Abrir o menú principal

A chamada cuestión homérica refírese ao debate sobre a existencia do escritor grego Homero. Refírese tamén á discusión que se produciu ao redor da verdadeira identidade do autor da Ilíada e a Odisea e subsidiariamente á paternidade e formación das obras que se lle atribúen.

Significado de HomeroEditar

En grego, o seu nome é Homēros. Moitas etimoloxías foron propostas para este nome, que é idéntico á palabra grega para refén. Hai unha teoría que especifica que este nome se orixinou dunha sociedade de poetas chamada Homeridae, que literariamente significa fillos de reféns ou descendentes de prisioneiros de guerra. Como eses homes non foron enviados á guerra pois a súa lealdade no campo de batalla era motivo de sospeitas, eles non puideron ser asasinados en batallas, así que foron comisionados a conmemorar a batalla coa poesía épica, para lembrar eventos pasados, ocorridos no tempo anterior a que a instrución viñese ao círculo de poetas.

Debate na AntigüidadeEditar

Este debate tivo as súas raíces na antigüidade; consérvanse sete vidas ou biografías de Homero, todas posibelmente lendarias, diferentes e algunhas bastante remotas, aínda que ten especial crédito unha que o fai natural de Quíos e cego; atribuíronselle moitas obras, non só esas dúas: Calino fixo súa A Tebaida, sobre o tema dos sete contra Tebas, que posteriormente dramatizou Esquilo; Arquíloco e Aristóteles asignáronlle a composición do Marxites e Píndaro a Cipriada, un poema sobre os feitos anteriores á Guerra de Troia; o historiador Tucídides, pola súa banda, críao autor do Himno a Apolo Delio[1] e tamén hai outros himnos que lle foron atribuídos[2][3].

No período helenístico, os filólogos alexandrinos Xenón e Helánico chegaron á conclusión, a partir das diferenzas e contradicións de todo tipo que acharon entre a Ilíada e a Odisea, que só a primeira destas epopeas foi composta por Homero, polo que foron chamados corizontes ou "separadores". A súa opinión foi rexeitada por máis afamados filólogos alexandrinos como Aristarco de Samotracia, Zenódoto de Éfeso e Aristófanes de Bizancio[4].

Debate nos séculos XVIII e XIXEditar

Precedidos polas especulacións do abade François Hédelin d'Aubignac na súa obra póstuma Conxecturas académicas (1715) así como de Giambattista Vico nese mesmo século, o debate volveu con forza a comezos do século XIX, cando o filólogo Friedrich August Wolf cuestionou a unidade dos poemas homéricos ao entender, a partir do estudo da forma e fondo destas epopeas e as súas contradicións internas na súa obra Prolegomena ad Homerum, "Introdución a Homero", (1795), que ambos se formaron a partir de poemas orais menores compostos en épocas diferentes por distintos rapsodos e aedos e que foron refundidos nun só texto ao redor do século -VI, cando o tirano Pisístrato designou unha comisión de persoas instruídas para reuniren os poemas de Homero e fixar un texto único definido. Esta teoría avíñase ben coa crenza do Romanticismo nun Volkgeist, "xenio ou espírito do pobo", autor colectivo e anónimo dunha poesía nacional. Karl Lachmann acreditou a teoría dos cantos autónomos nas súas Consideracións sobre a Iliada de Homero (1837), e a teoría seguiu desenvolvéndose coas achegas fundamentais de Adolf Kirchhoff (Sobre a Odisea de Homero e a súa formación, 1859; 2.ª ed. 1879) e de Ulrich von Wilamowitz-Moellendorff nas súas Investigacións homéricas, 1884.[5][6]

Así pois, xurdiron dúas posturas enfrontadas respecto da unidade na autoría dos poemas homéricos que, con matices, sobreviven na actualidade:

  • Os analistas defenden a intervención de varias mans distintas na elaboración de cada un dos poemas homéricos, que ademais serían produto da recompilación de pequenas composicións populares preexistentes.
  • Fronte a eles áchase un punto de vista unitario que sostén que cada un dos poemas homéricos ten unha concepción global e unha inspiración creativa que impide que poidan ser resultado dunha compilación de poemas menores.

Algúns dos defensores do punto de vista unitario, con todo, sinalan que as diferenzas existentes entre ambos os poemas suxiren a presenza dun autor distinto para cada un dos dous poemas.

Debate no século XXEditar

No século XX aínda seguiu profundándose nas ideas de Wolf, cos traballos de Eduard Schwartz e moitos outros até facerse unha cuestión practicamente interminábel. Con todo, como a orixe dos poemas na poesía oral tradicional foi universalmente admitido, a cuestión homérica retrocedeu en importancia ou, en menor medida, foi drasticamente reformulada.

Teoría oralEditar

Os eruditos xeralmente aceptan, a partir dos estudos realizados por Milman Parry e Albert Lord, que a Ilíada e a Odisea son o produto dunha tradición oral transmitida a través de varias xeracións. As fontes antigas xa sinalaban que os poemas homéricos eran interpretados e transmitidos oralmente. Unha análise da estrutura e o vocabulario de ambas as obras mostra que os poemas conteñen frases repetidas regularmente, incluíndo a repetición de versos completos. Parry afirmou que os anacos de linguaxe repetitiva, chamados «fórmulas», foron herdados polo poeta dos seus predecesores.

Segundo Albert Lord nas notas da súa obra The Singer of Tales:

Os poetas dentro da tradición oral, como Homero, crean e modifican os seus contos mentres que os realizan. Así, Homero puido "tomar prestados" doutros autores, pero certamente, el impuxo un estilo propio á súa obra

Dominique Casajus, especialista no tema da oralidade e a escritura da poesía, é un dos antropólogos contemporáneos interesado nas discusións relacionadas coa cuestión homérica, sobre a que examinou en particular o papel de Jean-Jacques Rousseau[7][8].

Escola neoanalíticaEditar

Unha escola denominada neoanalítica, composta por autores como Ken Dowden en 1996, interpretou os poemas homéricos en relación co oralismo como resultado da obra dun poeta á vez recompilador e creador, a partir de material que chegou ao seu poder de forma oral[9].

NotasEditar

  1. Tucídides, Historia de la guerra del Peloponeso iii,104.
  2. Pausanias, Descripción de Grecia, ix,9,5.
  3. Alberto Bernabé Pajares, Fragmentos de épica griega arcaica, páxina 95.
  4. López Eire, Antonio (2005). "Introducción". Odisea (36ª ed.). Madrid: Espasa. pp. 14–15. ISBN 84-239-1870-X. 
  5. Lesky, Albin (2009). Historia de la literatura griega I (1ª ed.). Madrid: Gredos. pp. 87–88. ISBN 978-84-249-0178-3. 
  6. López Eire, Antonio (2005). "Introducción". Odisea (36ª ed.). Madrid: Espasa. pp. 11–13. ISBN 84-239-1870-X. 
  7. Casajus, Dominique (2005). "Retour sur le dossier H". En Baumgardt, Ursula; Derive, Jean. Paroles nomades. Écrits d’ethnolinguistique africaine. En hommage à Christiane Seydou (PDF) (en francés). París: Karthala. pp. 47–70. ISBN 978-2-84586-708-6. 
  8. Casajus, Dominique (2010). "Quelques jours de la vie d'Homère" (PDF). L'homme: revue française d'anthropologie (en francés). 195-196: 333–358. 
  9. García Iglesias, Luis (2000). Los orígenes del pueblo griego. Madrid: Síntesis. pp. 245–246. ISBN 84-7738-520-3. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar