Monte Neme

lugar situado entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños

Monte Neme é un lugar situado como límite entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños. O monte ten 387 metros de altura. Preto do cumio había un crómlech que foi destruído nos anos 1960 na construción da estrada de acceso. Foi reconstruído preto de onde estaba.[1]

Modelo:Xeografía físicaMonte Neme
Imaxe
Tipomontaña Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaCarballo, España e Malpica de Bergantiños, España Editar o valor en Wikidata
Mapa
 43°16′14″N 8°44′23″O / 43.27056, -8.73986
Características
Altitude387 m Editar o valor en Wikidata

Historia e lendas

editar

O monte xa estaba habitado no neolítico, moi posibelmente con asentamentos nas súas abas na Idade dos Metais. Crese tamén que existiu un castro, que puido perderse coas obras de minaría, xa que é deste lugar de onde procede a famosa "Arracada de Cances" (peza de ourivaría castrexa) atopada en 1950 no Rego de Bandeira durante os traballos na mina, e que hoxe se atopa no Museo de Pontevedra. O crómlech demostra o uso sagrado do monte. Na zona existiu unha forte presenza de cultos pagáns, como demostra a tradición oral que chega aos nosos días coa crenza de fontes purificadoras. Crese que no lugar se adoraba a divindade precristián de nome Nemet, moi común en toda a Gallaecia, coma mesma raíz que Nemetobriga (véxanse tamén Nemeton e Nemetona). Coa chegada do cristianismo á Gallaecia, estes lugares foron cristianizados, e ergueuse unha ermida baixo a advocación de Santa Cristina. Existen ademais outras capelas no monte.

No lugar mestúranse lendas, que lle dan ao monte un carácter sagrado ou telúrico, de feito a tradición oral asignoulle ao propio monte significados especialmente vencellados a un carácter pagán e demoníaco, cando menos no tocante ás tradicións ligadas á mística do círculo de pedra. O nome de Eira das Meigas ou Circo dos Xogos, fai referencia á asociación do lugar con aquelarres e celebracións escuras, asociadas á noite de San Xoán ou aos solsticios. A construción de varias igrexas, como as de Santa María de Ardaña ou Santa Cristina, protexerían os veciños dos meigallos.[2]

Crómlech

editar

Preto do cumio, na aba sueste, orientado ao nacente do monte, atópase un crómlech de pequeno tamaño, a "Eira das Meigas" ou "Circo dos Xogos", un conxunto lítico formado por laxes en círculo, un dos poucos exemplos destas estruturas que chegaron aos nosos días na actual Galicia. O crómlech xa fora descrito por autores como Manuel Murguía ou Luís Monteagudo.

A lenda popular di que na noite de San Xoán as meigas subían ao monte, lavaban a cara na Fonte das Meigas, no lugar de Tordoia, ou noutras como a de San Paio da Devesa ou na fervenza de entrecruces; para despois reunírense no crómlech, sentando nas grandes cadeiras de pedra para discutiren que facer cos vivos.

Hoxe en día a Eira das Meigas atópase practicamente destruída por mor da apertura de pistas para a actividade mineira na década de 1960. Era un dos escasos exemplos de círculo lítico situado no alto dun monte illado á beira do mar, un dos curiosos exemplos que lle confiren a un monte un carácter sagrado e que ata vai pouco tempo conservaba o Neme e con el as comarcas de Bergantiños e Costa da Morte.[2]

Minaría

editar
 
Mina abandonada do monte Neme

O monte salienta ademais por riqueza mineral, xa que, a diferenza de todo o occidente galego, predomina o gneis máis ca o granito. É moi posíbel que xa na época romana, grega ou fenicia, foran explotados os xacementos de estaño do monte, elemento moi apreciado daquela.

Nos anos da primeira guerra mundial iniciouse a extracción de volframio[3] (material de especial importancia a comezos do século XX polo seu uso na industria militar para o endurecemento do aceiro). Segundo apuntan os documentos, a primeira concesión da mina para tirar volframio e caolín dataría de 1923, aínda que segundo semella, a orixe sería polo menos anterior á primeira gran guerra, prorrogándose en sucesivas ocasións ata o ano 2012, ano no que a mina se abandona.

Dende entón gran parte do monte foi empregado como canteira e no seu cumio hai antenas de telefonía móbil, radio e televisión. A zona outrora explotada ocupa unha superficie de 70.000 metros cadrados. Ademais dos danos ecolóxicos e da perda de patrimonio histórico, a explotación ten un forte impacto visual.[2]

Recuperación

editar

En setembro de 2016, a Xunta de Galicia anunciou a súa intención de recuperar o monte. De tentar borrar as pegadas da actividade mineira, derrubando as construcións que ficaran abandonadas, limpando o monte e consolidando os pozos da canteira.[2]

No ano seguinte a Xunta de Galicia empregouno como reclamo turístico, rectificando posteriormente por ser isto inadecuado (toxicidade, desastre ambiental, perigosidade). Para facer fronte á súa turistificación constituíuse, non desde o plano institucional, a Plataforma en Defensa do Monte Neme.[4]

  1. Malpica. o noso patrimonio
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Redacción (2016-10-26). "Queren recuperar o monte que garda un cromlech, cultos precristiáns e oscuras minas". Historia de Galicia. Consultado o 2023-11-12. 
  3. EL MONTE NEME Y LA MINERIA DE WOLFRAMIO
  4. Coira, Marta. "O Monte Neme, de desastre ambiental a reclamo para 'instagramers'". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2019. Consultado o 28 de xuño de 2019. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar