La Stampa

xornal italiano

La Stampa é un xornal italiano, con sede en Turín. Fundado en 1867 co nome de Gazzetta Piemontese, é o cuarto xornal de maior difusión do país. Recibiu o seu nome actual en 1895.

La Stampa

Editar o valor em Wikidata
Fundación9 de febreiro de 1867
Empresa editoraGEDI Gruppo Editoriale
DirectorMassimo Giannini
FundadorVittorio Bersezio
LinguaItaliano
LocalidadeTurín
ÁmbitoNacional
PeriodicidadeDiario
ISSN1122-1763
Na rede
https://www.lastampa.it
Facebook: lastampa.it Twitter: LaStampa Editar o valor em Wikidata
Arquivohttp://www.archiviolastampa.it/
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

Desde a fundación en Frassati editar

La Stampa foi fundada en Turín o 9 de febreiro de 1867 co nome de Gazzetta Piemontese polo xornalista e escritor Vittorio Bersezio e polo político Casimiro Favale. O lema do xornal era a locución latina "Frangar non flectar" e o prezo era de 5 céntimos de liras. Nos primeiros anos da súa vida, o xornal saíu da imprenta Favale, na vía Dora Grossa ,[1] e tivo unha tirada de 8 000 exemplares e dúas edicións diarias, en horario de mañá e tarde. En 1880 a Gazzetta Piemontese foi comprada polo deputado liberal Luigi Roux, que tamén se fixo cargo da dirección. Entre os colaboradores do xornal destacan os nomes dos deputados Silvio Spaventa e Ruggiero Bonghi.

En 1894, o empresario e xornalista Alfredo Frassati converteuse en copropietario e apoiou a Roux na dirección. Como coeditor decidiu darlle un xiro o xornal. O título cambiouse a La Stampa Gazzetta piemontese, mentres que o lema e o prezo permaneceron inalterados. O xornal apareceu co novo título o 1 de xaneiro de 1895; a pesar de que o nome antigo, aínda que degradado a un subtítulo, era máis evidente que o novo. As proporcións foron invertidas a partir do 30 de marzo de 1895. Frassati trasladou entón a sede a un edificio na Piazza Solferino. Tamén introduciu novas tecnoloxías, como o linotipo, un dos primeiros en Italia (o linotipo estreouse no número 37).

En poucos anos a tirada de La Stampa ascendeu a 50 000 exemplares. En 1900 Roux traspasou a propiedade da cabeceira, sendo dous terzos para Frassati e un terzo para o financeiro E. Pollone. Frassati asumiu así o cargo de director e puido elixir a liña editorial de forma independente. Seguiu unha liña política de apoio a Giovanni Giolitti, converténdose nun dos seus principais partidarios. Contou con intelectuais brillantes como Luigi Einaudi, Francesco Saverio Nitti ou Gaetano Mosca e creou un suplemento deportivo ilustrado (La Stampa Sportiva, o 19 de xaneiro de 1902) e unha revista dedicada ao mundo feminino (La Donna, o 27 de decembro de 1904).[2] O 12 de agosto de 1908 desapareceu o subtítulo Gazzetta Piemontese e quedou só La Stampa como único título do xornal. A tirada aumentou constantemente ata preto de 100 000 exemplares en 1910, facendo de La Stampa o primeiro xornal de Turín, por diante da Gazzetta del Popolo, e o segundo en todo o norte de Italia.[3] Con motivo da entrada de Italia na primeira guerra mundial, apoiou a posición neutralista, en harmonía co goberno da época.

A Gaceta Literaria

En 1877 Vittorio Bersezio fundou unha revista que pode considerarse o primeiro semanario cultural italiano vinculado a un diario: a Gazzetta Letteraria. Suplemento festivo da Gazzetta Piemontese (de feito o primeiro ano tomou o nome de «Gazzetta Piemontese Letteraria»), foi dirixida polo propio Bersezio ata 1880, despois por Giuseppe Depanis, Domenico Lanza e finalmente por Luigi Filippo Bolaffio (1894-1902). Publicou críticas e propúxose manter informados aos lectores das novidades literarias máis importantes, informándoas con prontitude. Foi pechado por Alfredo Frassati en 1902.

A entrada dos Agnelli editar

O 1 de decembro de 1920 o grupo financeiro-industrial Agnelli - Gualino comprou a participación de Pollone xunto cos dereito de preferencia sobre as accións de Frassati. Despois do asasinato de Giacomo Matteotti o 11 de xuño de 1924, o xornal púxose do lado das posicións anti-Mussolini. Por ter asumido esta posición, Frassati tivo que ceder a propiedade do xornal a un grupo favorable ao xefe do goberno. O 29 de setembro de 1925 o xornal foi suspendido (era unha advertencia do réxime). Cando volveu aos quioscos o 3 de novembro, os días de Frassati estaban contados: dimitiu o 9 de novembro de 1925. No seu último ano á fronte do xornal, La Stampa contaba cunha tirada de 176 000 exemplares.[3] En 1926 FIAT (é dicir, a familia Agnelli) fíxose coa propiedade co aval das autoridades fascistas. A nova directora, Andrea Torre, aliñou o xornal coas directivas do réxime, o que lle supuxo perder exemplares, en favor da competidora directa Gazzetta del Popolo, que o superou para converterse no principal diario de Turín.

O 31 de decembro de 1930 publicouse o primeiro número de La Stampa della Sera (chamada dende xaneiro de 1937 Stampa Sera),[4] edición vespertina e dos luns do xornal (día no que tradicionalmente non se publicaba La Stampa). O redactor xefe era o escritor sienés Mino Maccari. En 1934 a sede do xornal foi trasladada a un gran edificio con vistas á Via Roma e con entrada desde a Galleria San Federico. Baixo a dirección de Alfredo Signoretti, as vendas de La Stampa comezaron a aumentar, tras as importantes reducións de circulación que se produciron a comezos da década de 1930. En febreiro de 1943 La Stampa era o segundo xornal italiano cunha tirada media de 550 000 exemplares (posición que mantería ata 1986).[5] Despois do 8 de setembro e da posterior invasión nazi da península, La Stampa, como os demais xornais do norte de Italia, tivo que aliñarse coas directivas do goberno pro-alemán. Despois da Liberación (3 de maio de 1945) o Comité de Liberación Nacional (CLN) decretou a suspensión do xornal por connivencia coa República Social Italiana.

Grazas ao apoio dos Aliados, o xornal volveu aos quioscos o 18 de xullo de 1945 baixo a dirección de Filippo Burzio (que xa o dirixira do 10 de agosto ao 8 de setembro de 1943). O 15 de xullo o Comando Militar Aliado pechara o Corriere del Piemonte, un xornal da cidade creado despois da Liberación co apoio da Psychological Warfare Division. O CLN do Piemonte protestou por non ter sido consultado e unha manifestación na praza, diante da sede do Corriere, provocou algúns incidentes. O gobernador aliado de Turín, o coronel Marshall, reaccionou ordenando a suspensión de todos os xornais de Turín.O 21 de xullo Frassati publicou o xornal cun novo nome (La Nuova Stampa) para evitar que fose tomado polas autoridades militares aliadas.[6]

A partir do 1 de xaneiro de 1946 o xornal volveu ser propiedade dos Agnelli.

De 1948 a 1990 editar

O período 1948-1968 estivo dominado pola figura do carismático director Giulio De Benedetti. Vittorio Valletta, presidente e conselleiro delegado de Fiat, propúxolle dous obxectivos: conquistar aos traballadores das fábricas da empresa, a gran maioría dos cales eran lectores de l'Unità, e recuperar aos lectores que pasaran á competidora Gazzetta del Popolo. Ao non ter un grande orzamento á súa disposición, De Benedetti ideou un xornal mosaico: ademais das noticias que lle proporcionaba a redacción, encargaba traballos aos correspondentes estranxeiros dos xornais romanos, escollía pezas xa publicadas para incluír na súa Terza pagina, e inventou unha columna de diálogo cos lectores chamada «Specchio dei tempi» (que apareceu por primeira vez o 17 de decembro de 1955), que aínda existe.

La Stampa volveu ser así o principal xornal de Turín e colocouse de novo entre os principais de Italia. Foi o único xornal importante alternativo ao duopolio DC-esquerda, que dominaba a escena italiana.[7] Neste período, ata os anos oitenta, La Stampa publicábase tamén nunha edición da tarde como Stampa Sera. A mediados dos anos sesenta, La Stampa vendía unha media de 375 000 exemplares diarios, aos que hai que engadir os 175 000 de Stampa Sera.

En 1968 a sede de La Stampa foi trasladada a un edificio da rúa Marenco 32, que ocupou ata 2012. Na antiga sede da rúa Roma o xornal conservou a propiedade das estancias da planta baixa do edificio, que utilizou como salas de recepción do público. A De Benedetti sucedeuno na dirección do xornal Alberto Ronchey (1968-73), xornalista e sociólogo. Gianni Agnelli, sucesor de Valletta en Fiat, quería que o xornal traspasase as fronteiras do noroeste e se convertese finalmente nun xornal nacional. Para "desprovincializar" La Stampa, Ronchey centrouse nos asuntos exteriores e as noticias económicas. Con colaboradores como Carlo Casalegno, Alessandro Galante Garrone, Luigi Firpo ou Norberto Bobbio conseguiu consolidar a súa presenza a nivel nacional. Con todo, non descoidou a crónica local e alcanzou de feito o pico de vendas ao publicar en primeira páxina a historia dunha nena raptada e asasinada en Alba.[7] No campo da cultura, Ronchey contou co escritor Guido Piovene como colaborador, e pouco despois chegaron tamén Giovanni Arpino e Guido Ceronetti.

Despois de cinco anos como director, en 1973 Ronchey volveu ao seu traballo como correspondente internacional e destacado sociólogo. Foi o ano no que o Corriere della Sera, o principal xornal italiano, cambiou a súa liña política adoptando unha posición de esquerdas, polo que La Stampa viu a oportunidade de converterse no diario de referencia dos moderados. En 1974 chegou Arrigo Levi, que colocou o xornal na posición do Non no referendo para derrogar o divorcio (polo tanto, a favor do mantemento da lei do divorcio). O o 1 de novembro de 1975 naceu o suplemento literario Tuttolibri. A mediados da década a tirada superaba o muro de 500 000 exemplares diarios, con edicións de 28 páxinas, mantendo o segundo lugar entre os diarios italianos máis vendidos, só por detrás do Corriere.

O 16 de novembro de 1977, o subdirector Carlo Casalegno foi vítima dun ataque terrorista, recibindo catro disparos e morrendo o 29 de novembro, despois de trece días de agonía. Era a primeira vez que as Brigadas Vermellas mataban deliberadamente a un xornalista. En 1978 La Stampa atopouse cun incidente diplomático. O dúo Fruttero & Lucentini escribiran un texto satírico sobre Muamar al-Qadafi, presidente de Libia. O líder árabe ameazou a Fiat con represalias económicas se non destituía do director Arrigo Levi, e finalmente este foi cesado o 6 de novembro de 1978.

O novo director foi Giorgio Fattori, procedente da dirección do semanario L'Europeo. Cando Fattori se fixo cargo de La Stampa, o xornal atravesaba dificultades económicas. Durante os seus 8 anos ao mando introduciu novas tecnoloxías (telecast e ordenador), mellorou as seccións (en 1981 creou Tuttoscienze, hoxe TsT, dirixida por Piero Bianucci) e aumentou a difusión do xornal. Cando deixou o cargo as contas estaban de novo en orde. Durante a posterior dirección de Gaetano Scardocchia (1986-1990), La Stampa sufriu un completo redeseño, reducíndose o formato, pasando de nove a sete columnas e suprimindo a Terza pagina, ao mover a cultura ás páxinas internas.[8]

Durante a década de 1980, a tirada aumentou, seguindo unha tendencia que afectou á prensa diaria, que pasou por unha fase de recuperación. En 1985 ascendeu a 549 749 e en 1989 acadou os 571 462 exemplares, manténdose constante nestes niveis ata 1994. A tirada dos noventa foi acorde coa tendencia xeral da prensa nacional: ata 1994 mantívose nos niveis de anos anteriores (573 175) e despois comezou a diminuír: en 1999 os exemplares baixaran a 529 675 e en 2009-10 aos 407 181.En 1986, La Stampa foi superada nas vendas polo crecente La Repubblica, caendo do segundo ao terceiro lugar entre os xornais de noticias.

De 1990 a 2014 editar

 
Panel celebrando o 150 aniversario de La Stampa (Piazza Castello, Turín).

Con Paolo Mieli (1990-1992) comezou un cambio xeracional. O novo director prestou máis atención á televisión e nomeou novos colaboradores destinados a ocupar o lugar dos dous grandes decanos: Norberto Bobbio e Alessandro Galante Garrone. Como subdirector escolleu ao piemontés Ezio Mauro. Durante a Guerra do Golfo (1990-1991), mentres os dous principais xornais italianos competían por ver quen publicaría máis páxinas (cheas de noticias, reportaxes, entrevistas, etc) La Stampa inventa a fórmula do "diario": o militar de Mario Ciriello, o pacifista italiano de Lietta Tornabuoni, o árabe de Igor Man, o televisivo de Oreste Del Buono e o americano de Furio Colombo. A fórmula tivo éxito entre o público e aumentou a credibilidade do xornal. Unha vez rematado o conflito, o correspondente Paolo Guzzanti comezou a escribir un "diario", que recollía as confidencias do presidente Francesco Cossiga e as explicaba aos lectores.[9] Mieli tamén innovou nas páxinas de política interna: a "historia de fondo", é dicir, a explicación do que fan e pensan os políticos detrás da fachada das súas palabras, converteuse nun encabezado de páxina. Decidiu aumentar a sete o número de números semanais do xornal. Ata entón, La Stampa publicábase de martes a domingo, mentres que o luns deixaba sitio a Stampa Sera. O último número de Stampa Sera, despois de 62 anos de existencia, saíu o 18 de abril de 1992. Lombardo de orixe e romano de adopción, Paolo Mieli conseguiu a difícil tarefa de "desjuventiizar" o xornal (feito que recoñeceu incluso o presidente do Torino, Gianmauro Borsano).

O sucesor de Mieli, Ezio Mauro (1992-1996), estreou o semanario Specchio della Stampa (27 de xaneiro de 1996). En 1999, baixo a dirección de Marcello Sorgi (co-director de Gianni Riotta), naceu a edición web do xornal. A principios dos anos 2000 inaugurouse unha política de emparellamentos con diversos xornais locais, espallados por toda a península.

O 19 de novembro de 2006, o director Giulio Anselmi completou unha redución histórica no formato do xornal, a raíz dun cambio que estaba a afectar a todos os xornais en formato "folla". La Stampa viu recudidas as dimensións de 38x53 a 31x45 cm, adoptando o formato berlinés, con seis columnas. O cambio de tamaño, desexado pola editorial e decidido durante a anterior redacción de Marcello Sorgi, xunto coa adopción da cor en todas as páxinas e o redeseño da cabeceira, desafiaba os hábitos consolidados dos lectores. A aposta pagou a pena, como mostraron os datos de vendas.

Desde 2009 La Stampa está dispoñible en papel electrónico nos lectores de libros electrónicos.[10]

Dende xuño de 2011 o sitio web ten activo un canal, chamado VaticanInsider, que versa sobre a Santa Sé e a Igrexa católica no mundo. Dende o 10 de setembro de 2012 a nova sede do xornal é Via Lugaro 15, na mesma Turín.

O arquivo histórico dixitalizado editar

Desde o 29 de outubro de 2010, despois de anos de traballo de dixitalización e indexación, financiado por un Comité para a Biblioteca Dixital de Información Xornalística que inclúe a Fundación CRT, a Compagnia di San Paolo, La Stampa e o goberno de Piemonte, está dispoñible en liña e de xeito gratuíto todo o arquivo histórico do xornal desde o seu nacemento ata 2006.[11] Contén todos os números do xornal publicados desde 1867 ata 2005, incluídas as principais edicións matinais e vespertinas e os suplementos, sumando un total aproximado de 1 750 000 páxinas, 5 000 000 artigos e 4 500 000 fotografías e ilustracións.

A nova sociedade editorial editar

O 2 de agosto de 2014, a empresa editora do xornal, Editrice La Stampa, de John Elkann (Fiat Chrysler Automobiles), anunciou nun comunicado de prensa conxunto coa Società Edizioni e Pubblicizioni (SEP) de Carlo Perrone, o proxecto de fusión coa incorporación da SEP á primeira, creando así unha nova empresa denominada Italiana Editrice Sp A., participada nun 77% por Fiat Chrysler e nun 23% pola familia Perrone, incluíndo tamén a integración de filiais de publicidade e medios de comunicación de masas, como Publikompass (de Edizioni La Stampa), Publirama e Radio19 (ambas da SEP).

Con esta operación, a partir do 1 de xaneiro de 2015, creouse un grupo editorial integrado por 240 xornalistas (sumando as redaccións dos dous xornais) e cunha cota diaria de 260 000 exemplares vendidos, á par que outros grandes grupos editoriais, como como o RCS MediaGroup, editor de Corriere della Sera, e o Gruppo Editoriale L'Espresso, editor de la Repubblica.[12]

O 5 de novembro de 2015 publicouse o novo semanario Origami, publicado todos os xoves como anexo tanto a La Stampa como ao Secolo.

Grupo Editorial GEDI editar

 
O compromiso dos protagonistas da prensa internacional por salvagardar o futuro da información.

En 2016, Italiana Editrice Sp A. foi adquirida polo Gruppo Editoriale L'Espresso que en 2017, tras a incorporación, cambiou o seu nome a GEDI Gruppo Editoriale Sp R. Estableceuse unha nova empresa, Gedi News Network (GNN), para a publicación dos xornais do grupo, incluíndo La Stampa.


De 2015 a 2019 todos os artigos foron publicados baixo a licenza Creative Commons BY-NC-ND.[13] En outubro de 2019, todos os artigos publicados desde 1867 ata 2005 foron dixitalizados e puxéronse a disposición de forma gratuíta.[11][14]

O 23 de abril de 2020 Molinari deixou a dirección para facerse cargo da de la Repubblica. No seu lugar entrou Massimo Giannini, ex director de Radio Capital e ex presentador de Ballarò en Rai 3.[15]

Directores editar

  • Vittorio Bersezio (1867-1880)
  • Louis Roux (1880 - 16 de outubro de 1900)
    • Alfredo Frassati (codirector, 31 de marzo de 1895 - 16 de outubro de 1900)
  • Alfredo Frassati (17 de outubro de 1900 - 29 de setembro de 1925)[16]
  • Luigi Michelotti e Gino Pestelli (3 de novembro de 1925 - 31 de outubro de 1926)[17]

Baixo o réxime fascista

Despois da caída do fascismo: nomeamentos aprobados polo Minculpop [18]

Nomeamentos aprobados polo Minculpop da RSI

Suspensión por decreto do CLN: 28 de abril - 17 de xullo de 1945. Nomeado polo CLN

Escollidos polo grupo Fiat

Escollido por GEDI Gruppo Editoriale

Notas editar

  1. A actual via Garibaldi, en pleno centro.
  2. Elisabetta De Biasio, Alfredo Frassati un conservatore illuminato, FrancoAngeli 2006, pag. 86.
  3. 3,0 3,1 Forno, Mauro (2012). Informazione e potere (en italiano). Roma-Bari: Editori Laterza. 
  4. Paola Gioia e Francesco Gandolfi (a cura di), Novecento periodico. Donne e uomini nella stampa periodica del XX secolo, p. 189.
  5. Malfitano, Alberto (Giornalismo fascista. Giorgio Pini alla guida del «Popolo d'Italia»). "Giornami" (PDF) (en italiano). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de maio de 2019. Consultado o 20 de setembro de 2023. 
  6. Paolo Murialdi, Storia del giornalismo italiano, p. 192, ed. il Mulino, Bologna, 2006.
  7. 7,0 7,1 Vittorio Zucconi, Parola di giornalista, la Repubblica
  8. "Cari lettori" (en italiano). 27 de xuño de 1989. p. 1. Consultado o 20 de setembro de 2023. 
  9. Adriano Botta, "La «banda Mieli» le sta suonando un po' a tutti", «L'Europeo», n° 26, 28 de xuño de 1991.
  10. "Corriere su Kindle, La Stampa sugli altri lettori: un confronto". antoniotombolini.simplicissimus.it (en italiano). 21 marzo 2009. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2015. Consultado o 20 de setembro de 2023. 
  11. 11,0 11,1 "Arquivo". archiviolastampa.it (en italiano). Consultado o 20 de setembro de 2023. 
  12. "Alleanza La Stampa-Secolo XIX" (en italiano). 3 de agosto de 2014. Consultado o 20 de setembro de 2023. 
  13. "La Stampa adotta la licenza Creative Commons per la condivisione degli articoli" (en italiano). 19 de decembro de 2015. Consultado o 20 de setembro de 2023. 
  14. "Virtual Reference Desk - risorse per la ricerca in rete". bnnonline.it (en italiano). Outubro de 2019. Arquivado dende o orixinal (pdf) o 5 de agosto de 2020. Consultado o 20 de setembro de 2023. 
  15. "Massimo Giannini nuovo direttore de La Stampa, il comunicato del comitato di redazione" (en italiano). 23 de abril de 2020. Consultado o Roma-Bari. 
  16. O xornal foi suspendido polo réxime fascista.
  17. O xornal foi novamente suspendido polo réxime fascista.
  18. Decreto do 9 de agosto de 1943, n. 727.
  19. O xornal non saíu nos días 10, 11 e 12 de setembro de 1943. O 13 de setembro Burzio asinou por última vez no xornal. Entre o 14 e o 17 de setembro La Stampa foi publicada sen firma.
  20. O 18 de xullo o xornal publicouse coa indicación «Ano 61 - Número 1». Despois de dous días de silencio reapareceu na edición o 21 de xullo co título La Nuova Stampa e a indicación «Ano I - Número 1».
  21. Xa codirector a partir de xullo de 1946.
  22. Ol 1 de xaneiro de 1959 o diario recupera o histórico título de La Stampa.