Cosmovisión

concepción persoal ou dun colectivo da existencia, a realidade ou «o mundo»

Unha cosmovisión[1], ou weltanschauung,[2] é o conxunto de opinións e crenzas que conforman a imaxe ou concepto xeral do mundo que ten unha persoa, época ou cultura, a partir do cal interpreta a súa propia natureza e a de todo o existente. Unha cosmovisión define nocións comúns que se aplican a todos os campos da vida, desde a política, a economía ou a ciencia ata a relixión, a moral ou a filosofía.

Cosmovisión inca.
Batalla de Alexandre en Issus, de Albrecht Altdorfer. O xénero da paisaxe do mundo non pretendía só reflectir un evento ou paisaxe particular, senón englobar o maior número de compoñentes que conforman a cosmovisión da época, mesmo incluíndo na imaxe montañas e acontecementos de países distantes

A "cosmovisión" é un concepto fundamental da filosofía e epistemoloxía alemás, e refírese unha ampla percepción do mundo. Ademais, reférese ao marco conceptual de ideas e crenzas a través das que un individuo interpreta o mundo e interactúa con el. O termo "cosmovisión" é unha adaptación do alemán Weltanschauung (Welt, "mundo", e anschauen, "observar"), unha expresión introducida polo filósofo Wilhelm Dilthey na súa obra Einleitung in die Geisteswissenschaften ("Introdución ás Ciencias da Cultura", 1914). Dilthey, un membro da escola hermenéutica, sostiña que a experiencia vital estaba fundada "non só intelectual, senón tamén emocional e moralmente" no conxunto de principios da sociedade e da cultura na que se formou. As relacións, sensacións e emocións producidas pola experiencia peculiar do mundo no seo dun ambiente determinado contribuirían a conformar unha cosmovisión individual. Todos os produtos culturais ou artísticos serían á súa vez expresións da cosmovisión que os crease; a tarefa hermenéutica consistiría en recrear o mundo do autor na mente do lector. O termo foi rapidamente adoptado nas ciencias sociais e na filosofía, onde se emprega tanto traducido como na forma alemá orixinal.

Unha cosmovisión non sería tanto unha teoría particular sobre do funcionamento dalgunha entidade particular, senón unha serie de principios comúns que inspirarían teorías ou modelos en todos os niveis: unha idea da estrutura do mundo, que crea o marco ou paradigma para as restantes ideas. Deste xeito, pertence ao ámbito da filosofía tradicionalmente chamado metafísica (aínda que doutrinas tradicionalmente antimetafísicas, como o positivismo ou o marxismo poidan constituír unha cosmovisión para os seus achegados). Con todo, unha cosmovisión non é unha elaboración filosófica explícita nin depende dunha; pode ser máis ou menos rigorosa, acabada e intelectualmente coherente.

Os sistemas filosóficos, relixións ou sistemas políticos poden constituír cosmovisións, posto que prové un marco interpretativo a partir do cal os seus adherentes e seguidores elaboran doutrinas intelectuais e éticas. Exemplos son o xudaísmo, o cristianismo, o islam, o socialismo, o marxismo, o cientificismo, o humanismo ou o nacionalismo. As cosmovisións son complexas e resistentes ao cambio; poden, polo tanto, integrar elementos diverxentes e aínda contraditorios. A afirmación intransixente e autoritaria da propia cosmovisión é o fundamentalismo.

A partir das obras de arte pódese percibir a Weltanschauung ou cosmovisión dunha época. Algunhas doutrinas filosóficas tiveron máis difusión grazas á literatura que a tratados filosóficos. Recíprocamente, coñecer a cosmovisión permite chegar a unha comprensión máis profunda dun texto ou dunha obra artística. Un xénero particular que pretendía recoller alegoricamente a realidade física (a paisaxe) e as súas implicacións nas crenzas e conceptos xerais políticos, relixiosos, etc, que conformaban a cosmovisión foi o da paisaxe do mundo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cosmovisión.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para weltanschauung.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar