Marcello Lippi
Marcello Romeo Lippi, nado en Viareggio, Lucca, o 12 de abril de 1948, é un exfutbolista e exadestrador italiano.
Considerado un dos mellores adestradores de fútbol de todos os tempos, foi cinco veces campión de Italia coa Juventus nos dous períodos nos que adestrou o club (1994-1999 e 2001-2004), gañando ademais a Liga de Campións 1995/96 e a Copa Intercontinental de 1996. É un dos únicos catro adestradores que conseguiron disputar catro finais da Liga de Campións, xunto con Miguel Muñoz, Alex Ferguson e Carlo Ancelotti,[1] e un dos tres técnicos en disputar tres finais consecutivas, xunto con Fabio Capello e Zinédine Zidane.[2]
Dirixiu a selección de Italia entre 2004 a 2006 e entre 2008 e 2010, levándoa á conquista do Mundial de 2006, converténdose así no primeiro adestrador da historia do fútbol en gañar as máximas competicións internacionais tanto de seleccións (Copa do Mundo) como de clubs (Liga de Campións e Copa Intercontinental).[3]
Foi tamén o primeiro adestrador en acadar, en 2008, 31 partidos consecutivos invicto coa selección italiana, igualando os récords absolutos de Alfio Basile coa Arxentina e de Javier Clemente con España.[4]
En 2013 converteuse no primeiro adestrador do mundo en gañar a principal competición continental de clubs en dúas confederacións diferentes, tras conquistar a Liga de Campións da AFC co Guangzhou chinés. Con este club conquistou ademais tres Superligas da China, antes de dirixir en dúas etapas a selección chinesa.
Traxectoria
editarComo futbolista
editarFormouse como futbolista no Stella Rossa de Viareggio, sendo fichado en 1969 pola Sampdoria que o cedeu inmediatamente ao Savona, da Serie C. De volta en Xénova, debutou na Serie A en 1970 da man de Fulvio Bernardini, un adestrador que sería un dos seus referentes na súa posterior carreira nos bancos.[5]
Vestiu a camiseta da Sampdoria durante as seguintes nove tempadas, converténdose no capitán e nun dos principais piares do equipo nos anos 70. Sumou un total de 272 partidos oficiais co club, anotando 8 goles.
No verán de 1979, con 31 anos, regresou á Toscana para xogar co Pistoiese na Serie B. Con este equipo participou no histórico ascenso á máxima categoría esa mesma tempada. Xogou outro ano máis en Pistoia, e unha última campaña no Lucchese, da Serie C2, antes de poñer fin á súa carreira como futbolista en 1982.
Como adestrador
editarInicios
editarComezou a súa carreira de adestrador xusto despois de colgar as botas, dirixindo o equipo xuvenil da Sampdoria. O seu primeiro equipo profesional foi o Pontedera, na Serie C2, co que en 1986 chegou á final da Copa Anglo-Italiana, perdendo ante o Piacenza. Ao ano seguinte sentou no banco do Siena, na Serie C1, sendo destituído uns meses despois, tras os resultados negativos e o enfado dos seguidores sieneses.
A continuación pasou polo Pistoiese, na C2, e polo Carrarese, en C1.[6]
Debut na Serie A
editarEn 1989, o presidente do Cesena, Edmeo Lugaresi, escolleuno para dirixir o equipo romañolo, co que Lippi debutou na Serie A, tendo como axudante a Giampiero Ceccarelli. Conseguiu o obxectivo da permanencia e comezou a ser alcumado polos seareiros como "Paul Newman", polo seu parecido co actor estadounidense.[7] Na seguinte campaña os resultados non o acompañaron, e foi cesado por segunda vez na súa carreira. En 1991 pasou a adestrar o Lucchese, co que acabou oitavo na Serie B.
Atalanta e Napoli
editarNa tempada 1992/93 fichou pola Atalanta, da Serie A.[8] Despois de ocupar un sorprendente terceiro posto na primeira volta, o equipo de Bérgamo rematou na oitava posición da clasificación final, un dos mellores resultados da historia do club ata aquel entón, quedando a un só punto de clasificarse para a Copa da UEFA.[9]
Deixou o equipo ao remate da tempada, por diferenzas coa directiva do club. Para a tempada seguinte, Ottavio Bianchi, director xeral do Napoli, decidiu confiarlle o banco do equipo de Campania.[9][10] A pesar da difícil situación que atravesaba o club, con graves problemas económicos,[11] Lippi conseguiu levalo ata o sexto lugar da clasificación, entrando así na Copa da UEFA.
Na súa única tempada en Nápoles, Lippi fixo debutar ao gardameta Taglialatela e ao defensa Fabio Cannavaro, futuro capitán da selección italiana campioa do mundo.
Juventus
editarTras os bos resultados nos dous anos anteriores, no verán de 1994 Lippi foi contratado pola Juventus, sucedendo no posto ao histórico Giovanni Trapattoni.[12] Alí utilizou o 4-3-3 cun robusto medio do campo, apoiado polas novas fichaxes Sousa e Deschamps, e un ataque que, ademais dos consagrados Baggio, Ravanelli e Vialli, contaba coa futura lenda do club Alessandro Del Piero.[13] O esquema táctico do técnico pronto deu os seus froitos e, ao final da súa primeira tempada á fronte do club turinés, este proclamouse campión de Italia nove anos despois.[14]
Foi o comezo dun período de catro anos de éxitos en Italia e en Europa, cun equipo no que destacaron estrelas como Zidane, Davids, Vieri ou Inzaghi. Conquistou outras dúas ligas, unha Copa Italia, dúas Supercopas de Italia, a Liga de Campións 1995/96, unha Supercopa da UEFA e unha Copa Intercontinental. Igualou ao seu compatriota Fabio Capello como o único adestrador ata entón en acadar tres finais consecutivas da Liga de Campións.[15]
A primeira etapa de Lippi no conxunto piemontés pasou á historia do fútbol polas novidades achegadas na fase ofensiva e por un despregue táctico daquela sen precedentes no resto do continente.[16] Con todo, rematou de xeito brusco en febreiro de 1999, poucos meses antes da súa xa anunciada despedida do banco da Juventus,[17] cando dimitiu tras perder 2-4 contra o Parma e co equipo na novena posición da liga.[18]
Inter de Milán
editarDespois de case un lustro na Juventus, para a tempada 1999/00 aceptou a oferta do Inter de Milán,[19] onde, a pesar de contar cun cadro de xogadores que incluía entre outros a Roberto Baggio, Ronaldo ou Vieri, non foi capaz de replicar os éxitos obtidos en Turín. Co equipo lombardo acadou a final da Copa de Italia, perdendo contra a Lazio, equipo contra o que caeu derrotado tamén na Supercopa de Italia. En Milán encontrou un ambiente hostil, cunha afección afeita a consideralo un rival, e en particular foi problemática a súa relación con Baggio, co que xa comezara a ter problemas durante a súa época na Juventus.[20]
Ao remate dunha tempada gris, Lippi pediulle ao presidente Massimo Moratti rescindir o seu contrato. Este negouse, pero acabou por destituílo despois da primeira xornada do campionato de liga 2000/01, unha derrota por 2-1 no campo da Reggina.[21] Foi famosa a súa rolda de prensa posterior ao encontro, na que acusou aos seus futbolistas de falta de compromiso.[22] O equipo viña dunha eliminación inesperada na eliminatoria previa da Liga de Campións da man do modesto Helsingborgs sueco.[23]
Volta á Juventus
editarNo verán de 2001 volveu ao banco da Juventus. A súa segunda aventura no club comezou costa arriba, sen conseguir facer funcionar de inmediato un equipo revolucionado por un mercado de fichaxes que resultou na venda de Zidane e a difícil integración de Buffon, Thuram e Nedvěd.[24] Con todo, o traballo táctico realizado por Lippi nos primeiros meses do campionato sobre o futbolista checo, pasándoo de mezzala a mediapunta,[25][26] foi un dos puntos de inflexión da tempada, conseguindo superar ao líder, o Inter, na última xornada.[27]
Foi o 26º scudetto da Juventus, que pasou á historia como o do "5 de maio", ao que seguiu outro 12 meses despois, tras unha tempada que comezou coa vitoria na Supercopa de Italia e que se pechou cunha amarga final da Liga de Campións, a cuarta de Lippi, onde saíu vitorioso o Milan na quenda de penaltis. Durante esta época o adestrador reconverteu ao extremo Zambrotta en lateral,[28] posición na que pasou á historia como un dos mellores futbolistas da súa época.[29]
Ao final da tempada 2003/04, pechada cunha terceira posición na liga e co subcampionato na Copa de Italia, Lippi deixou definitivamente o banco da Juve.[30] Nas súas oito tempadas co club acumulou 405 partidos e 13 títulos, despedíndose como un dos adestradores máis triunfantes na historia da entidade.[11]
Selección italiana
editar2004-2006
editarO 24 de xuño de 2004 converteuse no novo adestrador da selección italiana, sucedendo a Giovanni Trapattoni, que viña de fracasar na Eurocopa de 2004.[31][32] Debutou cunha derrota por 2-0 nun amigable contra Islandia.[33] Despois gañou os dous primeiros partidos de clasificación para o Mundial de 2006, mentres que en outubro sufriu outra derrota, a mans de Eslovenia. A partir do seguinte partido, gañado 4-3 ante Belarús,[34] comezou unha xeira de partidos invicto, que continuou durante toda a eliminatoria.[35] O 8 de outubro de 2005 derrotou aos eslovenos e clasificouse para o Mundial cunha xornada de antelación.[36]
Xa no Mundial, disputado en Alemaña, a azzurra mostrou unha notable solidez defensiva (con só dous goles encaixados en toda a competición, un en propia meta e outro de penalti), o que a levou a proclamarse por cuarta vez campioa do mundo. Superou a Alemaña por 2-0 nas semifinais, tras unha prórroga, e a Francia por 5-3 na quenda de penaltis da final, despois de rematar 1-1.[37]
O 12 de xullo de 2006 anunciou a súa despedida do banco da selección, onde foi substituído por Roberto Donadoni. En decembro recibiu o premio especial da Panchina d'oro.[39]
2008-2010
editarDespois de deixar a selección, foi comentarista de Sky Sport na edición 2007/08 da Liga de Campións. O 26 de xuño de 2008, tralo despedimento de Donadoni, foi elixido novamente pola Federación Italiana como seleccionador.[40] O seu segundo debut tivo lugar o 20 de agosto,[41] nunha vitoria con remontada ante Austria.[42] Tres meses despois, o 19 de novembro, un empate 1-1 contra Grecia supuxo o seu 31º partido consecutivo sen coñecer a derrota, superando a marca de Vittorio Pozzo, invicto durante 30 partidos entre 1935 e 1939.[43] A boa xeira rematou o 10 de febreiro de 2009, cando os azzurri caeron por 2-0 ante o Brasil de Dunga.[44]
En xuño, o equipo italiano participou na Copa Confederacións como campión do mundo, pero quedou eliminado na fase de grupos, despois de gañar aos Estados Unidos e de perder contra Exipto e o Brasil.[45] Ese mesmo ano logrou a clasificación para o Mundial de 2010, de novo cunha xornada de antelación.[46] En Suráfrica, con todo, a selección de Lippi decepcionou, empatando os dous primeiros encontros con Paraguai e Nova Zelandia e perdendo ante Eslovaquia no partido decisivo, quedando así eliminada na primeira fase, o que non sucedía dende a edición de 1974.[47] O técnico abandonou o equipo tralo remate do seu contrato, sendo substituído por Cesare Prandelli.[48]
Guangzhou Evergrande
editarO 17 de maio de 2012 converteuse en adestrador do Guangzhou Evergrande, equipo da Superliga chinesa, volvendo ao banco dun club oito anos despois.[49]
Debutou co equipo cantonés na xornada 11, cunha vitoria pola mínima sobre o Qingdao Jonoon.[50] O 27 de outubro de 2012 logrou o seu primeiro título da Superliga, e o segundo na historia do club.[51] O 18 de novembro do mesmo ano gañou a Copa da China, ao vencer 4-2 ao Guizhou Renhe no partido de volta, tras o 1-1 da ida.[52]
En 2013 repetiu título de liga e levou o seu equipo ata a súa primeira final da Liga de Campións da AFC. Nesta, superou ao FC Seoul de Corea do Sur, converténdose deste xeito no primeiro adestrador da historia en gañar a máxima competición continental de clubs en dúas confederacións diferentes. No Mundial de Clubs celebrado ao mes seguinte eliminou ao Al-Ahly exipcio, pero caeu nas semifinais contra o Bayern de Múnic de Guardiola.
En 2014 gañou o seu terceiro título consecutivo da Superliga chinesa (o cuarto da historia do club).[53][54] O 2 de novembro deixou o cargo do adestrador, sendo substituído polo seu antigo pupilo Fabio Cannavaro.[55] A continuación ocupou durante catro meses o carto de director técnico, ata que deixou o club a finais de febreiro de 2015.[56]
Selección chinesa
editarO 22 de outubro de 2016 foi nomeado adestrador da selección chinesa.[57] Debutou nun empate sen goles ante Qatar, correspondente á clasificación para o Mundial de 2018.[58] Non logrou clasificar o equipo para o torneo disputado en Rusia, pero si para a Copa Asiática de 2019, nos Emiratos Árabes Unidos, onde a China acadou os cuartos de final, caendo finalmente contra Irán. Trala eliminación, tal e como se anunciara uns meses antes, abandonou o cargo de seleccionador despois de 31 partidos, cun balance de 12 vitorias, 8 empates e 11 derrotas.[59]
Con todo, continuou na selección chinesa como asesor do novo seleccionador, Fabio Cannavaro.[60] Trala dimisión deste en maio de 2019, Lippi volveuse facer cargo do combinado chinés,[61] dirixíndoo durante cinco meses ata a súa dimisión en novembro.[62]
O 22 de outubro de 2020, con 72 anos, anunciou a súa retirada definitiva como adestrador.[63]
Palmarés como adestrador
editar- Juventus
- Serie A (5): 1994/95, 1996/97, 1997/98, 2001/02, 2002/03.
- Copa Italia (1): 1994/95.
- Supercopa italiana (4): 1995, 1997, 2002, 2003.
- Liga de Campións da UEFA (1): 1995/96.
- Supercopa de Europa (1): 1996.
- Copa Intercontinental (1): 1996.
- Guangzhou FC
- Superliga da China (3): 2012, 2013, 2014.
- Copa da China (1): 2012.
- Supercopa da China (1): 2012.
- Liga de Campións da AFC (1): 2013.
- Selección italiana
- Copa do Mundo (1): 2006.
Notas
editar- ↑ "Finali di Champions League: record e statistiche". UEFA (en italiano). 2 de xaneiro de 2022. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Real Madrid, Zidane a Kiev per un altro record: vincere tre Champions League consecutive". Sky Sport (en italiano). 2 de maio de 2018. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Harrold, Michael (21 de setembro de 2010). "UEFA president stresses national teams' importance". UEFA (en inglés). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Marcello Lippi compie oggi 66 anni!". Federación Italiana de Fútbol (en italiano). 12 de abril de 2014. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Lippi: "L'Italia del 2006 l'ultima con qualità. Che coppia avevo all'Inter..."". La Gazzetta dello Sport (en italiano) (Milán). 17 de abril de 2015. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Parlati, Corrado (24 de febreiro de 2013). "Un cuore per due amori – Marcello Lippi". spaziojuve.it (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2013. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Ufficiale: Lippi si ritira" (en italiano). 3 de outubro de 2018. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Giacchino, Claudio (16 de xaneiro de 1993). "Lippi a Sacchi: non c'è solo la zona". La Stampa (en italiano). p. 28. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ 9,0 9,1 "Marcello Lippi, una vita in panchina". Corriere della Sera (en italiano). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Caroli, Angelo (2 de febreiro de 1994). "Tardelli è il più vicino alla panchina di Trapattoni". La Stampa (en italiano). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ 11,0 11,1 "OnThisDay iniziava l'avventura Lippi" (en italiano). 24 de xullo de 2015. Arquivado dende o orixinal o 5 de marzo de 2016. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Rialti, Alessandro (4 de maio de 1994). "La mia Juventus riparte da Vialli". La Stampa (en italiano). p. 31. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Baggio-Del Piero-Vialli. Riecco la Juve al top". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 7 de xullo de 2007. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Bernardi, Bruno (22 de maio de 1995). "La storia del trionfo numero 23". La Stampa (en italiano). p. 30. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Eterno, Simone (5 de maio de 2014). "Lippi vs Conte, qual è la Juventus più bella?". it.eurosport.yahoo.com (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2015. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Malito, Daniele (15 de xuño de 2017). "L'era Lippi: la Juve più forte di sempre?". UEFA (en italiano). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Lippi scopre le carte: "Cara Juve, ti lascio"". Corriere della Sera (en italiano). 13 de decembro de 1998. Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2015. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Condio, Roberto (8 febbraio 1999). "«Se il problema sono io, tolgo il disturbo»". La Stampa (en italiano). p. 26. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Vergnano, Fabio (18 de maio de 1999). "Lippi: "Juve, non ti ho tradita. Fu una scelta quasi obbligata"". La Stampa (en italiano). p. 35. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Candiani, Carlo (8 de setembro de 2011). "1999: Marcello Lippi è il nuovo allenatore dell’Inter" (en italiano). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Mura, Gianni (4 de outubro de 2000). "Terremoto all' Inter Moratti caccia Lippi". la Repubblica (en italiano). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Lippi all'Inter: "Li appenderei al muro" (en italiano). 1 de marzo de 2014.
- ↑ "Le eliminazioni choc ai preliminari di Champions League". UEFA (en italiano). 11 de xullo de 2015. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Gamba, Emanuele (27 de novembro de 2001). "Il buio della Juventus. 300 miliardi da salvare". la Repubblica (en italiano). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Grazie Lippi" (en italiano). 11 de xaneiro de 2002. Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2014. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Liguori, Riccardo (5 de maio de 2002). "La "sindrome" Zidane e uno scudetto nato in agosto". la Repubblica (en italiano). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Ah, il 5 maggio. Una data-simbolo portafortuna per la Juve" (en italiano). 5 de maio de 2015. Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2017. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Gamba, Emanuele (31 de xullo de 2003). "Sarai un terzino Zambrotta e la seconda vita". la Repubblica (en italiano). p. 13. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Calzaretta 2014, p. 171.
- ↑ "Lippi: "Me ne vado"". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 29 de abril de 2004. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Taglioli, Livia (24 de xuño de 2004). "Italia, inizia l'era Lippi". La Gazzetta dello Sport (en italiano). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Lippi nuovo ct della Nazionale. Carraro rimane". Corriere della Sera (en italiano). 25 de xuño de 2004. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Ceniti, Francesco (18 de agosto de 2004). "L'Islanda gela l'Italia di Lippi". La Gazzetta dello Sport. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Totti trascina gli azzurri. Gol ed errori, l'Italia va". la Repubblica (en italiano). 13 de outubro de 2004. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Delude la Nazionale senza Totti ma a Oslo c'è un punto che vale". la Repubblica (en italiano). 4 de xuño de 2005. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Zaccardo gol, Italia al Mondiale". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 8 de outubro de 2005. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Ci incoronano i rigori". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 9 de xullo de 2006. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Errori e fortuna". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 7 de setembro de 2008. Consultado o 31 de marzo de 2022.
- ↑ "Prandelli vince la panchina d'oro". la Repubblica (en italiano). 11 de decembro de 2006. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Ufficiale: l'Italia è di Lippi "Sono felice e motivato"". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 26 de xuño de 2008. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Moresco, Gianluca (16 de agosto de 2008). "Lippi richiama Gilardino e si tiene Del Piero". la Repubblica. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Lippi riparte da un pari Con l'Austria è 2-2" (en italiano). 20 de agosto de 2008. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Pratesi, Riccardo (19 de novembro de 2008). "Italia, pareggio in Grecia Lippi 31 volte imbattuto". La Gazzetta dello Sport. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Pratesi, Riccardo (10 de febreiro de 2009). "Il Brasile è uno spettacolo Italia ko: Lippi si ferma a 31". La Gazzetta dello Sport (en italiano). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Il Brasile vince 3-0: Italia travolta ed eliminata" (en italiano). 21 de xuño de 2009. Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2014. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Qualificati con personalità". la Repubblica (en italiano). 10 de outubro de 2009. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Umiliati dalla Slovacchia Torniamo a casa". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 24 de xuño de 2010. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ Bernin, Alessandro (25 de xuño de 2010). "Cannavaro, addio: «Lippi? La colpa è di tutti»" (en italiano). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Lippi ha detto sì alla Cina Ricomincia da Canton". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 16 de maio de 2012. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Calcio, Cina; Lippi: esordio positivo che dà fiducia per il futuro". la Repubblica (en italiano). Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Lippi campione di Cina "Vincere è sempre un'emozione"". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 27 de outubro de 2012. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Lippi brinda ancora La Coppa di Cina è sua". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 18 de novembro de 2012. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Marcello Lippi dà l'addio alla panchina: "Non allenerò più". Ha vinto il terzo titolo in Cina con il Guangzhou" (en italiano). 2 de novembro de 2014. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Cina, Lippi vince il campionato e si ritira: "Sono troppo vecchio"". RAI (en italiano). 2 de novembro de 2014. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Calciomercato Guangzhou, Lippi diventa direttore tecnico. Cannavaro allenatore?" (en italiano). 2 de novembro de 2014. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Guangzhou Evergrande, Lippi lascia anche come dt" (en italiano). 26 de febreiro de 2015. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Cina, Lippi è il nuovo commissario tecnico" (en italiano). 22 de outubro de 2016. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Cina,esordio amaro per Lippi: solo 0-0 contro il Qatar". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 15 de novembro de 2016. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Cina, Lippi ai saluti: contratto scaduto, non sarà più l'allenatore della Nazionale" (en italiano). 25 de xaneiro de 2019. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Dalla Cina: Cannavaro nuovo c.t., per Lippi ruolo da advisor". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 7 de marzo de 2019. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Ora c'è l'ufficialità: Lippi sarà di nuovo c.t. della Cina". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 24 de maio de 2019. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Cina sconfitta dalla Siria: Lippi si dimette da commissario tecnico". La Gazzetta dello Sport (en italiano). 14 de novembro de 2019. Consultado o 30 de marzo de 2022.
- ↑ "Clamoroso Lippi: "Non allenerò più. Con questo lavoro ho chiuso"" (en italiano). 22 de outubro de 2020. Consultado o 30 de marzo de 2022.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Lo Presti, Salvatore (2002). "LIPPI, Marcello". Enciclopedia dello Sport Treccani (en italiano). Roma: Istituto della Enciclopedia Italiana.
- Zambrotta, Gianluca; Fontanesi, Paolo (2014). Una vita da terzino (en italiano). Milán: Kowalski. ISBN 978-88-7496-849-7.
- Calzaretta, Nicola (2014). I colori della vittoria (en italiano). Goalbook Edizioni. ISBN 978-88-908115-9-3.
Ligazóns externas
editar- Datos do xogador en BDFutbol (en castelán).
- Datos do adestrador en BDFutbol (en castelán).
- Datos do xogador en Transfermarkt (en inglés).
- Datos do adestrador en Transfermarkt (en inglés).