Abrir o menú principal

A primeira cruzada iniciou o complexo fenómeno histórico de campañas militares, peregrinacións armadas e expansión colonial en Oriente Próximo, que convulsionou esta rexión entre os séculos XI e XIII e que é denominado pola historiografía como as cruzadas.

Primeira cruzada
Parte de As cruzadas
Robert de Normandie at the Siege of Antioch 1097-1098.JPG
Roberto II de Normandía loita contra os musulmáns durante o cerco de Antioquía (1097-1098).
Data 1096-1099
Lugar Oriente Próximo
Resultado Vitoria cristiá.
Casus belli *Chamada do Papa Urbano II tras o Concilio de Clermont á Guerra Santa
Cambios territoriais *O Imperio Bizantino recupera territorios de Anatolia Occidental
Belixerantes
Entidades cristiás:

Arms of the Kings of France (France Ancien).svg Reino de Francia

Holy Roman Empire Arms-single head.svg Sacro Imperio Romano Xermánico

Imperio bizantino

Entidades musulmás:

Dinastía Selxúcida
Danisméndidas
Rectangular green flag.svg Califato Fatimí
Flag of Almohad Dynasty.svg Dinastía Almorávide
Flag of Afghanistan (1880–1901).svg Califato Abasida

Líderes
Blason ville fr PuyVelay (HauteLoire).png Ademar de Monteil

Blason Lorraine.svg Godofredo de Bouillon
Armoiries Provence.svg Raimundo IV de Tolosa
Blason duche fr Normandie.svg Roberto II de Normandía
Blason Nord-Pas-De-Calais.svg Roberto II de Flandres
Coat of Arms of the House of Hauteville (according to Agostino Inveges).svg Bohemundo de Tarento
Blason Courtenay.svg Balduíno I de Xerusalén
Coat of Arms of the House of Hauteville (according to Agostino Inveges).svg Tancredo de Galilea
Blason Courtenay.svg Eustaquio III de Bolonia
Blason Blois Ancien.svg Estevo II de Blois
Armoiries Vermandois.svg Hugo I de Vermandois
CoA civ ITA milano.png Guglielmo Embriaco
Aleixo I Comneno
Tatikios

Kilij Arslan I

Yaghi-Siyan
Kerbogha
Duqaq
Fakhr al-Mulk Radwan
Ghazi ibn Danishmend
Rectangular green flag.svg Iftikhar ad-Daula
Rectangular green flag.svg Al-Afdal Shahanshah

Forzas en combate
Cruzados:
  • 30 000 infantes[1]
  • 5000 cabaleiros[2]

Bizantinos:

  • 2000 infantes[2]
Indefinidas

Aproveitando a chamada de auxilio do emperador bizantino Aleixo I Comneno, enfrontado cos turcos selxúcidas, o papa Urbano II predicou en 1095 nos diferentes países cristiáns da Europa Occidental a conquista da chamada Terra Santa. Ao intento errado de Pedro o Ermitán, seguiu a mobilización dun exército organizado, inspirado polo ideal da guerra santa e liderado por nobres principalmente provenientes do reino de Francia e do Sacro Imperio Romano Xermánico, que foi nutríndose no seu avance de cabaleiros, soldados e numerosa poboación, até transformarse nun fenómeno de migración masiva. Os cruzados penetraron no chamado Sultanato de Rüm e avanzando cara ao sur, foron apoderándose de diversas cidades e rexeitando as forzas enviadas na súa contra polos gobernadores divididos nas súas disputas internas, ata que penetrando nos territorios da dinastía Fatimí, conquistaron o 15 de xullo de 1099 a cidade de Xerusalén, formando o Reino de Xerusalén.

A primeira cruzada supuxo politicamente a constitución dos Estados Latinos de Oriente e a recuperación para o Imperio bizantino dalgúns territorios, á vez que significou un punto de inflexión na historia das relacións entre as sociedades da área mediterránea, marcado por un período de expansión do poder do mundo occidental e polo uso do fervor relixioso para a guerra. Tamén permitiron aumentar o prestixio do papado e o rexurdir, tras a caída do Imperio romano, do comercio internacional e do incremento dos intercambios que favoreceron a revitalización económica e cultural do mundo medieval.

Índice

Contexto históricoEditar

As orixes das cruzadas en xeral, especialmente a primeira cruzada, proveñen dos acontecementos máis temperáns da Idade Media. A consolidación do sistema feudal en Europa occidental tras a caída do Imperio carolinxio, combinada coa relativa estabilidade das fronteiras europeas tras a cristianización dos viquingos e maxiares, supuxera o nacemento dunha nova clase de guerreiros alfa (a cabalaría feudal) que se atopaban en continuas loitas internas, suscitadas pola violencia estrutural inherente ao propio sistema económico, social e político.

Por outra banda, a comezos do século VIII, o califato dos Omeias lograra conquistar de forma moi rápida Exipto e Siria de mans do cristián Imperio bizantino, así como o norte de África. As conquistas estendéronse até a península ibérica, acabando co reino visigodo. Desde o mesmo século VIII ponse freo en Occidente a esa expansión, coas batallas de Covadonga (722) e de Poitiers (732), e o establecemento dos reinos cristiáns do norte peninsular e do Imperio carolinxio, no que supuxeron os primeiros esforzos dos caudillos cristiáns por capturar territorios perdidos fronte aos gobernantes musulmáns, e que se expresarían ideoloxicamente a partir do corpus cronístico astur-leonés no que máis tarde se denominou Reconquista Española. A partir do século XII tivo factores comúns coas cruzadas orientais (bulas papais, ordes militares, presenza de cruzados europeos).

O factor causante máis visible que contribuíu ao cambio da actitude occidental fronte aos musulmáns de oriente ocorreu no ano 1009, cando o califa fatimí Husein al-Hakim Bi-Amrillah ordenou destruír a igrexa do Santo Sepulcro.

Outros reinos musulmáns que emerxeron tras o colapso dos Omeias, como a dinastía aglabí, invadiran Italia no século IX. O estado que xurdiu nesa rexión, debilitado polas loitas dinásticas internas, converteuse nunha presa fácil para os normandos que capturaron Sicilia en 1091. Pisa, Xénova e o Reino de Aragón comezaron a loitar contra os reinos musulmáns na procura do control do mar Mediterráneo, exemplos do cal podemos atopar na campaña Mahdia e nas batallas que tiveron lugar en Mallorca e en Sardeña.

A idea da guerra santa contra os musulmáns finalmente calou na poboación e resultou unha idea atractiva para os poderes tanto relixiosos como seculares da Idade Media europea, así como para o público en xeral. En parte, esta situación viuse favorecida polos éxitos militares dos reinos europeos no Mediterráneo. Á vez, xurdiu unha nova concepción política que englobaba á cristiandade no seu conxunto, o cal supuña a unión dos distintos reinos cristiáns por primeira vez e baixo a guía espiritual do papado e a creación dun exército cristián que loitase contra os musulmáns. Moitas das terras islámicas foran anteriormente cristiás, e sobre todo aquelas que formaran parte do Imperio romano tanto de oriente como de occidente: Siria, Exipto, o resto do norte de África, Hispania, Chipre e Xudea. Por último, a cidade de Xerusalén, xunto co resto de terras que a rodeaban e que incluían os lugares nos cales Cristo vivira e morrera, eran especialmente sacras para os cristiáns.

En calquera caso, é importante aclarar que a primeira cruzada non supuxo o primeiro caso de guerra santa entre cristiáns e musulmáns inspirada polo papado. Xa durante o papado de Alexandre II, este predicou a guerra contra o infiel musulmán en dúas ocasións. A primeira ocasión foi durante a guerra dos normandos na súa conquista de Sicilia, en 1061, e o segundo caso enmarcouse dentro das guerras da Reconquista española, na cruzada de Barbastro de 1064. En ambos os casos o papa ofreceu a Indulxencia aos cristiáns que participasen[3].

En 1074, o papa Gregorio VII chamou aos milites Christi («soldados de Cristo») para que fosen en axuda do Imperio bizantino. Este sufrira unha dura derrota na batalla de Mantzikert (1071) a mans dos turcos selxúcidas[4] que abriu as portas de Anatolia aos turcos, que estableceron varios sultanatos na península. A conquista de Anatolia pechara as rutas terrestres aos peregrinos que se dirixían a Xerusalén. A súa chamada, aínda que foi amplamente ignorada e mesmo recibiu bastante oposición, xunto co gran número de peregrinos que viaxaban a Terra Santa durante o século XI, serviu para enfocar gran parte da atención de occidente nos acontecementos de oriente[5]. Algúns monxes como Pedro de Amiens o Ermitán ou Walter o indixente, que se dedicaron a predicar os abusos musulmáns fronte aos peregrinos que viaxaban a Xerusalén e outros lugares sacros de oriente, encirraron aínda máis o lume das cruzadas.

Aleixo Comneno, que xa empregara anteriormente a mercenarios normandos e doutros países de occidente, escribiu unha carta ao papa Urbano II, solicitándolle o seu apoio e o envío de novos mercenarios que loitasen por Bizancio contra os turcos.

Finalmente, sería o propio Urbano II quen estendeu entre o público a primeira idea dunha cruzada para capturar a Terra Santa. Tras o seu famoso discurso no concilio de Clermont (1095), no que predicou a primeira cruzada, os nobres e o clero presente comezaron a gritar as famosas palabras, Deus vult! (en latín, «Deus quéreo!»)[6].

A predicación de Urbano II provocou un estalido de fervor relixioso tanto no pobo como na pequena nobreza (non así nos reis, que non participaron nesta primeira expedición).

Oriente a finais do século XIEditar

 
Mapa do Califato omeia no momento da súa máxima extensión.

Cara ao leste, o veciño máis próximo da cristiandade occidental era a cristiandade oriental: o Imperio bizantino, un imperio cristián que desde o Cisma de Oriente de 1054 rompera explicitamente os seus vínculos co papa de Roma, cuxa autoridade deixou de recoñecerse (de feito, nunca se aceptou máis que como a dunha primum inter pares xunto aos patriarcas). Sutís diferenzas dogmáticas (a cláusula Filioque e a eucaristía acimita ou procimita) permitiron definir a oposición entre a Igrexa católica occidental e a Igrexa ortodoxa oriental. As últimas derrotas militares do Imperio bizantino fronte aos seus veciños provocaran unha profunda inestabilidade que só se solucionaría co ascenso ao poder do xeneral Aleixo I Comneno como basileus (emperador). Baixo o seu reinado, o imperio estaba confinado en Europa e a costa oeste de Anatolia e enfrontábase a moitos inimigos, cos normandos ao oeste e os selxúcidas ao leste. Máis cara ao leste, Anatolia, Siria, Palestina e Exipto atopábanse baixo o control musulmán, aínda que até certo punto fragmentadas por cuestións culturais na época da primeira cruzada. Este feito contribuíu ao éxito desta campaña.

Anatolia e Siria achábanse baixo dominio dos selxúcidas sunnitas, que antigamente formaran un gran imperio, pero que nese momento estaban divididos en Estados máis pequenos. O sultán Alp Arslan derrotara ao Imperio bizantino na batalla de Manzikert, en 1071, e lograra incorporar gran parte de Anatolia ao imperio[4]. Con todo, o imperio dividiuse tras a súa morte ao ano seguinte. Malik Shah I sucedeu a Alp Arslan e continuaría reinando até 1092, período no que o imperio selxúcida se enfrontaría á rebelión interna. No Sultanato de Rüm, en Anatolia, Malik Shah I sería sucedido por Kilij Arslan I, e en Siria polo seu irmán Tutush I, que morreu en 1095. Os fillos deste último, Radwan e Duqaq, herdaron Alepo e Damasco, respectivamente, dividindo Siria aínda máis entre distintos emires enfrontados entre eles e enfrontados tamén con Kerbogha, o atabeg de Mosul[7]. Todos estes Estados estaban máis preocupados en manter os seus propios territorios e en controlar os dos seus veciños que en cooperar entre eles para facer fronte á ameaza cruzada.

Noutros lugares do que nominalmente era territorio selxúcida consolidouse tamén a dinastía artúquida. En particular, esta nova dinastía dominaba o noroeste de Siria e o norte de Mesopotamia, e tamén controlou Xerusalén até 1098. Ao leste de Anatolia e ao norte de Siria fundouse un novo Estado, gobernado pola que se coñecería como a dinastía dos danisméndidas por ser fundada por un mercenario selxúcida coñecido como Danishmend. Os cruzados non chegaron a ter ningún contacto significativo con estes grupos até despois da cruzada. Por último, tamén hai que ter en conta aos nizarís, que por entón estaban a comezar a ter certa relevancia nos asuntos sirios[8].

Mentres a rexión de Palestina estivo baixo dominio persa e durante a primeira época islámica, os peregrinos cristiáns foron, en xeral, tratados correctamente. Uno dos primeiros gobernantes islámicos, o califa Umar ibn al-Jattab, permitía aos cristiáns levar a cabo todos os seus rituais salvo calquera tipo de celebración en público[9]. No entanto, a comezos do século XI, o califa fatimí Husein al-Hakim Bi-Amrillah empezou a perseguir aos cristiáns en Palestina, persecución que levaría, en 1009, á destrución do templo máis sacro para eles, a igrexa do Santo Sepulcro. Máis adiante suavizou as medidas contra os cristiáns e, en lugar de perseguilos, creou un imposto para todos os peregrinos desa confesión que quixesen entrar en Xerusalén. Con todo, o peor estaba aínda por chegar: Un grupo de turcos musulmáns, os selxúcidas, moi poderosos, agresivos e fundamentalistas en canto á interpretación e cumprimento dos preceptos do islam, comezou o seu ascenso ao poder. Os selxúcidas vían aos peregrinos cristiáns como contaminadores da fe, polo que decidiron terminar con eles. Nese momento empezaron a xurdir historias cheas de barbarie sobre o trato aos peregrinos, que foron pasando na fala da xente até a cristiandade occidental. Estas historias, no entanto, en lugar de disuadir aos peregrinos, fixeron que a viaxe a Terra Santa se tinguise dunha aura moito máis sacra da que xa tiña con anterioridade.

Exipto e boa parte de Palestina Sur atopábanse baixo o control do califato fatimí, de orixe árabe e da rama xiíta do islam. O seu imperio era significativamente máis pequeno desde a chegada dos selxúcidas, e Aleixo I chegou mesmo a aconsellar aos cruzados que traballasen conxuntamente cos fatimís para enfrontarse ao seu inimigo común, os selxúcidas. Por entón, o califato fatimí era gobernado polo califa al-Musta'li (aínda que o poder real estaba en mans do visir al-Afdal Shahanshah), e tras perder a cidade de Xerusalén fronte aos selxúcidas en 1076, recuperárana de mans dos artúquidas en 1098, cando os cruzados xa estaban en marcha. Os fatimís, nun principio, non consideraron aos cruzados como unha ameaza, posto que pensaron que foran enviados polos bizantinos, e que se contentarían coa captura de Siria, e deixarían Palestina tranquila. Non enviaron un exército contra os cruzados ata que estes non chegaron a Xerusalén[8].

Convocatoria e inicio da primeira cruzada. A cruzada dos pobresEditar

Concilio de ClermontEditar

Artigo principal: Concilio de Clermont.
 
O papa Urbano II no Concilio de Clermont. Ilustración do Livre des Passages d'Outre-mer, de ao redor de 1490 (Biblioteca Nacional de Francia)

En marzo de 1095, Aleixo I Comneno enviou mensaxeiros ao Concilio de Piacenza para solicitar ao papa Urbano II axuda fronte aos turcos. A solicitude do emperador atopouse cunha resposta favorable de Urbano, que esperaba reparar o Cisma de Oriente e Occidente, que ocorrera corenta anos antes, e reunificar á Igrexa baixo o mando do papado como «bispo xefe e prelado en todo o mundo» (segundo as súas palabras en Clermont), mediante a axuda ás igrexas orientais nun momento de necesidade[10].

Ao Concilio de Piacenza, que permitiu asentar a autoridade papal en Italia nun período de crise, asistiron uns 3000 clérigos e aproximadamente trinta mil laicos, así como embaixadores bizantinos que imploraban toda «a axuda da cristiandade contra os non crentes». Asegurando a súa autoridade en Italia, o papa atopábase libre para concentrarse na preparación da cruzada que lle pediron os embaixadores orientais. Urbano tamén sabía que Italia non ía ser a terra que «se espertase a unha explosión de entusiasmo relixioso» ás convocatorias dun papa que, ademais, tiña un título discutido. As súas intencións de persuadir «a moitos para prometer, mediante xuramento, axudar ao emperador o máis fielmente posíbel e tan lonxe como puidesen contra os pagáns» non chegaron a moitos.

A invitación a unha cruzada masiva contra os turcos arribaría en forma de embaixadas francesas e inglesas ás cortes dos reinos medievais máis importantes: Francia, Inglaterra, Alemaña e Hungría, que non podería alistarse nas primeiras cruzadas polo loito que se gardaba tras a morte do rei san Ladislao I de Hungría (1046-1095), que duraría preto de tres anos[11]. O papa Urbano II eventualmente considerou a Ladislao I como un candidato apropiado para comandar a primeira cruzada, posto que o rei húngaro era amplamente coñecido polo seu porte cabaleiresco e as súas loitas contra os invasores cumanos, con todo, este faleceu escasos meses antes, mentres levaba a cabo unha campaña militar contra o reino de Bohemia en 1095[12].

O anuncio formal sería no Concilio de Clermont, que se reuniu no corazón de Francia o 27 de novembro de 1095; o papa Urbano pronunciou un inspirado sermón fronte a unha gran audiencia de nobres e clérigos franceses. Fixo un chamamento á súa audiencia para que arrebatasen o control de Xerusalén das mans dos musulmáns e, para salientar o seu chamamento, explicou que Francia sufría sobrepoboación, e que a terra de Canaán se atopaba á súa disposición rebosante de leite e de mel. Falou dos problemas da violencia entre os nobres e que a solución era virarse para ofrecer a espada ao servizo de Deus: «Facede que os ladróns se volvan cabaleiros»[10]. Falou das recompensas tanto terreais como espirituais, ofrecendo o perdón dos pecados a todo aquel que morrese na misión divina. Urbano fixo esta promesa investido da lexitimidade espiritual que lle daba o cargo papal, e a multitude deixouse levar no frenesí relixioso e no entusiasmo pola misión interrompendo o seu discurso con berros de Deus vult! («Deus quéreo!») que habería de converterse no lema da primeira cruzada.

O sermón pronunciado por Urbano atópase entre os discursos máis importantes da historia europea. Existen cinco versións do seu discurso en distintos escritos, pero é difícil saber con exactitude as súas verdadeiras palabras posto que todos eses escritos proceden de épocas nas que Xerusalén xa fora capturada. Por ese motivo, non é posíbel distinguir con claridade entre os feitos verídicos e aqueles que foron recreados á luz do resultado exitoso da cruzada. En calquera caso, o que si está claro é que a resposta ao discurso foi moito máis ampla da que se esperaba. Durante os anos 1095 e 1096, Urbano estendeu a mensaxe ao longo e ancho de Francia, mentres que urxía aos seus bispos e legados para que estendesen as súas palabras por calquera outro recuncho de Francia, así como de Alemaña e de Italia. Urbano tentou prohibir a certas persoas (incluíndo a mulleres, monxes e enfermos) que se unisen á cruzada, pero atopouse con que isto era imposíbel.

Para entender o éxito da convocatoria á primeira cruzada, debe terse en conta tamén a situación na que se atopaban por aquel entón os membros da nobreza europea. O seu estilo de vida, guerreando continuamente uns contra outros, e enfrontados de forma máis ou menos habitual con diversas institucións eclesiásticas (coas que por outra banda estaban estreitamente vinculados, dada a común condición privilexiada de ambos os estamentos e a identidade familiar entre alto clero e nobreza), supuña para eles unha ameaza espiritual moi seria, pois todos víanse en maior ou menor medida incursos en comportamentos que a Igrexa cualificaba de pecados castigados coas penas eternas do inferno, e que en ocasións carrexaban a máis inmediata e visible pena terreal da excomuñón, equivalente á morte civil. A cruzada significaba para eles unha vía de salvación a través dunha actividade que coñecían e dominaban: a guerra. Nese sentido, o historiador Pierre Tucoo-Chala escribe o seguinte:

Que algúns señores tiveron o pensamento de á vez asegurárense a salvación no máis alá e de obteren nestas terras afastadas unha sorte máis envidiábel que a que tiñan antes de partiren é unha evidencia. Non foi seguramente o caso do vizconde de Bearn. (...) É probábel que a súa fe profunda fose confortada pola ocasión que se presentaba por fin por vez primeira aos milites (cabaleiros) de poñeren o seu estilo de vida ao servizo das súas conviccións relixiosas.(...) Os eclesiásticos non tiñan palabras suficientemente fortes para condenaren a vida practicada por estes guerreiros. Para eles milites, militia, implicaba malitia, maldade.(...)
A mediados do século XV, os potentes (poderosos) convertéronse en donos de castelos especializados no combate a cabalo e perseguen asegurarse os ingresos necesarios para dedicarse unicamente á arte da guerra. Para iso oprimen aos seus campesiños e acaparan os bens do clero, que denuncia a súa violencia incontrolada. Para intentar limitala, a igrexa desenvolvera a Paz de Deus e despois a Tregua de Deus. (...) Malia estas iniciativas o clérigo manifestaba aínda unha gran desconfianza cara ao seu estilo de vida.
Pierre Tucoo-Chala[13]

Finalmente, a maioría dos que contestaron á súa chamada non eran cabaleiros, senón campesiños sen riquezas e con moi pouca preparación militar. Por outra banda, era neste público no que máis calaba unha mensaxe que non só lles ofrecía a redención dos seus pecados, senón que tamén lles achegaba unha forma de escapar a unha vida chea de privacións, no que acabaría sendo unha explosión de fe que non foi facilmente manexable para a aristocracia[14].

De resultas desta explosión de fe, moitos abandonaron as súas posesións e puxéronse en marcha cara a Oriente. Aos nobres, a Igrexa prometíalles que os seus bens serían respectados até a súa volta, aínda que, para armar un exército, moitos dos cruzados poderosos (así chamados pola cruz que se tecían nas súas vestiduras) tiveron efectivamente que liquidar os seus bens e prepararse para unha viaxe sen retorno. Moita xente humilde, en cambio, limitouse a porse en marcha, levando consigo ás súas familias e todas as súas escasas posesións. Estes foron os primeiros en partir.

A cruzada dos pobresEditar

Artigo principal: Cruzada de Pedro o Ermitán.
 
A derrota da cruzada dos pobres.

A convocatoriaEditar

Simultaneamente a Urbano II, varios predicadores, entre os que destaca Pedro o Ermitán, conseguiron inflamar a unha gran multitude de xente humilde, «entre eles campesiños e artesáns, ademais de servos» que, aínda que o papa Urbano planeara a partida da cruzada para o 15 de agosto de 1096 coincidindo coa festividade da Asunción de María, púxose en marcha antes de dita data formando un exército desorganizado e mal provisto formado por campesiños e pequenos nobres, baixo a dirección de Pedro o Ermitán, coa intención de conquistar Xerusalén pola súa conta.

Dirixidos polos predicadores, a resposta da poboación superou todas as expectativas: Aínda que Urbano contara coa adhesión á cruzada duns poucos miles de cabaleiros, atopouse cunha verdadeira migración dun corenta mil cruzados, aínda que ditas cifras estaban compostas na súa maior parte por soldados sen experiencia, mulleres e nenos[15].

O paso a través do Reino de HungríaEditar

 
Pedro de Amiens e os seus exércitos
 
Coroación do rei Colomán de Hungría

Sen ter ningún tipo de disciplina militar, e cando se atopaban no que aos cruzados probablemente lles parecía unha terra estraña (Europa do Leste), pronto se viron en problemas, aínda en territorio cristián. O problema principal era o do aprovisionamento, así como unha gran cantidade de xente sen escrúpulos que viu na cruzada unha oportunidade para saquear outros territorios. Desta forma, os exércitos cruzados cometeron numerosos roubos e matanzas a mediados do 1096 cando entraron no Reino de Hungría.

Primeiramente, en marzo de 1096 penetraron os cabaleiros franceses de Valter Gauthier, quen azoutaron a rexión de Zimony, e rapidamente foron repelidos polas forzas do rei Colomán de Hungría (sobriño do falecido san Ladislao I de Hungría, quen aceptara o chamamento ás cruzadas antes de morrer en xuño de 1095). Hungría gardou un loito de tres anos por san Ladislao; isto, ademais da débil posición inicial do recentemente coroado rei Colomán, foi o que impediu que o reino húngaro se sumase ás primeiras cruzadas (foi na quinta cruzada cando André II de Hungría levaría o exército máis grande da historia dos cruzados). Tras os estragos dos cabaleiros franceses de Gauthier entraría o exército de Pedro de Amiens, o cal sería escoltado a través do reino polas forzas húngaras de Colomán. Con todo, despois que os cruzados de Amiens atacasen aos soldados escoltas e matasen a preto de catro mil húngaros, o rei Colomán mantivo unha posición hostil contra os cruzados que atravesasen o reino en dirección a Constantinopla.

Por outra banda, considerando a situación, o rei húngaro Colomán permitiu a entrada aos exércitos cruzados de Volkmar e Gottschalk, a quen eventualmente tamén tivo que enfrontarse e derrotalos preto de Nitra e Zimony, xa que igual que os outros grupos anteriores causaron incalculables estragos e asasinatos en Hungría. Seguidamente, os húngaros detiveron as forzas do Conde Emiko preto da cidade de Mosony, e ao pouco tempo, o rei húngaro forzou a Godofredo de Bouillón a asinar un tratado na abadía de Pannonhalma, onde os cruzados comprometíanse a pasar polo territorio húngaro cun bo comportamento. Tras isto, as forzas saíron dos territorios húngaros escoltadas polos exércitos de Colomán e continuaron cara a Constantinopla.

Arribo a Asia MenorEditar

No difícil traxecto morreron unhas dez mil persoas, preto dun cuarto das tropas iniciais de Pedro, aínda que o resto chegou a Constantinopla en agosto en relativas boas condicións. Unha vez aí volveron xurdir tensións debidas ás diferenzas culturais e relixiosas e ás reticencias a repartir provisións entre un número tan grande de persoas. Para complicar aínda máis as cousas, os seguidores de Pedro uníronse a outros cruzados provenientes de Francia e Italia. Finalmente, o emperador Aleixo Comneno decidiu embarcar rapidamente aos trinta mil cruzados para que cruzasen o Bósforo, quitándose canto antes ese problema de encima[16].

Tras cruzar a Asia Menor, os cruzados comezaron a discutir entre eles e o exército dividiuse en dúas partidas separadas. Desde alí, a multitude internouse en territorio turco, conseguindo unha vitoria inicial, pero descoidando absolutamente a retagarda. A experiencia militar dos turcos era demasiado para o inexperto exército cruzado, sen coñecementos prácticos na arte da guerra. Finalmente, foron masacrados e escravizados facilmente pouco despois de haberse internado en territorio selxúcida[17]. Pedro o Ermitán conseguiu volver a Bizancio e unirse á cruzada dos príncipes. Outro exército de bohemios e saxóns non logrou atravesar Hungría antes de desbandarse.

Persecución dos xudeusEditar

A primeira cruzada foi a faísca que iniciou unha tradición de violencia organizada contra o pobo xudeu en Europa. Aínda que o antisemitismo existira en Europa desde había séculos, a primeira cruzada supuxo o primeiro caso de violencia en masa e organizada contra as comunidades xudías. En Alemaña, certos líderes interpretaron que esta loita contra o infiel debía ser levada non só contra os musulmáns situados en Terra Santa, senón tamén contra os xudeus que habitaban nas súas propias terras.

Os sermóns que predicaban a cruzada inspiraron un antisemitismo aínda maior. Segundo algúns predicadores, os xudeus e os musulmáns eran inimigos de Cristo, e era deber da cristiandade enfrontarse a eses inimigos ou convertelos á fe cristiá. O público en xeral entendeu que o «enfrontamento» ao que facían mención os predicadores era sinónimo de loitar a matar ou darlles morte. A conquista cristiá de Xerusalén e o establecemento dun imperio cristián supostamente instigaría o «Fin dos Tempos», durante o cal os xudeus deberían supostamente converterse ao cristianismo. Doutra banda, nalgúns lugares de Francia e de Alemaña considerouse aos xudeus como culpábeis da crucifixión de Xesús, e tratábase dun colectivo moito máis visible e próximo que o dos musulmáns. Moitas persoas preguntáronse por que debían viaxar miles de quilómetros para loitar contra os infieis se xa había non crentes preto das súas casas.

Partindo a comezos do verán de 1096, un exército alemán composto por uns dez mil cruzados e dirixido polos nobres Gottschalk, Volkmar, e Emicho dirixiuse cara ao norte, seguindo o Rin, en dirección oposta a Xerusalén, para comezar unha serie de pogromos que algúns historiadores chegaron a chamar «o primeiro holocausto»[18].

Os cruzados viaxaron ao norte a través do val do Rin en busca das comunidades xudías máis coñecidas como Colonia, para logo dirixirse ao sur. Ás comunidades xudías dábaselles a opción de converterse ou ser masacradas. Moitas se negaron á conversión e, a medida que se estendían as noticias dos masacres, déronse algúns casos de suicidios en masa.

Esta interpretación da cruzada como guerra contra todo tipo de infiel, con todo, non foi algo universal, e existe constancia de que os xudeus atoparon refuxio nalgúns santuarios cristiáns. Un deses casos foi o do arcebispo de Colonia, que se esforzou por protexer aos xudeus da cidade da matanza levada a cabo pola propia poboación. En calquera caso, miles de xudeus foron asasinados a pesar dos intentos dalgunhas autoridades eclesiásticas e seculares de os protexer.

Todos estes masacres xustificáronse a través do argumento de que os discursos do papa Urbano prometeran a recompensa divina aos que matasen a infieis, sen importar que tipo de non cristiáns fosen. Nese sentido, o chamamento non se dirixía exclusivamente á guerra santa contra os musulmáns. Aínda que o papado aborreceu e predicou en contra destas accións locais contra xudeus e musulmáns, estes actos repetíronse en todos os movementos cruzados posteriores.

A primeira cruzadaEditar

 
Ruta dos líderes da primeira cruzada.

Cruzada dos barónsEditar

O fracaso da cruzada dos pobres non sería máis que o preámbulo do que se identifica habitualmente como primeira cruzada, que é coñecida tamén como a cruzada dos baróns ou cruzada dos príncipes. Moito máis organizada que a anterior, a cruzada dos baróns estaba composta por membros da nobreza feudal e dividíronse en catro grupos principais segundo a súa orixe que utilizaron distintas rutas para chegar a Constantinopla.

En total, o exército cruzado estaba composto por entre trinta e trinta e cinco mil cruzados, incluíndo a uns cinco mil cabaleiros[20]. Raimundo de Tolosa era o líder do continxente máis numeroso, composto por un oito mil cincocentos homes de infantaría e mil douscentos de cabalaría[21].

Marcha cara a XerusalénEditar

Tras a exitosa convocatoria papal e a avalancha de participantes non foi posíbel idear unha expedición unitaria, polo que partiron de Europa distintas expedicións que haberían de confluír por diferentes rutas en Constantinopla entre novembro de 1096 e maio de 1097. Acompañando aos cabaleiros cristiáns había moitos homes pobres (pauperes) que só se podían permitir comprar as roupas máis básicas e, quizais, algunha arma vella. Pedro o Ermitán, que se uniu á cruzada dos príncipes en Constantinopla, era considerado o responsábel de coidar a estas persoas, a quen se lles permitía organizarse en pequenos grupos, posibelmente compañías militares afíns, e que a miúdo ían dirixidos por algún cabaleiro empobrecido.

Os distintos grupos de cruzados chegaron a Constantinopla con poucas provisións, esperando recibir axuda de Aleixo I. Aleixo, pola súa banda, atopábase nunha situación difícil. Tras a dubidosa experiencia vivida coa anterior cruzada dos pobres, e tendo en conta que o normando Bohemundo de Tarento era un antigo inimigo seu, non sabía até que punto podía fiarse dos supostos aliados cristiáns vindos de occidente. Doutra banda, Aleixo seguía tendo esperanzas de conseguir controlar a este grupo de cruzados, e parece que mesmo contemplaba a posibilidade de utilizalos como axentes do imperio bizantino para recuperar terras perdidas. Dada a situación, Aleixo chegou a un acordo cos cruzados: en intercambio pola comida e as subministracións, Aleixo esixía que os cruzados lle xurasen lealdade, e que prometesen devolver ao Imperio bizantino todo o terreo que recuperasen dos turcos. Os cruzados, sen auga nin comida, non tiveron outra opción que aceptar tomar o xuramento, aínda que non sen antes asumir todas as partes unha serie de compromisos, e despois de que case se desatou un conflito militar na propia cidade nun combate aberto cos akritai do emperador.

Só o príncipe Raimundo evitou o xuramento, ofrecendo a Aleixo que liderase a cruzada en persoa. Aleixo rexeitou a oferta, aínda que os dous personaxes convertéronse en aliados por mor da desconfianza que ambos tiñan en Bohemundo.

Cambios territoriais
Anatolia e Levante antes da cruzada, dominados case totalmente polos turcos.
Os resultados da cruzada: o Imperio bizantino recuperou parte de Anatolia e xurdiron os Estados cruzados na costa levantina.


Aleixo chegou ao acordo cos cruzados de enviar un continxente militar baixo o mando do xeneral Tatikios (de orixe turca, curiosamente) para acompañar aos cruzados ao longo de Asia Menor. O seu primeiro obxectivo sería Nicea, unha antiga cidade do Imperio bizantino que agora era a capital do Sultanato de Rüm, gobernado nese momento por Kilij Arslan I. Nese momento, Arslan estaba en plena campaña militar contra os danisméndidas, en Anatolia central, e deixara atrás tanto o seu tesouro como á súa familia, infravalorando a capacidade militar dos cruzados[22]. A cidade sufriu un longo cerco que non tivo grandes resultados, posto que os cruzados non foron quen de bloquear o lago no que estaba situada a cidade, e a través deste podía recibir provisións. Cando Kilij Arslan recibiu noticias do cerco apresurouse a volver á súa capital, e atacou ao exército cruzado o 23 de maio dese ano. Con todo, nesta ocasión os turcos foron derrotados, aínda que ambos os bandos sufriron duras perdas[23]. Vendo que non sería capaz de liberar a cidade, aconsellou á guarnición que se rendese se a situación chegaba a ser insustentábel. Aleixo, temendo que os cruzados saqueasen a cidade e destruísen a súa riqueza, chegou a un acordo secreto de rendición coa cidade, e preparouse para tomala pola noite. O 19 de xuño de 1097, os cruzados espertáronse e advertiron que os estandartes bizantinos ondeaban nos muros da cidade.

Non lles prohibiron saquear a cidade, senón que os cruzados tiñan prohibido entrar na cidade salvo en pequenos grupos, o que causou un gran malestar no exército cruzado, e supuxo un engadido máis á tensión xa existente entre cristiáns orientais e occidentais. Finalmente, os cruzados partiron en dirección a Xerusalén. Estevo de Blois escribiu á súa muller Adela estimando unha viaxe de cinco semanas máis até alcanzar a cidade santa. De feito, esa viaxe levaríalles dous anos[24].

Os cruzados, aínda acompañados por algunhas tropas bizantinas comandadas por Tatikios, marcharon cara a Dorilea, onde Bohemundo sufriu un ataque por sorpresa de Kilij Arslan, na batalla de Dorilea; o 1 de xullo dese ano, Godofredo foi capaz de atravesar as liñas inimigas e, con axuda das tropas do legado Ademar (que atacou aos turcos desde a retagarda) derrotou aos turcos e saqueou o seu campamento[23]. Kilij Arslan bateuse en retirada, e os cruzados marcharon case sen oposición ao longo de Asia Menor até chegar a Antioquía, salvo por unha batalla en setembro na que tamén derrotaron aos turcos. Ao longo do camiño, os cruzados foron capaces de capturar varias cidades, como Sozopolis, Konya e Kayseri, aínda que a maioría destas cidades perdéronse de novo fronte aos turcos en 1101[25].

En xeral, a marcha a través de Asia foi moi penosa para o exército cruzado. Atopábanse a mediados do verán, e os cruzados tiñan moi pouca auga e comida, polo que moitos homes e animais morreron durante a marcha. Do mesmo xeito que ocorrera en Europa, os cristiáns de Asia en ocasións regalábanlles comida ou diñeiro, pero na maioría das ocasións os cruzados dedicábanse ao saqueo e á pillaxe se se lles presentaba a oportunidade. Pola súa banda, os distintos líderes da cruzada continuaban disputándose o liderado absoluto da mesma, aínda que ningún era o suficientemente poderoso para tomar o mando, aínda que Ademar de Le Puy sempre foi recoñecido como líder espiritual. Tras atravesar as Portas Cilicias Balduíno separouse do resto de cruzados, e puxo rumbo cara ás terras armenias de ao redor do Éufrates. Chegou á cidade de Edesa (hoxe Urfa, en Turquía), que estaba en mans de cristiáns armenios, e foi adoptado como herdeiro polo rei Thoros de Edesa, un armenio pertencente á Igrexa ortodoxa de Grecia e que non contaba co favor dos seus súbditos por culpa da súa relixión. Thoros foi asasinado, e Balduíno converteuse no novo gobernante, creando o condado de Edesa, que á súa vez sería o primeiro dos estados cruzados[26].

Cerco de AntioquíaEditar

 
Miniatura medieval de Ademar de Monteil (coa mitra) empuñando a Lanza do Destino nunha batalla da primeira cruzada.

O exército cruzado, mentres tanto, marchou cara a Antioquía, cidade situada a metade de camiño entre Constantinopla e Xerusalén e cun gran valor relixioso tamén para a cristiandade. O 20 de outubro de 1097, os cruzados cercaron a cidade, comezando un cerco que duraría case oito meses[27]. Durante ese tempo, os cristiáns tiveron que someterse a terribles penalidades, e víronse obrigados a enfrontarse a dous importantes exércitos de apoio aos asediados enviados por Damasco e Alepo. Antioquía era unha cidade tan grande que os cruzados non tiñan suficientes tropas como para rodeala completamente, polo que tivo a posibilidade de manter un certo nivel de subministracións durante todo ese tempo. Por outra banda, a medida que o cerco se alongaba foi quedando cada vez máis claro que Bohemundo pretendía conquistar a cidade para quedar como gobernador.

Yaghi-Siyan, o gobernador de Antioquía, só podía contar co seu propio exército persoal para se defender. Para prepararse para o cerco, exiliou a moitos dos cristiáns pertencentes á Igrexa Ortodoxa Grega e Armenia, aos que consideraba pouco fiables. Tamén encerrou en prisión a Xoán de Oxite, patriarca de Antioquía da Igrexa ortodoxa grega, e converteu a catedral de San Pedro nun cortello. Os cristiáns ortodoxos sirianos foron polo xeral respectados, posto que Yaghi-Siyan os consideraba máis leais a el que os outros debido a que tamén eran inimigos dos gregos e dos armenios. Yaghi-Siyan e o seu fillo Shams ad-Dawla solicitaron axuda a Duqaq (gobernador de Damasco). Mentres tanto lanzaba ataques contra o campamento cristián e acosaba as partidas de forraxeadores do exército invasor.

Yaghi-Siyan sabía grazas aos seus informadores que existían divisións entre os cristiáns debido a que tanto Raimundo IV de Tolosa como Bohemundo de Tarento querían a cidade para eles. Nunha ocasión, mentres Bohemundo estaba a buscar alimento, Raimundo atacou a cidade en solitario, pero foi repelido polas tropas de Yaghi-Siyan. O 30 de decembro chegaron os esperados reforzos de Duqaq, pero foron derrotados pola partida de aprovisionamento de Bohemundo, polo que se retiraron a Homs.

Yaghi-Siyan acudiu entón a Radwan (gobernador de Alepo) en busca de axuda. Con todo, en febreiro dese ano, o exército enviado por Radwan foi tamén derrotado e Yaghi-Siyan aproveitou a marcha temporal do exército invasor para facer unha saída contra o seu campamento, pero tamén tivo que se retirar cando os cruzados retornaron vitoriosos. En marzo, Yaghi-Siyan logrou emboscar a unha partida de cruzados que traían madeira e outros materiais desde o porto de San Simeón. Chegaron noticias ao campamento cruzado de que Raimundo e Bohemundo morreran nesa batalla, e produciuse unha gran confusión que Yaghi-Siyan aproveitou para atacar ao exército comandado por Godofredo de Bouillón. Con todo, Yaghi-Siyan volveu ser repelido cando Bohemundo e Raimundo volveron ao campamento.

Nesta ocasión o gobernador acudiu a Kerbogha, atabeg de Mosul, en busca de axuda. Os cruzados sabían que debían tomar a cidade antes de que chegasen os reforzos de Kerbogha, e Bohemundo negociou en segredo cun dos gardas de Yaghi-Siyan, un armenio chamado Firuz, que accedeu a traizoar á cidade. O 2 de xuño de 1098 os cruzados entraron na cidade matando a case todos os seus habitantes antes de que Kerbogha puidese acudir no seu auxilio[28]. A guarnición repregouse ao interior da cidadela. Só uns poucos días máis tarde chegou o exército musulmán de 200 000 combatentes, que iniciou un novo cerco, esta vez cos cristiáns (soamente uns 20 000 persoas incluído os non combatentes) no interior da cidade[29][30]. Xusto entón, un monxe chamado Pedro Bartolomeu asegurou descubrir a Lanza Sacra na cidade e, aínda que algúns eran escépticos en canto ao achado, o acontecemento considerouse un milagre que presaxiaba que obterían a vitoria fronte aos infieis[27].

 
Bohemundo de Tarento escala só os muros de Antioquía, nun gravado de Gustave Doré.

O 28 de xuño os cruzados derrotaron a Kerbogha en batalla campal, vitoria que en parte se atribúe ao feito de que Kerbogha non foi capaz de organizar ás distintas faccións que compuñan o seu exército. Mentres que os cruzados marchaban contra os musulmáns, a sección fatimí desertou do continxente turco temendo que Kerbogha se volvese demasiado poderoso se lograba derrotar aos cruzados. Por outra banda, e segundo a lenda cristiá asociada ao descubrimento da Lanza Sacra, un exército de santos cristiáns acudiría en axuda dos cruzados na batalla, esnaquizando o exército de Kerbogha.

Bohemundo de Tarento, tras a retirada dos exércitos bizantinos que os acompañaron na expedición, alegou deserción por parte destes, e argumentou que dita deserción invalidaba todos os xuramentos que fixeran fronte a Aleixo I. Bohemundo, grazas á ruptura do xuramento, retivo a cidade para si, aínda que non todos os cruzados estaban de acordo, e en especial Raimundo de Tolosa. As discusións entre os líderes supuxeron un novo atraso na marcha da cruzada, que quedou estancada durante todo o resto do ano. Doutra banda, a toma de Antioquía implicou o nacemento do segundo Estado cruzado.

Mentres tanto, irrompeu en escena o estalido dunha praga (posibelmente tifo), que matou a moitos dos cruzados, incluíndo ao legado pontificio Ademar de Le Puy. Os soldados contaban cada vez con menos cabalos, e os campesiños musulmáns negábanse a os prover de comida. En decembro dese ano, a cidade de Ma'arrat al-Numan foi capturada tras un cerco no que, ademais de finalizar co asasinato de toda a poboación, se chegaron a producir casos de canibalismo entre os cruzados[31][32].

Os cabaleiros de menor rango fóronse impacientando, e ameazaron con continuar cara a Xerusalén deixando atrás aos seus líderes e as súas disputas internas. Finalmente, a comezos de 1099, renovouse a marcha cara á Cidade Santa, deixando a Bohemundo atrás como novo Príncipe de Antioquía.

Cerco e conquista de XerusalénEditar

Artigo principal: Cerco de Xerusalén (1099).
 
Godofredo de Bouillón como protector de Xerusalén. O seu título oficial era Advocatus Sancti Sepulchri, «protector do Santo Sepulcro».

Desde Antioquía os cruzados marcharon cara a Xerusalén. A cidade naquel momento atopábase disputada entre os fatimís de Exipto e os turcos de Siria. Polo camiño, conquistaron diversas prazas árabes (entre elas o futuro castelo Krak des Chevaliers, que foi abandonado), e asinaron acordos con outras, desexosas de manter a súa independencia e de facilitar que os cruzados atacasen aos turcos. A medida que se dirixían ao sur pola costa do mar Mediterráneo os cruzados non se atoparon demasiada resistencia, posto que os líderes locais preferían chegar a acordos de paz con eles e darlles subministracións sen chegar ao conflito armado.

Xerusalén, mentres tanto, cambiara de mans varias veces, nos últimos tempos e desde 1098 atopábase en mans dos fatimís de Exipto. Os cruzados chegaron ante as murallas da cidade en xuño de 1099 e, do mesmo xeito que fixeron con Antioquía, despregaron as súas tropas para sometela a un longo cerco, durante o cal os cruzados sufriron tamén un gran número de baixas por culpa da falta de comida e auga nos arredores de Xerusalén. Cando o exército cruzado chegou a Xerusalén, do exército inicial só quedaban doce mil homes, incluíndo mil cincocentos soldados de cabalaría[21]. Enfrontados ao que parecía unha tarefa imposíbel, os cruzados levaron a cabo diversos ataques contra as murallas da cidade, pero todos foron repelidos. Os relatos da época indican que a moral do exército viuse mellorada cando un sacerdote chamado Pedro Desiderio asegurou ter unha visión divina na cal se lles daba instrucións de marcharen descalzos en procesión ao redor das murallas da cidade, tras o cal a cidade caería en nove días, seguindo o exemplo bíblico da caída de Xericó. O 8 de xullo os cruzados realizaron esa procesión.

Finalmente a cidade caería en mans cristiás o 15 de xullo de 1099, grazas a unha axuda inesperada. As tropas xenovesas dirixidas por Guillerme Embriaco dirixíronse a Terra Santa nunha expedición privada. Dirixíanse en primeiro lugar a Ascalón, pero un exército fatimí de Exipto obrigounos a marchar terra dentro cara a Xerusalén, cidade que se atopaba nese momento cercada polos cruzados. Os xenoveses desmantelaran previamente as naves nas cales navegaran até Terra Santa, e utilizaron esa madeira para construír torres de cerco. Estas torres foron enviadas cara ás murallas da cidade a noite do 14 de xullo entre a sorpresa e a preocupación da guarnición defensora. Á mañá do día 15, a torre de Godofredo chegou á súa sección das murallas próxima á esquina nordés da cidade e, segundo a Gesta, dous cabaleiros procedentes de Tournai chamados Letaldo e Enxelberto foron os primeiros en acceder á cidade, seguidos por Godofredo, o seu irmán Eustaquio, Tancredo e os seus homes. A torre de Raimundo quedou freada por unha gabia pero, dado que os cruzados xa entraran pola outra vía, os gardas rendéronse a Raimundo.

Ao longo desa mesma tarde, a noite e a mañá do día seguinte, os cruzados desencadearon unha terrible matanza de homes, mulleres e nenos, musulmáns, xudeus e mesmo os escasos cristiáns do leste que permaneceran na cidade[33]. Aínda que moitos musulmáns buscaron acubillo na mesquita de al-Aqsa e os xudeus nas súas sinagogas próximas ao muro das Lamentacións, poucos cruzados se apiadaron das vidas dos habitantes. Segundo a obra anónima Gesta Francorum, «... a carnicería foi tan grande que os nosos homes andaban co sangue á altura dos seus nocellos...» Outros relatos que falan do sangue chegando á altura das rédeas dos cabalos son reminiscencias de pasaxes do Apocalipse (14:20)[34].

Dous mil xudeus foron encerrados na sinagoga principal, á que se prendeu lume. Un dos homes que participou naquela carnicería, Raimundo de Aguilers, cóengo de Puy, deixou unha descrición para a posteridade que fala por si soa:

Marabillosos espectáculos alegraban a nosa vista. Algúns de nós, os máis piadosos, cortaron as cabezas dos musulmáns; outros fixéronnos brancos das súas frechas; outros foron máis lonxe e os arrastraron ás fogueiras. Nas rúas e prazas de Xerusalén non se vían máis que moreas de cabezas, mans e pés. Derramouse tanto sangue na mesquita edificada sobre o templo de Salomón que os cadáveres flotaban nel e en moitos lugares o sangue nos chegaba ata o xeonllo. Cando non houbo máis musulmáns que matar, os xefes do exército se dirixiron en procesión á igrexa do Santo Sepulcro para a cerimonia de acción de grazas.[35]

Tancredo pola súa banda, reclamou o control do templo de Xerusalén e ofreceu protección a algúns dos musulmáns que se refuxiaron aí con axuda de Sexismundo Gozzer, un tridentino a cargo da cruzada lombarda. Con todo, foron incapaces de evitar a súa morte a mans dos seus compañeiros cruzados.

En verdade, se tivésedes estado aí veriades os nosos pés coloreados ata os nocellos co sangue do masacre. Pero, que máis vos podo contar? Ningún foi deixado con vida; non houbo piedade nin de mulleres nin de nenos.

Algúns xefes cruzados, por exemplo Gastón de Bearn, tratou de protexer aos civís refuxiados no Templo dándolles os seus estandartes, pero foi en balde, porque ao día seguinte un grupo de cabaleiros exaltados asasinounos tamén. Só se salvou unha parte da guarnición, protexida polo xuramento de Raimundo de Tolosa.

Por outra banda, a Gesta Francorum establece que algunhas persoas lograron escapar á toma de Xerusalén vivas. O seu autor escribiu: «Cando os pagáns foran vencidos, os nosos homes capturaron a moitos, tanto mulleres como homes, e ou ben lles daban morte ou os mantiñan cativos»[37]. Máis tarde dise: «Os nosos xefes tamén ordenaron que todos os sarracenos mortos fosen enviados fóra da cidade debido ao fedor, posto que toda a cidade estaba chea de cadáveres; e por iso os sarracenos vivos arrastraron aos mortos até as saídas das murallas e colocáronos en piras, coma se fosen casas. Nunca ninguén puido ver ou ouvir dunha matanza como esa de pagáns, posto que as piras funerarias se alzaban como pirámides, e ninguén sabe o seu número salvo o mesmo Deus»[38].

Fin da cruzadaEditar

En primeiro lugar os cruzados ofreceron a Raimundo de Tolosa o título de rei de Xerusalén, pero o rexeitou. Despois ofrecéuselle a Godofredo de Buillón, que aceptou gobernar a cidade pero rexeitou ser coroado como rei, dicindo que non levaría unha «coroa de ouro» no lugar no que Cristo portara «unha coroa de espiñas»[39]. No seu lugar, tomou o título de Advocatus Sancti Sepulchri («protector do Santo Sepulcro») ou, simplemente, o de «príncipe». Na última acción da cruzada encabezou un exército que derrotou a un exército fatimí invasor na batalla de Ascalón. Godofredo morreu en xullo de 1100 e foi sucedido polo seu irmán, entón Balduíno de Edesa, que si que aceptaría o título de rei de Xerusalén e sería coroado baixo o nome de Balduíno I de Xerusalén.

Con esta conquista finalizou a primeira cruzada, a única exitosa. Tras a toma de Xerusalén, moitos cruzados volveron aos seus lugares de orixe, aínda que outros quedaron a defender as terras recentemente conquistadas. Entre eles, Raimundo de Tolosa, desgustado por non ser o rei de Xerusalén, independizouse e dirixiuse a Trípoli (no actual Líbano), onde fundou o condado do mesmo nome.

As expedicións de 1101 e o establecemento dun novo reinoEditar

 
Mapa da parte occidental de Anatolia no que aparecen as rutas tomadas polos exércitos cristiáns durante a cruzada de 1101.
Artigo principal: Cruzada de 1101.

Capturando Xerusalén e a igrexa do Santo Sepulcro, o xuramento cruzado quedara cumprido. Con todo, había moitos cabaleiros que volveran a casa antes de alcanzar Xerusalén, así como outros moitos que non chegaran a abandonar Europa. Cando chegaron noticias do éxito da cruzada, estes homes foron ridiculizados polas súas familias e recibiron ameazas de excomuñón por parte do clero. Doutra banda, outros moitos cruzados que permaneceran na cruzada até o seu final tamén volveron ás súas casas, polo que, segundo Fulquerio de Chartres, no ano 1100 xa só quedaban uns poucos centos de cabaleiros no novo reino.

En 1101 comezou unha nova cruzada, á que se sumaron Estevo de Blois e Hugo de Vermandois, que regresaran a casa antes de alcanzar Xerusalén. Esta cruzada foi case aniquilada en Asia Menor polos turcos selxúcidas, pero os sobreviventes serviron para reforzar o novo reino á súa chegada a Xerusalén. Nos anos seguintes, o reino tamén recibiu axuda dos mercadores italianos que se estableceron en portos sirios e das ordes relixiosas e militares dos Cabaleiros Templarios e os Cabaleiros Hospitalarios, que foron creadas durante o reinado de Balduíno I.

Participantes na primeira cruzadaEditar

Peregrinación armadaEditar

Aínda que se denomina primeira cruzada, en realidade ningún dos que participaron nela víase a si mesmo como «cruzado», que é un termo de cuñación posterior aos feitos. A referencia aos cruzados apareceu a comezos do século XIII, máis de 100 anos despois da primeira cruzada. Tampouco os cruzados non se vían a si mesmos como os primeiros, posto que non sabían que habería cruzadas posteriores á súa. En realidade, víanse como meros peregrinos (peregrinatores) nunha viaxe (iter), coa particularidade de que ían armados, e é a esa condición, a de participantes nunha peregrinación armada, á que se fai referencia nos relatos contemporáneos.

Os participantes na peregrinación debían prestar xuramento ante a Igrexa de que completarían a viaxe, e enfrontábanse ao castigo da excomuñón se fallaban no intento, o cal dotaba á cruzada dun carácter oficial. Os cruzados debían xurar que a súa viaxe non estaría completa ata que puxesen o pé dentro do Santo Sepulcro de Xerusalén. Por outra banda, e dado que as peregrinacións eran eventos abertos a calquera que quixese participar nelas, tamén se podían unir candidatos non do todo desexables para unha expedición militar. Mulleres, vellos e enfermos, a pesar de que se lles desaconsellaba a participación, podíanse unir sen que ninguén puidese prohibirllo.

Popularidade da cruzadaEditar

A primeira cruzada atraeu ao maior número de campesiños, o cal supuxo que o que comezou como unha chamada menor para asistencia de carácter militar se convertese nunha migración de poboación de gran envergadura. A chamada para acudir á cruzada era moi popular, entre outras cousas, porque era capaz de fundir nun só as figuras do guerreiro medieval e do peregrino. Do mesmo xeito que un guerreiro santo nunha guerra santa, o participante na cruzada portaba a súa arma para loitar pola Igrexa, obtendo a cambio todos os beneficios espirituais como a Indulxencia ou o martirio se o participante morría en batalla.

Do mesmo xeito que un peregrino na súa peregrinación, un cruzado tería o dereito a recibir hospitalidade e protección persoal da Igrexa, protección que abarcaba tanto á súa persoa como dos seus bens. Os beneficios da indulxencia tiñan unha dobre fonte, tanto participando como guerreiros sagrados da Igrexa como peregrinos, polo que lles sería concedida tanto se morrían en batalla coma se sobrevivían á cruzada. Doutra banda, non se trataba dunha indulxencia no sentido medieval, pois as indulxencias daquel entón eran obxecto de compravenda, senón que se baseaba máis nun sistema de penitencia autoimposta de forma voluntaria para conseguir a absolución. Esta diferenza crucial é o que separa a indulxencia medieval da idea orixinal da cruzada.

Por último, existían participantes que acudían obrigados polo seu señor feudal. As clases máis pobres acudían á nobreza local para que lles servisen de guía, e iso facía que un aristócrata o suficientemente poderoso puidese motivar a outros para unirse á causa tamén. A conexión cun líder adiñeirado permitía ao campesiño medio poder contribuír á cruzada baixo unha certa protección na viaxe, ao contrario dos que acudían pola súa conta. Tamén había obrigacións familiares, que facían que algúns soldados acudisen para apoiar a algún familiar que tamén xurara participar na cruzada. Todos estes factores motivaron a distintas persoas por distintos motivos a participar na cruzada.

Algúns nobres, como certos reis e algúns dos seus herdeiros, tiñan prohibido participar por culpa da súa posición dinástica.

Recompensas espirituais e terreaisEditar

A chamada á cruzada tivo lugar nunha época na que, tras unha serie de anos de boas colleitas, incrementouse a poboación de Europa occidental, incrementando tamén con iso o tamaño dos exércitos da cristiandade. Isto permitiu asumir unha serie de campañas como a Reconquista e a cruzada. Ademais, o atractivo de comezar unha nova vida nun Oriente máis rico e próspero incentivou a moitas persoas para deixar as súas terras. A expansión da poboación supuxo unha diminución das oportunidades de enriquecemento en Europa, e as posíbeis recompensas espirituais, políticas e económicas da cruzada tentaban a numerosos participantes.

A visión tradicional sobre os motivos dos cruzados para participar na expedición explican que a maior parte dos participantes eran novos fillos de nobres que non tiñan posibilidade de herdar terras debido á práctica do morgado e á primoxenitura e nobres desposuídos que partían en busca dunha nova vida no rico oriente. Os rumores sobre tesouros descubertos en terras musulmás da al-Andalus eran moi atractivos, e facían que a xente avaliase que se houbo eses tesouros en Hispania, debería haber moitos máis en Xerusalén. En calquera caso, e aínda que estes motivos foron reais até certo punto, non foron a única motivación para a maioría. Pola contra, estudos máis recentes suxiren que aínda que o papa Urbano prometese aos cruzados tantas ganancias espirituais como materiais, o obxectivo principal dos cruzados era máis espiritual que material.

Nese sentido, os estudos realizados por Jonathan Riley-Smith mostran que a cruzada era unha campaña inmensamente custosa, que só estaba ao alcance daqueles cabaleiros que xa tiñan unha considerable riqueza, como Hugo I de Vermandois ou Roberto II de Normandía, que eran parentes das familias reais francesa e inglesa, ou Raimundo IV de Tolosa, que gobernaba gran parte do sur de Francia. Mesmo neses casos, estes cabaleiros debían vender gran parte das súas terras a familiares ou á Igrexa antes de poder participar na cruzada, e os seus parentes tamén tiveron que achegar en moitas ocasións parte do diñeiro necesario para a campaña. Riley-Smith afirma, por tanto, que non hai evidencia real que apoie a suposición de que a cruzada fose unha oportunidade para que os fillos pequenos buscasen a riqueza que, á súa vez, deixasen de ser unha carga para as súas familias[40].

Como exemplo de motivación espiritual por encima da terreal, Godofredo de Bouillón e o seu irmán Balduíno deixaron pechadas unha serie de disputas coa Igrexa legando a súa terra ao clero local. Os documentos que recollen estas transaccións foron escritos polos clérigos, e non polos cabaleiros, e parecen idealizar a estes nobres e presentalos como homes píos que só buscaban cumprir cun voto de peregrinaxe.

Doutra banda, os cabaleiros máis pobres (minores) só podían exporse acudir á cruzada se esperaban sobrevivir mediante esmolas, ou se eran capaces de entrar ao servizo dun nobre adiñeirado. Este último caso era, por exemplo, o de Tancredo de Galilea, que aceptou servir ás ordes do seu tío Bohemundo. As cruzadas posteriores serían organizadas por reis ou emperadores, e estarían financiadas con impostos especiais.

Feitos posterioresEditar

O resultado da primeira cruzada tivo un gran impacto na historia dos dous bandos en conflito. A nova estabilidade adquirida no oeste creou unha aristocracia guerreira en busca de novas conquistas e patrimonio, e a prosperidade das principais cidades significou a capacidade económica para equipar as expedicións. As cidades estado marítimas italianas, en particular Venecia e Xénova, estaban tamén interesadas en estender o comercio. Pola súa banda, o papado viu as cruzadas como a súa forma de impor a influencia católica como forza de unificación, convertendo a guerra nunha misión relixiosa. Isto supuxo unha nova actitude fronte á relixión que fixo posíbel que a disciplina relixiosa, antes aplicable soamente aos monxes, se estendese tamén ao campo de batalla, coa creación do concepto do guerreiro relixioso e do sentimento de cabalaría.

A primeira cruzada tivo éxito na creación, en territorio de Palestina e Siria, dos chamados Estados Cruzados: O Condado de Edesa, o Principado de Antioquía, o Reino de Xerusalén e o Condado de Trípoli. Tamén creou aliados ao longo da ruta dos cruzados, como o Reino armenio de Cilicia.

De volta en Europa occidental, os que lograran sobrevivir até alcanzar Xerusalén foron recibidos como heroes. Roberto II de Flandres, por exemplo, recibiu o sobrenome de Hierosolymitanus grazas aos seus logros. A vida de Godofredo de Bouillón, pola súa banda, converteuse en obxecto de lendas aos poucos anos da súa morte. Con todo, nalgúns casos a situación política nos lugares de orixe viuse moi afectada as ausencias dos cruzados. Mentres Roberto II de Normandía estaba ausente, o control de Inglaterra pasou ao seu irmán, Henrique I, e o conflito á súa volta terminou desencadeando a batalla de Tinchebray en 1106.

Mentres tanto, a creación dos Estados Cruzados supuxo un alivio para o Imperio bizantino, ao que axudou a conter a presión dos selxúcidas, e ao que permitiu recuperar varios dos seus territorios en Anatolia. O Imperio atravesou posteriormente, ao longo do século XII, un período de relativa paz e prosperidade. No entanto, aínda que esta primeira cruzada pode considerarse como un apoio, ao facer fronte á crecente ameaza selxúcida e establecendo pequenos reinos fronteirizos; as cruzadas posteriores, moi pouco eficaces contra os musulmáns, só conseguiron debilitar cada vez máis ao Imperio bizantino, en cuxos asuntos internos interviñeron.

O efecto nas dinastías musulmás orientais foi máis gradual, pero importante. A inestabilidade política e a división do Gran Imperio selxúcida tras a morte de Malik Shah I impediu unha defensa coherente ante a invasión dos estados latinos. Esa mesma cooperación continuou sendo difícil durante moitas décadas, aínda que desde Exipto até Siria e Bagdad comezaron a haber chamamentos para a expulsión dos cruzados. Finalmente isto culminaría coa reconquista de Xerusalén por Saladino, despois de que a dinastía axubí lograse unificar as áreas circundantes.

O papa Urbano II, ao facer un chamamento para organizar unha cruzada a Terra Santa, buscaba reforzar a súa autoridade espiritual suprema sobre a cristiandade latina á vez que expandía a súa área de poder. Non tivo éxito en unir de novo o cisma existente entre o leste e o oeste e, sen darse conta, contribuíu a solidificar o cisma, sobre todo tras o saqueo de Constantinopla das últimas cruzadas.

Impacto da primeira cruzada na arte e a literaturaEditar

O éxito da cruzada inspirou aos poetas de Francia que, no século XII, dedicáronse a compor varios cantares de xesta que enxalzaban e celebraban os logros de Godofredo de Bouillon e dos demais cruzados. Algúns destes, como o Cantar de Antioquía, uno dos máis famosos, son semi-históricos, mentres que outros son completamente fantasiosos e chegan a describir batallas con dragns ou conectan aos devanceiros de Godofredo coa lenda do Cabaleiro do Cisne. En xeral, a este grupo de cantares denomínaselles o Ciclo das Cruzadas.

A cruzada tamén serviu de inspiración a artistas posteriores. En 1580, Torquato Tasso escribiu o poema épico Xerusalén liberada. Georg Friedrich Händel compuxo música baseada nese poema para a súa ópera Rinaldo. Pola súa banda, Tommaso Grossi, poeta do século XIX, escribiu outro poema épico que sería a base da ópera de Giuseppe Verdi titulada I Lombardi alla prima crociata.

Gustave Doré, pola súa banda, fixo unha serie de gravados baseados en episodios da primeira cruzada.

As cruzadas vistas polos árabesEditar

O fenómeno militar coñecido como as cruzadas foron percibidas desde o mundo musulmán como unha invasión bárbara protagonizada por uns fanáticos relixiosos (denominados rum e frany polos musulmáns) cun nivel cultural moi inferior ao que nese momento se gozaba no mundo árabe. Nese sentido, Amin Maalouf describe na súa obra As cruzadas vistas polos árabes[41] o punto de vista do bando musulmán, baseándose para iso nos testemuños dos historiadores e cronistas árabes da época.

Desde este punto de vista, Amin Maalouf presenta a primeira cruzada como o inicio de dous séculos de guerra nos que os habitantes de poboacións como Xerusalén, Antioquía, Trípoli ou Tiro sufriron cercos, masacres e atrocidades de todo tipo, e cuxo recordo quedou na cultura popular musulmá acentuando as diferenzas culturais entre as civilizacións cristiá e islámica, marcando a historia da rexión até a actualidade.

NotasEditar

  1. Nicolle, D. The First Crusade 1096-99: Conquest of the Holy Land, p. 21.
  2. 2,0 2,1 Nicolle, D. The First Crusade 1096-99: Conquest of the Holy Land, p. 32.
  3. Biografía de Alejandro II en www.artehistoria.com
  4. 4,0 4,1 Runciman, The First Crusade, p. 39.
  5. Asbridge, Thomas. The First Crusade: A New History, the Roots of Conflict Between Christiniaty and Islam. Oxford: Oxford University Press, 2004, pp. 15-20.
  6. Runciman, The First Crusade, p. 62.
  7. Runciman, The First Crusade, p. 45.
  8. 8,0 8,1 Runciman, The First Crusade, p. 40.
  9. Runciman, The First Crusade, p. 9.
  10. 10,0 10,1 Fulcher of Chartres, "Speech of Urban", Gesta Francorum Jerusalem Expugnantium.
  11. Bertényi, I., Diószegi, I., Horváth, J., Kalmár, J. e Szabó, P. (2004). Királyok Könyve. Magyarország és Erdély királyai, királynői, fejedelmei és kormányzói. Budapest, Hungría: Helikon Kiadó.
  12. Szalay, J. e Baróti, L. (1896). A Magyar Nemzet Története. Budapest, Hungría: Udvari Könyvkereskedés Kiadó.
  13. Tucoo-Chala, Pierre. Quand l'Islam était aux portes des Pyrénées, capítulo 2.
  14. Asbridge. The First Crusade, pp. 31-39.
  15. Norwich, John Julius. Byzantium: The Decline and Fall. New York: Alfred Knopf, 1995, p. 33 ISBN 0-679-41650-1.
  16. Norwich, J. Byzantium: The Decline and Fall, 33.
  17. Norwich, J. Byzantium: The Decline and Fall, 35.
  18. Riley-Smith, Jonathan, The First Crusade and the Idea of Crusading, 1986, p. 50.
  19. Tyerman, Christopher. God's War: A New History of the Crusades. Cambridge, Mass.: Belknap Press, 2006, ISBN 0-674-02387-0.
  20. Nicolle, D. The First Crusade 1096-99: Conquest of the Holy Land, pp. 21 & 32.
  21. 21,0 21,1 Konstam, A. Historical Atlas of the Crusades, p. 133.
  22. Runciman, The First Crusade, p. 121.
  23. 23,0 23,1 Runciman, The First Crusade, p. 131.
  24. Runciman, The First Crusade, p. 123.
  25. Runciman, Steven. The First Crusade, p. 135.Parker, Geoffrey. Compact History of the World, 48-9.

  26. Runciman, The First Crusade, p. 149.
  27. 27,0 27,1 Asbridge. The First Crusade, pp. 163-187.
  28. Runciman. History of the Crusades, p. 231.
  29. Gibbon. The History of the Decline and Fall of the Roman Empire (en inglés). 
  30. Asbridge. The Crusades: The War for the Holy Land (en inglés). 
  31. Runciman. History of the Crusades, p. 261.
  32. Amin Maalouf. As cruzadas vistas polos árabes.
  33. Ibid., pp. 286-287.
  34. Fulcher of Chartres, "The Fall of Jerusalem", Gesta Francorum Jerusalem Expugnantium.
  35. Introducción a las cruzadas Arquivado 06 de marzo de 2016 en Wayback Machine., en Arte-romanico.com Arquivado 29 de setembro de 2018 en Wayback Machine. (en castelán).
  36. Fulquerio de Chartres, Gesta Francorum Jerusalem Expugnantium.
  37. Gesta Francorum
  38. Gesta Francorum
  39. William of Tyre, Book 9, Chapter 9.
  40. Riley-Smith, Jonathan. The First Crusade and the Idea of Crusading, p. 47.
  41. Obra publicada en francés en 1983. Editada por Alianza Editorial en español: Maalouf, Amin. As Cruzadas Vistas Polos Árabes (Alianza Editorial) ISBN 84-206-5686-0.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Fontes primariasEditar

Ligazóns externas a fontes primariasEditar

Fontes secundariasEditar

  • Airaldi, Gabriella. Blu come il mare: Guglielmo e la saga degli Embriaci, ed. Fratelli Frilli. Genoa: 2006. ISBN 88-7563-174-3.
  • Asbridge, Thomas. The First Crusade: A New History. Oxford: 2004. ISBN 0-19-517823-8.
  • Bartlett, Robert. The Making of Europe: Conquest, Colonization and Cultural Exchange, 950–1350. Princeton: 1994. ISBN 0-691-03780-9.
  • Chazan, Robert. In the Year 1096: The First Crusade and the Jews. Jewish Publication Society, 1997. ISBN 0-8276-0575-7.
  • Costa, Ricardo da. “Então os cruzados começaram a profanar em nome do pendurado”. Maio sangrento: os pogroms perpetrados em 1096 pelo conde Emich II von Leiningen (†c. 1138) contra os judeus renanos, segundo as Crônicas Hebraicas e cristãs. In: LAUAND, Jean (org.). Filosofia e Educação – Estudos 8. Edição Especial VIII Seminário Internacional CEMOrOc: Filosofia e Educação. São Paulo: Editora SEMOrOc (Centro de Estudos Medievais Oriente & Ocidente da Faculdade de Educação da USP) – Factash Editora, 2008, p. 35-61. Internet: http://www.ricardocosta.com/pub/emich.htm
  • Geoffrey Hindley, "Las Cruzadas - Peregrinaje Armado y Guerra Santa" (cap 2 pag 71)Ediciones B, S.A. ISBN 84-666-1985-2
  • Hillenbrand, Carole. The Crusades: Islamic Perspectives. Routledge, 2000. ISBN 0-415-92914-8.
  • Holt, P. M. The Age of the Crusades: The Near East from the Eleventh Century to 1517. Longman, 1989. ISBN 0-582-49302-1.
  • Maalouf, Amin. Las Cruzadas Vistas Por Los Árabes. Alianza Editorial. ISBN 84-206-5686-0.
  • Madden, Thomas. New Concise History of the Crusades. Rowman & Littlefield, 2005. ISBN 0-7425-3822-2.
  • Mayer, Hans Eberhard. The Crusades. John Gillingham, translator. Oxford: 1988. ISBN 0-19-873097-7.
  • Oldenbourg Zoe, Las cruzadas (caps 1 a 4), Edhasa ISBN 84-350-2620-5
  • Riley-Smith, Jonathan. The First Crusade and the Idea of Crusading. University of Pennsylvania: 1991. ISBN 0-8122-1363-7.
  • Riley-Smith, Jonathan, editor. The Oxford History of the Crusades. Oxford: 2002. ISBN 0-19-280312-3.
  • Riley-Smith, Jonathan. The First Crusaders, 1095–1131. Cambridge: 1998. ISBN 0-521-64603-0.
  • Runciman, Steven. A History of the Crusades: Volume 1, The First Crusade and the Foundation of the Kingdom of Jerusalem. Cambridge: 1987 ISBN 0-521-34770-X
  • Runciman, Steven. The First Crusade. Camridge: 1980. ISBN 0-521-23255-4.
  • Runciman, Steven (2002). Historia de las Cruzadas, tomo I. Traducción a cargo de Germán Bleiberg. Madrid: Alianza Editorial, colección Alianza Universidad. ISBN 978-84-206-2059-6. 
  • Runciman, Steven (2002). Historia de las Cruzadas, tomo II. Traducción a cargo de Germán Bleiberg. Madrid: Alianza Editorial, colección Alianza Universidad. ISBN 978-84-206-2060-2. 
  • Setton, Kenneth, editor. A History of the Crusades. Madison: 1969–1989 (online).
  • Tucoo-Chala, Pierre. Quand l'Islam était aux portes des Pyrénées (2004).
  • Magdalino, Paul, "The Byzantine Background to the First Crusade" (online)

Bibliografías completasEditar

Ligazóns externasEditar

  • Fulquerio de Chartres: Historia das Cruzadas.
    • Texto bilingüe latín - francés, con introdución e anotacións neste idioma, no sitio de Philippe Remacle (1944 - 2011): trad. de François Guizot extraída do seu libro Colección de memorias relativas á historia de Francia (Collection des mémoires relatifs à l'histoire de France); ed. en París.