Primeira guerra mundial

conflito bélico global entre 1914 e 1918
(Redirección desde «Primeira Guerra Mundial»)

A primeira guerra mundial[2] (en adiante IGM), tamén coñecida como a "gran guerra", foi un conflito bélico do século XX. Desenvolveuse entre o verán do 1914 e o outono de 1918 e involucrou uns trinta países, polo que se considera o primeiro conflito global da historia. A teor do número de mobilizados (sesenta e cinco millóns de soldados) e falecidos, calculado en vinte millóns de persoas entre soldados e civís, é o segundo maior enfrontamento armado da historia, só por detrás da segunda guerra mundial.[3]

Primeira guerra mundial

Gavrilo Princip detido en Saraxevo tras o asasinato de Francisco Fernando de Austria
Data 28 de xullo de 1914 - 11 de novembro de 1918
Lugar Europa, África e Oriente Medio (brevemente na China e as illas do océano Pacífico)
Resultado Vitoria aliada
Casus belli Asasinato do arquiduque Francisco Fernando de Austria (28 de xuño), declaración de guerra austríaca a Serbia (28 de xullo) e mobilización rusa contra Austria-Hungría (29 de xullo).
Cambios territoriais Disolución dos Imperios Alemán, Austrohúngaro, Otomán e Ruso.
Belixerantes
Potencias Centrais:
Imperio Austrohúngaro Imperio Austrohúngaro,
Bulgaria Bulgaria,
Imperio Alemán Imperio Alemán,
Imperio Otomán Imperio Otomán
Aliados:
Bandeira de Francia Francia,
Bandeira de Bélxica Bélxica,
Gran Bretaña,
Canadá Canadá,
India británica,
Bandeira de Nova Zelandia Nova Zelandia,
Suráfrica,
Australia Australia,
Terranova,
Serbia,
Imperio ruso,
Reino de Italia Italia,
Estados Unidos,
Montenegro
Imperio do Xapón Xapón,
Bandeira de Romanía Romanía,
Grecia,
Bandeira de Portugal Portugal
Líderes
Imperio Austrohúngaro Francisco Xosé I,
Imperio Austrohúngaro Carlos I,
Imperio Austrohúngaro Franz Conrad von Hötzendorf,
Imperio Alemán Guillerme II de Alemaña,
Imperio Alemán Erich von Falkenhayn,
Imperio Alemán Paul von Hindenburg,
Imperio Alemán Reinhard Scheer,
Imperio Alemán Erich Ludendorff,
Mehmed V,
İsmail Enver,
Mustafa Kemal Atatürk,
Reino de Bulgaria Fernando I de Bulgaria
Nicolao II de Rusia,
Alexéi Alexéievich Brusílov,
Bandeira de Francia Philippe Pétain,
Bandeira de Francia Georges Clemenceau,
Bandeira de Francia Joseph Joffre,
Bandeira de Francia Ferdinand Foch,
Bandeira de Francia Robert Nivelle,
Bandeira de Polonia Józef Piłsudski
Herbert Henry Asquith,
Douglas Haig,
John Jellicoe,
Reino de Italia Víctor Manuel III,
Reino de Italia Luigi Cadorna,
Reino de Italia Armando Diaz,
Woodrow Wilson,
John J. Pershing
Baixas
Soldados
Mortos: 4.386.000
Feridos: 8.388.000
Desaparecidos: 3.629.000[1]
Soldados
Mortos: 5.520.000
Feridos: 12.831.000
Desaparecidos: 4.121.000[1]

A guerra enfrontou ao bando aliado contra as potencias centrais. Os aliados estiveron liderados por Francia, Reino Unido, Rusia ou o Xapón. Este bando recibiu múltiples adhesións a medida que avanzaba a guerra, a destacar a de Italia na primavera de 1915 e a de Estados Unidos dous anos despois. Do lado das potencias centrais salientaron Alemaña, Austria-Hungría, Bulgaria e mais o imperio otomán.

A guerra tivo como escenario principal a Europa central e oriental. Tamén houbo combates terrestres de relevancia nas colonias africanas e asiáticas dos países participantes e batallas navais nos principais mares de Europa e no océano Atlántico.

Os combates destacaron pola capacidade de mobilización dos exércitos participantes, que superou os cincuenta millóns de soldados. O control das estradas e, sobre todo, das vías férreas, garantiu unha moblización masiva e veloz. O uso de armamento de alta tecnoloxía, como metralladoras, artillaría de precisión, armas químicas, tanques, acoirazados ou submarinos, supuxo unha enorme mortalidade. A guerra puxo a proba non só a capacidade militar dos belixerantes, senón a súa fortaleza industrial, económica e organizativa. Por todas estas cuestións, a IGM é considerada a primeira guerra moderna.

A causa inmediata da guerra foi o asasinato de Francisco Fernando, arquiduque de Austria-Hungría, en Saraxevo, por un comando de nacionalistas serbios. Con todo, as causas reais hainas que buscar nas rivalidades coloniais, económicas e xeopolíticas entre os países europeos, no ambiente ultranacionalista da preguerra e nunha diplomacia que recorreu de maneira sistemática a alianzas militares de carácter secreto.

Os vencedores foron os aliados, en boa medida grazas á entrada en guerra dos Estados Unidos. Os derrotados foron obrigados a asinar tratados de paz separados. O Tratado de Versalles, declaraba a Alemaña culpábel de ter provocado a guerra, forzándoa ao pago de cuantiosas indemnizacións. O imperio austrohúngaro e o otomán foron desmembrados, de modo que apareceron moitos novos estados en Europa: algúns dunha soa nación (como Polonia) e outros de varias (Iugoslavia, Checoslovaquia).

A marcha dos homes para a fronte obrigou a que os países belixerantes recorresen ao emprego masivo de man de obra feminina. Para financiar a guerra recorreuse a tributacións extraordinarias e á subcrición de enormes empréstitos, que foron a causa de enormes tribulacións económicas nos primeiros anos de posguerra. O Reino Unido, que fora o país hexemónico no mundo desde o final das guerras napoleónicas, viuse relevado polos Estados Unidos.

A guerra provocou o descrédito das democracias liberais. En Rusia triunfou a Revolución Rusa, que instaurou un sistema comunista. As convulsións de posguerra tiveron moito que ver no ascenso do fascismo e do nazismo, así como na instauración de réximes de dereita autoritaria na Europa mediterránea e oriental.

A comunidade historiográfica está de acordo en que o resultado da IGM, moi en especial a humillación sufrida por Alemaña, é fundamental para entender o camiño que levou á segunda guerra mundial e o mundo de bloques.

Segundo a proposta do historiador británico Eric Hobsbawm habería que falar dun século XX curto, de 1914 a 1991, interpretando en conxunto a IGM, o período de entreguerras, a II GM e o mundo bipolar, até a caída da URSS. Este complementaríase coa teoría do século XIX longo, que de 1789 a 1914 agruparía a Revolución Francesa e o imperio napoleónico, a Europa da Restauración e das revolucións liberais, a industrialización e o imperialismo.[4]

A orixe da guerra

editar
 
Alianzas militares europeas en 1914. A Tripla Alianza está representada en castaño, a Tripla Entente en verde e as nacións neutrais en beixe.

Rematada en 1871 a guerra franco-prusiana, Europa viviu até 1914 sen enfrontamentos armados entre as grandes potencias. Este período coincidiu cun impulso da industrialización e coa expansión imperialista dos países europeos.

Rivalidade económica

editar

Durante este período, o Reino Unido deixou de ser a principal potencia industrial do mundo. Superada a Guerra de Secesión, Estados Unidos experimentou un acelerado crecemento económico. Na década dos oitenta do século XIX o índice de produción industrial dos Estados Unidos superou o británico, para duplicalo nas vésperas da guerra. Completada a unificación ao final da guerra franco-prusiana, Alemaña converteuse noutra potencia económica. O seu índice de produción industrial igualouse ao do Reino Unido a finais do XIX.[5]

Esta expansión industrial apoiouse nun crecemento das infraestruturas de transporte. Os portos foron ampliados para acoller os buques a motor, cada vez de maior calado. A rede de ferrocarrís fíxose máis densa, cubrindo a práctica totalidade do territorio nos países máis industrializados, os de Europa occidental, mais tamén amplas zonas do territorio da Europa mediterránea e oriental. En Estados Unidos completouse a unión ferroviaria entre a costa atlántica e a pacífica.

O acceso aos portos, o control das redes ferroviarias e os empréstitos necesarios para construílas nos países con economías máis débiles constituíron focos de conflito entre os países europeos. O mellor exemplo foi a construción da liña que unía Berlín con Bagdad a través de Constantinopla. Financiada con capital alemán, a súa construción provocou grandes temores a Francia e o Reino Unido.[6]

A rivalidade económica manifestouse tamén na concesión de créditos entre os distintos estados. O Reino Unido e Francia, e Alemaña en menor medida, contaban con mercados financeiros de gran tamaño que lles permitían conceder cantidades millonarias en concepto de créditos ao desenvolvemento. Así por exemplo as compañías rusas de ferrocarril captaron a finais de 1913 dous mil cincocentos millóns de francos nos mercados franceses comprometéndose a mellorar as liñas que levaban á fronteira alemá.[7]

Outro exemplo é o de Bulgaria, que precisaba dun crédito urxente a finais da Segunda Guerra Balcánica. En outubro de 1913 logrou un pequeno crédito austríaco, namentres Rusia presionaba a Francia para que negase calquera crédito. A mediados de marzo de 1914 Alemaña ofreceu un xeneroso empréstito. A contraoferta francesa chegou demasiado tarde. O empréstito alemán foi aprobado polo parlamento búlgaro en xullo, condicionando desta maneira a participación búlgara na guerra do lado das potencias centrais.

Rivalidade colonial

editar

A extensión das colonias europeas en África, Asia e Oceanía provocou frecuentes conflitos entre as potencias. Rusia e o Reino Unido colidiron no control de Asia Central e o norte da China. Nesta mesma área Xapón reivindicaba Manchuria, o que provocou a guerra ruso-xaponesa de 1904-1905, que rematou cunha estrepitosa derrota dos rusos.

Francia e o Reino Unido, os dous países con maiores territorios coloniais, rivalizaron polo control de Indochina ou de Exipto. A tensión entre ambos países chegou ao seu máximo no incidente de Fachoda, no verán de 1898. Nesta vila sudanesa estiveron a piques de enfrontarse un corpo expedicionario francés e outro británico que reclamaban os seus dereitos sobre o Alto Nilo.

A partir deste suceso, a relación entre ambos países mellorou. Os franceses aceptaron o control británico de Exipto e o curso do Nilo, en tanto os ingleses se abrían a permitir que Francia ampliase o seu dominio sobre Marrocos. En 1905 Alemaña desatou unha crise internacional ao exixir que se garantise a independencia de Marrocos, tal e como se contemplaba nos tratados internacionais. A Conferencia de Alxeciras, celebrada a inicios de 1906, sancionou os avances franceses sen ofrecer compensacións a Alemaña.

Na primavera de 1911 estoupou unha nova crise en Marrocos, coñecida como crise de Agadir. Baixo o pretexto de defender os intereses dos cidadáns franceses en Marrocos, Francia despregou un numeroso exército. As negociacións finalizaron en novembro con garantías para os intereses económicos alemáns en Marrocos e unha pequena porción do Congo, en troques do recoñecemento da plena soberanía francesa. Mentres en Francia os medios falaban dunha compensación desmedida, en Alemaña estendeuse a sensación dunha derrota diplomática.[8]

Alemaña non mostrou grande entusiasmo nun imperio colonial até mediados dos oitenta. Nos anos previos á guerra apenas logrou con pequenos territorios en África ou o Pacífico, así como o enclave chinés de Qingdao.

Italia foi outro dos países que chegou tarde á expansión imperial. A cambio do seu apoio na crise de Marrocos, Italia obtivo o plácet de Inglaterra e Francia á invasión de Libia, daquela parte do imperio otomán. As operacións iniciáronse en outubro. En poucas semanas os italianos lograron o control da costa, mentres no interior a resistencia foi tenaz. A pesar da oposición de Austria-Hungría a posesión italiana de Libia foi recoñecida a finais de 1912.

Rivalidade xeopolítica nos Balcáns

editar

A debilidade do imperio otomán fixo da península dos Balcáns o territorio europeo de maior inestabilidade durante os anos previos á IGM. Austria-Hungría, que renunciara a construír un imperio extraeuropeo, consideraba natural expandirse pola costa do Adriático e tutelar a situación política da área. Nesa pretensión chocaba con Italia, que ambicionaba tamén controlar a costa adriática, moi en especial o territorio albanés.

Pero sobre todo Austria-Hungría colidía con Rusia, tradicional aliada de estados eslavos como Serbia ou Bulgaria. Os intereses rusos centrábanse nos estreitos que unen o Mar Negro co Mar Exeo, na súa pretensión de controlar as rutas de navegación que dan saída ao Mediterráneo. O Estado Maior ruso chegou mesmo a considerar plans para a toma militar de Constantinopla.

Ás pretensións das potencias europeas deben sumarse as tensións entre os estados balcánicos. En todos eles sentíase un forte irredentismo, é dicir, reclamaban territorios que permanecían en mans doutros países. Romanía reclamaba Transilvania, controlada por Hungría, Besarabia, territorio ruso, ou Dobrudja, en disputa con Bulgaria. Serbia ambicionaba Kosova ou Macedonia, en mans do imperio otomán, ou Bosnia-Herzegovina, administrada por Austria-Hungría. Ademais de Macedonia, Bulgaria esixía Tracia. Grecia reclamaba Salónica e Montenegro a faixa costeira arredor da baía de Kotor, dominio de Austria-Hungría.

Nos anos previos á guerra, os Balcáns foi unha área especialmente inestábel. Bosnia, aínda que parte do imperio otomán, viña sendo administrada por Austria-Hungría como un protectorado. A incorporación definitiva de Bosnia á monarquía dual en 1908 causou gran resentimento en Serbia, apoiada por Rusia.

A invasión italiana de Libia puxo de manifesto que a integridade do imperio otomán só preocupaba a Austria-Hungría. En outubro de 1912 comezou a Primeira Guerra dos Balcáns.[9] A mediados de novembro os búlgaros estaban a 30 km de Constantinopla. En tanto, os gregos tomaron Salónica e os serbios avanzaron sobre Kosova e Macedonia. A inicios de decembro asinouse o armisticio.

As posicións serbias violaban o acordo que adxudicaba o sur de Macedonia a Bulgaria e declaraba o norte territorio en disputa, sometido a arbitraxe rusa. Como os serbios se negaron a ceder, en xuño de 1913 Bulgaria atacou as súas posicións. Na Segunda Guerra dos Balcáns os serbios contaron coa axuda de romaneses, turcos e gregos. A inicios de agosto, cos romaneses nas aforas de Sofía, o goberno búlgaro aviuse a unha paz pola cal perdía boa parte do territorio gañado o ano antes.

As guerras balcánicas deron a Serbia o status de potencia rexional. A mediados de novembro de 1912 tropas serbias e montenegrinas ocuparon o norte de Albania, que acababa de proclamar a súa independencia. A finais de decembro unha conferencia de embaixadores en Londres acordou restituír a zona a Albania, pero non foi até maio que os invasores comezaron a evacuación. Tropas serbias aínda ocupaban puntos clave do territorio albanés en outubro de 1913, cando Austria-Hungría emitiu un ultimato que Serbia, sen o apoio ruso, acatou.[10]

A Paz Armada

editar

Todas estas tensións fan que se coñeza ao período que vai de 1890 a 1914 como a Paz armada. Neste período, en especial nos anos previos á IGM, os exércitos europeos incrementaron o seu tamaño e equipamento. Alemaña, por exemplo, comezou un proceso de rearme a inicios da última década do XIX que ampliou o seu exército por enriba do medio millón de efectivos. En 1913 unha nova lei elevouno a novecentos mil. Esta progresión foi contestada por Rusia e Francia, cuxa capacidade de mobilización situábase nun millón e medio e setecentos cincuenta mil soldados nas vésperas da guerra, respectivamente. Tampouco pode esquecerse a capacidade milltar demostrada polos estados balcánicos. Bulgaria, por exemplo, mobilizou trescentos mil soldados na Primeira Guerra Balcánica.

A superioridade naval británica permaneceu indiscutible. Alemaña deseñou un programa de construción de acoirazados e submarinos que emparellase o seu poder naval co británico, pero estes sempre estiveron moi por enriba. Algúns avances da tecnoloxía militar, como os canóns Bertha fabricados pola Krupp, ofreceron a Alemaña unha vantaxe inicial que axiña foi contrarrestada polos seus inimigos.

O sistema de alianzas europeo

editar

Aínda máis que a capacidade militar, preocupou aos países europeos subscribir tratados de axuda mutua militar. Desde o final da guerra franco-prusiana até a fin do seu mandato como chanceler de Alemaña en 1890, Bismarck procurou un sistema de alianzas que illase Francia, resentida pola perda da Alsacia e a Lorena. Para logralo, subscribiu en 1873 a Liga dos Tres Emperadores con Moscova e Viena. Así mesmo, involucrou Italia e Austria-Hungría na Tripla Alianza e auspiciou o Acordo do Mediterráneo, en que participaban o Reino Unido, Austria-Hungría e Italia.

A alianza con Rusia estaba comprometida polo dereito de tutela que esta se arrogaba sobre os países eslavos. Para dar máis garantías a Rusia, no Tratado de Reaseguro de 1887, Alemaña ofreceuse a soster o acceso de Rusia ao Bósforo e a permanecer neutral no caso dunha guerra entre Rusia e un terceiro.

Coa desaparición de Bismarck, os políticos alemáns buscaron unha maior liberdade. O illamento de Francia deixou de ser o obxectivo prioritario da súa política exterior. O Tratado de Reaseguro caducou en 1890 sen que ningunha das partes se apurase a renovalo. Nese momento, as relacións entre Alemaña e Gran Bretaña experimentaban unha distensión, de maneira que se produciu unha aproximación entre Rusia e Franca. Ambas concluíron unha alianza militar contra as outras dúas potencias en 1894.

O entendemento entre británicos e alemáns nunca chegou a materializarse nun acordo. En cambio a distensión entre franceses e británicos conduciu á formación da Entente Cordiale en 1904. Os dous bloques que acabarían na guerra cerráronse en 1907, cando o Reino Unido e Rusia delimitaron as súas áreas de influencia en Asia Central e iniciaron un proceso de distensión.

Con todo, ningún dos países entendía que as alianzas fosen inmutábeis. Nas portas da guerra Austria-Hungría ficou consternada coa pasividade xermana ante as guerras balcánicas. Os diplomáticos franceses discutían até que punto estaba comprometido o seu país polos tratados con Rusia, por poñer outro exemplo. A existencia de múltiples pactos ou cláusulas secretas nos tratados dificultaba ás autoridades coñeceren as intencións reais dos demais estados.

Dous exemplos mostran como as alianzas dependían do cálculo de intereses dos respectivos países. En Italia os católicos e os conservadores eran partidarios de soster a Tripla Alianza. Subscrita en 1881, fora renovada en 1891, 1902 e 1912. En tanto, os liberais e nacionalistas refugaban esta alianza. Os pactos secretos asinados con Francia en 1900 e 1902 anulaban os termos da Tripla Alianza. Ao inicio da guerra Italia declarou a súa neutralidade. Italia entrou en guerra do lado aliado na primavera de 1915.

Bulgaria foi outro exemplo de alianzas cambiantes. Tradicional aliada de Rusia, as guerras balcánicas mostraron que podía converterse nunha ameaza ao control dos estreitos. Decepcionados polo escaso apoio recibido nos conflitos con Serbia e Romanía, os búlgaros acabaron na guerra xunto das potencias centrais.

O asasinato de Francisco Fernando en Saraxevo

editar

O ultranacionalismo estaba fortemente arraigado na administración e no exército serbios. Estes sectores viron con gran desgusto a incorporación de Bosnia ao Imperio Austrohúngaro. Ademais temían que, unha vez no poder, o arquiduque Francisco Fernando impulsase unha reforma federal que convertese os eslavos do sur nunha das nacionalidades predominantes do imperio e a Zagreb nunha das súas capitais.

A Man Negra, unha organización que agrupaba aos ultranacionalistas serbios, deu cobertura e armas aos sete serbobosníacos que se conxuraran para o asasinato do arquiduque na súa visita oficial a Saraxevo, prevista para a mañá do 28 de xuño de 1914. Ese día, despois de que varios dos seus compañeiros fallasen nas súas tentativas, Gavrilo Princip achegouse ao vehículo en que o arquiduque e a súa muller se dirixían á estación do ferrocarril trala recepción oficial na casa do concello. Princip disparou o seu revólver sobre eles, causándolles a morte poucos minutos despois do atentado, sobre as once da mañá.[11]

A policía austríaca impediu que Princip fose linchado pola multitude. Nos días seguintes foron detidos case todos os membros da célula terrorista e os seus colaboradores. Os esforzos dos investigadores centráronse, sen éxito, en demostrar os vínculos entre os terroristas e a administración serbia. Aínda que en Viena ninguén dubidaba da súa existencia, os países aliados de Serbia respaldaron as explicacións do seu goberno.

O ultimato austrohúngaro

editar

O goberno austrohúngaro inclinouse moi axiña por declarar a guerra a Serbia, sempre que se contase co plácet alemán. Este foi confirmado o 5 de xullo a unha delegación austríaca chegada a Berlín. Ante a falta de avances nas investigacións sobre o atentado, o goberno austrohúngaro preparou un ultimato para Serbia. Acordouse entregalo ao goberno serbio ás seis da tarde do 23 de xullo, coincidindo co final dunha visita de estado de Poincaré, presidente da República francesa, a Rusia. Unha filtración alemá provocou que a estratexia de Viena fose coñecida en toda Europa a mediados de mes.

O ultimato constaba de dez puntos que debían ser aceptados por Serbia de maneira incondicional antes de corenta e oito horas. Aínda que non se lle atribuía responsabilidade directa nos atentados, o texto acusaba Serbia de alentar o terrorismo e o irredentismo eslavo no territorio do Imperio Austrohúngaro. Entre os dez puntos figuraba a exixencia da eliminación dos órganos ultranacionalistas ou a detención en depuración das persoas vinculadas ao atentado. Eran especialmente sensíbeis os puntos cinco e seis, que exixían a Serbia aceptar a participación de axentes austrohúngaros na erradicación do irredentismo e na investigación do crime.

Reunido de urxencia, o goberno de Pašić esperou a coñecer a posición de Rusia. As noticias chegadas de San Petersburgo (un decreto de mobilización parcial, a orde de almacenar alimentos e armas para o exército ou instrucións ao goberno para que, en caso de ataque, repregase o seu exército ao sueste do país), interpretáronse en Belgrado como un sinal de apoio. Na tarde do 25 o goberno serbio redactou unha contestación ao ultimato que Austria-Hungría considerou insatisfactoria.

Ante a negativa de Serbia, Austria-Hungría declarou a guerra a Serbia na mañá do 28 de xullo. Dous días despois, foi Rusia quen declarou a guerra a Austria-Hungría, precipitando finalmente a cadea de alianzas.

A responsabilidade polo inicio da guerra

editar

O Tratado de Versalles foi taxativo ao considerar Alemaña a culpábel absoluta da guerra. Nese tempo moitos tratadistas, como J. M. Keynes consideraron que esta presunción era un grave erro, que conduciría a Alemaña á crise económica e política e á busca dun desquite.

Entre a comunidade historiográfica ninguén atribúe a responsabilidade da guerra a Alemaña en exclusiva. Existe acordo en que todas as potencias europeas deben ser sinaladas como corresponsábeis do inicio da guerra. A gran discrepancia está no grao de corresponsabilidade que deben compartir.

Até a primeira década do século XXI existía un certo consenso en atribuír a Alemaña un gran responsabilidade por alentar o belicismo austrohúngaro. Así mesmo, insistíase na responsabilidade das autoridades deste país. Sabendo que activaban un complexo sistema de alianzas co ultimato a Serbia, terían desencadeado unha guerra total por un motivo tan fútil como o asasinato dun herdeiro ao trono que non era nin sequera do agrado[12] dos seus futuros súbditos.

O centenario do inicio da guerra deu lugar a un gran volume de publicacións que repasaban as súas causas. Destacou polo seu impacto a obra The Sleepwalkers, obra de Christopher Clark, profesor da universidade de Cambridge. Clark reducía enormemente o grao de responsabilidade de Alemaña, suliñando as numerosas concesións que este país fixera en favor da distensión. Rebaixaba tamén a responsabilidade de Austria-Hungría, a quen lonxe de ver como un imperio moribundo, sinalaba como un estado en rexeneración, case modélico na súa xestión das tensións entre as diversas nacións que agrupaba.

Clark facía fincapé na agresividade rusa e francesa, así como na pasividade dos británicos. No relato de Clark Serbia tería tamén gran responsabilidade, pola connivencia entre a administración e os grupos terroristas e paramilitares que ambicionaban a creación dunha Gran Serbia. A agresividade do ultranacionalismo serbio mostraríase nas guerras balcánicas e na actuación do seu goberno ante a crise provocada polo asasinato de Francisco Fernando.[13]

O goberno serbio estaba presidido polo moderado Nikola Pašić, figura clave da política serbia desde 1903. Este negou calquera relación cos magnicidas, aínda que é moi posíbel que coñecese o complot. Desde logo, o goberno serbio cursou instrucións aos axentes de fronteira a principios de xuño para que se extremase o control das actividades ilícitas, pero os postos fronteirizos estaban controlados por persoas próximas á Man Negra, como tamén o representante serbio en Viena.

Pašić advertiu do perigo ás autoridades austríacas cando lle foi anunciada a viaxe do arquiduque, pero en termos tan vagos que non o tomaron en serio. Se acaso coñecía o complot, a súa actuación puido deberse ao medo a unha crise política ou ao temor de ser asasinado. Tampouco se pode descartar que só mediante unha guerra que implicase ás grandes potencias podería Serbia ampliar os seus territorios. Pašić sabía que no caso de que Austria-Hungría tomase a iniciativa dunha agresión, obtería a axuda de Rusia, e con ela das potencias da Entente.

Outra das peculiaridades da tese de Christopher Clark é a gran relevancia que concede á personalidade individual dos mandatarios e ao asasinato do arquiduque. Lonxe de velo como un acontecemento anecdótico, usado como escusa para a declaración de guerra, o magnicidio resultaba un golpe político para Austria-Hungría, ademais de poñer en perigo o futuro da dinastía Habsburgo. O atentado coincidiría, ademais, cun momento en que dominaban entre os políticos europeos as posicións belicistas, motivadas a miúdo en experiencias persoais. Segundo Clark, os poderosos estaban dominados pola sensación de que a guerra era inevitábel e, por tanto, debían iniciala antes de que os seus respectivos países se encontrase nunha posición de maior debilidade.

As operacións de guerra

editar
 
Portada do Faro de Vigo do 7 de agosto de 1914.

A guerra pasou por diferentes fases:

  • 1ª fase: durante a primeira fase os éxitos caeron do bando das potencias centrais. Austria-Hungría invade a Serbia e toma a maior parte do país. Non obstante, sofre moitas máis baixas do agardado. Na fronte occidental, Alemaña leva a iniciativa. Pon en marcha o plano Schlieffen, invadindo Bélxica para chegar a Francia. A invasión de Bélxica ten éxito, pero a un custo elevado. A pesar da oposición francesa e británica, os alemáns chegan a Francia. As tropas centrais primeiro diríxense cara a París, e logo viran ao oeste tratando de envolveren as tropas aliadas. Deste xeito pérdese un tempo valioso, permitindo a Francia reorganizar a defensa da capital. Cando os alemáns tentaron asaltar a cidade, foron repelidos contundentemente na Primeira Batalla do Marne. As ofensivas galas a través de Alsacia e Lorena foron un total fracaso e supuxeron elevadas perdas. Pola súa banda, o Corpo Expedicionario Británico non puido aguantar a acometida xermana e tivo que retirarse en varias ocasións. A finais de 1914 a fronte quedou estabilizada tras a batalla de Yser e apenas se movería ata 1918. A fronte oriental en cambio era moito máis móbil. En 1914 as tropas tsaristas invadiron Austria-Hungría e Prusia oriental. Avanzaron fondamente pero finalmente foron repelidas na batalla de Tannenberg. Tras as diversas batallas, desapareceron o I e II Exércitos rusos e morreron aproximadamente 1.000.000 de austríacos. Tamén en 1914, o Imperio Otomán atacou o Imperio Ruso a través de Armenia, con escaso éxito.
  • 2ª fase: tras a batalla de Yser estabilízase a fronte en Francia. Ambos os bandos comezan a construción dunha serie de trincheiras que iría desde Suíza ata a costa atlántica francesa. A partir de entón todas as batallas consistirían primeiro nun bombardeo masivo de artillaría que destruiría as defensas inimigas e atordaría os soldados rivais, seguido dun asalto pola infantaría coa baioneta. Malia as grandes ofensivas, tanto alemás (batalla de Verdún) como aliadas (ofensiva do Somme), a liña da fronte apenas se movería ata 1918. O éxito de cada ataque medíase en relación á superficie gañada, ás veces custando miles de vidas cada metro conquistado. A fronte oriental sempre foi moito máis móbil cá occidental. A finais de 1917 o exército ruso estaba desfeito, carecía de alimentos e municións e o pobo ruso estaba á beira da sublevación. Isto favoreceu intensamente a chegada ao poder do comunismo, con Lenin á cabeza, que se retirou da guerra asinando o tratado de Brest-Litovsk. Tamén en 1917, os Estados Unidos declaran a guerra ao Imperio Alemán tras o afundimento do transatlántico Lusitania.
  • 3ª fase: a fase final da guerra comezou en 1918, tras a sinatura do tratado de Brest-Litovks, a través do cal a Rusia revolucionaria rendíase ao Imperio Alemán. Deste xeito, quedaban liberados medio millón de soldados alemáns, que agora serían destinados á fronte occidental. O Alto Mando alemán quería finalizar a guerra antes que chegasen máis tropas estadounidenses e por iso enviou a todos os efectivos na ofensiva de San Miguel. Os resultados iniciais foron moi bos e axiña afondaron en Francia. Os británicos tiveron que repregarse perdendo case tantos homes coma na ofensiva do Somme de 1916. Os franceses tamén sufriron moitas baixas. Parecía que Alemaña estaba a punto de gañar a longa guerra pero, arredor da metade de 1918, esgotouse. A cidadanía alemá desexaba a conclusión da guerra debido ás penurias económicas e alimentarias que sufría e forzou o goberno para que o káiser fose deposto. A finais do verán, os aliados recuperáranse e contraatacaron en numerosos puntos durante a ofensiva dos cen días. Os aliados contaban coa vantaxe dun maior número de tropas (franceses, británicos, australianos, neozelandeses, canadenses, estadounidenses) e dunha superioridade tecnolóxica (maior número de avións e tanques). Durante meses xostregaron os alemáns, ata en outubro volverse inevitable iniciar negociacións para un armisticio. As condicións que impuñan os aliados, sobre todo os franceses, eran tan duras que os alemáns non as aceptaron. Finalmente, ante a ameaza do colapso do país, o Imperio Alemán firmou a rendición incondicional. Os aliados aínda non romperan de todo as liñas alemás, pero o Imperio estaba á beira da revolución, e agora só, tras a rendición de Austria-Hungría, a Bulgaria e do Imperio Otomán. Ás 11 horas do 11 de novembro de 1918 cesaron todos os combates. O II Reich quedaba suprimido e instaurábase a República Alemá tras o exilio do káiser Guillerme II de Alemaña.

Frontes da guerra

editar

A primeira guerra mundial implicou a numerosos estados en distintos continentes: Europa, Asia e África.

Fronte occidental

editar
 
Soldados franceses nas trincheiras, durante a batalla de Verdún, en 1916.

A fronte occidental foi iniciada en 1914 cando o Imperio Alemán atravesou Bélxica para invadir Francia. O máximo avance produciuse no outono do mesmo ano, cando foron repelidos tras a Primeira Batalla do Marne. A partir dese momento, a fronte estabilizouse ata 1918, construíndose unha serie de trincheiras dende a fronteira suíza ata a costa francesa. Desde ese período a guerra en occidente quedará determinada polos ataques de infantaría de trincheira a trincheira, os continuos bombardeos da artillaría e aviación, os aramados, as minas, metralladoras e francotiradores. A maior parte das batallas limítase a un ataque masivo da artillaría, podendo ser axudada pola aviación, e despois un asalto coa baioneta. Ningún dos dous bandos conseguiu avanzar de forma significativa ata 1918. As trincheiras carecen da hixiene básica e son unha fonte de infeccións e diversas patoloxías. Os sucesivos intentos, tanto alemáns coma aliados, non conseguen abrir unha fenda en catro anos.

Fronte oriental

editar

A fronte oriental ábrese en 1914 cando o Imperio Alemán e Austria-Hungría mobilizan os seus exércitos contra o Imperio Ruso. Ao longo das fronteiras dispóñense 1.500.000 de austríacos e 1.000.000 de alemáns. A diferenza doutras frontes, a oriental é moito máis móbil e as liñas defensivas varían moito ao longo da guerra. O primeiro en atacar foi o Imperio Ruso que bombardeou Prusia oriental e o leste de Austria. O I e II Exércitos rusos invadiron o leste austríaco e prusiano con bastante sorpresa por parte das potencias centrais. O avance ruso foi detido polos xermanos en Polonia, na batalla de Tannenberg, tras a que ambos os exércitos rusos foron esmagados. En 1915, Bulgaria declara a guerra aos aliados e destina os seus exércitos a dúas frontes: unha parte á fronte rusa e outra á fronte dos Balcáns. Ese mesmo ano, axudará a expulsar os serbios do seu propio territorio. O Imperio Otomán ataca o ruso en Armenia e entra na guerra en favor de Alemaña. En xuño de 1916, o xeneral ruso Brusilov organiza un ataque e consegue tomar parte de Austria, pero os alemáns contraatacan e recuperan os territorios no inverno do mesmo ano. En xuño de 1917, os rusos volven á carga, tras asumir o poder Kerenskii pero as potencias centrais volven contraatacar e conquistan Riga. Despois desta derrota, Rusia perde a iniciativa e en novembro estoupa a revolución bolxevique. En 1918, Rusia réndese e a fronte oriental desaparece. Os soldados destinados nela son trasladados á occidental e á fronteira italiana.

Fronte italiana

editar

A fronte italiana instaurouse en 1915 coa entrada de Italia na guerra en favor dos aliados. Antes da guerra, Italia formaba parte da Tripla Alianza, xunto con Austria-Hungría e o Imperio Alemán. A pesar da existencia destes acordos, Italia decidiu non axudar aos seus aliados cando se iniciou a guerra en 1914, considerando que os pactos acadados eran tan só defensivos e o conflito serbio-austríaco non era xustificación para involucrarse na contenda. En abril de 1915 deu por non válido este compromiso e en maio declaroulle a guerra a Austria-Hungría, ao Imperio Alemán e ao Imperio Otomán, coa promesa aliada de que obtería territorios austríacos. A fronte estabilizouse axiña en Gorizia e no río Isonzo, onde Austria estableceu unha liña densa de trincheiras e diversos fortes. As tropas italianas pretendían realizar unha ofensiva rápida e profundar en Austria pronto, pero os transportes eran escasos e o terreo a percorrer, angosto. Despois de numerosos ataques apenas se movera a liña. Durante dous anos, Italia lanzou diversos ataques contra as defensas austríacas, sen resultado agás pequenas vitorias parciais. En 1917 produciuse o avance aliado máis importante, debido á necesidade austríaca de enviar efectivos cara a fronte oriental durante a ofensiva de Brusilov. En 1918, os alemáns enviaron reforzos tras vencer os rusos. Reforzaron as liñas defensivas e emprenderon novos ataques empregando tácticas distintas. As defensas italianas estiveron a punto de colapsarse pero aguantaron ata o final da guerra.

Fronte balcánica

editar

A fronte balcánica foi a primeira fronte da guerra, xa que o casus belli para Austria-Hungría foi o asasinato en xullo de 1914 do arquiduque Francisco, que se produciu en Saraxevo, capital de Serbia. O mesmo mes, Austria declara a guerra a Serbia e o mecanismo das alianzas provoca que o conflito se globalice. En agosto comezan as hostilidades pero non é ata 1915 cando os austríacos rompen a fronte. Conquistan a maior parte do país e os serbios deben retirarse ao sur. En 1916 os austríacos conquistan Montenegro. O mesmo ano, Romanía declara a guerra ás potencias centrais e axiña é atacada por Austria. As tropas romanesas deben retirarse ata Moldavia onde resistirán coa axuda dos rusos. En 1917, Grecia entra na guerra no bando aliado e un ano despois organízase unha grande ofensiva que consegue a rendición búlgara e libera Serbia.

Fronte africana

editar

En 1914, case toda África estaba colonizada por un ou outro país. As maiores potencias coloniais africanas eran Francia e o Imperio Británico. O Imperio Alemán posuía certos territorios de menor importancia, que foron atacados xa en 1914. Togolandia e o Camerún foron capturadas ese mesmo ano, mentres que a África do Suroeste alemá foi conquistada en 1915 por soldados surafricanos. Non obstante, Tanganica permaneceu nas mans alemás ata o final da contenda.

Fronte asiática

editar

En agosto de 1914, o Xapón envía un ultimato ao Imperio Alemán para que lle ceda as súas posesións asiáticas. Alemaña negouse e o Xapón declarou a guerra. Ese mesmo ano, atacou Qingdao, un porto chinés que empregaba a mariña alemá. Ocuparon as illas Marianas e as Carolinas. Nova Zelandia, aliada, ocupou a Nova Guinea alemá.

Guerra naval

editar

A gran guerra foi unha contenda que se iniciou e finalizou en terra, sendo protagonista a infantaría e os equipos blindados. Non obstante, a mariña interveu ao longo de toda a guerra en distintas áreas.

  • Europa: nas augas europeas, a mariña real británica e a mariña de guerra francesa tentaron impor un bloqueo marítimo ás potencias centrais, limitando o abastecemento de Alemaña e Austria-Hungría. Pola súa parte, a frota de guerra do Imperio Alemán tentaría romper o bloqueo nunha serie de batallas que perdería. A maiores, desenvolveu unha nova arma, o submarino, que distribuirá polas distintas augas europeas cuxo obxectivo é o de afundir o maior número de barcos posibles dos aliados. Especialmente, interesaballe cortar as liñas de subministracións de municións e alimentos que proviñan de América (Estados Unidos, Arxentina etc.). No Mediterráneo, Austria-Hungría despregou a súa frota e enfrontouse aos barcos aliados. A través deste mar, os británicos e franceses pretendían atacar e vencer o Imperio Otomán. Aínda así, o desembarco realizado en Gallipolli non tivo éxito e tiveron que retirarse.
  • Asia: cando comezou a guerra, atopábanse en Asia parte da frota rusa, a frota xaponesa, parte da británica e a alemá. As bases navais alemás foron bombardeadas e tomadas. A frota alemá foi derrotada pola británica.
  • África: ao igual que en Asia, polas costas africanas navegaban frotas das potencias coloniais. As naves británicas volveron gañar a partida ás alemás, pero estas causaron danos aos transportes aliados.

Desenvolvemento tecnolóxico

editar

A partir de 1914 e ata a fin da guerra, ambos os bandos investiron inxentes recursos na fabricación e evolución de todos os materiais bélicos. Os fusís foron mellorados no seu alcance e precisión. O fusil de francotirador popularizouse, acadando unha potencia e fiabilidade maior. A metralladora converteuse nunha arma estándar. Reduciuse o seu tamaño, aumentou a precisión e a potencia. Empregouse nas trincheiras, nos búnkeres e nos vehículos. Requiría dous homes, un que a manexase e un auxiliar de munición. A artillaría foi tamén obxecto de mellora. Fabricáronse novos canóns, cuxo alcance era moi superior aos antecesores. Ao mesmo tempo, apareceron pezas de artillaría pequenas, moi precisas, capaces de disparar un elevado número de proxectís en pouco tempo. Apareceron tamén pezas sen retroceso, polo que tras cada disparo non era preciso modificar a súa posición.

A guerra química experimentou un crecemento espectacular. O uso de gas iniciouse en Ypres polas tropas alemás. A partir de entón volvéronse habituais os ataques con gases asfixiantes por ambos os bandos.

Un dos inventos máis salientables da guerra foi o tanque, unha unidade mecanizada blindada, capaz de resistir os disparos das metralladoras e de atravesar os terreos enlamados e irregulares. Serían os británicos os primeiros en empregalos en Cambrai. Os aliados confiaron neles e fabricaron varios milleiros de unidades. En cambio, os alemáns desconfiaron del e optaron por non fabricar máis que unhas decenas.

Outra nova arma foi o lanzachamas, que consistía nun depósito de combustible unido a unha mangueira cun chisqueiro. Cando se premía unha panca, o combustible saía pola manga e o chisqueiro incendiábaa. O primeiro bando en fabricalo foi o Imperio Alemán.

Batallas clave

editar

Condicións de paz

editar

Artigo principal: Tratado de Versalles.

As negociacións de paz

editar

As negociacións de paz tiveron lugar en París, onde acudiron representantes duns 30 países. O presidente Wilson (Estados Unidos) propuxo catorce puntos básicos para a paz, pero caben destacar o establecemento do principio das nacionalidades e a creación da Sociedade de Nacións. O francés Clemenceau tiña como obsesión debilitar a Alemaña.

A principios do 1919 reuniuse a conferencia de París, nela creouse a Sociedade de Nacións (misión: salvagardar a paz e solucionar conflitos mediante a negociación) pero o grave foi que ningunha das tres grandes potencias dos anos anteriores participaron.

No tratado de Versalles establecíanse as duras condicións impostas á Alemaña: amputacións territoriais, desmilitarización, pagos para compensar as perdas aliadas etc. Esta paz foi a orixe de numerosos conflitos (como a 2ª guerra mundial), xa que non resultou satisfactoria nin para vencedores nin para vencidos.

Consecuencias

editar
Participación e perdas militares na primeira guerra mundial
Países Aliados Mobilizados Mortos Feridos Prisioneiros
de guerra
Rusia 18 100 000 1 800 000 4 950 000 2 500 000
Francia 7 891 000 1 735 800 4 266 000 537 000
Reino Unido 8 904 467 908 371 2 090 212 191 652
Italia 5 612 00 578 000 947 000 600 000
Estados Unidos 4 263 000 114 000 234 000 4 526
Xapón 800 000 300 907 3
Romanía 1 000 000 250 706 120 000 80 000
Serbia 750 000 278 000 133 148 15 958
Bélxica 365 000 38 716 44 686 34 659
Grecia 353 000 26 000 21 000 1 000
Portugal 100 000 7 000 13 751 12 318
Montenegro 50 000 3 000 10 000 7 000
Total 48 201 467 5 380 115 12 830 704 3 984 116
Potencias Centrais Mobilizados Mortos Feridos Prisioneiros
de guerra
Alemaña 13 200 000 2 033 700 4 216 058 1 152 800
Austria-Hungría 9 000 000 1 100 000 3 620 000 2 200 000
Turquía 2 998 000 804 000 400 000 25 000
Bulgaria 400 000 87 500 152 390 27 029
Total 25 598 000 4 025 200 8 388 448 3 629 829
TOTAL dos 2 bloques 73 799 467 9 405 315 21 219 152 7 613 945
Fontes: J. Winter, The Great War and the British People, Londres, Macmillan, 1985, chap.3.

Nota: Na maior parte dos países belixerantes, os desaparecidos están contabilizados cos mortos, porén,
pódense contabilizar tamén cos prisioneiros, como foi o caso de Rusia onde as estatísticas mesturan
así varias categorías moi diferentes.

Consecuencias demográficas

editar

En 1919 as estatísticas amosaron aproximadamente o número de falecidos e feridos pola gran guerra, contándose máis de 14 millóns de mortos entre civís e militares. As xeracións máis novas foron as máis afectadas debido ao recrutamento obrigatorio en case todos os países que interviñeron. Ata ese momento, a gran guerra fora a contenda que máis vidas arrebatara. O modelo de batallas, a nova artillaría precisa, os aramados, as metralladoras, as minas, o gas e os disparos incrementaron enormemente a mortalidade dos militares. Ata entón, a artillaría non fora usada de forma masificada, nin as minas nin se empregara o gas. Os francotiradores tampouco foran tan usados e as metralladoras inda non foran estandarizadas. A trincheira converteuse no fogar de millóns de soldados. O déficit hixiénico que nelas reinaba provocou o espallamento de diversas enfermidades. A escaseza de auga e alimentos, sobre todo nas trincheiras das potencias centrais, incrementaba o número de mortes pouco a pouco. En 1915 a guerra converteuse nunha batalla de demografías. Nas grandes ofensivas coma a da Somme ou na batalla de Verdún, cada metro conquistado custou milleiros de vidas. Cara 1919 unha pandemia, a mal chamada gripe española produciría unha elevada mortalidade que acabaría con varios millóns de persoas. Parte dos falecidos eran soldados que volvían da fronte á casa e serviron de vectores para transmisión do virus responsable. Suxírese que a agresividade do patóxeno se debía en parte á inmunodepresión que afectaba aos militares en combate. A denominación de gripe española débese a que foi en España onde máis publicacións falaron da enfermidade. Nos países que participaran na contenda, a censura impediu a impresión de numerosa información sobre a pandemia.

Consecuencias económicas

editar

Catro anos de guerra necesitaron unha inxente cantidade de fondos. O Imperio Alemán, Austria-Hungría, o Imperio Otomán, Francia e o Imperio Británico acabaron con case todas as reservas económicas, mercando equipamento, municións, aviación, alimentos e investigación de novas armas. Francia e o Imperio Británico recorreron a préstamos estadounidenses, o que supuxo un grande estímulo económico. Ademais, a produción norteamericana incrementouse para satisfacer a demanda europea de material de diversa clase. Outros países coma Arxentina ou España tamén subministraron alimentos, armas e uniformes. Tras a guerra, as potencias europeas quedaron severamente endebedadas. A produción industrial quebrou, xa que de 1914 ao 1918 adicárase tan só a fabricar armamento e outro material bélico. Todas estas circunstancias produciron a perda da hexemonía económica de Europa, en favor dos Estados Unidos e do Xapón. A partir de 1919, os créditos estadounidenses axudarían á recuperación dos contendentes, restablecendo pouco a pouco a normalidade económica ata a crise de 1929. No caso de España, produciuse un aumento das exportacións de 1914 ata 1917. Non obstante, conforme se incrementaban as vendas, aumentaba espectacularmente a inflación, o que propiciou unha grave crise.

Consecuencias territoriais

editar
 
Alemaña tras a paz de Versalles
     Perdido por Alemaña tras a Primeira Guerra Mundial; Perdidos en favor doutros países      Perdido por Alemaña tras a Primeira Guerra Mundial; Administrado pola Liga de Nacións      Alemaña (1919–1935)

As consecuencias máis graves sufríronas os perdedores da contenda, o Imperio Austro-Húngaro, o Imperio Alemán e o Imperio Otomán. Os tres imperios desapareceron dando lugar a cadansúa república: Alemaña, Austria, Hungría e Turquía. Tamén desapareceu o Imperio Ruso e xurdiu a Rusia revolucionaria. A diferenza reside en que a desaparición dos tres primeiros imperios foi parte dos acordos de paz asinados coas potencias aliadas. En cambio, o Imperio Ruso desapareceu debido á revolución interna iniciada durante a guerra, en 1917.

O Imperio Alemán deu lugar á república de Weimar, perdendo Alsacia e Lorena en favor de Francia. Ambas as rexións xa sufriran cambios de nacionalidade. O último ocorrera tras a vitoria prusiana na guerra franco-prusiana. Tamén perdeu territorios en favor de Polonia (Polonia desaparecera coma estado no ano 1795, repartíndose o seu territorio entre Prusia e o Imperio Ruso) e en favor do novo estado de Checoslovaquia. A perda do acceso á cidade de Danzig para os alemáns sería un dos eixes da política expansionista de Adolf Hitler. A segunda guerra mundial iniciouse nesta rexión, cando as tropas nazis invadiron Polonia. Outros territorios menores foron perdidos en favor de Lituania, Bélxica e Dinamarca.

O Imperio Austro-Húngaro tamén desapareceu, formándose os estados independentes de Austria, Hungría, Iugoslavia, Checoslovaquia, Eslovenia, Ucraína e Croacia. Tamén se redistribuíron rexións en favor de Italia e Polonia.

O Imperio Otomán desapareceu e os seus territorios reducíronse á actual Turquía.

O Imperio Ruso desapareceu no contexto dunha revolución comunista, que despois dará lugar á Unión Soviética. Parte dos territorios perdéronse dando lugar ás repúblicas de Estonia, Letonia e Lituania. Outras zonas pasaron ás mans polacas, ucraínas e bielorrusas.

Polonia reapareceu coma estado independente tras máis de 120 anos desaparecido. Parte do país compúxose con territorios historicamente polacos, alemáns, rusos e ucraínos. Francia recuperou Alsacia e Lorena e Bélxica conseguiu parte de Alemaña.

No caso das colonias, Alemaña perdeunas todas, que pasaron a ser administradas por Francia, polo Imperio Británico e polo Xapón.

Consecuencias sociais

editar

A primeira guerra mundial supuxo un cambio fundamental na sociedade do inicio do século XX. A gran guerra foi a primeira contenda que requiriu a mobilización masiva social. Todos os homes entre 18 e 50 anos foron recrutados nun momento ou outro, sempre que non desenvolvesen un traballo esencial. A contribución de homes de xeito continuado provocou a necesidade de buscar outra man de obra para a industria bélica. Recorreuse ás mulleres, que se incorporaron rapidamente ao mercado laboral. Tradicionalmente, as mulleres estaban ocupadas das tarefas domésticas e carecían de dereito ao voto. A partir de 1914, moitas delas comezaron a traballar e polo tanto agora posuían un salario e independencia. Isto ía ser un grande estímulo ao movemento feminista, que despois da guerra conseguiría o voto feminino en Gran Bretaña, Alemaña, Estados Unidos, Turquía e Rusia. En Francia inda terían que pasar varios anos para o seu establecemento. Outra das consecuencias foi o aumento das diferenzas sociais e un incremento da inflación. As persoas ligadas á industria do armamento elevaron os seus ingresos de xeito exponencial, mentres que a elevada inflación prexudicaba as clases asalariadas. Ademais, milleiros de soldados quedaron irremediablemente mutilados pola guerra, sendo incapacitados para calquera actividade laboral.

Consecuencias políticas

editar

Tras a fin da contenda desapareceron os imperios centrais, tanto o alemán, coma austro-húngaro e o otomán. A derrota supuxo a fin das distintas dinastías que rexían os tres imperios, establecéndose as sucesoras repúblicas. Parte dos antigos estados herdárona os estados posteriores e outra foi redistribuída nos novos estados: Polonia, Ucraína, Estonia, Letonia, Lituania e Iugoslavia. Pero o maior problema foi a idea de que a guerra era útil para acadar obxectivos políticos. A guerra serviu para moitos estados dos anteriores de acadar a súa independencia pola forza.

Personaxes salientables

editar

Os tratados de paz impuxeron fortes condicións á Alemaña e os imperios coloniais redistribuíronse. A organización da paz foi difícil. Os países vencedores (os Estados Unidos, Francia, Italia e o Reino Unido) impuxeron condicións excesivas nos tratados, xa que non permitiron que os vencidos estivesen na mesa de negociacións.

  1. 1,0 1,1 Evans, David. Teach yourself, the First World War, Hodder Arnold, 2004, p. 188.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para triplano. Vexa a frase de exemplo.
  3. Clark (2013). p. 21
  4. Hobsbawm (1995)
  5. "World Industrial Production: 1870–1930". Mapping History (en inglés). Consultado o 28/05/2024. 
  6. Clark (2013). pp. 385–389
  7. Clark (2013). p. 355
  8. Clark (2013). pp. 243-254
  9. Clark (2013). pp. 295–302
  10. Clark (2013). pp. 327–339
  11. Clark (2013). pp. 423–432
  12. Clark (2013). pp. 436-437
  13. Clark (2013). pp. 127–152

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Clark, Christopher (2013): The Sleepwalkers: How Europe Went to War in 1914. Penguin Books, London. ISBN 9780141027821. As referencias ao número de páxina proceden da edición española: Sonámbulos. Como Europa fue a la guerra en 1914. Galaxia Gutenberg, 2014. ISBN 9788415863755.
  • Hobsbawm, Eric (1995): The Age of Extremes: The Short Twentieth Century, 1914–1991. Penguin Books, London, ISBN 9780349106717.
  • MacMillan, Margaret (2013): The War That Ended Peace: How Europe Abandoned Peace for the First World War. Profile Books, London. ISBN 9781846682728.
  • Neiberg, Michael S. (2006). La gran guerra, una historia global (1914-1918). Col. Historia Contemporánea (en castelán). Barcelona: Paidós ibérica. ISBN 9788449318900. 
  • Stone, Norman (2008). Breve historia de la primera guerra mundial (en castelán). Barcelona: Ariel. ISBN 978-8434453890. 
  • Strachan, Hew (2004). La Primera Guerra Mundial (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 9788484325239. 

Outros artigos

editar