Juananco

futbolista galego

Juan Morás Veiguela, coñecido como Juananco, nado na Coruña o 24 de xuño de 1928 e finado o 14 de marzo de 1989, foi un pescador e futbolista galego. Xogaba de centrocampista e destacou no Xuvenil e no Deportivo da Coruña.

Juananco
Información persoal
Nome Juan Morás Veiguela
Nacemento 24 de xuño de 1928
Lugar de nacemento San Roque de Fóra
Falecemento 14 de marzo de 1989
Posición Centrocampista
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
–1948 Deportivo Ciudad
1948 Sin Querer
1948–1949 Fabril
1949–1954 Xuvenil
1950–1959 Deportivo da Coruña 93 (1)
1959Xuvenil (cedido)
1959–1961 La Felguera
1961–1963 Español SD
1963–1965 Orillamar
1965–1968 Orzán
1968–1972 Torre
1972–1974 Sin Querer
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Naceu no barrio coruñés de San Roque de Fóra,[1] e comezou a xogar ao fútbol no Deportivo Ciudad e no Sin Querer. Neste último foi descuberto por Rodrigo, que o levou con el ao Fabril e logo ao Xuvenil. Xogou varios anos no Xuvenil, exercendo como capitán,[2] e na tempada 1953/54 conseguiu un histórico ascenso á Segunda División.[3]

En 1954 pasou a formar parte plenamente do primeiro equipo do Deportivo da Coruña, aínda que xa tiña xogado dous partidos de liga con este en 1950. Foi o único xogador do equipo en disputar todos os encontros da tempada 1954/55 na Primeira División, con Eduardo Toba no banco, e compartindo centro do campo con xogadores como Cuenca, Gárate ou Lechuga. Na xornada 21 marcou o seu único gol coa camiseta do Deportivo, batendo ao gardameta do Atlético de Madrid, Adolfo Riquelme, en Riazor (1-0). Disputou dúas tempadas máis na máxima categoría e outras dúas en Segunda, aínda que na última delas non dispuxo de minutos, e sumou un total de 101 partidos co equipo. En febreiro de 1959, ante a falta de minutos, regresou ao Xuvenil en calidade de cedido.[4]

Tralo remate da tempada deixou o Deportivo e marchou a Asturias, onde fichou polo CP La Felguera, onde xogou unha campaña e media.[5]

A continuación regresou á Coruña, onde militou en varios clubs modestos como o Sporting Coruñés, o Orillamar o Orzán ou o Torre, ademais de continuar coa súa profesión, pescador.[6][7]

Naufraxio do La Isla editar

En outubro de 1970 tivo unha destacada participación nas labores de rescate tralo naufraxio do buque pesqueiro La Isla, que se afundiu fronte á Torre de Hércules cando regresaba do Gran Sol.[8] Juananco dirixíase ao seu barco pesqueiro, o Segunda Isabelita, para saír a faenar xunto ao seu irmán Luis, Benito Canzobre, Gonzalo Pardo e San­tiago Varela, todos eles veciños de San Pedro de Visma: souberon entón do naufraxio do La Isla e decidiron saír na busca dos posibles náufragos. Foron os primeiros en chegar ao perigoso lugar, moi preto das rochas, e conseguiron salvar ao único supervivente (Ramón Seoane) e rescatar o primeiro dos catorce cadáveres que deixou o sinistro.[9]

Notas editar

  1. "Juananco, un hombre de fútbol y de mar". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de setembro de 1994. p. 95. 
  2. "El Juvenil vence al Club Ferrol (4-3) y se adjudica el primer "Trofeo Compostela"". La Noche (en castelán) (10390). 18 de xuño de 1954. p. 5. Consultado o 8 de xullo de 2021. 
  3. "Al perder la Ponferradina en Marín, el Juvenil puede considerarse ya en la Segunda División". El Pueblo Gallego (en castelán) (10059). 4 de maio de 1954. p. 7. Consultado o 8 de xullo de 2021. 
  4. "Antonio y Juananco, cedidos al Juvenil, que a su vez deja a Botana y Morado al margen del equipo". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de febreiro de 1959. p. 4. 
  5. "Juananco fichó por el Felguera". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de novembro de 1959. p. 5. 
  6. "Sporting Coruñés y Orillamar nos ofrecieron un gran partido". La Noche (en castelán) (13191). 10 de marzo de 1964. p. 5. Consultado o 8 de xullo de 2021. 
  7. "El Español, primer equipo que batió la meta orzanista". La Noche (en castelán) (13825). 1 de marzo de 1966. p. 5. Consultado o 8 de xullo de 2021. 
  8. Mouzo, Emiliano (4 de outubro de 2015). "El naufragio que movió conciencias". La Voz de Galicia. Consultado o 8 de xullo de 2021. 
  9. "Perecieron 14 tripulantes del pesquero coruñés “La Isla”, en las inmediaciones de la Torre de Hércules". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de outubro de 1970. p. 8. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar