Bergantiños Fútbol Club

(Redirixido desde «Bergantiños FC»)

O Bergantiños Fútbol Club é un equipo de fútbol masculino galego fundado en 1923 en Carballo (A Coruña). Compite na Segunda División RFEF e disputa os seus partidos como local no Estadio As Eiroas da capital bergantiñá, un recinto con capacidade para 3 500 espectadores.

Bergantiños
NomeBergantiños Fútbol Club
Alcume(s)Bergan
Fundación1923
EstadioAs Eiroas,
Carballo, Galicia
Capacidade3.500[1]
PresidenteGalicia Luciano Calvo
AdestradorGalicia José Luis Lemos
Liga2ª RFEF – Grupo 1
2020–213ª – Grupo 1 (A): 1.º de 12
3ª – Grupo 1 (C): 2.º de 6
Na rede
http://www.escolaslcalvo.com
Twitter: bergan_fc Editar o valor em Wikidata
Na casa
Fóra
Terceira

Os principais logros do club foron dous campionatos da Copa Galicia (1968-69 e 1984-85) e o título da Copa Deputación da Coruña en 2002, ademais dun subcampionato de terceira división. O Bergantiños xogou dúas tempadas na terceira categoría do fútbol español, a segunda división "B", e clasificouse en sete ocasións para disputar a Copa do Rei.

HistoriaEditar

Inicios do fútbol en CarballoEditar

 
Casino de Carballo (anteriormente café "La Terraza"), lugar habitual de reunión dos fundadores do Bergantiños FC.

Contra o ano 1920 existían en Carballo seis equipos das barriadas que disputaban os seus encontros no campo situado no terreo que actualmente ocupa a casa do concello carballés. Con "Amistad obrera", "Galicia", "Fortuna", "Huracán", "Español" e "Bergantiños" comezaba a nacer unha importante afección polo fútbol.[2]

Foi en 1923 cando un grupo de entusiastas carballeses, incondicionais das tertulias vespertinas do café "La Terraza" -actual casino- decidiron crear o primeiro club de fútbol federado da comarca de Bergantiños. Bautizóuselle co nome de "Bergantiños F.C." e foi o seu primeiro presidente Luciano Regueiro Pumpido, rexistrador da propiedade en Carballo e director do casino "Sociedad Cultural Recreativa Bergantiños".[2][3] O debut do novo equipo tivo lugar o 24 de xuño dese mesmo ano durante as festas do San Xoan, cando con motivo da inauguración do campo "Pedras Brancas", lle disputou un trofeo ao Corcubión, conseguindo a primeira vitoria da súa historia por un claro 6-0.[3]

Sucederon a Luciano Regueiro na presidencia do Bergantiños, Ricardo Quiroga e Manuel Mariño, entre outros. O fútbol, acadaba entre os veciños de Carballo e a súa comarca unha gran popularidade. Mais o comezo da guerra civil española deu ao traste co ascenso do fútbol carballés. Durante os tres anos de guerra quedou paralizada toda a actividade deportiva por prohibición das autoridades.[2]

Logo do 39, nova etapaEditar

Unha vez finalizada a guerra, Constantino Velo García, "Tino", coa axuda de Siro Piñón e Ruperto Navaza, devolven ao Bergantiños a súa actividade, incorporando ás súas filas xogadores dos equipos de barrio, coma o "Rayo" e o "Imperial". Na tempada 1947-48, lóitase por primeira vez polo ascenso a terceira división. No partido de ida vencía en Carballo ao Turista de Vigo por 7-1, mais no choque de volta perdíase por 7-0. Houbo daquela moitas suspicacias sobre a venda dalgún xogador. A segunda tempada que se xogou o ascenso foi na 1952-53 e novamente o verdugo foi o Turista. O resultado en Carballo foi 2-2, e en Vigo 7-2.[2]

O primeiro equipo filial do Bergantiños, o "Bergantiños Atlético", creouse na tempada 1964-65. Militou na Liga da Costa ata a súa desaparición en 1968.[2]

Copa GaliciaEditar

Na tempada 1968-69 o Bergantiños conquistou a súa primeira Copa Galicia logo de derrotar na final ao Club Turista por 4-0 en Carballo[4] e impedir a remontada viguesa no encontro de volta celebrado en Vigo, malia a perder por 6 goles a 3.[5] Os xogadores que conquistaron a primeira Copa Galicia do club carballés foron: Medal (porteiro), Diéguez, Julio Díaz, Tito Valdés, Paz, Casal, Facal, Moro, Fariña, Javier Fraile, Lolo Periscal, José Antonio Periscal e Paco de Luisa, baixo a dirección de Quique Liñares e o seu axudante Miguel Lendoiro.[2][6]

Máis recentemente, na tempada 1984-85, o equipo carballés acada novamente a "Copa Galicia" nesta ocasión, os carballeses enfrontáronse ao Meirás CF, ao que venceron en Carballo por 3-0 con goles de Pibe, Toni Pérez e Alfredo, e perdendo por 1-0, no campo "Ismael Prieto" de Meirás.[2][6]

Foi precisamente na tempada 1984-85 cando ao Bergantiños chegoulle de novo a oportunidade de loitar polo ascenso a 3ª división; 32 anos pasaran dende o segundo e último intento errado.[2]

Ascenso a Terceira DivisiónEditar

Na tempada 1984-85, tras unha loita tenaz e sen cuartel, chegouse ao final da competición cun triplo empate entre o Flavia, Sporting Sada e Bergantiños: 59 puntos e 21 positivos. Mais o mellor goal average do Flavia e do Sporting Sada converteunos respectivamente en acredores do título e do dereito a disputar a promoción. O Bergantiños quedou, de novo, ás portas.[2]

O ascenso a 3ª División chegou na tempada 1985-86. Houbo que agardar 63 anos dende a fundación do equipo.[2]

Breve paso pola 2ªB e primeira participación na Copa do ReiEditar

Na seguinte tempada, xa con Xulio Díaz no banco, o Bergantiños conseguiu un cuarto posto na Terceira División que lle deu a oportunidade de xogar a fase de ascenso a Segunda B.[2] O club carballés militaría terceira categoría do fútbol español dúas tempadas, a 1987-88 e 1988-89.[7]

O 5 de novembro de 1987, logo de ter superado a Pontevedra, Arousa e Basconia, recibiu ao Rayo Vallecano no partido de volta da cuarta rolda da que era a primeira participación do equipo carballés na Copa do Rei, logo de que o Bergantiños puxera en dificultades ao cadro madrileño no partido de ida, no que caeran por 3 goles a 2. Aínda que o Bergantiños conseguía o 3-1 que o clasificaba para a seguinte rolda no minuto 83, o Rayo empataba a eliminatoria no minuto 89. Finalmente o club de Vallecas impúxose tamén na capital bergantiñá con dous goles na prórroga nun Estadio Municipal ateigado con máis de 3 500 persoas procedentes de toda a Costa da Morte, nunha noite na que o campo carballés estreou unha iluminación que fallaría, motivando unha apagada de máis de media hora antes do partido.[8]

Regreso á 3ª DivisiónEditar

Na tempada 2013-14, tempada na que o club carballés celebraba o seu 90º aniversario, o Bergantiños regresaba á Terceira División logo dun ano en Preferente. O equipo dirixido por Javier Lavandeira conseguía o ascenso matemático a falta de dúas xornadas no Estadio Municipal Pepe Barrera de Ribadeo fronte ao equipo local grazas a un gol de Dani Becerra.[9] Na tempada do seu regreso á cuarta categoría, o equipo dirixido por Javier Oreiro finalizou na quinta posición con 59 puntos, tres menos que o cuarto clasificado, o Club Deportivo Choco.[10][11] Con todo, na súa segunda tempada na Terceira División o Bergantiños finalizou na 16ª posición e tivo que agardar a disputa do play-off de ascenso a Segunda B para saber se disputaría un ano máis a cuarta categoría do fútbol español, xa que o descenso do Compostela esa mesma tempada facía que descenderan cinco equipos a Preferente se ningún equipo galego conseguía o ascenso a Segunda B. Finalmente o Boiro conseguía o ascenso á categoría de bronce e os carballeses mantíñanse un ano máis en Terceira División, logo dunha tempada na que o club cesou polos malos resultados a Javier Oreiro en decembro.[12][13]

Na tempada 2019-20 quedou emparellado co Sevilla na primeira rolda da Copa do Rei. Despois de que a Federación considerase o campo das Eiroas non apto para o partido,[14] o club solicitou ao Deportivo da Coruña poder xogar a eliminatoria no Estadio de Riazor. Tras unha negativa inicial, finalmente o equipo herculino aceptou a petición[15] e o partido xogouse en dito estadio ante máis de 3.600 espectadores, con vitoria para o Sevilla por 0-1.[16]

Ascenso á 2ª RFEFEditar

Na tempada 2020-21 o equipo carballés disputou a súa sétima tempada consecutiva en Terceira División. Logo de proclamarse campión do subgrupo galego norte a falta de dúas xornadas para o final da primeira fase,[17] conseguiu o ascenso á que dende a tempada 2021-22 pasou ser o cuarto nivel do fútbol español, a Segunda División RFEF logo de derrotar nas Eiroas ao Arosa SC por 2-1, asegurándose matematicamente a súa participación na nova categoría.[18]

CentenarioEditar

Na tempada 2022-23 o club carballés celebrou o seu centenario cumprindo a súa segunda tempada consectiva na Segunda División RFEF. O equipo debutou o 4 de setembro de 2022 nas Eiroas fronte ao decano do fútbol cántabro, a Gimnástica de Torrelavega, que viña de ascender dende a Terceira División.[19] O debut do equipo saldouse con derrota (2-1).[20]

NomeEditar

O nome do club fai referencia á comarca de Bergantiños, na que se encontra Carballo, que é a súa capital.[21] Coa fundación do club en 1923, o seu primeiro presidente, Luciano Regueiro Pumpido, púxolle o nome tomando como referencia a "Sociedad Cultural Recreativa Bergantiños", que el mesmo presidía.[3]

Escudo do clubEditar

O escudo do club ten forma de escudo suízo, con tres puntas no xefe, de cor branca co nome BERGANTIÑOS en letras douradas na punta. Dentro no centro encóntrase outro escudo suízo de cor azul na metade inferior e vermella a superior, no centro deste encóntrase un carballo e baixo del, en dourado, as letras FC. Ambos escudos concéntricos, así como a separación de cores están delimitados cunha liña dourada.[22]

Anteriormente o escudo tivo outros deseños, entre eles un coa mesma forma e que constaba igualmente de ambos escudos concéntricos, mais os bordos de ambos escudos eran azuis, a árbore completamente verde, e non existía separación entre as cores vermella e azul. Sobre o campo azul situábanse as inicias do club BFC en branco.[23]

UniformeEditar

Para a tempada 2022-23, a equipación titular do Bergantiños presentou unha camiseta especial con motivo do seu centenario, na que na parte superior do frontal se poderá ler "cen, 1923-2023". As cores do uniforme titular son as características do club, con camisola vermella e pantalón e medias azuis. Pola súa banda, a segunda equipación é completamente azul, mentres que a terceira é branca.[24]

 
 
 
 
 
Titular


 
 
 
 
 
Segundo


 
 
 
 
 
Terceiro


EstadioEditar

Artigo principal: Complexo Deportivo das Eiroas.

O Bergantiños xoga os seus partidos como local no Estadio Municipal das Eiroas, inaugurado en 2001 e cunha superficie de céspede artificial de 105 x 65 metros. O estadio está situado no Polígono industrial de Bértoa e ten capacidade para 3 500 persoas. O complexo conta tamén cun campo anexo de dimensións máis reducidas con capacidade para 2 500 persoas.[25]

Anteriormente o club carballés empregou outros tres terreos de xogo. O primeiro deles foi o Pedras Brancas, onde disputou os seus encontros como local dende a súa fundación en 1923, aínda que tamén empregou oo campo Agra de Caldas, situado detrás do edificio da antiga casa do concello, hoxe desaparecido. En 1971 o equipo trasladouse ao Estado Municipal do Chorís, onde xogou ata o seu traslado a As Eiroas no ano 2000.[26]

TraxectoriaEditar

  • Tempadas en : 0
  • Tempadas en : 0
  • Tempadas en 2ªB: 2
  • Tempadas en : 22
  • Participacións na Copa do Rei: 7 (1987-88, 1988-89, 1990-91, 1991-92, 1992-93, 1994-95, 2019-20)
  • Mellor posto na liga: 1º Terceira División (1993-94)
  • Peor posto na liga: 19º Terceira División (1994-95)

Historial na ligaEditar

Tempada Categoría Posto
de 29-30 Rexional
ata 85-86 Rexional
1986/87  
1987/88 2ªB 11º
1988/89 2ªB 20º  
1989/90
1990/91
1991/92
1992/93 13º
1993/94
1994/95 19º
de 95-96 Rexional
Tempada Categoría Posto
a 01-02 Rexional
2002/03 15º
2003/04 10º
2004/05 12º
2005/06 11º
2006/07 18º  
2007/08 Preferente
2008/09 Preferente  
2009/10 14º
2010/11 14º
2011/12 13º
2012/13 18º  
Tempada Categoría Posto
2013/14 Preferente  
2014/15
2015/16 16º
2016/17
2017/18
2018/19
2019/20 13º
2020/21 1º /  
2021/22 2ª RFEF
2022/23 2ª RFEF

PresidentesEditar

O Bergantiños tivo 23 presidentes ao longo dos seus 100 anos de historia. O primeiro foi Luciano Regueiro Pumpido e a persoa que máis tempo presidiu a entidade. O actual presidente é Luciano Calvo Pumpido.[3]

Ord. Presidente Período
Luciano Regueiro Pumpido 1923-1945
Constantino Velo García 1945-46
Braulio Amigo Lera 1946-1948
Antonio Vázquez Mouzo 1947-1952
Evaristo Fidalgo, "Vitolo" 1954-1962
José Pérez Barreira 1962-63
Juan García González 1963-1968
Eduardo Mariño 1968-1970
Manuel Bello Pallas 1970-1973
10º Manuel Rega Morales 1973-1975
11º Pablo Rodríguez Regueira 1975-1977
12º Antonio Vilas Otero 1977-1979
13º Juan Cambón Fieira 1979-1981
14º Antonio Lema Facal 1981-82
15º Ramón Suárez Mato 1982 a 1983-84
16º José Luis Calvo Pumpido 1983-84 a 1987
17º Xusto Pose Blanco 1987-1993
18º Pedro Tasende Antelo 1993-1995
19º Jesús Añón Anido 1995-1997
20º Rogelio Antelo Veiga 1997-2005
21º José Cotelo Pérez 2005-2009
22º Javier Souto Gago 2009-2011
23º Luciano Calvo Pumpido, "Chano" 2011-

PalmarésEditar

O Bergantiños FC ten conquistado os seguintes títulos:[27]

FilialEditar

Artigo principal: Sociedade Deportiva Sofán.

En 2019 o Bergantiños Fútbol Club e a Sociedade Deportiva Sofán asinaron un convenio polo cal o Sofán pasaba a converterse no filial do Bergantiños, de xeito que ambos equipos puideran intercambiar xogadores, especialmente do primeiro equipo.[28] O convenio ademais afectaba ás categorías inferiores, realizando un traballo colaborativo co obxectivo de realizar un seguimento máis efectivo dos xogadores.[29] Se ben inicialmente o convenio tiña unha duración dun ano, en 2020 ambas entidades renovárono tras valoralo de xeito positivo.[30][31]

Equipo femininoEditar

En 2016 o Bergantiños anunciou que crearía, de xeito conxunto coas Escolas Luis Calvo Sanz, un proxecto de fútbol feminino. O obxectivo inicial era poñer algún equipo en competición na seguinte tempada.[32] O Bergantiños feminino debutou na Segunda División feminina fronte á Silva Sociedad Deportiva, caendo en Meicende por cinco goles a un.[33]

O 27 de xuño de 2021 o Bergantiños feminino conseguiu o ascenso á Primeira Galega por primeira vez na súa historia logo de impoñerse na quenda de penaltis ao Bueu.[34] Na tempada do seu debut na Primeira Galega o equipo fixo historia ao proclamarse campión do grupo norte logo de que a Federación Galega lle concedera a vitoria por incomparecencia do Friol B.[35]

Xogadores destacadosEditar

NotasEditar

  1. "Instalacións. Complexo Deportivo das Eiroas" (PDF). Concello de Carballo. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xullo de 2012. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 "Bergantiños FC, un equipo histórico" (en castelán). Bergantiños FC. Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2008. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Bergantiños FC, un club centenario" (en castelán). escolaslcalvo.com. Consultado o 29 de agosto de 2022. 
  4. "Copa Galicia. El Turista, fuertemente derrotado por el Bergantiños: 4–0". El Pueblo Gallego nº 16.904 (en castelán). 24 de xuño de 1969. p. 16. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  5. "Copa Galicia. El Bergatiños campeón, a pesar de ser vencido por el Turista: 6–3". El Pueblo Gallego nº 16.910 (en castelán). 1 de xullo de 1969. p. 15. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  6. 6,0 6,1 "Homenaje al Bergantiños de la Copa Galicia 1968–1969". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de agosto de 2010. Después de este éxito, esperó hasta la campaña 1984–85 para conseguir su segunda y última Copa Galicia. En esa ocasión, ante el Meirás de Ferrol. Venció en Carballo (3–0, tantos de Pibe, Toni Pérez y Alfredo) y cayó en la vuelta (1–0). 
  7. "HISTORIA" (en castelán). escolaslcalvo.com. Consultado o 4 de setembro de 2022. 
  8. "El Rayo fundió las esperanzas". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de novembro de 2013. Consultado o 4 de xuño de 2019. 
  9. "El Bergantiños gana en Ribadeo y asciende a Tercera en su 90 aniversario". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de maio de 2014. Consultado o 4 de xuño de 2019. 
  10. "El Bergantiños finaliza la liga en la quinta posición". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de maio de 2015. Consultado o 4 de xuño de 2019. 
  11. "Tercera división. TEMPORADA 2014/2015". As (en castelán). Consultado o 4 de xuño de 2019. 
  12. "El Bergantiños continuará en la Tercera División, al lograr el ascenso el Boiro". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de maio de 2016. Consultado o 4 de xuño de 2019. 
  13. "El Bergantiños destituye a Oreiro". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de decembro de 2015. Consultado o 4 de xuño de 2019. 
  14. "La Federación considera "no apto" As Eiroas para el Bergantiños-Sevilla" (en castelán). 28 de novembro de 2019. Consultado o 16 de febreiro de 2020. 
  15. "O Bergantiños confirma que o partido co Sevilla xogarase en Riazor". El Progreso. 4 de decembro de 2019. Consultado o 16 de febreiro de 2020. 
  16. "El Sevilla aguanta el chaparrón y pasa con un gol de Koundé ante el Bergantiños". Marca (en castelán). 18 de decembro de 2019. Consultado o 16 de febreiro de 2020. 
  17. Rodríguez, Melissa (15 de marzo de 2021). "El Bergantiños vence en Fisterra y se proclama campeón de liga a falta de dos jornadas". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2 de maio de 2021. 
  18. Rodríguez, Melissa (2 de maio de 2021). "El Bergantiños ya es de Segunda RFEF". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2 de maio de 2021. 
  19. Lestón, Antón (4 de setembro de 2022). "O novo Bergan despega cara a paraxe descoñecida". La Voz de Galicia. Consultado o 4 de setembro de 2022. 
  20. Lestón, Antón (4 de setembro de 2022). "O Bergan estrélase no seu debut (1-2)". La Voz de Galicia. Consultado o 4 de setembro de 2022. 
  21. "Quen somos". Concello de Carballo. Consultado o 4 de setembro de 2022. 
  22. "Imaxe do escudo do equipo (2006), igual ao empregado polo club no seu sitio web en 2022" (en inglés). Consultado o 4 de setembro de 2022. 
  23. "Imaxe do escudo do equipo (2018)" (en inglés). Imaxe do escudo do equipo (2018). Consultado o 4 de setembro de 2022. 
  24. Rodríguez, Melissa (31 de agosto de 2020). "O Bergan inicia coa camiseta do centenario". La Voz de Galicia. Consultado o 4 de setembro de 2022. 
  25. "Instalacións. Complexo Deportivo das Eiroas" (PDF). Concello de Carballo. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xullo de 2012. Consultado o 10 de marzo de 2022. 
  26. "Campos". Bergantiños FC. Consultado o 10 de marzo de 2022. 
  27. "Palmarés" (en castelán). Bergantiños FC. Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2008. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  28. Longueira, Toni (26 de xuño de 2019). "Bergantiños y Sofán unen sus caminos mediante un convenio". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de maio de 2021. 
  29. Rodríguez, Melissa (24 de agosto de 2019). "El convenio entre el Bergantiños y el Sofán va más allá de los séniores". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de maio de 2021. 
  30. "El Bergantiños y el Sofán renuevan su convenio de colaboración". NHDiario (en castelán). 30 de maio de 2020. Consultado o 11 de maio de 2021. 
  31. "Canteranos del Bergantiños y el Sofán harán la pretemporada con Lemos". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xuño de 2020. Consultado o 11 de maio de 2021. 
  32. Ferreiro, José M. (1 de marzo de 2016). "«El Bergantiños y el Luis Calvo van a crear la sección de fútbol femenino»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 11 de maio de 2021. 
  33. "El Bergantiños femenino debutó con una derrota ante el Silva en Meicende". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de setembro de 2016. Consultado o 11 de maio de 2021. 
  34. "Otro ascenso para el Bergan". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xuño de 2021. Consultado o 29 de xuño de 2021. 
  35. "El Bergan femenino hace historia y se proclama campeón en su debut en la Primera gallega". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de marzo de 2022. Consultado o 10 de marzo de 2022. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar