Abrir o menú principal

Tratado de Londres de 1915

O Tratado de Londres (en inglés Treaty of London e en italiano Patto di Londra), foi firmado en Londres o 24 de abril de 1915. Por el, Italia entrou na primeira guerra mundial do lado da Entente. O tratado era secreto e os países asinantes foron: o Reino de Italia, Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda, Francia e o Imperio ruso.

Tratado de Londres
Ratificación26 de abril de 1915
LocalizaciónLondres
SignatariosItalia Reino de Italia
Reino Unido Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
Francia Francia
Rusia Imperio ruso

Segundo o tratado, Italia recibiría as zonas habitadas por italianos no Imperio austrohúngaro, gran parte da costa dálmata e o resto dos territorios balcánicos do Imperio austrohúngaro repartiríanse entre tres estados independentes: o Reino de Serbia, o Reino de Montenegro e Croacia.[1]

A cambio, Italia comprometíase a abandonar a Tripla Alianza, que a unía aos imperios alemán e austrohúngaro[2] e entrar na guerra ao lado da Entente. O cambio de bando acordouse xa a comezos de setembro de 1914 nun convenio secreto asinado en Londres. A entrada na guerra debía producirse en menos dun mes desde a firma do tratado e así se fixo; a declaración de guerra italiana anunciouse o 23 de maio.

A aplicación do tratado quedou moi condicionada pola disolución do Imperio austrohúngaro e o xurdimento de novas nacións, especialmente Iugoslavia, que non estaban dispostas a aceptar as concesións prometidas a Italia pola Entente, e pola entrada na guerra dos Estados Unidos, que definiron novos obxectivos bélicos e negáronse a admitir a entrega de territorios de maioría eslava a Italia. Finalmente, Italia obtivo só unha parte dos territorios prometidos a través dunha serie de acordos rubricados a inicios da década de 1920. Por outra banda, o réxime fascista italiano sinalou que o país fora enganado e non lograra os territorios que lle correspondían polas maquinacións dos seus aliados.[3] A esta situación os italianos denominárona a Vittoria Mutilata (en galego: a vitoria mutilada) debido a que consideraron que o Reino Unido e Francia non fixeron o suficiente para apoialos nos seus reclamos territoriais.

Negociacións italianasEditar

O 16 de outubro de 1914, morreu o principal ministro do gabinete de Antonio Salandra e este caeu a finais de mes; foi reconstituído o 5 de novembro de 1914 coa presenza do novo ministro de Asuntos Exteriores Sidney Sonnino.[4] De ideas claras e moderado, Sonnino mostrouse partidario da inclusión do Reino de Italia na Tripla Alianza desde o comezo.[4] Xa no verán de 1914 defendera a entrada en guerra de Italia ao lado dos Imperios Centrais.[4] En novembro, aínda inseguros da súa duración no cargo, o primeiro ministro e o seu ministro de Asuntos Exteriores mostráronse moi cautos cara aos bandos enfrontados.[5] Malia unha campaña de prensa a favor da inclusión de Istria e Dalmacia (cun 96 % de poboación eslava na segunda e un 54 % na primeira)[5] o Goberno non esixiu a súa entrega, aínda que o diario de Sonnino, o Giornale d'Italia, mostrouse favorable aos irredentistas.[6]

 
O ministro de Asuntos Exteriores italiano, Sidney Sonnino, que levou a cabo negociacións secretas en paralelo cos dous bandos enfrontados na primeira guerra mundial, e asinou finalmente o Tratado de Londres coa Entente.

O 3 de decembro de 1914, o Goberno recibiu o respaldo do parlamento e Sonnino decidiu pasar á acción, ordenando ao embaixador italiano en Viena, o duque de Avarna, que reclamase compensacións territoriais ao Imperio austrohúngaro de acordo ao artigo VII do pacto da Tripla Alianza.[6] O Goberno de Viena non respectara as cláusulas do tratado de alianza, que estipulaban a consulta ao resto de aliados antes do comezo de operacións militares e a compensación a Italia en caso de vantaxes nos Balcáns para Austria-Hungría, e permitira así que o Goberno de Roma puidese manter a neutralidade na guerra.[2] Unha vez quedou clara a imposibilidade dunha rápida vitoria austro-xermana, Italia decidiu negociar cos dous bandos para lograr o maior beneficio posible da situación.[7]

O 24 de decembro de 1914, tras un tiroteo no porto de Valona, a cidade foi ocupada por tropas italianas, teoricamente para protexer aos residentes italianos.[8] Sonnino apresurouse a asegurar aos austrohúngaros que a ocupación sería temporal, para evitar que á súa vez esixisen compensacións territoriais como el mesmo estaba facendo polo ataque ao Reino de Serbia.[8]

Aínda que Sonnino apoiaba a campaña de prensa que reclamaba a entrega de Dalmacia ao Reino de Italia, o Goberno non esixía aínda a súa entrega, usando a publicidade simplemente para que o Goberno vienés accedese a entregar o Trentino e Trieste, os seus verdadeiros obxectivos naquel momento.[9] As conversacións entre Sonnino e o embaixador austrohúngaro Macchio non lograron os seus froitos[7] xa que este último utilizou unha táctica dilatoria para atrasar as posibles compensacións territoriais a Italia.[9]

O ministro de Asuntos Exteriores austrohúngaro, o conde Leopold Berchtold, foi entón substituído polo húngaro Stephan Burián, amigo e protexido do primeiro ministro húngaro István Tisza.[10] Berchtold mostrouse contrario ás indicacións alemás de acceder ás peticións territoriais italianas.[10] Burián mantivo a mesma actitude do seu predecesor, convencido de que as ameazas de Sonnino eran un farol.[10]

O 17 de febreiro de 1915, Sonnino esixiu ter dereito a veto sobre as operacións militares austrohúngaras nos Balcáns a menos que o Goberno de Viena cedese ás reclamacións italianas.[11] A delicada situación da fronte oriental, a epidemia de tifo que acababa de estalar na península balcánica e a actitude de Sonnino detiveron as operacións militares de Viena durante os primeiros meses de 1915.[11] Alemaña redobrou as súas presións sobre o Goberno austrohúngaro para satisfacer aos italianos.[12]

O 9 de marzo de 1915, Burián comunicou ao embaixador italiano a súa disposición a negociar a cesión de territorio austrohúngaro, ao cal o seu Goberno se tiña negado ata entón.[12]

 
Serguei Sazonov, ministro de Asuntos Exteriores ruso e principal opositor ás esixencias italianas para entrar na guerra do bando da Tripla Entente polos seus efectos adversos para as aspiracións eslavas nos Balcáns.

Mentres e secretamente, con todo, Sonnino dera instrucións ao embaixador italiano en Londres, o marqués Imperiali, para que comezase as conversacións coa Tripla Entente e expuxese as condicións nas que Italia estaba disposta a entrar na guerra do seu lado.[13] Sonnino mostrouse especialmente interesado en manter secretas estas conversacións paralelas e en ocultalas ao Goberno serbio.[13] A partir dese momento, Sonnino mantivo negociacións paralelas cos dous bandos enfrontados. As esixencias italianas presentáronse a lord Grey o 4 de marzo.[7]

Serbia e os representantes do Comité Iugoslavo acabaron decatándose dos manexos de Sonnino, e tiveron no ministro de Asuntos Exteriores ruso,[7] Serguei Sazonov, ao seu mellor adaíl.[14] Italia explicou o seu desexo de obter Dalmacia non pola súa poboación italiana, senón por razóns estratéxicas, para controlar o mar Adriático.[14] Durante as seguintes semanas, Sazonov mostrouse contrario ás esixencias italianas, que consideraba excesivas,[15] mentres que os Gobernos francés e británico mostraban a súa impaciencia porque Italia entrase canto antes na contenda, crendo que a súa participación lles daría a vitoria.[16]

O 29 de marzo de 1915, o Goberno italiano renunciou por fin a conseguir Split, o que os franceses utilizaron para premer aos rusos e empuxalos a aceptar o resto de reclamacións italianas.[16] Sazonov, con todo, non accedeu, considerando estas contrarias ao principio de nacionalidade polo que en principio estaban combatendo.[17] A opinión pública rusa preocupábase polo destino das poboacións eslavas e especialmente pola serbia, e o ministro de Asuntos Exteriores ruso cría que non aceptaría as concesións que Italia esixía.[17]

O 1 de maio de 1915, Edward Grey foi relevado nas negociacións por Herbert Henry Asquith por parte británica.[18]

Mentres, as negociacións con Viena atoparon un novo escollo: a esixencia italiana de que os territorios cedidos fosen entregados de inmediato (21 de marzo de 1915) e non tras o final da guerra, como propoñían os austrohúngaros.[18] O 27 de marzo de 1915, Burián comunicou ao embaixador italiano que o emperador accedera a entregar o Trentino a cambio da neutralidade italiana e a súa aquiescencia ás campañas austrohúngaras nos Balcáns.[19] O 8 de maio de 1915, Sonnino respondeu á proposta cun memorando de once artigos coas reclamacións italianas.[19]

Mentres tanto, entre marzo e abril, aceleráronse os preparativos militares en Italia.[19] En Londres, Asquith redactaba unha proposta que reflectía a postura rusa, como última oferta para os italianos.[20] O 9, ante a falta de acordo, volveu presentar unha proposta pola que Italia conseguía a costa dálmata entre Zara e o cabo Planka,[21] Curzola e as súas illas menores, e a desmilitarización da costa[21] entre Planka e Cattaro, salvo a que se entregaría a Serbia.[20] O 14, o marqués Imperiali aceptou esta oferta, renunciando á península de Sabioncello.[22] Soamente reclamou que non se erixisen fortificacións nas proximidades de Cattaro, mentres que Sazonov aceptou que a representación internacional de Albania quedase en mans italianas.[22] Seguiu esixindo, con todo, que continuasen as negociacións sobre certos detalles.[22]

Francia e o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda premeron entón ao tsar Nicolao, que ordenou ceder a Sazonov, malia a súa opinión sobre o correcto do pacto.[22] O 21 de abril de 1915 , Sazonov indicou ao embaixador ruso no Reino Unido que rubricase o acordo.[22]

O 16 de marzo de 1915, o Goberno austrohúngaro respondeu ás esixencias italianas, de xeito en xeral negativo.[19] Ante isto, o pacto coa Entente asinouse o 26 de maio de 1915 en Londres, comprometéndose o Reino de Italia a entrar en guerra inmediatamente contra o Imperio austrohúngaro e o alemán e a non asinar unha paz por separado.[23]

Repartimento dos territoriosEditar

 
Territorios prometidos a Italia segundo o Tratado de Londres e fronteira final tras as negociacións de posguerra para o período de entreguerras (1924-1941).

Segundo o acordo, Italia recibiría:

  1. O Tirol ata a separación de cuncas, situada nos Alpes, que incluía as provincias do Trentino-Alto Adigio.[23][21]
  2. Trieste.[23]
  3. O condado de Gorizia e Gradisca.[23]
  4. Istria, sen Fiume (Rijeka).[21]
  5. Parte de Carniola (os distritos de Vipava, Idrija e Ilirska Bistrica, excluíndo Postojna).
  6. O norte de Dalmacia, incluíndo Zara (croata: Zadar) e a maioría das illas do mar Adriático.[23]
  7. O arquipélago do Dodecaneso,[24] controlado desde a guerra ítalo-turca de 1911-1912.[21]
  8. Vlorë (en italiano: Valona).[24][21]
  9. O control da política exterior da nova Albania, reducida pola partición da maioría do territorio entre o Reino de Serbia e Reino de Grecia.[21]
  10. Parte das colonias alemás en África e Asia, no caso de que Francia e Reino Unido obtivesen novas colonias.[24][25] Confirmábase ademais a posesión italiana de Libia.[25]
  11. Antalya, no caso de que se repartise Asia Menor.[24][25]

Cos cambios fronteirizos propostos entre Italia e o Imperio, baseados tanto na unión dos italianos do Imperio austrohúngaro como en razóns de defensa estratéxica,[7] aquela recibía unha minoría de preto dun cuarto de millón de alemáns e tres cuartos de millón de eslavos.[21] As ganancias territoriais no Adriático garantían tamén o control do mesmo, unha das aspiracións italianas.[21] As concesións ao Reino de Italia agrúpanse en catro sectores, definidos con precisión variable:[26]

  • O Noroeste, onde as peticións italianas quedaran satisfeitas.
  • O Adriático e os Balcáns, onde Italia tería que realizar algunhas concesións.
  • Asia Menor, onde as concesións eran máis xerais e menos definidas.
  • África, onde a ambigüidade das cláusulas era maior.

A Serbia prometéuselle:

  1. A costa dálmata entre Krka e Ston, incluíndo a península de Pelješac (en italiano: Sabbioncello), o porto de Split (en italiano: Spalato), e a illa de Brač (en italiano: Brazza).

A Montenegro adxudicábaselle:

  1. A costa dálmata entre Budva e Ston, incluíndo Ragusa e a baía de Kotor (italiano: Cattaro, desmilitarizado[21]), excluíndo a península de Pelješac.
  2. A costa sur, ata o porto albanés de Shëngjin (en italiano: San Giovanni dei Medua).

Así mesmo, aínda que sen moito detalle, prometeuse ao Reino de Serbia:

  1. Bosnia e Herzegovina.
  2. Srem.
  3. Bačka.
  4. Eslavonia (malia os reparos italianos).
  5. Partes de Albania, que quedaría dividida entre o Reino de Serbia, o Reino de Montenegro e o Reino de Grecia, sen detallar.

A cidade adriática de Fiume, obxecto de duras disputas na posguerra entre Italia e Iugoslavia, quedaba asignada «a Croacia, Serbia e Montenegro».[21]

Os italianos reclamaron que a posesión da costa entre Zara e Istria se decidise tras a guerra, ao que accederon os países da Entente. Ademais, insistiron en que non debía comunicarse o acordo a Serbia,[24] cousa que non lograron, pois a Entente enviou unha nota oficial sobre o mesmo o 4 de agosto de 1915 na que se indicaban as súas ganancias territoriais que recibiría ao terminar a guerra. A finais de abril de 1915, partidarios de Iugoslavia en Gran Bretaña xa coñecían a grandes liñas as características do acordo, grazas ás confidencias de Sazonov, obtidas por Frano Supilo.[27]

Sonnino, malia asinar o pacto coa Entente, alargou as negociacións con Viena.[27] O 3 de maio de 1915, o embaixador austrohúngaro en Roma decatouse da conclusión das negociacións coa Entente e avisou a Burián, que tratou de mellorar a súa oferta anterior aos italianos, pero demasiado tarde: o mesmo día Sonnino rescindía a alianza cos Imperios Centrais.[28] Aínda así recibiu a Macchio o 6, mostrándose disposto a comunicar as súas propostas ao gabinete.[28]

A poboación, inflamada repentinamente de nacionalismo, forzou ao Parlamento, favorable a manter a neutralidade do país, a aprobar o pacto coa Entente, o que fixo caer o gabinete de Salandra o 13 de maio de 1915.[29] Rexeitada a renuncia polo rei, o parlamento aveuse a aceptar o Tratado e a conceder plenos poderes ao Goberno o 20 de maio de 1915, por ampla maioría.[29]

O 23 de maio de 1915, declarábase a guerra ao Imperio austrohúngaro, aínda que non cos resultados esperados polos Aliados.[29]

O pacto, que debía permanecer en segredo, foi publicado polos bolxeviques rusos tras a súa toma do poder no diario Izvestia, en novembro de 1917.

Clarificación: o acordo de St. Jean de MaurienneEditar

A futura partición do Imperio otomán decidiuse entre os tres socios orixinais da Tripla Entente, sen ter en conta a Italia nun comezo.[26] Esta non recibiu información sobre os acordos anteriores ou posteriores ao tratado polo que entrou na contenda e os seus intentos de lograr esta información foron baldíos ata o outono de 1916.[26] Dada a vaguidade da cláusula sobre o Imperio otomán do tratado,[25] continuaron as negociacións para definir con máis claridade a porción que lle correspondería a Italia en caso de desmembramento do Imperio, o que se logrou no Acordo de St. Jean de Maurienne en abril de 1917.[26] A cambio Italia recoñecía os acordos anteriores franco-británicos, en especial o Tratado Sykes-Picot.[26]

Italia habería de obter o suroeste de Asia Menor, chegando ata a concesión francesa polo leste e ata Esmirna polo norte, xunto cunha zona de influencia ao norte desta.[30] O acordo, con todo, quedaba suxeito á aprobación do Goberno ruso,[30] que acababa de cambiar co triunfo da Revolución de Febreiro que acabara co tsarismo. Rusia nunca chegou a expresar a súa opinión sobre o acordo, que xamais chegou a ser ratificado como tratado formal.[30] Xuntos, o Tratado de Londres e o Acordo de St. Jean de Maurienne reunían as aspiracións italianas en caso de vitoria da Entente.[30]

Cambios da situación bélicaEditar

Dous feitos fundamentais afectaron á aplicación do tratado tras a guerra mundial:

  • O aumento do descontento das comunidades que formaban o Imperio austrohúngaro ao alargarse a contenda, e a creación de movementos independentistas, en xeral mal vistos polo Goberno italiano.[30] O seu maior achegamento a estes deuse cos maiores reveses bélicos para Italia despois da derrota de Caporetto, tras os cales se celebrou o «Congreso de Nacionalidades Oprimidas» en Roma en abril de 1918.[30]
  • A entrada no conflito dos Estados Unidos ao lado da Entente.[31] O poderío estadounidense e as circunstancias da súa entrada en guerra convertéronnos nos forxadores dos obxectivos dos Aliados na guerra, reflectidos nos «Catorce Puntos» do presidente Woodrow Wilson.[31] O noveno deles referíase a Italia e indicaba que «un reaxuste das fronteiras de Italia debería realizarse de acordo con liñas nacionais claramente recoñecibles», o que chocaba co estipulado polo tratado de 1915.[31] A debilidade italiana fixo que o Goberno non se enfrontase aos estadounidenses sobre este punto e optase por aceptar os puntos de Wilson xunto co tratado de 1915.[31]

A Conferencia de ParísEditar

Negociacións e estancamentoEditar

 
Parte da delegación iugoslava na Conferencia de Paz de París: Ante Trumbić (terceiro pola esquerda), Nikola Pašić (segundo), Milenko Vesnić (primeiro) e Ivan Žolger. Algúns delegados eran de procedencia austrohúngara, para desgusto italiano.

Logo da guerra, a posición italiana era complicada.[32] Esixir o cumprimento do Tratado de Londres significaba un conflito inmediato con Wilson, mentres que o seu abandono era un risco que ningún Goberno italiano podía aceptar; quedaba a opción dunha cesión parcial a cambio de compensacións, que requirirían a aquiescencia do resto de potencias que haberían de outorgalas.[32]

Tras a chegada de Wilson a París o 4 de decembro de 1918, as relacións entre este e os representantes italianos non melloraron.[32] O informe dos expertos estadounidenses non tiña en conta as disposicións do tratado de 1915, definía unha fronteira intermedia entre a baseada no idioma e a que ditaban os intereses de seguridade italianos.[32] Os italianos responderon solicitando a fronteira definida no tratado con pequenas modificacións e engadindo a petición de poder anexionarse Fiume, que produciu unha disputa esaxerada.[33] A cidade, enclave de poboación italiana nunha rexión de maioría eslava, quedara asignada a Croacia no Tratado de Londres.[32] A axitación nacionalista en Italia, permitida polo Goberno, colocara a este nunha situación que lle impedía ceder na súa demanda pola cidade, malia non ser reclamada anteriormente.[33]

Os italianos expresaron o seu desexo de negociar unicamente con Serbia e Montenegro como aliados seus durante a contenda, pero non con representantes do inimigo derrotado, categoría na que englobaban aos representantes do novo Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos. O seu malestar coa delegación iugoslava era aínda maior ao contarse entre os seus membros antigos deputados austrohúngaros (como os croatas Ante Trumbić e Josip Smodlaka e o esloveno Otokar Rybář). Un delegado, o esloveno Ivan Žolger, fora ata ministro do gabinete austríaco durante a guerra.

En abril, co regreso á conferencia do presidente estadounidense, retomou o caso italiano, ofrecendo franceses e británicos o cumprimento estrito do Tratado de Londres (o que excluía a concesión de Fiume a Italia) ou a entrega de Fiume e o abandono do tratado.[34] Ante a falta de acordo, Wilson decidiu facer un chamamento ao pobo italiano deixando de lado ao seu Goberno, co que logrou unicamente enfurecer á opinión pública italiana e que os representantes italianos se retirasen da conferencia de paz.[34] Durante a ausencia italiana os Aliados decidiron enviar a expedición militar a Esmirna, decisión que aqueles aceptaron tras o seu regreso a París dúas semanas máis tarde.[34] A repartición de mandatos realizouse tamén mentres os italianos se achaban lonxe de París.[35]

Avances e definición de fronteiras nos BalcánsEditar

 
Tirol, desmembrado en 1918. Parte quedou no lado austríaco da fronteira (en escuro) e chamouse Nordtirol e Osttirol (Tirol Setentrional e Tirol Oriental, respectivamente), que formaron o Estado Federado de Tirol.

A pesar da continuación das conversacións, centradas sempre no destino de Fiume, non houbo avances ata a firma do tratado con Alemaña e a marcha de Wilson o 28 de xuño.[36] A oposición de Wilson e a súa capacidade de vetar calquera acordo impedían os progresos.[36]

En setembro, con todo, o tratado con Austria foi favorable a Italia, que logrou a fronteira dos Alpes como se prometera en Londres en 1915.[36]

Incapacitado Wilson e derrotado o seu partido nas eleccións dos Estados Unidos, e fartos Francia e o Reino Unido das inacabables conversacións, estes decidiron que as negociacións pasasen a realizarse directamente entre italianos e iugoslavos.[36] Isto levou a un rápido acordo que se plasmou no Tratado de Rapallo de novembro de 1920.[36] Este concedía a Italia a fronteira que desexaba no nordeste, pero limitaba as súas ganancias no Adriático a catro illas e a cidade de Zara.[36] Fiume e os seus arredores establecíanse como Estado libre.[36]

Albania foi evacuada e a súa independencia recoñecida segundo as fronteiras trazadas en 1913, salvo a illa de Saseno, á entrada da baía de Valona, que Italia se anexionou.[37]

Acontecementos posterioresEditar

En Asia Menor, os gregos aproveitaron a ausencia italiana na primavera para lograr que fosen as súas tropas as enviadas a Esmirna, situación que os italianos aceptaron tras débiles protestas ao seu regreso á conferencia de paz.[35] Polo Tratado de Sèvres asinado o 10 de agosto de 1920 , Italia viu recoñecida a posesión do Dodecaneso e concedéuselle unha zona de influencia en Anatolia, que se correspondía aproximadamente á definida nos acordos de St. Jean de Maurienne, salvo nos arredores de Esmirna.[38] Italia, insatisfeita co resultado, apresurouse a mostrar a súa simpatía a Mustafá Kemal axiña que como xurdiu o movemento nacionalista, evitando apoiar ás tropas gregas.[38] No Tratado de Lausana, que puxo fin á guerra, Italia conservou a posesión do Dodecaneso.[38]

En África, mencionada nos artigos 10 e 13 do Tratado de Londres,[38] Italia logrou a concesión final de Libia por parte do sultán otomán no Tratado de Sèvres, tras ter reconquistado o territorio, controlado precariamente, en 1919.[38]

As colonias alemás, pola súa banda, foron repartidas como mandatos durante a ausencia italiana, saíndo o Reino Unido moi beneficiado, seguido de Francia.[38] Italia esixiu ser compensada,[39] pero aceptou a repartición realizada.[40] Quedou entón a posibilidade de rectificacións fronteirizas, que se decidiu debían negociarse de forma bilateral entre Italia por unha banda e Francia e o Reino Unido pola outra.[40] O 12 de setembro de 1919, Francia e Italia alcanzaban un acordo, que cedía certos salientes da fronteira entre Libia e as colonias francesas aos italianos.[40] En 1925 produciuse a firma do acordo con Gran Bretaña no que Italia logrou a fronteira que desexaba entre Libia e Exipto.[41]

En Somalia, ante a negativa francesa a ceder a Somalia Francesa, ofreceuse a entrega de certo territorio xunto ao río Xuba,[41] que Italia aceptou.[42]

NotasEditar

  1. Sepic 1968, p. 29.
  2. 2,0 2,1 Albrecht-Carrie 1939, p. 364.
  3. Albrecht-Carrie 1939, p. 383.
  4. 4,0 4,1 4,2 Seton-Watson 1926, p. 271.
  5. 5,0 5,1 Seton-Watson 1926, p. 272.
  6. 6,0 6,1 Seton-Watson 1926, p. 273.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Albrecht-Carrie 1939, p. 365.
  8. 8,0 8,1 Seton-Watson 1926, p. 274.
  9. 9,0 9,1 Seton-Watson 1926, p. 275.
  10. 10,0 10,1 10,2 Seton-Watson 1926, p. 276.
  11. 11,0 11,1 Seton-Watson 1926, p. 277.
  12. 12,0 12,1 Seton-Watson 1926, p. 278.
  13. 13,0 13,1 Seton-Watson 1926, p. 280.
  14. 14,0 14,1 Seton-Watson 1926, p. 282.
  15. Seton-Watson 1926, p. 283.
  16. 16,0 16,1 Seton-Watson 1926, p. 284.
  17. 17,0 17,1 Seton-Watson 1926, p. 285.
  18. 18,0 18,1 Seton-Watson 1926, p. 286.
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 Seton-Watson 1926, p. 287.
  20. 20,0 20,1 Seton-Watson 1926, p. 289.
  21. 21,00 21,01 21,02 21,03 21,04 21,05 21,06 21,07 21,08 21,09 21,10 Albrecht-Carrie 1939, p. 366.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 Seton-Watson 1926, p. 290.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 Seton-Watson 1926, p. 291.
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 Seton-Watson 1926, p. 292.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 Albrecht-Carrie 1939, p. 367.
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 Albrecht-Carrie 1939, p. 368.
  27. 27,0 27,1 Seton-Watson 1926, p. 293.
  28. 28,0 28,1 Seton-Watson 1926, p. 294.
  29. 29,0 29,1 29,2 Seton-Watson 1926, p. 295.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 30,5 Albrecht-Carrie 1939, p. 369.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 Albrecht-Carrie 1939, p. 370.
  32. 32,0 32,1 32,2 32,3 32,4 Albrecht-Carrie 1939, p. 371.
  33. 33,0 33,1 Albrecht-Carrie 1939, p. 372.
  34. 34,0 34,1 34,2 Albrecht-Carrie 1939, p. 373.
  35. 35,0 35,1 Albrecht-Carrie 1939, p. 376.
  36. 36,0 36,1 36,2 36,3 36,4 36,5 36,6 Albrecht-Carrie 1939, p. 374.
  37. Albrecht-Carrie 1939, p. 375.
  38. 38,0 38,1 38,2 38,3 38,4 38,5 Albrecht-Carrie 1939, p. 377.
  39. Albrecht-Carrie 1939, p. 378.
  40. 40,0 40,1 40,2 Albrecht-Carrie 1939, p. 379.
  41. 41,0 41,1 Albrecht-Carrie 1939, p. 380.
  42. Albrecht-Carrie 1939, p. 381.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Outros artigosEditar