Antioquía (lenda)
En Galicia dáselle o nome de Antioquía a unha cidade lendaria que o rei Antíoco fundou onda Xinzo de Limia. Esta cidade foi castigada por Deus polos seus pecados e quedou asolagada baixo a lagoa de Antela e só pode verse nas mañás do día de San Xoán, cando asoma sobre as augas a punta da torre.
Lenda
editarAntioquía era a maior cidade daquela en toda Galicia, e a máis rica, riqueza que alimentaba a soberbia coa que asoballaban as xentes das terras veciñas. Por iso, Deus decidiu castigalos e acabar coa cidade e tódolos veciños, pero Xesús pediu salva-los xustos que puidese haber. E veu a Antioquía en corpo de esmoleiro pedindo caridade porta por porta pero ninguén lle socorreu salvo unha pobre familia que vivía nunha casoupa apartada. Ante a egoísta resposta dos veciños, Deus levou adiante o castigo previsto, agás para esta familia á que Xesús avisou para que saísen cara a un alto sen volve-la vista atrás pasase o que pasase. Así o fixeron e conseguiron salva-la vida, menos un deles que mirou atrás e, por facelo, volveuse pedra. Urbano Santana localiza a lenda en Cardeita, un lugar da parroquia de Sandiás, no concello do mesmo nome e engade que os veciños do lugar, o máis próximo á lagoa, escavaron polo lugar e atoparon "unha trabe, un pote vello, un pozo con escaleiras e non sei si outras cousas" procedentes da cidade de Antioquía; e que cando a xente ía co gando á Veiga, berráballe desde a pedra na que se transformou o home aquel, ata que foi trasladada ó mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras (Trandeiras, A Pena, Xinzo de Limia).
Outra variante conta que, tras pedir caridade en tódalas casas, Xesús xa se retiraba do lugar cando veu nun alto unha velliña nunha pobre choza. Pediulle esmola e a vella mandouno pasar, sentouno xunto ó lume e deulle leite e bica, para mandalo durmir logo na súa cama mentres ela quedou durmindo no chan. Á mañá seguinte, a vella acordou soa na casa e cando saíu veu que o lugar onde estaba Antioquía era agora unha enorme lagoa.
Rivas Quintas di que realmente hai dúas cidades, Antioquía e Antioca, que uns localizan na Poza do Bión e outros no Pozo da Vaca, na Antela. E que á mañá cedo do día de San Xoán asoma o galo que tiña a torre no curuto, ou que no inverno aínda é posible escoitar como as badaladas de campás mergulladas na auga.
Noutros casos, na noite de Nadal escóitanse canta-los galos.
As vilas asolagadas
editarA lenda de Antioquía corre con diversas variantes na literatura oral galega, e coincide basicamente con lendas similares protagonizadas por Xesús ou a Virxe; tamén como castigo ós mouros. Poden estar referidas a outras cidades lendarias que correron a mesma sorte noutros puntos de Galicia, como poden ser Valverde ou Lucerna, baixo distintas lagoas, tan dispares como a de Carregal ou a de Abadín; ou Beira, baixo a lagoa de Cospeito, e tamén se conta da lagoa de Carucedo (no Bierzo), en Palencia ou en Andalucía.
Apenas se encuentra lago o laguna importante en Galicia en que la tradición – y ésta desde hace tres siglos, cuando menos – no se refiera a una ciudad sepultada en las profundidades de sus aguas, y de las cuales, de antiguo también, no se asegure que se ven vigas y demás restosMurguía
Fraguas di que "Son moitas as cidades asolagadas en que se verificou o misterioso afundimento e seguen dando mostras da súa vida no toque das campás, o canto dos galos e a visión de dexerga-las torres do campanario da igrexa", e recolle de Luís Monteagudo [1] a relación de 23 lugares asolagados en Galicia.
Notas
editar- ↑ Galicia legendaria y arqueológica. Problemas de las ciudades asolagadas, Centro de Estudios de Etnología Peninsular, CSIC, Madrid 1957.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- FRAGUAS, Antón: "A mitoloxía da auga", en VVAA: As augas de Galicia, Consello da Cultura Galega, 1996.
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada s. v. Antioquía.
- RISCO, V.: "Etnografía: cultura espritual", en OTERO PEDRAYO, R. (dir.): Historia de Galiza, vol. I. Nós, Bos Aires 1962 (reed. Akal, Madrid 1979).
- RIVAS QUINTAS, Elixio: A Limia: Val da Antela e Val do Medo. Deputación Provincial de Ourense 1985.
- SANTANA, Urbano: "Resume xeneral de folk-lore de Sandiás", en Nós 89-93, 1931.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Cultura popular de Sandiás
- Los humedales gallegos: mitología
- Antioquía e A lagoa de Antela, en Galiciaencantada.com.