Acrópole de Atenas

cidadela de Atenas

A Acrópole de Atenas pode considerarse a máis representativa das acrópoles gregas. A acrópole era, literalmente, a cidade alta e estaba presente na maioría das cidades gregas, cunha dobre función: defensiva e como sede dos principais lugares de culto.[1] A de Atenas está situada sobre unha cima, que se alza 156 metros sobre o nivel de mar. Tamén é coñecida como Cecropia en honor do lendario home-serpe, Cécrope, o primeiro rei ateniense[2].

Acrópole de Atenas
Acrópole de Atenas
Acrópole en Grecia
Acrópole
Acrópole
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísGrecia Grecia
Localización37°58′15.1″N 23°43′34.3″L / 37.970861, -23.726194
TipoCultural
CriteriosI, II, III, IV, VI
Inscrición1987 (11ª Sesión)
Rexión da UNESCOEuropa e América do Norte
Identificador484
Vista desde o sur do Partenón.

A entrada á Acrópole realízase por unha gran porta chamada os Propileos. Ao seu lado dereito e frontal atópase o Templo de Atenea Nike. Unha grande estatua de bronce de Atenea realizada por Fidias, atopábase orixinariamente no centro. Á dereita de onde se erixía esta escultura atópase o Partenón ou Templo de Atenea Parthenos (a Virxe). Á esquerda e ao cabo da Acrópole está o Erecteion, coa súa célebre stoá ou tribuna sostida por seis cariátides. Tamén se atopan os restos dun teatro ao aire libre chamado Teatro de Dioniso, onde estrearon as súas comedias Sófocles, Aristófanes e Esquilo.[3]

Historia editar

 
Cerco dos venecianos á Acrópole de Atenas en 1687.[4]

Unha gran parte dos edificios arquitectónicos de que consta a Acrópole edificáronse durante a época de Pericles (-499 - -429). A plataforma estaba rodeada por unha muralla construída polos pelasgos, que substituíu outra anterior máis primitiva; máis tarde construíuse un templo, o Hecatompedón, que foi destruído polo rei persa Xerxes I. Sobre estes edificio en ruínas Pericles ergueu o Partenón xunto co resto dos edificios repartidos por toda a montaña. Todos chegaron en bastante bo estado ata o século XVI, cando por mor da dominación otomá o Partenón se converteu en mesquita, o Erecteion en harén e os Propileos en polvoreira.

Durante o cerco de Atenas do ano 1687, os venecianos, baixo o mandato do xeneral Francesco Morosini, fixeron grandes estragos cos seus bombardeos, un impacto de morteiro destruíu en parte o Partenón, xa que os turcos o utilizaban como polvoreira, foi naquela ocasión cando se derrubou o teito do templo, repartíndose como botín parte dos tesouros artísticos da Acrópole. A principios do século XIX, lord Elgin trasladou restos das esculturas do Partenón ao Museo Británico de Londres. .[5]

Primeiras ocupacións editar

 
Detalle da Acrópole.

Existe evidencia arqueolóxica da ocupación e uso na civilización minoica, cando se erguía un palacio naquel lugar, hai aproximadamente 6000 anos. Naquela época, estaba rodeada por un groso muro (entre 4,5 e 6 metros) que constaba de paramentos construídos con grandes bloques de pedras cementados cun primixenio morteiro chamado emplekton. A entrada principal ollaba para o leste. Ao noroeste existía unha entrada, á que se chegaba mediante unha escaleira de aproximadamente quince chanzos escavados na rocha. .[6]

Esta entrada secundaria estaba situada próxima ao palacio real. Ao nordeste había un poxigo e unha escaleira que ía á fonte coñecida como Clepsidra. Aínda existe unha gran parte de muralla realizada con pedras diagonais mal recortadas no lado sur.[7]

O rei de Atenas, Erecteo, fillo de Pandión I, o cal foi divinizado e na honra do cal foi erixido o Erecteion dentro da Acrópole, foi o que introduciu o culto a Atenea e instituíu as festas Panateneas.

Período Micénico e Idade Escura editar

Tras a Idade Escura, a Acrópole deixou de ser unha residencia e converteuse no centro de culto de Atenas, centro de adoración para a cidade.

Trala invasión dórica do século -X, un novo edificio denominado Enneapylon ("nove portas") cubriu a fonte. Trazos de casas micénicas proban que a acrópole estaba permanentemente habitada durante esa época e que seguiu así durante os períodos escuros que precederon ao nacemento da pole ateniense no século -VIII Na devandita época, existía un pequeno templo dedicado a Atenea mencionado por Homero e un mégaron ou patio de audiencias e reunións. Non se sabe con certeza se se trataba de diversos edificios ou ben todos estaban agrupados nunha única construción.

Período Arcaico editar

 
Friso: Tifón de tres cabezas, pertencente a un frontón (-560 -.-550), Museo da Acrópole de Atenas.

A Acrópole fortificada serviu como cidadela para Pisístrato. No -510, cando foi defenestrado por unha revolución popular apoiada polos espartanos, demoléronse os muros. No mesmo lugar, os antigos habitantes de Atenas refuxiáronse durante as Guerras Médicas sobre o -480. Con dito propósito, as partes danadas da muralla foron substituídas por un refuxio de madeira, pero isto non detivo ás tropas invasoras do Rei persa Xerxes I na conquista da Acrópole e no saqueo e queima dos templos maiores. Os gregos baixo o mando do rei espartano Leónidas I e malia o número inferior de tropas aguantaron o avance das tropas persas de Xerxes durante tres días. A resistencia na batalla das Termópilas deu tempo a Atenas á fortificación da acrópole e a outras cidades-estado da Hélade a se prepararen para a batalla e vencer definitivamente aos persas na batalla de Salamina.

Ao regresar a Atenas, Cimón de Atenas e Temístocles ordenaron a reconstrución dos muros sur e norte. Aplanouse o terreo da cima e fixéronse as bases para levantar outro templo na parte máis alta do recinto; os seus cimentos atopáronse baixo o Partenón. A planta era un pouco máis estreita e alongada, como era habitual nos edificios dóricos arcaicos. No proxecto de Temístocles, o edificio tiña que ter cen pés de longo, polo que recibiu o nome de Hecatompedón, pero, parece que a construción se suspendeu e unha vez desterrado Cimón, foi o gran Pericles quen asumiu o proxecto.[8]

Período Clásico editar

 
Pericles, grande impulsor da construción da Acrópole de Atenas, segundo unha copia romana dun retrato grego do ano -429 (Altes Museum, Berlín).

A maioría dos grandes templos foron reconstruídos baixo o liderado de Pericles durante a Idade Dourada de Atenas (-460 - -430), que utilizaría o imposto dos membros da Liga de Delos para construír o Partenón e outros monumentos da Grecia clásica. Durante o século -V, a acrópole obtivo a súa forma final.

Fidias, un grande escultor ateniense, e Ictino e Calícrates, dous famosos arquitectos, foron os responsábeis da reconstrución do Partenón ao lado sur, sobre os cimentos do antigo edificio de Temístocles. A construción alongouse durante doce anos do -448 ao -436 [9]

En -437 Mnesicles comezou a construír os Propileos, as portas monumentais con columnas de mármore do Pentélico, parcialmente construídas sobre os antigos Propileos de Pisístrato. Estas columnatas foron practicamente finalizadas no ano -432 e tiñan dúas ás, servindo a norte como pinacoteca.[10]

Ao mesmo tempo que os Propileos, comezouse a construción do pequeno templo xónico de Atenea Nike. Tras unha interrupción debida á Guerra do Peloponeso (-431 - -404) contra Esparta, o templo foi concluído na época da paz de Nicias, entre -421 e -415

No mesmo período se comezou a construción do Erecteion, coa súa Tribuna das Cariátides, pórtico situado ao lado sur dedicado a Pándroso, filla de Cécrope I, atribuído a Calímaco, discípulo de Fidias. No pórtico, chamado Pandroseion, custodiábase o sepulcro de Cécrope I. É o máis grandioso templo xónico grego edificado en tempos de Pericles, entre o ano -421 e -406, para reconstruír o templo destruído polos persas nos anos -480 e -479, dedicado a Poseidón e Atenea, asociados a Erecteo -un dos primeiros reis de Atenas que introduciu o culto a Atenea e fundou as Panateneas e que, fulminado por Poseidón, foi enterrado no lugar da Acrópole onde se alza o Erecteion-.

O Erecteion é un templo hexástilo cuxa cella está dividida en tres partes destinadas a albergaren os obxectos de culto: un naos dedicado á imaxe de Atenea e a serpe da Acrópole; outro no que se gardaba a imaxe de Poseidón e talvez unha cisterna para o sal mariño deste deus e o terceiro no que se veneraba a Erecteo.

Entre o templo de Atenea Nike e o Partenón atopábase o santuario de Artemisa Brauronia, divindade representada como un oso e adorada en Braurón. No santuario se atopaban o arcaico xoanon da divindade e unha estatua realizada por Praxíteles no século -IV

Tras os propileos, dominaba o conxunto da Acrópole, a xigantesca estatua de bronce de Fidias de Atenea Promacos ("a que combate en primeira liña"), erixida entre o -450 e -448 A base era de 1,50 m de alta, mentres que a altura total da estatua era de 9 metros. A divindade tiña unha lanza na súa man e un escudo xigante no lado esquerdo, decorado por Mys con imaxes da loita entre os Centauros e Lápitas.[11]

Ademais o Eleusinion, situado na base da acrópole, acollía as reliquias sagradas dos Misterios eleusinos.[12]

Outros monumentos, desaparecidos hoxe, son a Calcoteca, Pandroseion, Santuario de Pandión, o altar de Atenea, o santuario de Zeus Polieo e, da época romana, o templo circular de Augusto e Roma.

Períodos posteriores editar

 
Vista do Odeón de Herodes Ático desde a Acrópole de Atenas.

Coa conquista do Imperio persa, Alexandre Magno, fillo do rei Filipo II de Macedonia, pasou a dominar toda a zona mediterránea. A liberdade de Grecia foi proclamada nos Xogos Ístmicos, pero en realidade o que se fixo foi un traspaso da hexemonía de Macedonia a Roma. O 22 de xuño do -168 librouse a batalla de Pidna, que puxo fin á monarquía macedónica.

Herodes Ático, cónsul romano, escribía ao seu amigo Cicerón falando sobre Atenas con grande entusiasmo. Moitos itálicos viaxaban a Atenas para visitaren a cidade, e os gobernantes, xunto cos emperadores, aumentaron os monumentos dentro e fóra da acrópole. Por exemplo, no ano 161 construíuse grazas a Herodes Ático, un odeón ao lado do teatro de Dioniso. Durante a invasión dos hérulos do ano 267, este teatro foi destruído e máis tarde a súa estrutura pasou a formar parte das murallas. Ao paso dos séculos, a súa parte inferior quedou agochada polo mato, cousa que fixo pensar a Niccolò de Martini que se trataba dunha ponte. No século XIX iniciáronse os escavacións e finalmente foi restaurado. Desde o ano 1957 realízanse normalmente representacións teatrais e festivais.[13]

No século VII, o Erecteion foi convertido en igrexa bizantina e transformouse o seu interior.

Posteriormente, coa dominación catalá, o Partenón pasa a ser igrexa católica co nome de Santa María de Cetines, Pedro o Ceremonioso mandou que fose custodiado por unha garda especial[14] e cualificouno da pus rica joia que al món sia.[15] O último arcebispo catalán que dixo misa no Partenón foi Antoni Ballester.[16] Fíxose servir tamén como polvoreira, durante o asedio de Atenas polos venecianos, no ano 1687, coa explosión dunha bomba, esborralláronse algunhas columnas das fachadas laterais, que foron as máis afectadas. A principios do século XIX arrincáronse unha gran cantidade de esculturas co consentimento do goberno otomán, as cales foron adquiridas polo embaixador inglés Lord Elgin e vendidas en 1816 ao Museo Británico.[17]

Durante o Imperio Otomán (1299-1923), os turcos ocuparon Grecia o ano 1453 coa conquista de Atenas, ata a independencia helénica en 1832.[18] Os Propileos explotaron nun incendio do 1640 cando tiñan a función de polvoreira para o goberno turco.[19]

Cando acabou a Guerra de independencia de Grecia, nomeouse en 1832, como novo rei ao príncipe Odón I, que entrou en contacto co arquitecto alemán Friedrich Schinkel para a construción dun novo palacio para o rei. O arquitecto desenvolveu un proxecto para construír un palacio e uns xardíns na Acrópole de Atenas, sobre as ruínas dos antigos templos. Por sorte, non se puido construír, xa que Schinkel sobreestimou a capacidade económica do novo reino.[20]

Significado cultural da Acrópole editar

Cada ano, os atenienses celebraban un festival denominado as Panateneas que rivalizaba cos Xogos Olímpicos en popularidade. Durante o festival, unha procesión subía desde Atenas ata a Acrópole, cara ao Partenón (como se reflectía no friso no interior do Partenón). Alí, colocábase un custoso manto (peplos) de forma cerimoniosa na estatua criselefantina (de marfil e ouro) de Atenea Parthenos, realiza por Fidias. O escultor quería facela de mármore, pero a vila esixiu que fose de ouro e marfil. Atenea tiña nunha man unha estatua da Vitoria e na outra man sostiña un escudo. Desta imaxe soamente se posúen copias da época romana.[21]

Arte e Arquitectura da Acrópole editar

 
Plano esquemático dun mégaron: 1) vestíbulo - 2) naos - 3) columnas do pórtico e do naos

Acrópole micénica editar

O mégaron, nome grego pero de probábel derivación semítica, é o "Gran Salón" que se atopaba nos palacios da civilización micénica en Grecia e Anatolia. Adoitaba a estar nun lado do patio central e diante do altar. Constaba de tres partes: o pórtico aberto con dúas columnas, un vestíbulo ou antesala e a sala principal, tamén chamada naos.

Acrópole arcaica editar

 
Estatua do Moscóforo barbudo (-570), gardada no Museo da Acrópole de Atenas.

A acrópole tivo unha grande actividade construtora durante a segunda metade do século -VI, Atenas presentaba unha cidade dispersa, pero dominada pola acrópole, o Hecatompedón ampliouse e realizouse unha stoá cun frontón de mármore mostrando un relevo con figuras case independentes da loita dos deuses contra os xigantes ou sexa a xigantomaquia.[22]

Nas escavacións arqueolóxicas do ano 1866, descubríronse nun foxo, realizado seguramente durante a invasión persa, catorce imaxes de korai e kouroi arcaicos, entre os que salientan o Moscóforo barbudo e a Cabeza Rampin. A primeira representa un mozo levando sobre os seus ombreiros un cuxo acabado de nacer. Todas as esculturas desta época presentan os ollos en forma de améndoa e un sorriso "arcaico", que trata de expresar unha plácida beatitude, os seus músculos están realizados cunha grande elegancia. Datouse de principios do século -VI, é de mármore e ten unha altura de 163 cm, atópase no Museo da Acrópole de Atenas.[23]

 
Relevo das Cárites (século -V), Museo da Acrópole de Atenas.

Das Cárites ou Grazas asociadas aos Misterios eleusinos, e que na mitoloxía grega se consideraba que eran tres deusas (da menor á maior: Aglaia, Eufrosine e Talía), Pausanias escribiu:

Ademais, en Atenas, antes da entrada á Acrópole, as Cárites eran tres en número; ao seu lado celébranse misterios que non deben ser revelados a moitos.
Descrición de Grecia, libro 9, xxxv.1-5

E máis adiante no mesmo libro di:

Quen foi o que primeiro representou espidas ás Cárites, en escultura ou en pintura, non pode ser descuberto. Durante o período máis antigo, certamente, tanto escultores como pintores representábanas cubertas.[...] Tamén Sócrates, fillo de Sofronisco, fixo imaxes das Cárites para os atenienses, que están diante da entrada á Acrópole. Todas estas están igualmente cubertas
libro 9, xxxv.6-7

Acrópole clásica editar

 
As columnas de orde dórica do Partenón.

Partenón editar

Pericles confiou a dirección das obras da acrópole ao escultor Fidias. O Partenón foi erixido entre os anos -448 e -430, sobre os cimentos do Hecatompedón, e co proxecto dos arquitectos Ictino e Calícrates.

O interior estaba dividido en dúas salas independentes, coa entrada por cada fachada oposta do edificio. O salón oriental era a máis grande, dividido por columnas dóricas en tres naves e era onde se atopaba a escultura de Atenea de Fidias. Na sala occidental, con catro columnas no centro de estilo xónico, gardábase o tesouro da deusa, e recibía o nome de Partenón, é dicir, a sala das virxes. A fachada principal está orienta para oriente, o punto por onde sae o sol, como é habitual en todas as construcións relixiosas da antigüidade. Constaba de oito columnas nas súas dúas fachadas principais e dezasete nas laterais que rodeaban todo o templo, deixando un corredor ou deambulatorio que permitía á poboación bordear completamente o templo durante as súas celebracións relixiosas.[24]

 
Métopa coa representación da centauromaquia, Museo Británico de Londres.

No exterior, nunha superficie de 6,54 metros por 30,87 metros, e columnas dunha altura de 10,43 metros, presenta como todos os tempos gregos unha escalinata composta por tres chanzos que rodea completamente a base: os dous primeiros chanzos inferiores denomínanse estereóbatas e o chanzo superior, estilóbata.

É un templo de orde dórica, proxectado de tal maneira que se corrixen as desviacións da perspectiva, é dicir, todas as liñas horizontais vólvense lixeiramente curvas, efecto que foi descuberto polo arquitecto inglés Penrose, no ano 1847.[25] Este edificio permaneceu case intacto ata o ano 1687, cando quedou medio destruído por unha explosión durante a guerra véneto-turca.[26] Crese que as esculturas de Fidias estaban realizadas en arxila ou xeso, para que despois os seus alumnos as pasasen a mármore. O frontón da fachada occidental representa a loita de Atenea e de Poseidón para conseguir o padroado da cidade. Pausanias conta que as esculturas do frontón oriental representaban o nacemento de Atenea do corpo de Zeus. De feito, os frontóns son coñecidos por debuxos do século XVII e por copias antigas.[27]

A novidade arquitectónica do Partenón é o friso interior que percorre o muro da nave, un lugar que ningún edificio dórico empregara para decoración. Ten unha lonxitude de 160 metros, 105 cm de altura e 5,6 cm nos lugares de máxima profundidade do relevo. Estaba realizado en mármore do monte Pentélico, a 19 km da acrópole. O frontón formábano 378 figuras humanas e 245 de animais representando a procesión das festas das Panateneas, a loita dos deuses cos xigantes e a centauromaquia, estaba policromada, a cor das métopas era vermella como a dos frisos, o frontón era azul e ás figuras se lles pintaban os ollos e os cabelos. Das 92 métopas orixinarias dos catro lados só se conservan 19, algunhas no mesmo templo e outras ao Museo Británico, xa que a maioría foron estragadas cando o templo se converteu en igrexa cristiá.[28]

 
Detalle do friso interior do Partenón, Museo Británico de Londres.

O Partenón aloxaba a grande estatua da deusa Atenea Parthenos, que realizou Fidias. Esta escultura era de ouro e marfil (criselefantina) e de quince metros de altura con pedestal. Estaba vestida co peplo e enriba a éxida; sobre o corpo tiña un casco cuberto con figuras simbólicas e estaba armada con lanza e escudo en actitude de repouso; nunha man sostiña a imaxe da Vitoria alada de tamaño natural. O antigo historiador Pausanias fixo unha descrición da estatua:

...A imaxe está feita de marfil e ouro. En medio do casco hai unha figura da Esfinxe... e a un e outro lado do helmo hai grifóns esculpidos.... A estatua de Atenea é de pé con manto ata os pés, e no seu peito ten inserida a cabeza de Medusa de marfil. Ten unha Vitoria de aproximadamente catro cóbados e na man unha lanza; hai un escudo xunto aos seus pés e preto da lanza unha serpe. Esta serpe podería ser Erictonio. Na base da estatua está esculpido o nacemento de Pandora.[29]

Da escultura de Atenea Parthenos, existen algunhas copias antigas da época romana:

Erecteion editar

 
Fachada do Erecteion coñecida como As Cariátides.

Foi edificado en tempos de Pericles, e empezado no ano -421, durante a tregua da Paz de Nicias na Guerra do Peloponeso, substituíndo o antigo templo arcaico de Atenea que fora destruído polos persas durante as Guerras Médicas.

Está formado por un edificio central con planta irregular, adecuado ao desnivel do terreo, que comprende dúas partes sen comunicación entre elas: ao leste é un santuario dedicado a Atenea, cunhas columnas de orde xónica; ao oeste está formado por dúas capelas con dobre culto: unha a Erecteo e Poseidón e a outra a Hefesto e Butes. No acceso a estas salas atopábase a fonte de auga salgada que supostamente Poseidón fixo agromar cun golpe do seu tridente durante a disputa con Atenea. Ten unha stoá na parte norte, con columnas e na parte sur é onde se atopa a Tribuna das Cariátides, con seis columnas con figura de muller de 230 cm de altura, realizadas por Calímaco, un axudante de Fidias. As que se poden ver in situ son copias das cinco que se atopan no Museo da Acrópole e dunha sexta que hai no Museo Británico.[30]

 
Os Propileos da Acrópole de Atenas.
 
A deusa Nike Atenea, representada como Vitoria, desatándose unha sandalia. (Atenas, finais do século -V) [31]

O Erecteion mostraba un friso que percorría os lados do edificio, formado por figuras de mármore montadas sobre lápidas de pedra calcaria negra da cidade de Eleusis. Conservouse unha lápida da segunda etapa da súa construción, onde se poden ler os 130 nomes dos traballadores e a súa paga, un dracma grego diario, que era a mesma que a que recibía o arquitecto.[32]

Propileos editar

Os Propileos eran a grande entrada á Acrópole de Atenas. Foron construídos a partir do ano -437 polo arquitecto Mnesicles, sobre un terreo moi accidentado. As seis columnas da entrada son dóricas, igual as da fachada dianteira como as seis da parte posterior. Está construído con mármore pentélico, consta dun vestíbulo de 24 x 18 metros. No interior, un muro con cinco portas divídeo en dúas partes; a occidental, máis grande, ten dúas fileiras de tres columnas xónicas que forman tres naves.[33]

É interesante o teito que se construíu con trabes de mármore de máis de sete metros e armando os arquitrabes que sostiñan estas trabes cunha barra metálica.

Na á norte estivo situada a primeira pinacoteca do mundo; entre as pinturas que se expoñían había a obra do pintor grego Polignoto (século -V), coñecido polas descricións da súa obras feitas por Pausanias e por Plinio.[34]

Templo de Atenea Nike editar

Ao lado sur dos Propileos atópase o templo de Atenea Nike (Atenea vitoriosa) ou Nike Áptera (Vitoria sen ás). A construción data do ano -421 e o -410 Este monumento situado na entrada da acrópole quería simbolizar que, unha vez sen ás, a deusa non se movería de Atenas.[35]

O naos consta dunha planta case cadrada de 418 cm x 3178 cm, co pronao de catro columnas e catro máis no opistodomos, todas de orde xónica.

O friso que percorre todo o templo tivo unha decoración alusiva ás Guerras Médicas, cos frontóns dedicados á deusa Atenea. No parapeto do bastión engadiuse no ano -410 unha decoración con grandes relevos, onde se aprecia a escola de Fidias, por exemplo nos pregos da roupa, que se adapta ao corpo das representacións das "vitorias", as cales están representando xestos cotiáns como desatándose unha sandalia ou subindo a unha carruaxe.[36]

O templo actual é unha reconstrución moderna.

Odeón de Pericles editar

Construíuse baixo o mandado de Pericles e preto do teatro de Dioniso, na Acrópole de Atenas.

Constaba de planta rectangular con dobre ringleira de columnas para a sustentación do teito e un propileo. Utilizábase para as representacións musicais, que empezaron no ano -446 [37]

Eleusinion editar

Foi Pericles o que mandou construír este santuario preto da acrópole para poder render culto aos Misterios eleusinos. Encargouse da súa edificación o arquitecto Corebo. A planta do santuario era cadrada con diversas fileiras de columnas e o teito elevábase en forma de lanterna, foron os escavacións efectuadas as que deron as pautas para recoñecer os cimentos e a planta de todo o edificio.[38]

Teatro de Dioniso editar

 
O Teatro de Dioniso baixo a Acrópole de Atenas.

Desde a segunda metade do século -V, unha das máis importantes creacións arquitectónicas é o teatro e un dos exemplos máis importantes deste tipo de edificios é o Teatro de Dioniso, construído durante o século -IV [39]

Os actores estaban colocados nunha plataforma, había unha parte inferior onde se cambiaban de indumentaria e os espectadores colocábanse na pendente da cima dunha montaña, lugar onde se adoitaban construír os teatros. A fins do século -V foron substituídas as primitivas plataformas de madeira por gradarías de pedra. Na parte central das primeiras bancadas había 67 asentos que foron realizados posteriormente, en mármore decorado e estaban reservados para os sacerdotes.[40]

Pandroseion editar

Construído en tempos de Pericles sobre o ano -421 preto do Erecteion no lado noroeste, en honor de Pándroso, filla de Cécrope I, foi o lugar onde Atenea, durante a súa loita con Poseidón para conseguir o padroado da cidade de Atenas, fixo medrar unha oliveira cando resultou vencedora. O ano 1917 plantouse a árbore actual, en lembranza da mítica oliveira.

Santuario de Artemisa Brauronia editar

 
Debuxo dunha reconstrución imaxinaria dos Propileos, (século XIX), onde se ve a Porta Beulé en primeiro termo.

Preto dos Propileos se atopaba o santuario de Artemisa Brauronia, construído o ano -430. A orixe do santuario é unha lenda segundo a cal os habitantes de Braurón mataran unha osa, que era o animal sagrado de Artemisa,[41] polo que a deusa esixiu que se lle consagrasen ao seu culto nenas de sete a once anos que vivirían no santuario ao seu servizo; estas nenas recibían o nome de osas.[42] O edificio tiña unha planta trapezoidal con dúas ás laterais e unha stoá duns 38 metros de lonxitude por 7 de ancho.

Acrópole romana editar

Na época romana foron diversos emperadores e personaxes destacados os que reformaron ou realizaron novas construcións na Acrópole de Atenas. Durante o mandato de Claudio, o ano 52 fíxose unha reforma da rampla de acceso.

No século III, por orde de Flavio Septimio, construíuse a actualmente chamada Porta Beulé como primeira entrada da acrópole antes dos Propileos; consta de dúas torres de nove metros de altura, unha a cada lado da porta. Esta porta foi descuberta polo arqueólogo francés Charles Ernest Beulé no ano 1852. Á esquerda da escalinata, antes dos Propileos, atópase a Torre de Agripa, de case catorce metros de altura, construída en mármore gris, onde o ano -178 se colocara unha estatua de Eumenes II sobre unha cuadriga de bronce; posteriormente colocouse unha de Agripa, xenro do emperador Augusto. Na época deste emperador, o ano -27, edificouse o templo de planta circular dedicado a Roma e Augusto preto do Partenón, atopábase rodeado de nove columnas de mármore.[43]

Na parte sur, o cidadán Herodes Ático, erixiu un odeón no século II, en memoria da súa esposa Aspasia Annia Regilla, e o rei Eumenes II de Pérgamo, construíu a stoá de 163 metros de lonxitude entre o odeón de Herodes Ático e o teatro de Dioniso.[44]

Situación dos edificios editar

Escavacións editar

 
Fotografía do ano 1866 nunhas escavacións na Acrópole, coa figura do Moscóforo en primeiro termo.

Durante os catro séculos de ocupación turca non se realizaron escavacións nin reformas na acrópole. A desinformación fixo que se nomease o Partenón como "Panteón" e templo dun deus descoñecido en Europa, segundo consta no volume Turcograecia, publicado por M. Kraus no ano 1584. O embaixador de Lois XIII de Francia en Constantinopla describiu Atenas no seu libro Voyage du Levant (París, 1632), onde relata que o Partenón "se atopaba como se se acabase de facer".[18]

Estableceuse un consulado francés no ano 1658, e empezáronse a ter os primeiros visitantes estranxeiros. O embaixador francés en Constantinopla, no ano 1674, encargou ao artista Jacques Carrey que realizase unha serie de debuxos do Partenón e das súas esculturas,[45] que serviron posteriormente para a documentación do lugar antes do ataque que sufriu en 1687 polos venecianos, baixo o mando de Francesco Morosini, o cal, ademais intentou levarse as esculturas das cuadrigas do frontón oeste, co resultado dunha destrución completa, pola caída que sufriron as esculturas polas pendentes da acrópole. Algúns dos seus restos foron recollidos por outros militares e son os que se atopan en diversos museos de Europa: Roma, Venecia, Copenhague.[46]

Durante o século XVIII foron os franceses os que organizaron un mercado de antigüidades en Atenas e conseguiron transportar unha métopa e a lápida do friso do Partenón a París. A mediados deste mesmo século, a Sociedade de Diletants de Londres, encargou ao arquitecto Nicholas Revert e ao pintor James Stuart que medisen e debuxasen os edificios e as esculturas de Atenas; como resultado diso, en 1762, publicouse o primeiro volume das Antigüidades de Atenas, cun gran traballo científico e uns magníficos debuxos. A principios do século XIX, Lord Elgin, embaixador inglés, trasladou un gran número de esculturas do Partenón a Inglaterra, (os chamados mármores de Elgin) e despois de longas negociacións adquiriunas o goberno inglés o ano 1816 para o Museo Británico de Londres.

Cando en 1834, Grecia obtivo a independencia, empezáronse as primeiras escavacións cos arquitectos Schaubert e Kleanthes, supervisados por Leo Klenze, conselleiro do rei Lois I de Baviera (pai do entón rei de Grecia Odón I). A Sociedade Arqueolóxica Grega, no ano 1837 baixo a dirección de Panagiotis Kavadias, retiráronse todas as casas turcas que se construíran dentro da acrópole.[47]

Por Charles Ernest Beulé, en 1866 tivo lugar o primeiro descubrimento dunha foxa, na que, durante a invasión persa no ano -480, se agocharan catorce esculturas de kouros, da que é unha das pezas principais o Moscóforo de tamaño natural, o resto das escavacións fixéronse entre os anos 1885-1890 por Panagiotis Kavadias xunto cos arquitectos Wilhelm Dörpfeld e Georg Kawerau.[48]

Notas editar

  1. Devambez, Pierre (1972), p. 9
  2. Apolodoro, Biblioteca mitolóxica, iii.14.1.
  3. Devambez, Pierre (1972), pp. 445-447.
  4. Archaeologia of the city of Athens
  5. Enciclopedia Universal Sopena (1967), Barcelona, Ramón Sopena.
  6. Devambez, Pierre (1972), p. 10.
  7. Pijoan, Historia del arte - 1 (1966), p. 171.
  8. Pijoan, Historia del arte - 1 (1966), p. 172.
  9. Pijoan, Historia del arte - 1 (1966), p. 174.
  10. Devambez, Pierre (1972), p. 11.
  11. Pijoan, Historia del arte - 1 (1966), pp. 174-175.
  12. Kerényi, Karl (2004), Eleusis: Imagen arquetípica de la madre y la hija, Madrid, Siruela, ISBN 84-7844-772-5
  13. Kosma, Maria (2007), Ministerio de Cultura Helénico Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine., acceso: 25-10-2008
  14. "Artigo sobre o Partenón na Enciclopèdia Catalá en línia". Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2019. Consultado o 10 de febreiro de 2009. 
  15. Coll i Alentorn, Miquel, Història - 1 (1992), Barcelona, Publicacións de l'Abadia de Montserrat, p. 205.
  16. Setton, Kenneth M., The Papacy and the Levant, 1204-1571 (1976), "The Catalans and Florentines in Athens", Darby (PA), Diane Publishing, pp. 463-464.
  17. Pijoan, Historia del arte - 1 (1966), p. 176.
  18. 18,0 18,1 Maggi - Troso (2006), p. 46.
  19. Enciclopedia Salvat, volume 1 (1997), Barcelona, Salvat, ISBN 84-345-9708-X.
  20. Imaxes do proxecto do Novo Palacio da Acrópole de Atenas[Ligazón morta]
  21. Pijoan, Historia del arte - 1, pp. 174-175.
  22. Barral i Altet, Xavier, (1986), pp. 88-89.
  23. Pijoan, Historia da arte - 1 (1966), p. 152.
  24. Barral i Altet, X. (1987), pp. 160-165.
  25. Devambrez, Pierre (1972), pp. 364-366.
  26. Richter, Gisela M.A. (1980), p. 34.
  27. Barral i Altet, X. (1987), p. 166.
  28. Barral i Altet, X. (1987), pp. 166-167.
  29. Pausanias, Descrición de Grecia,i, 24.5–7
  30. Devambez, Pierre (1972), pp. 177-178.
  31. Pijoan, Historia del arte - 1 (1966), p. 182
  32. Richter, Gisela M.A. (1980), p. 38.
  33. Barral i Altet, X. (1986), pp. 170-171.
  34. A Gran Enciclopèdia en català, volume 16 (2004), Barcelona, Edicions 62, ISBN 84-297-5444-X (en catalán).
  35. Pijoan, Historia del arte - 1 (1966), p. 181.
  36. Barral i Alttet, X. (1987), p. 171.
  37. Richter, Gisela M.A. (1980), p. 44.
  38. Pijoan, Historia del arte - 1 (1966), p. 182.
  39. DD.AA. (1987), Crónica de la humanidad, Barcelona, Plaza & Janés, p. 139, ISBN 84-01-60699-3.
  40. Devambez, Pierre (1972), p. 446.
  41. Devambez, Pierre (1972), p. 82.
  42. Aristófanes, Els ocells, trad. Manuel Balasch, Barcelona, Fundació Bernat Metge, p. 137, ISBN 84-7225-063-6.
  43. José Pascual González (2001), Apuntes para un viaje a Grecia, Segovia, Nóstos, ISBN 84-609-3868-9.
  44. Maggi - Troso (2006), p. 72.
  45. Richter, Gisela M.A. (1980), pp. 33-35.
  46. Maggi - Troso (2006), p. 47.
  47. Maggi - Troso (2006), p. 48-49.
  48. Barral i Altet, Xavier, (1987), pp.88-89.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Devambez, Pierre (1972). Diccionario de la civilización griega. Barcelona, Destino. D.L. B.26323-72. 
  • DD.AA. (1966). Pijoan, Historia del arte - 1. Barcelona, Salvat. 
  • Maggi, Stefano, i Troso, Cristina (2006). Los Tesoros de Grecia. Madrid, Libsa. ISBN 84-662-1336-8. 
  • Barral i Altet, Xavier (1986). Historia Universal del Arte, volum II: "La Antigüedad Clásica". Barcelona, Planeta. ISBN 84-320-8902-8. 
  • Pascual González, José (2001). Apuntes para un viaje a Grecia. Segovia, Nóstos. ISBN 84-609-3868-9. 
  • Richter, Gisela M.A. (1980). El arte griego. Barcelona, Destino. ISBN 84-233-1018-3. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar