Batalla de Verdún

A batalla de Verdún foi unha batalla da Primeira guerra mundial producida en 1916 na fronte occidental. Constituíu unha das meirandes batallas da guerra e da historia. Durou dende o 21 de febreiro de 1916 ata o 18 de decembro do mesmo ano. Produciuse nun terreo montañoso ao norte da cidade de Verdun-sur-Meuse, no nordeste de Francia. Dende o punto de vista francés, foi unha vitoria decisiva que freou as aspiracións alemás de romper a fronte e avanzar cara París. Dende o punto de vista alemán incumpríronse os dous obxectivos perseguidos: non se puido tomar a cidade gala e as baixas xermanas foron similares ás francesas.

Batalla de Verdún

Soldados franceses nunha trincheira de Verdún.
Data: 21 de febreiro - 16 de decembro de 1916
Lugar: Verdún, Francia
Conflito: Primeira guerra mundial
Resultado: Incerto
Combatentes
República Francesa Imperio Alemán

Antecedentes históricos

editar

Verdún desempeñara un relevante papel na defensa de Francia en tempos pasados. Atila non foi quen de conquistala no século V. No ano 843 foi en Verdún onde foi dividido o imperio de Carlomagno. En 1648, Verdún pasou a ser unha posesión francesa. Tivo importancia na defensa gala na guerra franco-prusiana de 1870 e a partir de entón, converteuse no eixo da fortificación francesa fronte Alemaña.

Verdún en 1914

editar

A ofensiva alemá de 1914 permitiu afondar en territorio francés, pero Verdún e os seus arredores permaneceron coma un saínte francés. A zona de Verdún fora fortificada dende o século XVII, ampliándose no século XVIII e modernizándose entre finais do século XIX e principios do XX. Dispuxéronse 18 grandes fortalezas en forma de anel, con 12 pequenos fortes de reforzo. As construcións orixinais realizáronse en pedra e foron posteriormente reforzadas con metal. A artillaría disposta era de gran calibre, de 155 mm e 78 mm. A finais do XIX e primeiros do XX colocáronse nos diversos búnkeres metralladoras de 75 mm. Durante os primeiros combates da guerra, esta área foi duramente bombardeada, pero non houbo intentos de asalto. A previsión francesa dun ataque xermano nesta área foi unha realidade en 1916.

Estratexia xermana

editar

En setembro de 1914 o ataque alemán a París fracasou no río Marne, onde a defensa francesa rexeitou o asalto das tropas do Imperio Alemán. A partir de entón, sucedéronse unha serie de combates para tratar de romper as liñas inimigas, nos que non houbo éxito e só se conseguiron grandes baixas.

A finais de 1914 o Alto Mando xermano decidiu que senón podían atravesar as filas anglo-francesas, deberían asestar un golpe duro á moral da poboación civil. Erich von Falkenhayn considerou que o punto que se debía atacar era Verdún. Os franceses non se poderían retirar por dúas razóns: por mor de perder unha posición defensiva fundamental, que cubría as grandes chairas galas. E en segundo lugar, por unha cuestión de orgullo. Verdún era a maior fortaleza francesa e a súa perda podería supoñer un enorme custo.

Para os franceses, esta era unha área pouco vulnerable e pouco relevante. O xeneral Joffre consideraba que este tipo de fortaleza estaba obsoleta, pensando no rápido que caeran as fortalezas belgas en agosto de 1914. Por iso, a munición era escasa e o material era insuficiente.

Para os alemáns era unha zona facilmente atacable, xa que estaba illada por tres lados e só estaba conectada con Francia por unha liña ferroviaria e unha estrada mal acondicionada.

Preludio

editar

A finais de 1915 Verdún dispoñía de poucos efectivos tanto humanos coma materiais. As torretas rotables foran transportadas a outras áreas. Os canóns eran insuficientes e de peor calidade que os alemáns. Existía ademais incoordinación entre os oficiais de campo de Verdún e os mandos centrais.

Durante os últimos meses de 1915 e xaneiro de 1916, o Imperio Alemán estaba reunindo pezas de artillaría e tropas en torno á cidade. Para febreiro, reunira 72 batallóns e 1400 metralladoras, ademais de numerosas pezas de artillaría pesada de 14 e 16 polgadas. O mesmo mes, o Alto Mando francés recibiu informes sobre esta concentración e enviou reforzos procedentes do 30 Corpo, a 51ª e 72ª divisións. Totalizou para finais de mes 32 batallóns. Naquel momento non existía unha liña continua de arames nin outras defensas estáticas.

Febreiro - abril 1916

editar

O ataque estaba planeado para o 12 de febreiro, pero a chuvia e o lodo impedírono. Finalmente foi lanzado no 21 de febreiro ás 7.15 am tras un bombardeo de artillaría pesada que durou 10 horas e empregou aproximadamente 1 000 000 de proxectís. A descarga ao longo duns 40 quilómetros destríu moitas trincheiras, defensas e liñas telefónicas. Inmediatamente despois, tres corpos de exército alemán (3º, 7º e 18º) avanzaron dende diversos puntos, armados con lanzachamas. Na vangarda situáronse as tropas de asalto, que se acababan de crear, dispoñían de metralladoras lixeiras e granadas de man. Non obstante, os franceses resistiron na fronte causando 600 baixas alemás.

O 22 de febreiro as tropas de asalto conseguiron empuxar as tropas alemás cara Samogneux, Beaumont-en-Verdunois e Ornes. Asaltaron ademais a cidade de Haumont, pero non puideron tomala.

O 23 de febreiro, os franceses emprenderon un contraataque Bois des Caures, que foi repelido. Os combates continuaron en torno a Haumont, en Bois de l'Herbebois, pero os alemáns foron capaces de rodear aos franceses e tomar a vila. En Samogneux os galos retiveron o control da cidade tras combates moi duros. Nas outras áreas os alemáns seguiron empurrando aos franceses ata a última liña defensiva.

O 24 de febreiro tres compañías do rexemento 24º alemán atacaron Fort Douaumont, unha estrutura defensiva central, conseguindo a súa rendición o mesmo día.

O 25 de febreiro Petain tomou a decisión de cambiar as liñas defensivas. Solicitou reforzos inmediatos e masivos. Reforzáronse as estruturas defensivas principais e desprazáronse divisións dende outros puntos da fronte. O 20º Corpo francés ocupou posicións ao nordeste de Verdún, para poder iniciar contraataques fronte os flancos alemáns.

O 29 de febreiro os alemáns reiniciaron o ataque na cidade de Douamont, pero non apenas puideron avanzar fronte á obstinada defensa francesa por parte do 33º rexemento de infantaría. No transcurso do combate foi capturado Charles de Gaulle, neste momento ao mando dunha compañía. A resistencia freou o avance alemán, permitindo a chegada de 90 000 homes e 23 000 toneladas de material bélico por vía ferroviaria, na que se coñecería coma vía sagrada. Nos seguintes días o avance alemán seguiu freándose debido aos bombardeos, que converteran toda a área nun inmenso lodazal, no que avanzar era moi custoso. O 2 de marzo, os exércitos alemáns tomaron Douamont perdendo uns 2000 homes. O V Exército alemán viuse moi afectado, resultando case perdidos 4 rexementos de infantaría.

O avance frontal volveuse imposible, e os alemáns optaron por atacar ambos flancos. O 6 de marzo atacaron os outeiros de Le Mort Homme e o outeiro 304 o 20. Le Mort Homme foi tomado, despois perdido fronte a un contraataque francés e finalmente ocupado por segunda vez o día 9. Durante o avance cara estas dúas formacións os alemáns tomaron as vilas de Cumières e Chattancourt.

Maio - Xuño 1916

editar

En maio de 1916 Francia intentou recapturar Fort Douamont empregando tres divisións de infantaría, apoiados por 300 metralladoras e morteiros de 150 e 300 mm. O asalto iniciouse o 22 de maio tras un bombardeo masivo de artillaría, resultando en fracaso. Os franceses só puideron ocupar esta formación durante 12 horas. Días máis tarde as tropas alemás desprazáronse dende o flanco esquerdo en Le Mort Homme e o outeiro 304 cara ao flanco dereito, en dirección a Fort Vaux. O 1 de xuño, 10 000 soldados de asalto alemáns atacaron Fort Vaux, tomando o día seguinte a parte exterior. No interior do forte seguiron os combates, corredor por corredor, ata o 7 de xuño, cando os defensores quedaron sen auga.

Xuño - xullo 1916

editar

Cara mediados de xuño, os alemáns decidiron atacar a beira dereita do río Meuse, premendo os franceses en dirección á vila de Verdún. O 21 de xuño, 60 000 soldados alemáns tomaron Thiaumont e Fleury. Restaba só unha última liña defensiva, constituída por Fort Souville. Para preparar o ataque, bombardeouse a posición con proxectís de gas velenoso. Foi ineficaz porque no forte existían máscaras antigás suficientes. O asalto iniciouse por dous lados. No esquerdo apenas se puido avanzar por mor das metralladoras francesas. No lado dereito, un pequeno grupo puido avanzar, pero quedou illado e tivo que retirarse ás liñas iniciais. Este sería o punto onde Francia aguantaría o ataque alemán en Verdún, sendo detido todo o avance alemán.

O 1 de xullo, un combinado anglo-francés atacou no río Somme, e os alemáns tiveron que desprazar artillaría e soldados cara a nova batalla. Non se produciron máis avances xermanos en Verdún.

Contraataques franceses de finais de 1916 e agosto de 1917

editar

En outubro de 1916 o xeneral Nivelle planificou unha ofensiva sobre as posicións alemás defensivas. Fort Douaumont foi bombardeado con proxectís de 75 e 150 mm e outros de maior calibre. O 24 de outubro, a infantaría de mariña tomou Fort Douamont. O 2 de novembro, os alemáns retiráronse de Fort Vaux debido aos ataques galos. O 15 de decembro o ataque francés reanudouse por orde de Nivelle, empurrando aos alemáns cara ás súas posicións iniciais en febreiro de 1916.

En agosto de 1917, unha nova ofensiva francesa, apoiada por unha artillaría moi potente, atacou o flanco esquerdo, recuperando o outeiro 304 e Le Mort Homme. Non habería máis cambios substanciais, pero a zona permaneceu moi activa incluso despois do armisticio de novembro de 1918.

Consecuencias

editar

O obxectivo inicial alemán era o de atacar nun punto onde os franceses non se puidesen retirar e onde tivesen pouco apoio do resto de Francia. O Alto Mando alemán decidiu que Verdún era o punto ideal e encargóuselle o ataque a Erich von Falkenhayn. O xeneral pensaba que un bombardeo masivo de artillaría seguido dun rápido avance de infantaría podería ocasionar elevadísimas baixas galas, con poucas baixas dos seus homes.

O obxectivo alemán non foi conseguido, xa que, a pesar de que as baixas francesas foron moi elevadas, non foron moi inferiores as xermanas.

As baixas francesas estimáronse en 371 000 homes, dos cales 60 000 morreron, 101 000 desapareceron e 210 000 resultaron feridos. Os alemáns sufriron 337 000 baixas en total. Calcúlase que aproximadamente o 70% faleceron a causa da artillaría.