Olimpíada

período de catro anos que transcorre entre cada un dos Xogos Olímpicos

Unha olimpíada[1] é o período de catro anos que media entre distintos xogos olímpicos. Na Grecia Antiga constituía unha unidade de medida do tempo, que servía para situar historicamente os feitos.

Estadio na antiga Olimpia.

Porén moitas veces o termo olimpiadas é sinónimo de xogos olímpicos, a celebración deportiva internacional que ten lugar cada catro anos nunha cidade distinta e na que participan deportistas, na súa maioría, non profesionais[2], esta definición é tamén empregada con frecuencia na linguaxe xornalística, porén fan referencia a conceptos distintos e, en certa medida, opostos, xa que de forma xeral a olimpíada é xusto o tempo que non é xogo olímpico. Existe, polo tanto, a nivel lingüístico, certa polémica e aínda que a denominación institucional aposta por definir olimpíada como período entre xogos, na práctica en portugués, castelán, francés, inglés ou galego, Olimpíada pasou tamén a designar a celebración deportiva[3].

En 2016 atopámonos na 31ª Olimpíada da era moderna, e os Xogos Olímpicos de 2016 de Río de Xaneiro son conseguintemente os Xogos Olímpicos da XXXI Olimpíada. A partir do momento da súa finalización comezará a trixésimo segunda olimpíada, cuxos Xogos Olímpicos terán lugar en Tokio (Xapón) no ano 2020. Porén, non houbo ata a data 30 Xogos Olímpicos de verán, senón unicamente 27. Os Xogos da sexta olimpíada (Berlín 1916), da Xogos da duodécima olimpíada (Helsinqui 1940) e da décimo terceira (Londres 1944) non se chegaron a realizar por mor das guerras mundiais, pero o calendario de olimpíadas seguiu correndo.

O termo olimpíada vén do nome da cidade de Olimpia, en Grecia, onde por volta do ano 776 a.C., comezáronse a celebrar polo verán na honra de Zeus, un certame de xogos deportivos cada catro anos, até que o emperador romano Teodosio I decidiu suprimilo, no final do século IV d.C. No século XIX o francés Pierre Frèdy, barón de Coubertin, decide volver a organizar uns xogos semellantes aos da antigüidade, fundando o Comité Olímpico Internacional. O 6 de abril de 1896, celébrase en Atenas a primeira olimpíada da era moderna, que durou unicamente dous anos, e non catro, dende a fundación do Comité Olímpico Internacional en 1894 até os primeiros Xogos de 1896.

Polo tanto a cidade de Olimpia (Olumpía, na forma grega orixinaria, en relación co Olimpo (Ólumpos, ‘o alto entre o máis alto’), a morada dos deuses–, empregando para iso o xenitivo olumpiádos, que pasa ao latín como olympiadis) é o eixo vertebrador de todo o léxico asociado ás Olimpíadas (do adxectivo olímpico -a, o adverbio olimpicamente ou o substantivo olimpismo, “o conxunto de valores e ideais propios dos xogos olímpicos”) e tamén o piar de boa parte da simboloxía propia do certame, como o rito de inauguración que consiste en prender a flama olímpica no estadio desta cidade para logo levala acesa nun facho deica o país de acollida dos xogos que corresponda en cada edición[4].

NotasEditar

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar