Monte Pindo
- Véxase tamén: Carnota - Monte Pindo.
Coordenadas: 42°53′19″N 09°06′47″O / 42.88861, -9.11306
O monte Pindo é un macizo granítico de 627 metros de altura que se atopa no concello coruñés de Carnota.[1]
Monte Pindo | |
---|---|
![]() A Moa cos seus 627 metros de altitude é o cumio do monte Pindo. | |
Latitude | 42º53'19'' N |
Lonxitude | 09º06'47'' W |
Localización administrativa | |
Localización | Carnota, ![]() |
Características xerais | |
Altitude | 627 m |
O monte Pindo xunto con outros ecosistemas como as praias de Carnota, forma parte da zona especial de conservación (ZEC) de Carnota - Monte Pindo dentro da Rede Natura 2000[2][3][4]. Ese ZEC de Carnota - Monte Pindo ten unha superficie de 4 629 ha e abrangue os concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría, entre as rías de Corcubión e a de Muros e Noia.
HistoriaEditar
A xeomorfoloxía do monte Pindo caracterizada polos relevos en bolos de granito inspirou as historias e lendas locais de deidades, esculturas, ou monstros e xigantes míticos. Algunhas versan sobre do río Xallas, xa que a súa fervenza do Ézaro tira as súas augas directamente sobre a auga salgada do mar.[5] Neste monte atopáronse restos arqueolóxicos, coma petróglifos,[6][7] útiles de bronce e restos dunha suposta antiga ermida.
No século X Sisnando (bispo de Iria Flavia) ordenou a construción do Castelo de San Xurxo nas beiras do monte coma protección ante os ataques dos piratas medievais. Diversas familias nobres de Galiza habitárono ata que o castelo foi destruído no ano 1467 nas Revoltas Irmandiñas. Nesta contorna existiron outros dous castelos, Canedo e Penafiel, pero deles só queda pegada na documentación medieval e non se conservan restos materiais determinantes máis que unha inscrición en latín nunha pedra illada:
Reis, bispos, presbíteros, todos por poderes recibidos de Deus, excomungaron aquí este castelo
Esta inscrición fai referencia á excomuñón que no ano 1130 lanzou o arcebispo Xelmírez contra o Conde de Traba, por ter prisioneiro no seu castelo ao Arcediago de Trastámara Arias Muñiz.
Iniciativa de parque naturalEditar
Colectivos arredor do movemento ecoloxista ADEGA e a Sociedade Galega de Historia Natural iniciaron no 2010 un movemento social para conseguir a declaración do monte Pindo como parque natural.[8] A iniciativa xorde froito de vagas de incendios e turismo na zona e alégase que a declaración garantiría a protección da fauna e flora, e dos puntos xeolóxicos de interese do monte.[9] Ese ano, e partir deste movemento, constituíuse a asociación Monte Pindo Parque Natural co fin de que o monte fose declarado como tal.[10]
Incendio en 2013Editar
O día 11 de setembro de 2013 declarouse un serio incendio forestal no monte Pindo, cunhas condicións meteorolóxicas desfavorábeis de seca e vento. A madrugada do día 12 de setembro decretouse o nivel 1 de alerta, cando o lume xa calcinara unhas 1 000 hectáreas e chegara até o mar e ao Ézaro. Segundo a consellaría do Medio Rural o día 13 de setembro acadou as 2 000 hectáreas. O incendio tiña un único foco, na Cima da Arca, mais de grandes dimensións.[11] O 13 de setembro, a asociación monte Pindo cualificou o lume de «atentado» e convocou unha protesta o 6 de outubro de 2013 en Compostela co obxectivo de declarar o monte parque natural.[12]
XeoloxíaEditar
O Monte Pindo componse de rochas plutónicas hercinianas, granitoides. En parte do norte do monte atópanse granitos de dúas micas e no sur, cara o oeste, grantoides bióticos. O sistema do monte formouse no paleozoico, entre o Devoniano, o Carbonífero e o Permiano.[13]
O seu cume chámase A Moa e acada os 627 metros de altura. Ao pé do monte esta o litoral, con praias formadas no holoceno, como a Carnota, e fervenzas de alta caída sobre do mar: a do Ézaro.[13]
Flora e faunaEditar
A flora e fauna do monte Pindo está catalogada dentro da ZEC "Carnota - Monte Pindo".[2][3]
O seu conxunto natural inclúe ao carballo anano (Quercus lusitanica), especie distribuída polo sur da Península Ibérica e o norte de Marrocos que ten no Pindo o seu único asentamento en territorio galego. A especie atópase catalogada como vulnerable no catálogo galego de especies ameazadas en Galicia, xa que se distribúe por un pequeno asentamento dun só quilómetro cadrado de superficie.[14] Esta especie, declarada en alto risco de extinción, coexiste con outros carballos coma os Quercus robur e Quercus pyrenaica, piñeiros coma o Pinus pinaster, Pinus radiata e Pinus sylvestris, e mais con loureiros (Laurus nobilis), acivros (Ilex aquifolium). Tamén ten algunhas especies case desaparecidas, coma o lirio de monte.[15][16][17] Hai exemplares de cabriña e fento de escasa ocorrencia.
AccesosEditar
Acceso desde O PindoEditar
A ruta máis salientábel é a subida tradicional que comeza na parte posterior da Igrexa de San Clemente na aldea do Pindo, situada no concello de Carnota, a medio camiño entre Muros e Cee. Desde alí, a través de sendeiros sinalizados, pódese acadar o cumio en aproximadamente dúas horas e media. Xa no principio hai un panel explicativo do ascenso. A subida comézase cruzando unha pequena ponte sobre un regato e continúase por un estreito camiño delimitado polos dous lados por ringleiras de pedras. Cara á metade da subida, aparecen as ruínas do antigo castelo de San Xurxo, na actualidade un monte de pedras amoreadas. A vexetación é máis escasa neste punto.
Ao chegar aos primeiros cumios o sendeiro toma dirección nordeste e logo norte, para acceder á plataforma pétrea pola parte leste. Ao chegar ao cumio tense unha panorámica da zona, co Cabo Fisterra, a ría de Corcubión, a desembocadura do río Xallas e grande parte do litoral galego aos pés, xunto cun conxunto de petróglifos.
Acceso desde QuilmasEditar
A ruta por este acceso comeza desde unha pista que sae da estrada xeral C-550, na zona máis ao sur do núcleo de Quilmas, e que vai dereita ao Chan das Lamas. Desde aí, débese bordear a chaira polo lado esquerdo. Ao chegar á propia aba do monte Pindo, pódese seguir pola pista situada ao lado esquerdo para chegar case ata o castelo de San Xurxo, ou ben tomar a ruta sinalizada para comezar o ascenso ao monte Pindo do xeito habitual.
Acceso desde O FieiroEditar
Contén menos barreiras físicas que os restantes accesos. A aldea do Fieiro atópase atravesando desde Dumbría o encoro do Ézaro e continuando pola pista asfaltada. Xa no lugar, tómase un desvío por unha pista de terra a man dereita da vía asfaltada, a partir da cal comeza a ascensión sinalizada con marcas de pintura e croios amontoados polos sendeiristas. Este acceso revélase como o máis axeitado para visitar directamente o monte Penafiel (formación granítica cun rechamante aspecto piramidal) ou a Cova da Xoana.
Outras alternativasEditar
- Acceso desde Caldebarcos.
- Acceso desde Arcos, Mazaricos.
Referencias literariasEditar
- O Padre Sarmiento fixo unha ampla referencia a este monte, dicindo que o seu nome fora posto pola súa semellanza co monte Pindo de Grecia. Recolle varias historias e lendas sobre el, como que a herba no monte Pindo crece moito da noite á mañá; que existen nel infindas herbas medicinais, ou que aquí acudían as parellas estériles, coa intención de conseguir ter descendencia.
- Otero Pedrayo denominouno "grande testa xupiteriana".
- Uxío Carré Aldao afirmou a existencia de tres fortalezas aquí: a de San Xurxo, a de Canedo e a de Penafiel.
- Xosé Barreiro Barral, afirmou que na súa primeira visita a este lugar polo ano 1932, atopou os restos dun antigo poboado e que era aquí onde se situaba unha das tres aras sextianas.
- César Antonio Molina dedicoulle ao monte Pindo un poema:
- O PINDO
- O pasado sen teito está nese lugar.
- O temor non desterrado ó descoñecido.
- Procuramo-la bóveda nun frío mencer
- ou nun entardecer sanguiñolento,
- ata ser soamente sombras.
- [...]
Galería de imaxesEditar
|
NotasEditar
- ↑ "A cota máis elevada é o pico da Moa (627 metros)", Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada, DVD.
- ↑ 2,0 2,1 "LIC de Galicia, Rede Natura 2000, Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente". Consultado o 5 de xullo de 2017.
- ↑ 3,0 3,1 "Carnota - Monte Pindo, Código do ZEC ES1110008. Conselleraría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Xunta de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2017. Consultado o 2017-07-06.
- ↑ Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación dp Territorio. Xunta de Galicia (eds.). "Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN)".
- ↑ Goberna, Costas; Alii, J. et (2008). "Myths, legends and beliefs on granite caves". ISSN 0213-4497. Consultado o 17/09/2017.
- ↑ "Descubren un nuevo petroglifo en el monte Pindo". Consultado o 17/9/2017.
- ↑ "Un petroglifo emerge de las cenizas del Monte Pindo - GCiencia". Consultado o 17/9/2017.
- ↑ "Profesores, investigadores e ecoloxistas solicitan a criazón do Parque Natural do Monte Pindo". Consultado o 17/09/2017.
- ↑ "Adiante coa República Ecolóxica do Monte Pindo!". Consultado o 2017-09-17.
- ↑ "Montepindo.gal".
- ↑ La Voz de Galicia, eds. (13/9/2013). "Un incendio arrasa el monte Pindo y provoca un caos en los servicios básicos".
- ↑ La Voz de Galicia, eds. (13/9/2013). "Catástrofe en O Pindo con al menos 1.900 hectáreas quemadas".
- ↑ 13,0 13,1 Instituto Geológico y Minero de España (eds.). "Cartografía geocientífica".
- ↑ galiciahoxe.com (eds.). "O carballo anano do Pindo entra no catálogo de especies ameazadas".
- ↑ "Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España" (PDF).(en castelán).
- ↑ Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (eds.). "IRIDACEAE Iris boissieri Henriq. Libro Rojo de Flora Vascular - Inventario Español de Especies Terrestres". Consultado o 17/09/2017.
- ↑ Montepindo.gal, eds. (25/6/2014). "A frustrada iniciativa de repoboación do Monte Pindo medra con formidábel vigor, e reaparece o lirio de monte".
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Monte Pindo |
BibliografíaEditar
- José Barreiro Barral (1986). Deputación da Coruña, ed. Los Montes Del Pindo, Olimpo Celta y Desierto de Piedra. ISBN 978-84-86040-20-8.
- AAVV (en liña). "Pindo, monte do". En Ir Indo Edicións. Enciclopedia Galega Universal Ir Indo. Vigo.
- Arturo Romaní García et al. (en CD). Silverio Cañada, ed. Gran Enciclopedia Galega, artigo "PINDO, Montes do".