Tito Valdés

exfutbolista galego

Jesús Valdés Álvarez, máis coñecido como Tito Valdés, nado en Santiago de Compostela o 10 de outubro de 1949, é un exfutbolista galego, que xogaba como centrocampista. Integrante histórico do Burgos CF, é o xogador que máis veces vestiu a súa camiseta e foi o seu último capitán antes da desaparición do club.

Tito Valdés
Información persoal
Nome Jesús Valdés Álvarez
Nacemento 10 de outubro de 1949
Lugar de nacemento Santiago de Compostela
Altura 1,80 m.
Posición Centrocampista
Carreira xuvenil
Compostela
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1968–1972 Compostela
1968–1969 Bergantiños
1972–1974 Ourense 37+ (2+)
1974–1983 Burgos CF 273 (50)
1983–1984 Real Burgos (9)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Comezou a súa carreira no Compostela, pasando logo ao Ourense, co que logrou o ascenso a Segunda División na tempada 1972/73. En 1974 fichou polo Burgos, no que militou durante 9 tempadas ata a desaparición do club en 1983, disputando 321 encontros oficiais e marcando 62 goles, 21 deles na Primeira División, na que militou catro anos. Retirouse xogando co sucesor do Burgos CF, o Real Burgos, na Terceira División.

Traxectoria editar

Formouse na canteira da SD Compostela, subindo ao primeiro equipo en 1968.[1] Disputou ese ano a Copa Galicia,[2] competición na que o equipo foi eliminado polo Rápido de Bouzas.[3] Para a tempada 1968/69 foi cedido ao Bergantiños, co que competiu na Serie A galega e gañou a Copa Galicia, derrotando na final ao Turista.[4]

De regreso ao Compostela xogou na Terceira División, descendendo ao remate da tempada 1969/70 e recuperando a categoría na seguinte, ao proclamarse campión da Serie A. En 1972 fichou polo Ourense, tamén de Terceira, co que logrou o ascenso á Segunda División na súa primeira tempada. Disputou case todos os encontros da tempada 1973/74 na categoría de prata, tendo como compañeiro habitual no centro do campo a Antonio Ordax, e marcou dous goles.

En xullo de 1974, trala marcha ao Burgos do adestrador do Ourense, o coruñés Naya, o xogador foi traspasado ao club burgalés.[5] Debutou co seu novo club na primeira xornada da tempada 1974/75 da Segunda División contra o Valladolid e foi titular durante case todos os partidos da campaña, marcando un total de 8 goles. Na seguinte tempada o Burgos proclamouse campión, ascendendo así á Primeira División por segunda vez na súa historia. Valdés contribuíu con 9 goles, incluído un triplete contra o Castellón, e anotou 3 máis na Copa do Xeneralísimo.

Na tempada 1976/77 debutou na máxima categoría do fútbol español, e fíxoo marcando un gol na primeira xornada contra o Espanyol no Plantío. Con Marcel Domingo como adestrador, o Burgos logrou a permanencia por primeira vez na súa historia. Valdés disputou 30 dos 34 encontros de liga, e marcou 8 goles, aos que sumou outros 3 na Copa do Rei. O equipo mantívose durante catro tempadas na máxima categoría, disputando Valdés 114 encontros e converténdose no máximo goleador do club en Primeira, con 21 goles. Tralo descenso na tempada 1979/80, continuou tres tempadas máis no club, actuando como capitán e acadando os 321 partidos oficiais, cifra récord na historia do club. O Burgos CF desapareceu en 1983, e Valdés renunciou a mellores ofertas para xogar no novo Real Burgos, co que marcou outros 9 goles na Terceira División antes de retirarse en 1984.[6]

Vida persoal editar

É pai do xogador de squash e preparador físico Roberto Valdés,[7] que traballou durante anos co adestrador Luisito en equipos como o Racing de Ferrol, o Ourense ou o Pontevedra.[8] É ademais sogro do exfutbolista e adestrador Gelucho.[9]

Palmarés editar

Bergantiños
Compostela
Ourense
Burgos

Notas editar

  1. "Declaraciones de Yayo, entrenador de la S. D. Compostela". El Pueblo Gallego (en castelán). 27 de agosto de 1968. p. 15. Consultado o 4 de febreiro de 2022. 
  2. "Compostela, 0 Rápido de Bouzas, 1". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de xuño de 1968. p. 13. 
  3. "Pese a haber empatado con el Compostela (0-0) el Rápido pasa a semifinales". El Pueblo Gallego (en castelán). 11 de xuño de 1968. p. 15. Consultado o 4 de febreiro de 2022. 
  4. "El Bergantiños campeón". El Pueblo Gallego (en castelán). 1 de xullo de 1969. p. 15. Consultado o 4 de febreiro de 2022. 
  5. "Valdés, traspasado al Burgos". El Pueblo Gallego (en castelán) (18468). 19 de xullo de 1974. p. 12. Consultado o 6 de febreiro de 2022. 
  6. "El Trofeo Tito Valdés premiará al Máximo Goleador del Burgos CF" (en castelán). 27 de agosto de 2019. Consultado o 6 de febreiro de 2022. 
  7. Alonso, Paulo (3 de decembro de 2009). "Hijo de futbolista y campeón de squash". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 6 de febreiro de 2022. 
  8. Otero, Manu (16 de decembro de 2016). "Una familia unida por los banquillos". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 6 de febreiro de 2022. 
  9. "Lugo-Burgos, un partido especial e con historia familiar". Telexornal. 29 de xaneiro de 2022. Consultado o 6 de febreiro de 2022. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar