Tournai

Tournai (en alemán Dornick; en latín Tornacum; en neerlandés Doornik) é unha cidade francófona de Bélxica situada na rexión valoa, cabeceira de distrito na provincia de Hainaut e sede de bispado.[2]

Ponte sobre o río Escalda e a catedral da Nosa Señora ao fondo, na cidade vella de Tournai[1]
Escudo da cidade de Tournai

Tournai é unha das cidades máis antigas de Bélxica, xunto con Arlon e Tongres. Tivo un papel histórico, económico e cultural importante no Condado de Flandres durante a Idade Media e o Renacemento.[3]

Catedral de Nosa Señora de Tournai

Tanto o campanario de Tournai (Beffroi en francés; Belfort en neerlandés), o máis antigo de Bélxica, como a Catedral de Nosa Señora (Cathédrale de Notre-Dame en francés; Onze-Lieve-Vrouwekathedraal en neerlandés) están incluídos na listaxe do patrimonio da humanidade da UNESCO.[4] A catedral, impoñente construción de arte románica e de arquitectura gótica, é coñecida polos seus cinco campanarios e polo seu tesouro.[5][6] Xunto coa cidade francesa de Lille e a cidade flamenga de Kortrijk, forma a eurometrópole Lille-Tournai-Kortrijk.[7]

EtimoloxíaEditar

A cidade está documentada baixo os nomes de Turris Nervorium (século I), Turnacum (300) e Turnaco (365), que significa "lugar" (sufixo céltico āko >-ACU) "dos outeiros" (galo turno- «altura» [?], cf. bretón torn-aot «cantil»).

Prodúcese homonimia con outros lugares como Tournai-sur-Dive e os numerosos Tournay, Tourniac, Tornac, etcétera. O mesmo elemento turno- pode identificarse en Turno-magus > Tournon e en Turno-durum > Tonnerre.

HistoriaEditar

A cidade, establecida hai máis de 2.000 anos, foi cambiando sucesivamente de dominio: galo-romana, franca (cidade real baixo os reinados de Khilderico I e de Clodoveo I e, xa que logo, a primeira capital de Francia).[8]

Arredor do ano 850 foi integrada no Condado de Flandres, que se converteu en Estado vasalo do rei de Francia. A partir de 1187, despois das loitas dos seus habitantes, a cidade obtivo certa independencia de cara ao resto do condado, e pasou a depender directamente da coroa de Francia.

Permaneceu sendo francesa ata 1521 (exceptuando unha breve ocupación inglesa baixo Henrique VIII en 1513).[9] En 1521, o asedio da cidade terminou por facela pasar a mans de Carlos V, e Tournai uniuse así aos Países Baixos españois.

Luís XIV reconquistouna para Francia en 1668, pero tivo que cedela a Austria en 1713. A partir desa data, a cidade correu a mesma sorte que o conxunto dos Países Baixos austríacos. En 1755 tivo lugar a batalla de Fontenoy (poboación situada a uns 10 quilómetros de Tournai), con vitoria francesa e irlandesa contra as tropas inglesas e austríacas.

A cidade foi conquistada por Francia baixo a Revolución e o Imperio. Uniuse ao reino dos Países Baixos en 1815. Foi integrada na Bélxica independente en 1830.

Situación e lugares de intereseEditar

Conta entre os seus monumentos máis importantes co Belfort ou Beffroi, a torre do campanario desde a que se domina a cidade e os seus arredores, e coa catedral da Nosa Señora, de amplas naves, na que se realizaron traballos arqueolóxicos en 2007 e de restauración en 2014.

Cidades irmandadasEditar

NotasEditar

  1. Mapa antigo da cidade de Tournai. Universitäts und Landesbibliothek.
  2. "Tournai". En Encyclopédie Larousse.
  3. "Tournai, la ciudad de los 5 campanarios". En Belgica-turismo.es.
  4. "Belfries of Belgium and France". UNESCO. World Heritage Scanned Nomination.
  5. "Catedral de Nuestra Señora de Tournai". En EcuRed.cu.
  6. "Notre-Dame Cathedral in Tournai". UNESCO World Heritage List.
  7. "Une eurométropolefranco-belge Arquivado 21 de marzo de 2015 en Wayback Machine.".
  8. Williams, Stephen. Diocletian and the Roman Recovery. Nova York. Routledge, 1997.
  9. Davies, C. S. L. "Tournai and the English crown, 1513-1519". En Historical Journal (1998): 1-26.
  10. "Tournai jumelée avec Bethléem Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine.". En Dhnet.be.

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar