arredor do 5 %. Esta tendencia descendente viuse ademais significativamente afectada pola tensión financeira causada aos gobernos das cidades-estado por outros confitos bélicos do momento, como foi o da resistencia á expansión de Roma.[15]
Sicilia
editarNaxos era a cidade grega máis antiga da illa, fundada polos colonos calcídicos en 735 a. de C., e foi tamén a primeira cidade siciliana en emitir moeda. Dado o enriquecemento da cidade debido ao mercado do viño, tomouse para as primeiras emisións a figura do deus Dioniso. Outro tema recorrente nas emisións posteriores foron os sátiros.
Pola súa banda, Katana, fundada en 730 a. de C. por colonos que abandonaran a cidade de Naxos, tivo sona pola mestría dos seus gravadores, que deu como resultado unhas moedas de prestixio recoñecido. Finalmente, Dionisio I, tirano de Siracusa, destruíu a cidade de Naxos en 403 a. de C. e os seus superviventes fundaon Taormina en 358 a. de C.[3]
Hímera e Zancle (Messina), tamén fundadas por colonos calcídicos, foron outras das primeiras cidades-estado da illa de Sicilia que cuñaron moeda.
Durante o século IV a. de C. as emisións de moeda comezaron a escasear na illa, por causa da expansión cartaxinesa en Sicilia, ata o punto de que as moedas púnicas e os estateros corintios chegaron a se converter na parte máis substancial do seu circulante. E esa situación agravouse aínda máis no século III a. de C., cando as cuñaxes locais chegaron practicamente a desaparecer (coa excepción da moeda de cobre), como consecuencia da segunda guerra púnica, de xeito semellante ao ocorrido no sur da Península Itálica.[16]
Siracusa
editarNo século VI a. de C. Siracusa empezou a emitir as súas propias moedas, baseándose no padrón ponderal ático-euboico, que axiña foron adoptadas por outras cidades-estado de Sicilia. No século V a. de C., caracterizado por un goberno forte e unha sociedade moi amplamente militarizada e gobernada polos tiranos, producíronse emisións monetarias moi abundantes.[16]
Moeda provincial romana
editar- Artigo principal: Moeda provincial romana.
Cara ao 210 a. de C., Roma controlaba todas as cidades gregas da rexión e ao principio do século seguinte xa se pode apreciar unha clara influencia romana nas súas moedas, tanto na súa iconografía como no seu estilo. A moeda grega da Península Itálica neste período clasifícase adoito dentro das chamadas moedas provinciais romanas.[17][18]
Notas
editar- ↑ Kovalenko, Sergei (2017).
- ↑ Noel Humphreys, Henry (1851). Páxinas 43-45.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Sayles, Wayne. (2007). Páxinas 33-39.
- ↑ Schaus, G.; Wenn, S. Onward to the Olympics: Historical Perspectives on the Olympic Games. Wilfrid Laurier University Press. 2009. ISBN 978-1-55458-779-7. Páxinas 187, 190.
- ↑ Birch, Samuel. History of Ancient Pottery. Cambridge University Press. 2015. Páxina 264. ISBN 978-1-108-08190-0
- ↑ Hands, Alfred. (1909). Páxinas 308-309.
- ↑ "The greek System". En Ridgeway, W. (1892). Páxina 304.
- ↑ "La iconografía de la Magna Grecia". En Arévalo, María Beatriz (2015). Páxinas 16-20.
- ↑ "La iconografía de la Magna Grecia". En Los tipos de monedas griegas. www.munsonimismatica.com.ar
- ↑ "Coins of the Finest Period of the Greek Cities of the South opf Italy". En Noel Humphreys, Henry. (1869). Páxinas 66-72.
- ↑ "Greek Numismatics". En Saturday Review of Politics, Literature, Science and Art. 16 de agosto de 1873. Páxina 223.
- ↑ "Taras: the Boy on a Dolphin". En Doug Smith's Ancient Coins.
- ↑ "Tarantine Cavalryman". En Head, Duncan (2012). Páxina 233.
- ↑ "La moneda de la Magna Grecia: Tarento (Calabria)". En Monedas con Historia. 29 de marzo de 2014.
- ↑ Howgego, Christopher. (2002). Páxinas 114-115.
- ↑ 16,0 16,1 Robinson, E. S. G. "Money". En Khibley, Leonard. (1931). Páxinas 547-548.
- ↑ Harl, K. W. (1996). Páxinas 106-117.
- ↑ "Algunas cecas provinciales romanas". En www.tesorillo.com.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar- Moeda da Antiga Grecia
- Moeda da Antiga Roma
- Moeda da Guerra Social (91-88 a. de C.)
- Sylloge Nummorum Graecorum
- The Roman Imperial Coinage
- Description historique des monnaies frappées sous l'Empire romain
Bibliografía
editar- Arévalo, María Beatriz (2015). La iconografía en la moneda greco-romana. Museo Histórico y Numismático José Evaristo Uriburu. Banco Central de la República Argentina.
- Breglia, L. (1969): La circolazione della moneta ateniese in Sicilia e in Magna Grecia: atti del I convegno del Centro Internazionale di Studi Numismatici, Napoli, 5-8 aprile 1967. Roma. Istituto italiano di numismatica.
- Butcher, Kevin (1988). Roman Provincial Coins. An Introduction to the 'Greek Imperials'". Trafalgar Square. ISBN 978-1852640101
- Hands, Alfred (1909). Coins of Magna Graecia: the coinage of the Greek colonies of southern Italy.
- Harl, K. W. (1996). Coinage in the Roman Economy, 300 B.C. to A.D. 700. Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0801852916
- Head, Duncan (2012). Armies of the Macedonian and Punic Wars. 359 BC to 146 BC. Wargames Research Group. ISBN 978-1-326-25656-2
- Howgego, Christopher (2002). Ancient History from Coins. Routledge. ISBN 978-1-134-87784-3
- Khibley, Leonard (1931). A Companion to Greek Studies. 4ª ed. Cambridge University Press.
- Kovalenko, Sergei (2017). Sylloge Nummorum Graecorum: Greek coins of Italy and Sicily. Vol II. "L'Erma" di Bretschneider. ISBN 978-88-913-0874-0
- Noel Humphreys, Henry (1851). Ancient Coins and Medals: An Historical Sketch of the Origin and Progress of Coining Money in Greece and Her Colonies; Its Progress with the Extension of the Roman Empire; and Its Decline with the Fall of that Power. Grant & Griffith.
- Noel Humphreys, Henry (1869). The Coin Collector's Manual; Or, Guide to the Numismatic Student in the Formation of a Cabinet of Coins: [...]. Bell & Daldy.
- Ridgeway, W. (1892). The Origin of Metallic Currency and Weight Standards.
- Rutter, N. K. (1997). The Greek Coinages of Southern Italy and Sicily. Spink. ISBN 9780907605829
- Sear, D. S. (1991). Greek Imperial Coins and Values, The Local Coinages of the Roman Empire. B. A. Seaby Ltd. ISBN 978-0900652592
- Sayles, Wayne (2007). Ancient Coin Collecting II: Numismatic Art of the Greek World. Krause Publications. ISBN 9780896895164