Edicións Celta

editorial galega

Edicións Celta é unha empresa editorial fundada en Lugo en 1938. Publicou libros en galego e castelán, tanto de narrativa como de poesía. Entre os autores que colaboraron no proxecto editorial cómpre salientar a Castelao, Xosé Neira Vilas, Manuel María e Xesús Alonso Montero.

Edicións Celta
Tipoeditorial
Data de fundación1938
SedeLugo
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]

Historia e características editar

Edicións Celta foi creada en Lugo inicialmente como imprenta en 1938 por Francisco Esteban González, quen tamén tivo unha librería co mesmo nome. Esta empresa comezou a editar ao ano seguinte, 1939, o seu primeiro título El correo de los enamorados, de Adela Díaz González.

Carácter editorial editar

Edicións Celta mantivo un papel de referente pola difusión da cultura galega durante o Franquismo. A súa primeira publicación en galego foi Contos en cuarto crecente e outras prosas de Manuel María en 1952.

Aínda sen ter unha liña editorial claramente definida, tivo un meritorio labor na visualización dalgúns autores galegos, algúns deles (como o caso de Manuel María) sen posibilidade real de publicar noutras editoriais.

Tipo de publicacións editar

Presentou un dos best-séller da época: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, de Xesús Rodríguez López (5 edicións), varios poemarios de Manuel María e publicacións técnicas, como os manuais de tráfico e os textos de diferentes leis e decretos do estado, que son os que axudarían a manter unha actividade editorial que chegou aos 144 títulos no período 1939-1975

Década dos 50 editar

A editorial continuou coas súas publicacións lexislativas, e foi engadindo títulos de interese como Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, de Carballo Calero en 1959. Editou tamén outro tipo de publicacións, do tipo dos almanaques e guías turísticas, como a da propia cidade de Lugo tamén en 1959

1960-61 editar

No curso dos anos 1960-61 chegou a Lugo como catedrático de Literatura do Instituto Masculino Xesús Alonso Montero, e a Libraría e Editora Celta converteuse nun dos seus centros de acción. En Edicións Celta non había director, nin consello asesor (eran o propietario, Francisco Esteban e o seu fillo Paulino, os que se ocupaban de todo), mais foi evidente que Alonso Montero exerceu de asesor, ou case de director, nos anos que pasou na cidade (1960-1976).

Títulos importantes editar

En 1962, Alonso Montero encargouse da publicación, cun limiar seu, da segunda edición de Retrincos de Castelao, con gravados de Maside. Ao ano seguinte (1963), Alonso Montero publicou na editora o seu primeiro libro lucense, La palabra en la realidad, e foi o editor literario e responsábel da aparición doutras moitas obras: Textos literarios sobre Lugo y su provincia (1963), O clero i-o uso do idioma galego, de Xosé Alvilares Moure (1965), e a Conferencia de Castelao na Habana, Galicia y Valle-Inclán (1971). En 1969 publicou unha das súas obras máis vendidas, Os cen mellores poemas da lingua galega, unha antoloxía que tivo moi boa acollida de público e chegou ás catro edicións en 1975. Por iniciativa de Alonso Montero xurdiu a publicación das Prosas recuperadas de Castelao en 1974.

Os autores editar

Podemos salientar algunhas das obras dos autores mencionados como colaboradores do proxecto editorial:

  • La palabra en la realidad, Xesús Alonso Montero, 1963.
  • Terra Cha, Manuel María, 1954, 3ª ed. 1972.
  • Espantallo amigo, Xosé Neira Vilas, 1971.
  • Retrincos, Alfonso Daniel R. Castelao, 1962, 4ª ed. 1971.

Manuel María publicou tamén en Celta:

  • Documentos persoaes, 1958 (2ª ed. en 1970).
  • Libro de pregos, 1962, ano en que tamén sairá na editorial lucense unha 2ª edición corrixida e aumentada de Contos en cuarto crecente.
  • Os soños na gaiola, que foi inicialmente publicado en 1968 por Cartonaxes Anmi, é reeditado por Celta en 1972, xa como edición comercial.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar