Mesquita de Al-Aqsa

(Redirección desde «Mesquita de al-Aqsa»)

A Mesquita de Al-Aqsa (árabe: ٱلْـمَـسْـجِـد الْاَقْـصَى [Al-Masyid Al-Aqsa]), "a Mesquita máis afastada") é o terceiro lugar máis sagrado do islam e está situado na Chaira das Mesquitas da Cidade Vella de Xerusalén. Os musulmáns cren que Mahoma foi transportado desde a Mesquita Sagrada na Meca a al-Aqsa durante a Noite da Viaxe. Segundo a  tradición islámica Mahoma estivo orando neste lugar ata o 17 de mes despois da súa migración da Meca a Medina, cando Alá (árabe: الله, Deus) dirixiuse a el para que se volvera cara a Kaaba na Meca.

Mesquita de Al-Aqsa
A Mesquita de Al-Asqa
Datos xerais
País Palestina
RexiónOriente Medio
TipoMesquita
LocalizaciónCidade vella de Xerusalén
Coordenadas31°46′34″N 35°14′09″L / 31.776111111111, 35.235833333333Coordenadas: 31°46′34″N 35°14′09″L / 31.776111111111, 35.235833333333
CatalogaciónPatrimonio da Humanidade (1981, en conxunto coa cidade vella)
Culto
CultoIslam
Arquitectura
Construción705
EstiloIslámico
Mesquita de Al-Aqsa en Xerusalén
Mesquita de Al-Aqsa
Mesquita de Al-Aqsa
Localización da Mesquita sobre Palestina e a cidade de Xerusalén
editar datos en Wikidata ]

A mesquita orixinal foi un pequeno lugar de oración erixido polo Omar, o segundo califa ortodoxo, pero foi reconstruída e ampliada polo califa omeia Abd al-Malik e rematada polo seu fillo al-Walid no ano 705. A mesquita quedou totalmente destruída por mor dun terremoto no ano 746 e foi reconstruída de novo polo califa abbásida al-Mansur no 754. No ano 780 foi reconstruída de novo. Máis adiante, no 1033 a mesquita volveu a quedar destruída tras un terremoto, e dous anos máis tarde o califa fatimí Ali az-Zahir construíu a nova mesquita que é a que chegou ata os nosos días. Os mosaicos do arco ao final da nave tamén se remontan a este período.

Durante as renovacións periódicas que se levaron a cabo, as distintas dinastías reinantes do califato islámico engadiron ampliacións á mesquita e os seus recintos, como a súa cúpula, fachada, o seu minbar (árabe: مِـنـۢبَـر), minaretes e a estrutura interior. Cando os cruzados conquistaron Xerusalén no 1099, utilizaron a mesquita como palacio e a Cúpula da Rocha como igrexa, manténdose esa situación ata a reconquista musulmá por parte de Saladino no ano 1187. Nos seguintes séculos os diferentes gobernantes[a] levaron a cabo varias renovacións, reparacións e ampliacións. A 2024 a Cidade vella está baixo control do Estado de Israel, pero a mesquita permanece baixo a administración do Waqf islámico xordano/palestino (árabe: وَقْـف).

Etimoloxía editar

Al-Masjid al-Aqsa se traduce do árabe ao galego como a mesquita máis afastada. O nome se refire ao capítulo do Corán chamado Al-Isrā’ (árabe: ٱلْإِسْـرَاء), "A Viaxe Nocturna"), no cal se di que Mahoma viaxou desde a Meca ata a "mesquita máis afastada", e despois subiu ao Ceo a lombos dunha criatura celestial chamada al-Burāq ash-Sharīf (árabe: ٱلْـبُـرَاق الـشَّـرِيْـف).[1][2]

Definición editar

Haram vs. Al-Aqsa editar

O lugar no que se sitúa a mesquita da cúpula prateada, xunto coa Cúpula da Rocha, as dezasete portas e os catro minaretes, coñeceuse historicamente como a Mesquita de Al-Aqsa. Al-Masjid al-Aqsa referíase non só á mesquita, senón a todo o santuario sagrado, mentres que Al-Jâmi‘ al-Aqṣá (árabe: ٱلْـجَـامِـع الْأَقْـصّى) referíase ao lugar específico da mesquita.[b] Durante o período otomán, comezos do século XVI ata 1917, o lugar comezou a ser coñecido como al-Ḥaram ash-Sharīf (árabe: اَلْـحَـرَم الـشَّـرِيْـف, o Nobre Santuario),[4][5]

Al-Qibli vs. Al-Aqsa editar

A Mesquita de Al-Aqsa tamén se coñece como a Mesquita Al-Qibli segundo se deduce dunha estrutura no seu interior, a Capela Al-Quibli (al-Jami' al-Aqsa ou al-Qibli, ou Masjid al-Jumah ou al-Mughata).[6][c][d]

Historia editar

Antes da construción editar

A mesquita sitúase sobre o Monte do Templo, coñecido hoxe en día polos musulmáns como "Haram al-Sharif" ("o Nobre Santuario"), un recinto ampliado por Herodes o Grande desde o ano 20 a. C.[9] O santuario orixinal crese que databa dos tempos de Abraham.[10]

A mesquita repousa sobre unha plataforma artificial soportada por arcos construídos polos enxeñeiros de Herodes para superar as dificultades topográficas resultantes da expansión cara ao sur do recinto cara aos vales do Kidrón e Tiropeón.[11] Na época do Segundo Templo, o lugar no que se levanta a mesquita estaba ocupado pola Columnata Real, unha basílica que se estendía ata o muro sur do recinto.[11] A Columnata Real foi destruída xunto ao Templo durante a destrución de Xerusalén polos romanos no ano 70 d. C..

Nalgunha ocasión pensouse que a "Nea Ekklesia de Theotokos", ou Nova Igrexa da Nai de Deus, do emperador Xustiniano, adicada á Theotokos, a Virxe María, consagrada no 543 e coñecida comunmente como a Igrexa Nea, situouse onde máis adiante se construíu a mesquita de Al-Aqsa. Porén, os restos identificados como os da Igrexa Nea foron descubertos ao sur do barrio xudeu en 1973.[12][13]

As análises realizados nas vigas de madeira e nos paneis retirados da mesquita durante as renovacións da década de 1930 mostraron que estaban fabricados con madeira de cedro libanés e ciprés. A datación por radiocarbono indicou un amplo espectro de idades, algunhas delas remontábanse ao século IX a. C., o que demostra que a madeira fora xa utilizada noutras construcións.[14]

En 2012, informouse de que Robert Hamilton, un arqueólogo que traballou no Monte do Templo tralo terremoto de Xericó de 1927, descubriu restos baixo a mesquita de Al-Aqsa que non publicou no seu libro sobre as escavacións. Estes incluían un mosaico similar aos que se utilizaban nas igrexas bizantinas, e un mikve xudeu da época do Segundo Templo.[15][16]

Construción polos Omeias editar

 
A mesquita sobre o muro sur do Monte do Templo.

A construción da mesquita de Al-Aqsa data da época de dominio Omeia sobre Palestina. O historiador arquitectónico K. A. C. Creswell, en referencia a un testemuño de Arculf, u monxe galo, durante a súa peregrinación a Palestina entre os anos 679-682, apuntou a posibilidade de que o segundo califa do Califato ortodoxo, Umar ibn al-Khattab, erixira unha primitiva estrutura cuadrangular con capacidade para 3 000 persoas nalgún lugar do Nobre Santuario. Porén, Arculf visitou a rexión durante o reinado de Mu'awiyah I, e é posible que Mu'awiyah ordenara a construción e non Omar. Esta teoría recibe o apio explícito do primitivo erudito musulmán al-Muthahhar bin Tahir.[17]

Segundo varios eruditos musulmáns, incluídos Mujir ad-Din, al-Suyuti e al-Muqaddasi, a mesquita foi reconstruída e ampliada polo califa Abd al-Malik no ano 690 xunto coa Cúpula da Rocha.[17][18] Guy le Strange afirmou que Abd al-Malik empregou materiais da destruída Igrexa da Nosa Señora para construír a mesquita e sinala como posible evidencia que as estruturas das esquinas do sueste da mesquita son restos da igrexa.[18] No deseño do seu proxecto para o Monte do Templo, no que pretendía transformar todo o complexo no Haram al-Sharif ("o Nobre Santuario"), Abd al-Malik quixo substituír a vella estrutura descrita por Arculf cunha máis protexida que incluíra a qibla ("dirección"), un elemento necesario no seu gran esquema. Porén, todo o Haram al-Sharif estaba pensado para representar unha mesquita. Descoñécese o grao de modificación que sufriu a antiga estrutura, pero a lonxitude do novo edificio indícase pola existencia das trazas dunha ponte dirixida desde o palacio Omeia ata o sur da parte oeste do complexo. A ponte puido estender a rúa ata o exterior do muro sur do Santuario para darlle un acceso directo ata a mesquita. Os accesos directos desde os palacios ata as mesquitas foron un aspecto bastante coñecido do período Omeia, como evidencian os restos doutros complexos anteriores. Abd al-Malik xirou o eixo central da mesquita cara ao oeste. Poñendo énfase na Cúpula da Rocha, Abd al-Malik ordenou aos arquitectos que aliñaran a nova mesquita de Al-Aqsa segundo a posición da Rocha Fundacional.[19]

En contraste, Creswell, en referencia ao Aphrodito Papyri, afirma que o fillo de Abd al-Malik, al-Walid I, reconstruíu a mesquita nun período comprendido entre seis meses e un ano, utilizando traballadores de Damasco. Moitos estudosos concordan en que a reconstrución da mesquita comezou con Abd al-Malik, pero que al-Walid a completou. Entre os anos 713 e 714, unha serie de terremotos asolou Xerusalén, destruíndo a sección leste da mesquita, que tivo que ser reconstruída durante o reinado de al-Walid. Para poder financiar a reconstrución, o califa tomou o ouro da cúpula da Rocha e o fundiu para acuñar moedas e poder mercar os materiais.[17]

Terremotos e reconstrucións editar

No ano 746 a mesquita quedou danada por un terremoto. Catro anos antes as-Saffah derrocou aos Omeias e estableceu o Califato abbasida. O segundo califa abbasida Abu Ja'far al-Mansur declarou o seu intento de reconstruír a mesquita no 753, ordenando que as placas de ouro e prata que cubrían as portas foran retiradas e convertidas en cartos para financiar a reconstrución, que rematou no 771. Un segundo terremoto acabou coa maior parte dos arranxos de al-Mansur.[18][20] No 780, o seu sucesor Muhammad al-Mahdi a reconstruíu de novo, pero acortou a súa lonxitude e aumentou o seu ancho.[18][21] Archnet Digital Library A renovación de Al-Mahdi foi a primeira da que se dispoñen rexistros escritos.[22] En 985, o xeógrafo xerosolimitano al-Muqaddasi rexistrou nos seus escritos que a renovada mesquita tiña "15 naves e 15 portas".[20]

 
As portas ao Minbar de Saladino, a comezos da década de 1900. O "minbar" foi construído por orde de Nur al-Din, pero instalado por Saladino.

No ano 1033 houbo outro terremoto que danou severamente á mesquita. O califa fatimí Ali az-Zahir a reconstruíu e renovou por completo entre os anos 1034 e 1036. O número de naves foi reducido de 15 a 7.[20] Az-Zahir construíu os catro arcos da nave central e lateral, que na actualidade serven como a base da mesquita.[17]

Xerusalén foi capturada polos cruzados en 1099, durante a Primeira Cruzada. Renomearon a mesquita como o Templo de Salomón, diferenciándoa da Cúpula da Rocha, a que renomearon como Templum Domini (Templo de Deus). Mentres que a Cúpula da Rocha foi reconvertida nunha igrexa cristiá,[23] a mesquita de al-Aqsa utilizouse como palacio real e tamén como corte para os cabalos. No ano 1119, foi transformada no cuartel xeral dos Cabaleiros Templarios. Durante este período, a mesquita sufriu algúns cambios estruturais, incluída a expansión do soportal do norte, a adición dunha ábsida e dunha parede divisoria. Tamén se construíron un novo claustro e unha igrexa, así como varias outras estruturas.[24] Os Templarios construíron tamén varios anexos ao edificio, o máis occidental deles serve a día de hoxe como mesquita para ás mulleres mentres que o oriental como museo islámico.[20]

A conquista de Saladino e caída do reino cristián tralo cerco de 1187 fixéronse varias reparacións e renovacións na mesquita. Saladino retirou os grandeiros e baños instalados polos cruzados, cubríronse os chans con alfombras e o interior foi perfumado con auga de rosas e incenso.[25]

Durante o Imperio Otomán non se levaron a cabo grandes reformas no Nobre Santuario. Tan só se construíu a Fonte de Qasim Pasha (1527), a restauración da Piscina de Raranj, e a construción de tres cúpulas en 1538 entre as que destaca a Cúpula do Profeta.[26]

Status relixioso editar

Artigo principal: Lugares sagrados no Islam.

Xerusalén está recoñecida como unha cidade sagrada no islam. A pesar de que o Corán non a menciona polo seu nome, os eruditos islámicos entenderon desde as orixes desta relixión que moitos dos pasaxes do Corán refírense a Xerusalén.[27] Xerusalén tamén aparece mencionada en varias ocasións no hadith. Algúns académicos atribúen a santidade de Xerusalén ao xurdimento e expansión dun xénero literario coñecido como al-Fadhail ou historia de cidades. O Fadhail de Xerusalén inspirou aos musulmáns, especialmente durante o período Omeia, a embelecer a santidade da cidade máis aló do seu status nos textos sagrados.[28] Outros sinalan os razóns políticas o motivo polo que os Omeias deron lugar a santificación da cidade no islam.[29]

Os textos medievais, así como os modernos, tenden a clasificar á mesquita de Al-Aqsa como o terceiro lugar máis sagrado do islam.[30] Por exemplo, Sahih al-Bukhari citan a Abu Darda dicindo: "o Profeta de Deus Mahoma dixo una oración na Mesquita Sagrada (na Meca) que equivale a 100,000 oracións; unha mesquita en Al-Masjid an-Nabawi (en Medina) equivale a 1,000 oracións; e unha oración na mesquita de Al-Aqsa equivale a 500 oracións máis que en calquera outra mesquita".[31] Ademais, a Organización de Cooperación Islámica refírese á mesquita de Al-Aqsa como o terceiro lugar máis sagrado do islam (e chama pola soberanía árabe sobre ela).[32]

Administración editar

O Waqf de Xordania mantivo o control da mesquita ata a guerra dos seis días en 1967. Trala vitoria israelí na guerra, Israel transferiu o control da mesquita e o Nobre Santuario ao waqf islámico, independente do goberno israelí. Porén as Forzas de Seguridade de Israel teñen permitido patrullar e facer inspeccións no perímetro da mesquita. Tralo incendio de 1969, o waqf contratou arquitectos, técnicos e artesáns nun comité que leva a cabo as tarefas regulares de mantemento. O Movemento Islámico de Israel e o waqf trataron de aumentar o control musulmán sobre o Monte do Templo como medida para conter ás políticas israelís e o aumento das forzas de seguridade arredor do lugar desde a segunda intifada.[33]

Notas editar

  1. Trala conquista de Saladino a mesquita pasou polas mans da Dinastía ayubí, o sultanato mameluco de Exipto, o Imperio Otomán, o Consello Supremo Musulmán e Xordania.
  2. Segundo o historiador Oleg Grabar, "Só foi nunha data máis tardía cando o lugar santo musulmán en Xerusalén comezou a ser coñecido como al-haram al-sharif (literalmente, o Nobre Recinto Sagrado ou o Recinto Sagrado, ás veces traducido como o Nobre Santuario e habitualmente simplificado como o Haram). Mentres que as orixes históricas deste termo non son claras, sabemos que foi en tempos do dominio otomán, cando o poder administrativo estableceuse en todos os aspectos relativos á orde da fe musulmá e a supervisión dos lugares sagrados, polo que os otománs tomaron responsabilidades financeiras e arquitectónicas. Antes dos otománs, o lugar recibía o nome de al-masjid al-aqsa (a Mesquita máis Afastada), un termo agora reservado ao espazo que ocupa o Haram, ou masjid bayt al-maqdis (Mesquita da Cidade Santa) ou mesmo, como o santuario da Meca, al-masjid al-ḥarâm,"[3]
  3. Mahdi Abdul Hadi: "A Mesquita de Al-Aqsa, tamén coñecida como Al-Haram Ash-Sharif (o Nobre Santuario), comprende toda a área entre os muros (un total de 144,000 m²) - incluíndo todas as mesquitas, oratorios, construcións, plataformas e espazos abertos situados por riba ou baixo o chan – e supera os 200 monumentos históricos pertencentes a varias eras islámicas. Segundo a crenza islámica e a xurisprudencia, todos estes edificios e patios teñen o mesmo grao de santidade desde que foron construídos nos terreos sagrados de Al-Aqsa. A santidade non é exclusiva das estruturas físicas situadas para o rezo, como a Cúpula da Rocha ou a Mesquita Al-Qibly (a mesquita coa gran cúpula prateada)"[7]
  4. Tim Marshall: "Moitos pensan que a mesquita representada se coñece como Al-Aqsa; porén, unha visita dun dos intelectuais palestinos máis eminentes, Mahdi F. Abdul Hadi, clarificou este asunto. Hadi é o presidente da Sociedade Académica Palestina para o Estudo dos Asuntos Internacionais, situada en Xerusalén Leste. As súas oficinas son un tesouro cheo de vellas fotografías, documentos e símbolos. Tivo a amabilidade de pasar un rato xunto a mín. Abriu mapas da Cidade Vella de Xerusalén nun gran escritorio e sinalou o complexo de Al-Aqsa, onde se sitúa o Muro das Lamentacións. "A mesquita na bandeira das [Brigadas] de Al-Aqsa é a Cúpula da Rocha. Todo o mundo cre que é a Mesquita de Al-Aqsa, pero non, todo o terreo é Al-Aqsa, e nel hai dúas mesquitas, a mesquita Qibla e a Cúpula da Rocha, e nas bandeiras das Brigradas de Al-Aqsa e as Brigadas Qassam, aparece a Cúpula da Rocha", dixo".[8]
  1. "Al-Aqsa Mosque, Jerusalem". Atlas Travel and Tourist Agency. Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2008. Consultado o 29 de xuño de 2008. 
  2. "Lailat al Miraj". BBC News (BBC MMVIII). Consultado o 29 de xuño de 2008. 
  3. Grabar 2000, p. 203.
  4. Schieck, Robert (2008) in Geographical Dimension of Islamic Jerusalem, Cambridge Scholars Publishing; véxase tamén Omar, Abdallah (2009) al-Madkhal li-dirasat al-Masjid al-Aqsa al-Mubarak, Beirut: Dar al-Kotob al-Ilmiyaah; tamén do mesmo autor o Atlas of Al-Aqsa Mosque (2010)
  5. Jarrar 1998, p. 85.
  6. "Al-Aqsa Mosque". Al Habtoor Group. Al-Shindagah.com. 2007. 
  7. Mahdi Abdul Hadi Arquivado 16 de febreiro de 2020 en Wayback Machine. Sociedade Académica Palestina para o Estudo dos Asuntos Internacionais
  8. Tim Marshall (4 de xullo de 2017). A Flag Worth Dying For: The Power and Politics of National Symbols. Simon and Schuster. pp. 151–. ISBN 978-1-5011-6833-8. 
  9. Hartsock, Ralph (27 de agosto de 2014). "The temple of Jerusalem: past, present, and future". Jewish Culture and History 16 (2): 199–201. doi:10.1080/1462169X.2014.953832. Consultado o 28 de xaneiro de 2018. 
  10. Michigan Consortium for Medieval and Early Modern Studies (1986). Goss, V. P.; Bornstein, C. V., eds. The Meeting of Two Worlds: Cultural Exchange Between East and West During the Period of the Crusades 21. Medieval Institute Publications, Western Michigan University. p. 208. ISBN 0918720583. 
  11. 11,0 11,1 Ehud Netzer (Outubro de 2008). Architecture of Herod, the Great Builder. Baker Academic. pp. 161–171. ISBN 978-0-8010-3612-5. 
  12. Nahman Avigad (1977). "A Building Inscription of the Emperor Justinian and the Nea in Jerusalem". Israel Exploration Journal 27 (2/3): 145–151. 
  13. Robert Schick (2007). "Byzantine Jerusalem". En Zeidan Kafafi; Robert Schick. Jerusalem before Islam. Archaeopress. p. 175. 
  14. N. Liphschitz, G. Biger, G. Bonani and W. Wolfli, Comparative Dating Methods: Botanical Identification and 14C Dating of Carved Panels and Beams from the Al-Aqsa Mosque in Jerusalem, Journal of Archaeological Science, (1997) 24, 1045–1050.
  15. "Second Temple-era mikveh discovered under Al-Aqsa mosque". Israel Hayom. Consultado o 29 de xuño de 2012. 
  16. "In honor of Jerusalem Day, MKs get to dig into past". Jerusalem Post. Consultado o 27 de decembro de 2012. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Elad, Amikam. (1995). Medieval Jerusalem and Islamic Worship Holy Places, Ceremonies, Pilgrimage BRILL, pp. 29–43. ISBN 90-04-10010-5.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 le Strange, Guy. (1890). Palestine under the Moslems, pp. 80–98.
  19. Grafman and Ayalon, 1998, pp. 1–15.
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 Ma'oz, Moshe and Nusseibeh, Sari. (2000). Jerusalem: Points of Friction, and Beyond BRILL. pp. 136–138. ISBN 90-411-8843-6.
  21. http://archnet.org/library/sites/one-site.jsp?site_id=36Al-AqsaMosque] Arquivado 03 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine.
  22. Jeffers, 2004, pp. 95–96.
  23. Pringle, 1993, p. 403.
  24. Boas, 2001, p. 91.
  25. Hancock, Lee. Saladin and the Kingdom of Jerusalem: the Muslims recapture the Holy Land in AD 1187. 2004: The Rosen Publishing Group. ISBN 0-8239-4217-1
  26. Al-Aqsa Guide Arquivado 06 de outubro de 2008 en Wayback Machine. Friends of Al-Aqsa 2007.
  27. el-Khatib, Abdallah (1 May 2001). "Jerusalem in the Qur'ān". British Journal of Middle Eastern Studies 28 (1): 25–53. doi:10.1080/13530190120034549. Consultado o 17 de novembro de 2006. (require subscrición (?)). 
  28. Talhami, Ghada Hashem (febreiro de 2000). "The Modern History of Islamic Jerusalem: Academic Myths and Propaganda". Middle East Policy Journal (Blackwell Publishing) VII (14). ISSN 1061-1924. Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2006. Consultado o 17 de novembro de 2006. 
  29. Silverman, Jonathan (6 de maio de 2005). "The opposite of holiness". Consultado o 17 de novembro de 2006. 
  30. Doninger, Wendy (1 de setembro de 1999). Merriam-Webster's Encyclopedia of World Religions. Merriam-Webster. p. 70. ISBN 0-87779-044-2. 
  31. Important Sites: Al-Aqsa Mosque
  32. "Resolution No. 2/2-IS". Second Islamic Summit Conference. Organisation of the Islamic Conference. 24 de febreiro de 1974. Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2006. Consultado o 17 de novembro de 2006. 
  33. Social Structure and Geography Palestinian Academic Society for the Study of International Affairs.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar