Medusa (mitoloxía)

na mitoloxía grega, unha das gorgonas, descrita como unha muller con cobras no canto dos cabelos

Na mitoloxía grega, Medusa ("gardiá, protectora") era un monstro, unha das tres gorgonas, fillas de Forcis e Ceto [1] mais Hixino escribe que eran fillas de Tifón e Equidna (filla de Forcis e Ceto) [2]

Medusa de Caravaggio (1595).

Medusa, como as irmás Esteno e Euríala, tiña serpes en lugar de cabelos, grandes cairos semellantas ós do porco bravo, mans de bronce e ás de ouro, coas que podía voar; Pseudo-Apolodoro engade que tiñan a cabeza cuberta por escamas de dragón. Os ollos botaban faíscas e eran quen de converter á xente en pedra con só mirala, así como ós animais (e Medusa mantiña este poder unha vez morta). Con semellante aspecto é fácil imaxinar o horror que provocaba a homes e mesmo deuses, aínda que non foi impedimento para que Poseidón se deitara con ela e a deixara preñada de Pegado e Crisaor.

Ovidio, non obstante, di que ela era moi bela pero foi violada por Poseidón no templo de Hera que, como castigo, converteuna no ser horroroso que é agora.

"Ela era a de figura máis bela e codiciada por moitos, e en toda ela non había parte máis admirable que a súa cabeleira. O soberano do océano, contan, deshonrouna no templo de Minerva; a filla de Xúpiter [Atenea] volveuse e cubriuse o casto rostro coa éxida, e para que o feito non quedara impune, cambiou a cabeleira da Gorgona en feas hidras. E aínda agora, para aterrorizar e paralizar ós inimigos, leva diante do peito as serpes que creou".
(Ovidio: Metamorfosis IV, 794-803)

Perseo editar

Acrisio botou ó mar á súa filla Dánae e illa de [mailo fillo que tivera esta con Zeus, Perseo. A arca na que ían foi varar na illa de Sérifos, e foron recollidos polo rei Polidectes. Polidectes namorouse de Dánae e consideraba a Perseo un obstáculo para seducila, polo que aproveitou unha bravata do rapaz, que dixo que podía traer como presente da voda de Hipodamía incluso a cabeza da Gorgona. Polidectes colleulle a palabra esixiu que llela trouxera.

Por consello de Atenea e Hermes, Perseo foi antes onda as Fórcidas, tres vellas, Enio, Pefredo e Dino, irmás das gorgonas, para saber o camiño ó lugar onde vivían as gorgonas. Eran vellas desde o seu nacemento e tiñan, entre as tres, un só ollo e un só dente, que ían turnando dunha a outra. Perseo colleulles o ollo e o dente e negouse a devolvelo se non lle indicaban o camiño, o que aceptaron. Ademais tiñan unhas sandalias aladas, o casco da invisibilidade de Hades [a] e un zurrón onde poder transportar sen perigo a cabeza de Medusa; Hermes tamén lle deu unha fouce de aceiro.

 
Atenea coa éxida, e a cabeza de Medusa no centro do peito (detalle da Copa de Aisón, na que se representa a Atenea observando como Teseo mata a Minotauro.

Con estes obxectos e coñecido o itinerario, Perseo chegou á beira do Océano e sorprendeu ás gorgonas a dormir. Coa axuda de Atenea e mirando polo reflexo do seu escudo de bronce, para evitar que o puidesen mirar directamente, achegouse a Medusa e cortoulle a cabeza. Nese momento, do sangue que brotaba naceron o cabalo alado Pegaso e Crisaor, que foran enxendrados por Poseidón. Gardou a cabeza de Medusa no zurrón e fuxiu coas súas sandalias aladas, e aínda que as outras dúas gorgonas acordaron, non puideron perseguilo porque ía protexido polo caso de invisibilidade [3].

Perseo utilizaría posteriormente esta cabeza como unha arma[4]. Así, cando Perseo regresou a Sérifos puido ver que a súa nai tivera que refuxiarse no templo para fuxir da violencia de Polidectes. Entón, foi ó palacio e sacou a cabeza de Medusa do zurrón, quedando petrificados Polidectes e o resto da corte. Logo restituíu o trono de Sérifos a Dictis, irmán de Polidectes.

Finalmente deulla á deusa Atenea para que a puxese no centro do seu escudo (ou na súa coiraza), e entregou as sandalias e o casco a Hermes, quen o devolveu ás ninfas. Algunhas fontes din que Atenea separou o sangue de Medusa e que llo deu ó médico Asclepio, posto que o sangue que brotaba do lado esquerdo era un veleno mortal, mentres que o que manaba do lado dereito tiña o poder de revivecer ós mortos.

Heracles tivo que descender ó Hades nun dos seus doce traballos, co encargo de capturar a Cérbero. Cando as almas dos mortos o viron chegar todas fuxiron, excepto as de Meleagro e a da gorgona Medusa. Heracles sacou a espada para defenderse pero Hermes explicoulle que tan só era unha forma baleira [5].

Atenea deulle a Heracles un guecho da Medusa, que este utilizou na guerra contra os lacedemonios, para a que solicitou o apoio de Cefeo (rei de Texea) e os seus fillos. Pero Cefeo estaba reticente por temos a que, se marchaba da cidade, esta fora atacada polos soldados de Argos. Heracles tranquilizouno dándolle a Estérope, a filla de Cefeo, ese guecho de Medusa, coa indicación de que, de ser atacados, abondaría con erguelo tres veces desde o alto da muralla para que os inimigos fuxiran. Deste xeito, Cefeo accedeu a ir á guerra, na que logo resultaría morto, o mesmo que os fillos [6].

Iconografía editar

 
Perseo decapita a Medusa (métopa no Templo C de Selinunte (c. 550 a.C.)

Na antigüidade clásica, a imaxe da cabeza de Medusa aparecía no obxecto protector do mal coñecido como Gorgoneion. Combínase a propiedade apotropaica, protectora, para quen a posúe; coa capacidade letal, mortífera para quen se enfronta ó portador.

Nas representacións artísticas clásicas (escultura e cerámica) e en tódalas posteriores repítese a imaxe arquetípica de Medusa, adoito reducida a unha cabeza representada sempre en visión frontal, fea, monstruosa, mostrando os dentes e coa lingua de fóra, e coas características serpes en lugar de cabelos; pode aparecer, sobre todo nos primeiros tempos, baixo a forma de centauro que dá paso pronto a un corpo de muller. A Medusa colócase en moitos templos e edificios monumentais que, desta forma, gozaban dunha protección máxica.

As primeiras representacións poden datarse a principios do século VII a.C., destacando a Medusa da métopa do Templo C de Selinunte, xa no 550 a.C. As formas poden cambiar pero xa se comezan a fixar os grandes ollos e os dentes saíntes. Pronto adquire unha postura de "carreira de xeonllos", con túnica curta, boca aberta, ollos abertos, lingua colgante, dentes afiados e incluso (só en representacións antigas) barba; no século VI aC aparecen as serpes nos cabelos e, posteriormente, dúas serpes anoadas a modo de colar. A figura adoita ter ás, ás veces colocadas nas tempas.

Na Idade Media diminúe claramente a presenza das Gorgonas, pero sen desaparecer. San Isidoro de Sevilla descríbeas como unhas "meretrices con cabelos de serpes e que transformaban en pedra a quen as miraban; estraban dotadas dun único ollos, común a todas elas" [7], pero no Renacemento e Barroco recuperaranse (Caravaggio, Rubens e mesmo Leonardo da Vinci, nunha obra desaparecida). Na arte contemporánea segue representándose von frecuencia (Füssli, Burne-Jones, Bourdelle, Dalí).

Sendo absolutamente maioritaria a representación da figura illada de Medusa, e como dicimos moitas veces reducida só á cabeza, tamén existen representacións de Medusa coas súas irmás no momento en que Perseo decapita á primeira, no momento no que xorden Pegaso e Crisaor ou cando Perseo comeza a fuxida, perseguida polas irmás.

Galería de arte editar

Notas editar

  1. Este casco foi creado polos Ciclopes cando foron liberados por Zeus, xunto ó tridente para Poseidón ou o arco e as frechas para Apolo, armas que resultaron imprescindibles para derrotar ós Titáns.
Referencias
  1. "Ceto enxendrou con Forcis as Graias,... ás Gorgonas..., Esteno, Euríala e a desventurada Medusa. Esta era mortal, pero as outras inmortais e exentas de vellez, as dúas" (Hesíodo: Teogonía 270-277)
  2. "Do xigante Tifón e de Equidna naceron Gorgón, o cancerbero..." (Fábulas, 151).
  3. Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitolóxica II, 4, 2-3.
  4. Bullfinch, Thomas. "Bulfinch Mythology – Age of Fable – Stories of Gods & Heroes". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2011. Consultado o 7 de setembro de 2007. 
  5. Pseudo-Apolodoro II, 5, 12.
  6. Pseudo-Apolodoro II, 7, 3.
  7. Etimoloxías XI, 3, 29.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Servius, In Aeneida VI, 289
  • Lucano, Bellum civile IX, 624–684
  • CARMONA MUELA, Juan: Iconografía clásica. Guía básica para estudiantes. Akal/Istmo, 5ª ed, 3ª reimpr. 2018.
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s. v. Gorgona.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • HIGINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].

Outros artigos editar