Arsenio Iglesias
Arsenio Iglesias Pardo, tamén coñecido como o Bruxo de Arteixo ou o Raposo de Arteixo, nado en Arteixo o 24 de decembro de 1930, é un ex-futbolista e adestrador de fútbol galego que estivo unido durante boa parte da súa carreira ao Deportivo da Coruña, onde acadou importantes éxitos deportivos. Arsenio Iglesias é hoxe unha das figuras máis destacadas do deportivismo. Xogaba de dianteiro.
Arsenio Iglesias | |||
---|---|---|---|
![]() Arsenio en 2016. | |||
Información persoal | |||
Nome completo | Arsenio Iglesias Pardo | ||
Nacemento | 24 de decembro de 1930 (88 anos) | ||
Arteixo | |||
Nacionalidade | España | ||
Altura | 1,69 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira xuvenil | |||
Penouqueira | |||
Ciudad Jardín | |||
Bergantiños | |||
Fabril | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs† | (Gls)† |
1951–1957 | Deportivo da Coruña | 135 | (32) |
1957–1958 | Sevilla | 8 | (2) |
1958–1961 | Granada | 58 | (10) |
1963–1965 | Oviedo | 37 | (6) |
1965–1966 | Albacete | ||
Adestrador | |||
1967–1971 | Fabril Deportivo | ||
1971–1973 | Deportivo da Coruña | ||
1973–1977 | Hércules | ||
1977–1978 | Zaragoza | ||
1978–1979 | Burgos | ||
1979–1980 | Elche | ||
1980 | Almería | ||
1982–1985 | Deportivo da Coruña | ||
1987–1989 | Deportivo da Coruña | ||
1990–1995 | Deportivo da Coruña | ||
1996 | Real Madrid | ||
2005–2008 | Galicia | ||
* Partidos e goles só en liga doméstica. |
TraxectoriaEditar
Foi o noveno fillo dunha familia labrega da vila de Arteixo. Axiña demostrou sentir unha grande paixón polo fútbol, paixón que o levaría finalmente a incorporarse á disciplina do Deportivo. O seu debut na Primeira División Española produciuse na tempada 1951–52 nun encontro que enfrontou ao Deportivo contra o FC Barcelona no campo de Las Corts. O Deportivo perdeu, mais o Arsenio, dianteiro, conseguiulle marcar un gol a Ramallets. Conta a lenda que no momento de marcar o gol Arsenio colleu a bóla e lle pediu desculpas ao porteiro.[1]
Anos despois, o Real Madrid chegouse a interesar por Arsenio,[Cómpre referencia] mais sería o Sevilla FC quen finalmente pagaría un millón de pesetas ao Deportivo polo xogador arteixán. En Sevilla e ás ordes de Helenio Herrera, que foi unha das persoas que máis o influíu na súa carreira futbolística, Arsenio chegou a xogar tres eliminatorias da Copa de Europa. Os outros dous equipos nos que xogou foron o Granada Club de Fútbol e o Real Oviedo, equipo no que deixaría o fútbol profesional como xogador na temporada 1964-1965, nun encontro contra o Athletic Club de Bilbao no que conseguiría despedirse cun gol na Catedral ante o mítico porteiro Iríbar.
Carreira como adestradorEditar
Cinco anos máis tarde comezou a súa carreira coma adestrador tamén na Coruña, conseguindo na súa primeira temporada o ascenso a Primeira (temporada 1970-1971). En 1973 principiou unha das etapas máis exitosas da súa carreira, foi á fronte do Hércules CF, equipo ao que adestrou durante catro temporadas (da 1973-1974 á 1976-1977) nas que conseguiu o ascenso e a mellor clasificación histórica daquel club, quedando quinto na temporada 1974-1975. Estes anos de triunfos profesionais foron acompañados no persoal dunha época de fonda tristura e saudade, ao ter que vivir afastado da súa familia, que ficou na Coruña, durante os catro que permaneceu en Alacant.
Os seguintes anos pasaría por diferentes clubs: o Real Zaragoza (ao que conseguiu ascender a Primeira na temporada 1977-1978), Burgos Club de Fútbol, AD Almería e Elche CF.
En 1982 Arsenio regresou á Coruña para adestrar a un Deportivo que permanecía en Segunda. Permaneceu no banquiño até a tempada 1984–85, mais ao non conseguir o ascenso e ante as presións de certos sectores da contorna do club decidiu abandonar o seu posto. Mais non pasou moito para que o Deportivo tivese que volver a recorrer ao técnico que regresou na tempada 1987–88. Foi finalmente na campaña 1990–91 cando Arsenio conseguiu o ascenso para o Deportivo logo de varias promocións.
Súper DéporEditar
Na temporada de retorno do Deportivo a Primeira, o club tivo que botar man unha vez máis da experiencia de Arsenio quen volveu para substituír a Marco Antonio Boronat e salvar ao equipo do descenso nunha épica promoción. Os seguintes anos foron os máis exitosos da súa carreira. Á fronte do banco do Deportivo, Iglesias foi un dos artífices do coñecido como Súper Dépor, un equipo humilde que durante a primeira metade da década de 1990 chegou a contestar a hexemonía futbolística dos coñecidos como "grandes" do fútbol español. Nestes anos o Deportivo conseguiu por primeira vez na súa historia a clasificación para competicións europeas na temporada 1992–93 (Copa da UEFA), dous subcampionatos de liga (incluíndo o da temporada 1993–94 coñecido polo penalti errado por Djukic que impediu que o Deportivo gañase a Liga) e unha Copa do Rei en 1995 que se converteu no primeiro título oficial do club. Mais a pesar de todos estes éxitos e de que neste último ano o Deportivo se fixese campión de Copa, Arsenio saíu do club non sen certa polémica coa directiva presidida por Augusto César Lendoiro.
Mediada a temporada 1995–96, e ante a crise interna que estaba a experimentar o Real Madrid, daquela adestrado por Jorge Valdano, a directiva do club branco decide despedir ao técnico arxentino e chamar a Arsenio Iglesias para que se faga cargo do equipo até final de temporada. Deste xeito, o adestrador arteixán ocupouse do Real Madrid durante cinco meses e, aínda que conseguiu dar algo de estabilidade ao conxunto, non puido acadar a clasificación para competicións europeas ficando a tan só dous puntos do último clasificado para a UEFA, o Tenerife.
Selección galegaEditar
No 2005, foi designado para dirixir xunto con Fernando Vázquez o retorno da selección galega de fútbol, combinado ao que adestraron nos tres encontros disputados até o momento: o Galiza 3 - Uruguai 2 (San Lázaro, Santiago de Compostela, 25-12-2005); o Galiza 1 - Ecuador 1 (Riazor, A Coruña, 28-12-2006); o Galiza 1 - Camerún 1 (Balaídos, Vigo, 27-12-2007); o Galiza 3 - Irán 2 (Riazor, A Coruña, 27-12-2008).
No 2008 organizouse o I Campionato Nacional de Liga Indoor e a Copa de España de Fútbol Indoor. Con tal motivo formouse un equipo de veteranos do deportivo para competir nestes torneos no que se reencontraban ex-xogadores do club como Fran, José Ramón, Djalminha ou Manjarín. Como non podía ser doutro xeito, Arsenio foi o encargado de adestrar ao equipo conseguindo un dobrete que converte ao equipo no primeiro grande dominador da competición Indoor.
Mais alén da súa traxectoria deportiva, polo seu xeito de ser e de enfrontarse á vida, humilde e á vez espelido, Arsenio tamén representa para moitos boa parte do que se coñece por identidade galega. Converteuse tamén, co tempo, nunha figura que supera o mundo do fútbol. Bo exemplo é o feito de que varios grupos galegos de música crearon composicións dedicadas a el, como "Manda Tralla (oda a Arsenio)", dos Diplomáticos de Monte-Alto, ou "Arsenio is in da'house", de Sushi Loop.
Tamén é de subliñar que Arsenio Iglesias é moi querido polo groso da prensa deportiva, cousa, con frecuencia, non demasiado doada e que probabelmente acadou grazas a unha actitude orixinal que fuxía dos tópicos tan repetidos no mundo do fútbol.
PalmarésEditar
AdestradorEditar
- Deportivo
- Persoal
- Premio Don Balón ao mellor adestrador da Liga nas temporadas: 1992–93 e 1994–95
- Premio El País ao mellor adestrador na temporada: 1993–94.[2]