Historia de Grecia

Grecia prehelénica
Prehistoria de Grecia
-3200 Civilización cicládica
-2700 Civilización minoica
 -1550 Civilización micénica
Grecia antiga
 -1200 Idade escura
 -800 Época arcaica
 -510 Época clásica
 -323 Época helenística
 -146 Grecia romana
Grecia medieval
 330 Imperio bizantino
 1202 Cuarta cruzada
 1453 Grecia otomana
Grecia contemporánea
  1799 República das sete illas
  1822 Guerra de independencia
 1832 Reino de Grecia
 1936 Réxime do 4 de agosto
 1941 Ocupación
 1946 Guerra civil
 1967 Ditadura dos coroneis
 1974 República helénica

A época arcaica é unha etapa da historia da Grecia antiga, que abrangue aproximadamente entre os anos 750 e 500 ane. Nela opéranse grandes transformacións que poñen os alicerces da civilización grega. Comezan a cobrar conciencia da súa raíz común, e se dan o nome de helenos, chega ao alfabeto definitivo, aínda que as diferenzas dialectais eran moi grandes.

Guerreiros gregos nun fragmento de cerámica de figuras negras atribuído ao Mestre do Dípiylon. Sobre o 760 a.C.
Amphoreús (αμφορεύς -"para ser transportadas en ambos lados do barco"-, de onde provén a palabra galega "ánfora") de cerámica de figuras negras que representa unha carreira dos Xogos Panatenaicos. Sobre o -530.
Esculturas do período arcaico (entre elas o Moscóforo) atopadas durante as escavacións da Acrópole de Atenas (fotografía de 1886).

Este é o nome con que a historiografía distingue a etapa na que a Hélade saíu do período anterior (a Época Escura, caracterizada pola distribución do espazo helénico entre tribos[1] indoeuropeas que falaban distintas variantes da futura lingua grega -aqueos, xonios,[2] dorios, eolios, arcadios, superpostos sobre os prehelénicos pelásxicos-, que introduciron a Idade de Ferro no medio dunha total ausencia de fontes escritas e unha drástica ruptura cultural fronte á civilización micénica, cuxo fin segue sendo obxecto de debate) e conformáronse os trazos da civilización grega, que quedará plenamente cristalizada na posterior Época Clásica. Entre os séculos -VIII e -VI desenvolvéronse as cidades estado gregas ou polis (en grego, singular polis -πολις- e plural poleis -πόλεις-), que mesmo se expandiron por todo o Mediterráneo mediante a colonización. A pesar da súa gran fragmentación política, os gregos foron construíndo unha identidade común fronte a outros pobos da Antigüidade, da que adquiriron unha conciencia vigorosa, evidenciada nas súas manifestacións culturais e artísticas e nunha peculiar cosmovisión que se interpretou como tensión entre o apolíneo e o dionisíaco.

Convencionalmente o inicio da época arcaica establécese na primeira Olimpíada (Ὀλυμπιάς, cómputo do tempo en períodos de catro anos que comezan coa celebración os primeiros Xogos Olímpicos, -776); mentres que o final o marca a Revolta de Xonia (-499), cando os gregos da costa de Asia Menor pediron a axuda das cidades de Grecia continental para frear a expansión do Imperio persa, o que desembocou nas Guerras Médicas (-492 - -490 e -480 - -479).

Antes da Época Arcaica os gregos habitaban en pequenas comunidades agropecuarias illadas polo accidentado do seu medio físico: callado de vales no interior, e cun litoral recortado, atestado de cabos, golfos e illas. A pesar da pobreza do chan e da aridez, déronse crecementos demográficos e progresos socioeconómicos que impulsaron ás pequenas aldeas orixinarias a se uniren en entidades de maior tamaño. Este proceso, chamado synoikismos (συνοικισμóς -"cohabitación", "compartir o oikos", a "casa"-), deu lugar ao nacemento das polis. Ao mesmo tempo, establecíanse lugares de culto relixioso, compartidos por comunidades moito máis afastadas entre si, mediante anfictionía (αμφικτιονία -"construír xuntos"-); o que foi conformando prácticas políticas para todo tipo de relacións, pacíficas e hostís, como a simmachia (συμμαχια -"loitar xuntos"-), a koinón (κοινόν -"común"-, traducido habitualmente como "liga"),[3] a hexemonía (ἡγεμονία), o equilibrio de potencias, a política de bloques etc.

Paralelamente, a presión demográfica e a prosperidade económica mal repartida provocaron unha conflitividade social que tivo, basicamente, dúas válvulas de escape: a colonización do Mediterráneo e as reformas socio-políticas internas protagonizadas por lexisladores e tiranos.

Tras séculos de esquecemento da escritura lineal micénica, os gregos volveron ser un pobo histórico ao adoptar o alfabeto fenicio e adaptalo ao seu idioma co alfabeto grego, cuxos primeiros testemuños aparecen cara ao -740 (Copa de Néstor, Inscrición do Dipilon).[4] A partir de poesía oral que ten as súas raíces en séculos anteriores, nesta época compuxéronse por escrito as principais creacións da literatura grega: os dous poemas homéricos, a Ilíada e a Odisea (cuxa autoría e situación temporal foron obxecto de debate dende a Antigüidade, e aínda o seguen a ser), que fixaron os mitos ancestrais dos heroes da Idade de Bronce, en textos que non se remataron de canonizar ata o século -VI (probabelmente por iniciativa de Pisístrato)[5][6] e cuxa difusión foi crucial para a conformación da civilización grega no seu conxunto, e para a pervivencia desta na civilización occidental.

A colonización do Mediterráneo editar

Artigo principal: Colonizacións gregas.

Notas editar

  1. "Tribo" é un termo latino, utilizado para a organización sociopolítica romana; que se aproxima ao uso que tiña a institución e a palabra grega phylé, fylé o phulē (φυλή -"raza", "pobo"-), do verbo fyeszai ou phuesthai (φύεσθαι "descender de", "ter orixe en"). "Clan" adoita ser a tradución da palabra grega genos (γένος -"especie", "raza", "familia", "nacemento"-), que denominaba a unha institución política clave nas polis aristocráticas. Tamén existía unha institución intermedia entre o genos e a phyle: a fratría (φρατρία -"irmandade"-). As reformas de Clístenes desvirtuaron a súa condición de agrupacións baseadas no parentesco substituíndoas polas agrupacións baseadas na veciñanza: trittyes (τριττύες, plural de trittys, τριττύς -"trixésima"-) e demoi (δήμοι, plural de demos, δημος -"pobo"-). A antropoloxía reutilizou o termo "tribo" para a categorización dun tipo de sociedade no que a relación de parentesco estrito, propia dunha sociedade máis primitiva (sociedade clánica), se amplía ao parentesco teórico, ou descendencia dun presunto antepasado común, propia das sociedades máis evolucionadas (sociedade tribal ou patriarcal); aínda que menos sofisticada que as sociedades urbanas, sociedades complexas ou civilizacións, fronte ás que serían aínda estadio cultural primitivo denominado "barbarie". Tales termos quedaron obsoletos na antropoloxía actual, pero seguen sendo explicativos da imaxe que os gregos, desde finais da época arcaica, tiñan de si mesmos como sociedade que estaba a construírse como civilización, fronte a outras sociedades percibidas como "o outro" (bárbaroi βάρβαροι -"estranxeiro", "o que non fala grego", "o que balbucea"-), noutros estadios de evolución cultural. A oposición civilización / barbarie, paralela á de techne / physis (τέχνη / φύσις -"técnica", "arte" ou "cultura" / "natureza"-) e a a de cosmos / caos (κόσμος / χάος -"orde" / "desorde"-),é de feito un tópico cultural na Antiga Grecia, visíbel en numerosos mitos, frecuentemente representados na arte (como a Centauromaquia). Similar interpretación teñen as figuras dos heroes civilizadores (Prometeo, Dédalo, Heracles, Xasón, Teseo, Ulises, Edipo etc. -dotan á humanidade de recursos, abren camiños ou os despexan de obstáculos ou monstros-) e os heroes epónimos (os fundadores míticos das tribos ou as polis -na Ágora de Atenas, fronte ao Bouleuterion levantábase o monumento dos heroes epónimos-). A oposición entre o natural (physikón φυσικών) e o artificial (technitón τεχνητών) é tamén a do natural e o convencional (nomos νόμος -"lei"-, en canto este concepto, antes sagrado -Nomos como daimon ou aspecto de Zeus- se seculariza e relativiza), e se constituirá nun dos temas principais da filosofía grega, por exemplo, na lenda do Anel de Xixes (Platón, A República), ou na misión que se autoimpuxo Dióxenes de Sinope (parakháraxis -palabra que significa tanto "falsificar a moeda" como "cambiar a constitución"-[1]); pero xa na época clásica (séculos -V e -IV). O orgullo cívico que se forxou durante a época arcaica implicaba para os gregos, ou polo menos para unha porcentaxe considerabelmente significativa deles (os varóns libres que gozaban da cidadanía en certas polis), a conciencia de ser protagonistas por si mesmos e pola súa polia (e non tanto pola súa orixe familiar) do seu destino persoal e social (un destino que a interpretación literaria dos mitos representaba como unha tensión entre a vontade do heroe e a súa ananké - ανάγκη, o fatum latino-). Dependendo menos da súa fortuna (tyche τύχη) que do seu esforzo, habilidade ou virtude (areté αρετή), e especialmente do mantemento da solidariedade cos seus concidadáns (a que manifestaba o hoplita, sen romper as filas, gardando co seu propio escudo o flanco do hoplita da súa esquerda, confiando en que o propio era gardado polo hoplita da súa dereita); ese destino podía sobrepoñerse fronte á natureza, os deuses, os homes poderosos ou as entidades políticas exteriores ao espazo grego. A súa condición pode cualificarse de liberdade, unha situación que nunca se dera con anterioridade (Anderson, op. cit., px.). Para expresar ese ideal non utilizaban tanto a palabra eleutheria ἐλευθερία ("liberdade" -en:Eleutheria-) como as palabras autárkheia (αὐτάρχεια -"gobernarse a si mesmo"-, que adoita traducirse por "autarquía" ou "autosuficiencia") ou autonomía (αὐτονομία -"rexerse polas súas propias leis"), e expresións como Nomos Basileus (Νόμος βασιλεύς -"a lei é o rei"-, frase de Píndaro divulgada por Platón en Gorxias).
  2. J.A.R Munro. "Pelasgians and Ionians". The Journal of Hellenic Studies, 1934 (JSTOR). Fonte citada en en:Ionians
  3. Termo que designaba a moi distintas alianzas: Liga Xónica (século -VII), Liga Beocia, Liga do Peloponeso (século -VI), Liga de Delos (xa en época clásica, -477 ou a peculiar koinón dos aeinautai de Mileto -Ἀειναῦται (sobre o -600 )
  4. Powell, B. (1988), "The Dipylon Oinochoe Inscription and the Spread of Literacy in 8th Century Athens", Kadmos 27: 65–86. Fonte citada en en:Dipylon inscription
  5. García Iglesias, op. cit. p. 238.
  6. Signes, op. cit., px. 363 e ss.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Attic Black-Figure Vase-Painters, Oxford 1956

Ligazóns externas editar

Predecesor:
  Idade escura  
  Época arcaica   Sucesor:
  Época clásica  

 
 Este artigo sobre historia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.