Dictis (fillo de Magnes)

Na mitoloxía grega, Dictis foi o fillo de Magnes, rei de Sérifos (illa do mar Exeo), e unha náiade [1]. Compartía o reino co seu irmán Polidectes pero foi destronado por el.

"Magnes casou cunha ninfa náiade e nacéronlle dous fillos, Polidectes e Dictis, que colonizaron Sérifos".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 9, 6)

DánaeEditar

Un oráculo anunciara a Acrisio, rei de Argos, que morrería a mans do seu propio neto. Para evitalo, encerrou a súa filla Dánae nunha torre de bronce (ou nunha cámara subterránea dese material) para impedir que tivese trato con ningún varón, pero non puido evitar que o rei dos deuses, Zeus, se transformara nunha fina choiva de ouro que caeu sobre Dánae e a deixara embarazada de Perseo [2].

Cando Acrisio se decatou, non creu na orixe divina do neno, e botou ó mar á filla co meniño, dentro dun cofre de madeira. O mar foi acougado por Poseidón ante a petición de Zeus, polo que nai e fillo sobreviviron e alcanzaron a costa da illa de Sérifos. Na illa gobernaba o rei Polidectes pero foi o seu irmán Dictis quen os recolleu e protexeu; algunhas tradicións describen a Dictis como un simple pescador.

Pero Polidectes terminou namorándose de Dánae e, para librarse da presenza de Perseo e poder así seducir á nai, mandouno buscar a Medusa e traer a súa cabeza. Perseo cumpriu a orde con éxito pero cando regresaba a Sérifos comprobou que Polidectes acosara á nai e que Dictis e mais ela tiveran que protexerse nun templo. Entón, Perseo foi onda Polidectes e, sacando a cabeza de Medusa que traía nunha bolsa, mostrouna a tódolos presentes, que quedaron petrificados [3]. A seguir, restableceu no trono a Dictis.

"Cando chegou a Sérifos e se encontrou con que a súa nai, en unión de Dictis, se refuxiara nos altares a causa da violencia de Polidectes, penetrou no palacio onde Polidectes convocara ós seus fieles e, dándose a volta, mostroulles a cabeza da Gorgona; en canto a miraron, quedaron petrificados na postura que cada quen tiña nese momento".
(Pseudo-Apolodoro II, 4, 3)

A versión que nos dá Hixino difire da transmitida por outros mitógrafos:

"Por desexo de Xúpiter foi arrastrada ata a illa de Sérifos. Cando a encontrou o pescador Dictis, ó abrir á forza a arca, veu á muller co seu fillo. Conduciunos ante o rei Polidectes, quen a tomou por esposa e criou a Perseo no templo de Minerva".
(Hixino: Fábulas 63, 3)

Pero máis adiante, Hixino narra cómo Perseo mata a Polidectes:

"Polidectes, cando veu o valor tan grande de Perseo [4], asustouse e decidiu matalo por medio dunha trampa. Perseo, ó darse de conta, ensinoulle a cabeza da Gorgona e quedou convertido en pedra".
(Hixino: Fábulas 64, 4)

Os atenienses consagraron a este rei e á súa dona Climena un altar no templo de Perseo.

NotasEditar

  1. Pseudo-Apolodoro non nomea á nai.
  2. Pseudo-Apolodoro di que "segundo din algúns, a esta [a Dánae] foi Preto quen a seduciu e de aí xurdiu a querela entre ambos" (II, 4, 1). Preto era irmán de Acrisio.
  3. Unha propiedade da mirada de Medusa era converter en pedra aquel a quen mirara.
  4. Ó liberar a Andrómeda de ser devorada polo monstro mariño.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar