Noite de san Xoán
Na noite de san Xoán ou do Lume Novo, a noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Europa (principalmente a Europa atlántica), especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de san Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan este acontecemento solar (véxase: Litha).
Noite de san Xoán | |
---|---|
Datos da festa | |
Nome oficial | Noite de san Xoán, Midsummer night |
Conmemoración | Xoán o Bautista (relixión), solsticio de verán (paganismo) |
Comezo | Luscofusco do 23 de xuño |
Fin | Abrente do 24 de xuño |
Data | 23-24 de xuño |
Motivo | Noite de san Xoán |
Significado | Solsticio de verán |
Costumes | Fogueiras, rito ao lume, á auga, ás herbas. |
Relacionada con | Litha |
A data do 24 de xuño corresponde, segundo a tradición cristiá, á data do nacemento de Xoán o Bautista[1].
Galicia conta cunha forte tradición en todo o país onde se mesturan antigos ritos ao lume, á auga e á natureza con xantares populares, salientando as celebración e as cacharelas da cidade da Coruña. En Europa salientan as celebracións nos países nórdicos, nas illas británicas, na Península Ibérica e Francia, con rituais semellantes aos galegos: fogueiras, xantares populares, rituais con herbas e auga. En España salientan as celebración en Cataluña e o País Valenciano; préndense importantes fogueiras en Alacant, declaradas de Interese Turístico Internacional. Aquí, nesta cidade, considéranse auténticas obras de arte. Son creadas durante meses por construtores e artistas que empregan materiais tan variados como cartón, madeira, papel, pintura etc. para que poidan arder facilmente.
Noite de san Xoán en Galicia
editarA noite de san Xoán é unha das festas antropoloxicamente máis importantes en Galicia, a noite do Lume Novo. Así por exemplo, celébrase na Coruña coas tradicionais fogueiras na praia do Orzán e na de Riazor, sendo esta a festa do san Xoán máis multitudinaria de Galicia e unha das máis multitudinarias de toda España[Cómpre referencia]. A noite de san Xoán na Coruña foi declarada festa de interese turístico internacional de España. Porén en todo o territorio é de tradición acender cacharelas e facer xantares populares onde as sardiñas, os cachelos con pela e a broa de millo son as protagonistas.
Moitos ritos de carácter máxico ou supersticioso asócianse a esta tradición: saltar as fogueiras, pór un ramo de herbas de san Xoán nas portas da casa coa finalidade de protexerse das meigas, lavarse ao amencer en mananciais ou con auga de rosas etc.
Fogueiras de san Xoán
editarO ritual co que máis se identifica a noite de san Xoán son as fogueiras que se prenden na tarde-noite do día 23, tamén chamadas cacharelas, cachadas, cachelas ou lumeiradas [2]. Durante os días previos, os mozos e veciños van amoreando diverso material nalgún lugar aberto e de paso público (prazas, encrucilladas ou, actualmente, praias) ata que, no comezo da noite, préndese lume entre a expectación de tódolos veciños. Nas horas seguintes, comen sardiñas á brasa e beben viño, cantando e bailando ó redor da fogueira e, cando esta está practicamente consumida, terminan saltando sobre as últimas lapas mentres se exclama:
- Salto por riba
- do lume de san Xoán,
- para que non me morda
- cadela nin can
- nin bicho vivinte
- que ande polo chan.
Outras fórmulas empregadas nestes casos son:
- Salto por riba/ do lume de san Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can.
- Sálvote lume de san Xoán/ para que non me trabe/ cadela nin can/ nin cantos males han.
Ás veces recoméndase, para obte-lo máximo efecto, espirse para saltar sobre a fogueira. O número de saltos que se deben dar é variable segundo os costumes locais: adoita facerse como mínimo tres veces pero, en calquera caso, sempre un número impar de saltos. Resulta habitual nestes rituais máxicos recorrer ós números 3, que representa a Trindade; 7, que representa a totalidade; ou 9, número da perfección (tres veces tres).
En Olveira (A Coruña)[3] adoitábase colocar unha cabeza dalgún animal espetada nun pau de loureiro e amorea-la leña ó seu redor. A cacharela non se debía apagar ata que esta cabeza acabe convertida en borralla.
Hai zonas onde existe o costume de celebrar certos ritos de paso sobre as lapas ou sobre o fume para curar certas enfermidades. Poden facerse entre dúas mulleres chamadas María ou entre unha muller con este nome e un home chamado Xoán, que se pasan mutuamente o meniño enfermo mentres din:
- Enfermo cho entrego
- devólvemo san.
Ó rematar, sempre cun número impar de pases, envolven ó rapaz nunha saba de liño nova, que nunca fose lavada.
Tamén existía o costume de afuma-lo gando na noite de san Xoán, para protexelo do meigallo. Para conseguilo fan anda-lo gando ó redor ou entre as fogueiras para que lles dea ben o fume. Noutras ocasións o que se fai é queimar na corte un corno de carneiro, loureiro bendito e xofre.[4] As lumeiradas de san Xoán tamén servían como rito de protección para as colleitas de centeo ou millo. Así, recitaban: Ve-lo lume, ve-lo pan,/ cada espiga seu toledán[5], ou Ve-lo lume, ve-lo pan,/ Dios che dea bo gran/ polo mes de san Xoán/ espigas como rebolas/ e grauciños como olas (FRAGUAS:106).
De feito hai lugares, como Castrofeito (O Pino) ou Pedrouzo (Silleda), onde non se denominan fogueiras senón fumazos. Alí queiman sobre de todo leña verde que levanta un intenso fume co que se pretende espanta-las meigas e os seus meigallos.
A auga
editarTamén é común a crenza de que a auga, que lava tanto a sucidade como as enfermidades ou, en xeral, o Mal, alcanza nesta noite propiedades máxicas superiores ás que poida ter no resto do ano. Por iso, acódese a ríos e fontes a practicar certos rituais, preferentemente ás máis próximas a mosteiros e santuarios, que transfiren a súa sacralidade á auga. Así, na fonte da Moza, na Veiga (Ourense), aparécese esta noite unha moura a peitea-los seus cabelos; esta mesma lenda está presente en moitos outros lugares de Galicia, como por exemplo no outeiro de Vimieiros (en Celanova, Ourense)[6] ou no lugar de Doniz (en Espiñoso, Cartelle). Na fonte de Bexán, en Cambados, báñanse os enfermos de mal de ollo para rompe-lo feitizo. Na Gudiña, as meigas reparten a auga que lle toca a cada veciño.
Chámase flor da auga á tona, a capa máis superficial, na que se reflicte o sol ó mencer e que por tal motivo posúe un misterioso efluvio que gardan as ninfas ou xanas da auga[7]. No caso dunha fonte, este poder teno a primeira auga que deita no mencer. Nesta noite de san Xoán, a flor da auga transmite as súas propiedades de saúde e beleza ás mozas que laven a cara nas fontes nas que habiten estes seres. Esta mesma operación tamén serve para esconxura-las meigas:
- Día de san Xoán, alegre
- meniña, vaite lavar,
- pillarás auga do paxaro
- antes de que o sol raiar
- Irás arrente do día
- a i-auga fresca a catar
- da auga do paxariño
- que saúde che ha de dar
- Corre meniña, vaite lavar
- alá na fonte te has de lavar
- i a fresca i-auga desta manecida
- cor de cereixa che ten que dar.
- Se arraiar, se arraiará
- tódalas meigas levará;
- xa arraiou, xa arraiou,
- tódalas meigas levou.
Tamén se cre que se cura o bocio bebendo durante esta noite auga en nove fontes distintas; en Xavestre (Trazo), bebe-la auga que sae de sete ou nove muíños libra dos feitizos.[8] En Entrimo, purifícanse uns ós outros salpicándose mutuamente. Noutros lugares, hai que coller unha póla de bieiteiro para ir con ela a unha fonte máxica ó mencer do día de san Xoán: o primeiro que chegue pode coller con esa póla a flor da auga e usar das súas virtudes. Nas Vendas da Barreira (Riós) crese que a moza que recolla a flor da auga casará dentro do ano.
O orballo que se deposita sobre a herba ou a sementeira durante a noite de san Xoán posúe tamén propiedades curadoras e milagreiras; en Riós explícano en que nesta noite as meigas se deitan sobre a herba, transferíndolle os seus poderes. Para cura-la sarna o enfermo ten que durmir, nu, entre o centeo, ou correr entre el ou botarse a rolos sobre a herba húmida, tamén en coiro. Outra fórmula curativa consiste en espirse e coloca-la roupa na póla dun carballo, contra o que se refrega ás 12 da noite; logo debe bañarse nun río próximo e vestirse con roupa nova, deixando a vella na árbore. Estas operacións practícanse, por exemplo, en Melide ou en Monterrei.[9][10] Colocando ó sereno durante esta noite a roupa de inverno queda protexida contra a couza (en Verín).
O gando sácase das cortes e lévase a andar sobre a herba —ou ben déixase ó relente toda a noite— para que reciba o orballo de san Xoán, que o protexerá das enfermidades durante o ano.
Vicente Risco recolle a crenza na zona da comarca da Limia de que durante a noite de san Xoán poden escoitarse as campás da cidade de Antioquía, asolagada baixo as augas da lagoa de Antela.
Herbas de san Xoán
editar- Artigo principal: Herbas de san Xoán.
Diferentes herbas, aromáticas ou non, e flores recollidas a véspera de san Xoán, posúen tamén propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite. Resulta difícil establece-la lista das herbas que se han considerar como herbas de san Xoán, xa que se comproba unha gran variabilidade ó longo de Galicia. Si que se adoita da-la cifra de sete herbas diferentes [11].
Xesús Taboada Chivite recolle unha longa relación, entre as que están a dedaleira, o fiúncho, o codeso, o fento macho, o trobisco (Daphne gnidium), a espadana, a abeluria ou herba de san Xoán, a malva, a artemisa (Artemisa vulgaris), o romeu, a macela ou matricaria, a herba punteira (Sempervivum tectorum), a herba luísa, a roseira, ou follas de nogueira, de bieiteiro, de ameneiro ou de carballo.
Hai que deixar estas plantas e flores nunha talla con auga á intemperie durante a noite, e lavarse con elas na mañá seguinte; en certas zonas este lavado ha facerse mirando ó Oriente, para recibir as primeiras raiolas do sol. Deste xeito búscase curar e previr enfermidades cutáneas e rexuvenece-la pel.
Tamén existe a crenza de que protexen a casa contra as meigas (que nesta noite andan especialmente libres polas rúas), colocando ramallos de flores nas portas e ventás. Esta propiedade protectora consérvana durante o resto do ano: hai que seca-las herbas de san Xoán e dependuralas logo nalgún lugar da casa para evita-la entrada das meigas.
Eladio Rodríguez González recolle a presenza destas herbas e flores nos mercados: "plantas odoríferas, que se recogen en el campo, generalmente la antevíspera de la noche de san Juan, o sea el día 22, para venderlas al siguiente día en los mercados de las ciudades y villas de Galicia". O costume parece manterse na actualidade, e en 1992 a prensa entrevistaba unha vendedora de verduras do mercado de Vilagarcía de Arousa que nestas datas tamén incluía as herbas.[12]
Sortilexios
editarA noite de san Xoán é especialmente propicia para levar a cabo certos sortilexios cos que adiviña-lo que vai acontecer no futuro. Por exemplo, se unha muller bota a clara dun ovo nun vaso de auga ás doce da noite, e deixa este durante toda a noite, ó mencer pode adiviñar con quen vai casar segundo a forma que adopte a clara callada: se semella un martelo, será un carpinteiro; se un barco, un mariñeiro, se unha engra, un ferreiro. Tamén se utiliza este método para adiviña-lo futuro dunha persoa: se o que semella é un cadaleito, agoira unha morte próxima;[13] se un corazón, un próximo amante; se un meniño, que vai ter fillos.
Cando a moza teña varios pretendentes, pode, igualmente, saber con cal deles vai casar: para sabelo ha de botar no vaso varios papeliños enrolados cos nomes dos distintos mozos. O que ó mencer apareza desenrolado será o futuro marido. Outra forma para recoñece-lo futuro marido consiste en deixar na ventá unha pela de pataca: á mañá estará engurrada debuxando a letra pola que comeza o seu nome.
Tamén as herbas de san Xoán posúen propiedades premonitorias: deixadas sobre unha mesa durante toda a noite, se á mañá seguinte están verdes e frescas agoiran prosperidade na casa; se murchan, anuncian infortunios.
O sol no día de san Xoán
editarTrátase do solsticio de verán, momento do ano no que se atribúe ó sol a máxima claridade. Resulta común a crenza de que o sol baila ó mencer, disque de ledicia pola festa do santo. Así, adóitase subir a un monte para velo bailar, por exemplo, ó alto do castro de Castrolandín, nalgures a través dos buratos dun cribo.
- Madrugada de san Xoán,
- madrugada máis garrida,
- que baila o sol cando nace
- e ri cando morre o día
- San Xoán pediulle a Cristo
- pra que non o adormentase,
- quere ver baila-lo sol
- o día da súa romaxe.
Xa o padre Feijoo recolleu esta tradición de ir ver bailar o sol e o feito de que noutros lugares —que non especifica— isto se fai na Pascua cristiá. Tamén en Italia existe o mesmo costume: en Abruzos crese que no sol nacente se pode ver a cabeza de san Xoán; e en Sardeña, que no mencer o sol baila tres veces, tantas como botou no chan a cabeza do santo ó ser decapitado.[14]
Inversión da orde cotiá
editarSe nesta data o sol alcanza a maior forza e a maior sacralidade, na noite anterior o Mal ten tamén a maior forza e busca face-lo maior dano á xente, ó gando ou ás colleitas. Nesta noite, as bruxas reúnense nos maiores aquelarres, como no areal de Coiro (en Cangas) ou en Sevilla, pero tamén se xuntan noutros lugares, como nas encrucilladas, e percorren as aldeas. Non só as meigas están máis activas esta noite senón tamén outros seres mitolóxicos: se se coloca un pano branco sobre un fento, á mañá poderémolo atopar cheo de trasgos.
Para protexe-las casas da acción das bruxas colócanse ramos de flores, cardos ou espadanas nas portas e ventás. As primeiras, polo seu recendo, combaten o Mal; os segundos fano coas súas espiñas e as terceiras coas súas follas, imitantes dunha espada.
Tamén, por esta razón, os mozos dedícanse a facer bromas e ridiculiza-los veciños, collendo carros, arados, cancelas, dornas etc. e deixándoos nun lugar pouco accesible (como no medio do río ou sobre unhas escaleiras[15]) ou ben visible (como no adro da igrexa, na praza principal ou fronte ó concello); mesmo nalgún caso se botaron tamén na fogueira. Nos últimos anos obsérvase a proliferación de simples actos de vandalismo contra propiedades particulares, contedores de lixo ou mobiliario urbano. Estes ataques á propiedade pretenden atacar, simbolicamente, a orde social, e moitas veces as vítimas son aqueles veciños que polo seu carácter antisocial, son, así, castigados publicamente.[16]
Galería de imaxes
editar-
Jules Breton, La Fête de la Saint-Jean (A Festa de San Xoán), 1875, museo de belas artes de Filadelfia.
-
Festividade en Ucraína, 1892.
-
Cacharela na Bretaña (deseño no xornal Le Petit Journal, 1893).
-
Midsummer Night, Gudmund Stenersen (1906).
-
Pandeiretada en Sada, Galicia, 2013.
Notas
editar- ↑ Segundo o Evanxeo de san Lucas, a concepción de Xesús aconteceu 6 meses despois da de san Xoán: Mais o anxo díxolle: Zacarías, non temas; porque a túa pregaria foi ouvida, e a túa dona Elisabet parirache un fillo, e chamaralo de nome Xoán (13); Ao sexto mes o anxo Gabriel foi enviado por Deus a unha cidade de Galilea, chamada de Nazaret (26) [1]. A tradición apócrifa conta que Zacarías, pai de san Xoán, celebrou o seu nacemento prendendo varias lumeiradas.
- ↑ Outros nomes menos comúns son os de brasedo, cacholas, fachareadas, garadas, laparadas, laradas, lume novo, lumaradas, lumeradas, lumeiros, lumieiras ou queimas.
- ↑ Quintáns non especifica se se trata de Olveira de Dumbría ou de Olveira de Ribeira.
- ↑ Rodríguez López. 1974. p. 202
- ↑ Toledán é o nome dunha medida de capacidade equivalente a medio ferrado. En Cesures este rito de afuma-las leiras celebrábase na noite do 29 de abril.
- ↑ José Manuel Jesús Hidalgo: "El tema de la serpiente en la arqueología de Galicia", Vigo etnográfico, 14 de febreiro de 2009 (en castelán).
- ↑ Lémbrese que a auga da pía bautismal debía ser bendecida ó mencer para ser sagrada.
- ↑ Os muíños posúen propiedades curativas porque neles se moe a fariña coa que se fai o pan, símbolo da eucaristía.
- ↑ Lis Quibén, ?, p. 307.
- ↑ Taboada. 1980. p. 21
- ↑ Nótese: sete herbas, sete saltos sobre o lume, beber de sete fontes, recibir sete ondas do mar.
- ↑ La Voz de Galicia, 24 de xuño de 1992.
- ↑ Antón Fraguas conta que unha rapaza veu formada unha caixa e morreu coa preocupación (La Voz de Galicia, 23 de xuño de 1991).
- ↑ Mª Rosario Soto Arias: "Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, p. 359.
- ↑ No ano 1997, en Lores (Meaño) apareceron dúas motos subidas a unha árbore (Faro de Vigo, 25 de xuño de 1997).
- ↑ Mariño Ferro. 2000. p. 487.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- DOMÉNECH, Francisco: "Arde Galicia, pero non queima", en La Voz de Galicia 23.06.2000.
- FAGINAS, Sandra: "O feitizo das lumaradas", en La Voz de Galicia, 18.06.2008.
- FRAGUAS Y FRAGUAS, Antón: La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Cuadernos do Seminario de Sargadelos 51. Ediciós do Castro 1990.
- FRAGUAS Y FRAGUAS, Antón: "Algo do San Xoán", en Faro de Vigo, 23.06.1991.
- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio: "As fogueiras de San Xoán" en La Voz de Galicia, 22.06.1983.
- MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: Antropoloxía de Galicia. Xerais, Vigo 2000.
- QUINTÁNS SUÁREZ, Manuel: Anuario de tradicións galegas. Ed. Tambre, Oleiros 1994.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
- RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
- TABOADA CHIVITE, Xesús: "La noche de San Juan en Galicia", en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares VIII, 1952, 600-632. Reeditado en Ritos y creencias gallegas, Sálvora, A Coruña 1980.
Ligazóns externas
editar- As herbas e a noite de san Xoán Arquivado 28 de xuño de 2012 en Wayback Machine. CEIP San Francisco Xabier, A Coruña.