Paseo marítimo da Coruña
O paseo marítimo da Coruña é o paseo marítimo urbano máis longo de Europa[1], con aproximadamente 15,05 quilómetros continuos á beira do mar. É unha obra feita por tramos, modificada e inconclusa.
Paseo marítimo da Coruña | |
---|---|
Paseo pola zona do Parrote | |
Tipoloxía | paseo marítimo |
Titular da vía | Concello da Coruña, Porto da Coruña |
Dimensións | |
Lonxitude | 15,05 km |
Localización | |
Inicio | Oza, Avenida da Mariña |
Fin | Bens, O Portiño |
Localidade | A Coruña |
Como chegar | |
Bus | |
Taxi | Avenida de Navarra, Porta Real |
Bici | Bicicoruña |
Circulación | |
Velocidade máxima | 50 km/h |
Construción | |
Comezo | 1990 |
Completado | inconcluso |
Outros datos | |
Nomes alternativos | O Portiño Rúa Vítimas do Terrorismo Av. de Fernando Suárez García Av. de Gerardo Porto Av. de San Roque de Fóra Paseo de Ronda Av. de Bos Aires Av. de Pedro Barrié de la Maza Rúa do Matadoiro Pso. Alcalde Francisco Vázquez Paseo do Parrote |
A apertura do último tramo do Paseo Marítimo revelou unha cara descoñecida da cidade, que permite admirar camiñando a forza e inmensidade do océano Atlántico.
Historia
editarAs orixes do actual paseo marítimo están nos proxectos de principios do século XX dun paseo, vía de circunvalación da península coruñesa[2]. No Plan Cort de 1945 propúñase unha estrada dende San Roque pola costa pasando pola Torre de Hércules ata o porto, mais non se chegou a realizar este proxecto. En 1948 no Planeamento de Aliñacións volve falarse deste proxecto. En 1956, xa en vigor a Lei do Solo, apróbase o Plan Xeral de 1967 concretando un vial sen prioridade peonil. O Plan de Ordenación Urbana de 1985 fixaba plans de protección, conservación e mellora na zona do actual paseo. En 1986 presentouse o coñecido como "proxecto Bofill"[3] baseado principalmente en intervencións na zona portuaria. Propostas moitas das cales foron rexeitadas por seren demasiado rompedoras coa estética da cidade.[4][5]
O paseo foi construído polo Porto da Coruña, o Concello da Coruña, a Demarcación de Costas do Estado e a Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Obras Públicas e Medio Ambiente (Ministerio de Fomento)
O paseo construíuse por partes inconexas entre elas. Cronoloxicamente as sucesivas fases foron:
- Paseo marítimo Orzán-Riazor, foi construído polo concello da Coruña e o Ministerio de Fomento. Tivo un orzamento de 1 240 millóns de pesetas pagadas ao 50% por cada institución.[6] A primeira pedra foi colocada polo ministro Javier Sáenz de Cosculluela o 10 de setembro de 1990 e a inauguración tivo lugar o 14 de xullo de 1992 coa presenza do ministro Josep Borrell.[7]
- Zona do Parrote, construído polo Porto da Coruña.
- Orillamar (ligazón Orzán-Riazor co Parrote) cun custo de 3 094 millóns de pesetas. Construído polo concello, Dirección Xeral de Estradas e a Dirección Xeral de Costas. O concello puxo 1 32 millóns de pesetas, terreos e a xestión das expropiacións. Os restantes cartos foron achegados polas outras institucións. A obra comezou en 1993 e a inauguración foi o 26 de febreiro de 1996.[6][8]
- Oza-Os Castros, construído polo porto da Coruña xunto coa praia de Oza.
- San Roque de Fóra, inaugurado o 8 de maio de 1995,[8] financiado cos plans FEDER da Unión Europea e o propio concello.
- San Roque ao Portiño, inaugurado en 2004.[6]
- O último tramo une O Portiño e Bens, onde se chegou en 2011.[6][7]
O paseo percorre así toda a faixa costeira do concello exceptuando as zonas das Xubias e a zona portuaria.
Hodonimia
editarO paseo entre a praia de Berbiriana e a avenida de Rubine está dedicado a Pedro Barrié de la Maza e a continuación comeza a avenida de Bos Aires,[9] que recibiu o nome por unha petición de emigrantes galegos, despois de que a capital arxentina dedicase unha rúa a Concepción Arenal.[10]
En 2006 bautizouse o tramo entre Berbiriana e o Parrote co nome do exalcalde Francisco Vázquez.[11] O tramo que rodea o Millenium recibe o nome do seu autor, Gerardo Porto, dende 2010,[12] e o tramo entre Os Rosales e O Portiño denomínase dende 2012 Fernando Suárez como honra ao administrador da Cociña Económica.[13]
A parte entre Riazor e a avenida de Gerardo Porto é a avenida de San Roque de Fóra.[14]
Puntos de interese
editarPartindo da zona occidental, no límite costeiro con Arteixo, o paseo marítimo conecta moitos elementos destacados:
- O paseo comeza nas proximidades da EDAR de Bens, onde se depuran as augas residuais da comarca da Coruña. Dende esta zona pódense ver as illas de San Pedro e o monte de San Pedro, ao que se pode acceder dende o paseo mediante un ascensor panorámico. No parque existe unha importante batería de artillaría desactivada, construída na década de 1920 pola casa Vickers, e que tivo un papel disuasorio durante a segunda guerra mundial. Hai ademais un miradoiro na parte alta, restaurante e cafetería. Seguindo o percorrido do paseo atópanse o obelisco Millenium, instalado para darlle a benvida ao século XXI e a Cidade Deportiva de Riazor, co estadio e o pazo dos deportes, obras orixinais do arquitecto Rey Pedreira.
- Na enseada do Orzán obsérvase a Coiraza, último vestixio na zona da muralla da Coruña, no que ondean permanentemente as bandeiras de Galicia e de España. No lugar instalouse un monumento aos Heroes do Orzán, afogados durante rescates: os tres policías que morreron en 2013 ao tratar de salvar un estudante, amais de Juanito Darriba (1896) e Francisco Alcaraz (1897).[15] Outras esculturas próximas son as dedicadas ás catalinas, ao mar e ao surf, de José Castiñeiras Iglesias.[16] Fronte á coiraza atópase o IES Eusebio da Guarda, edificio do século XIX deseñado por Faustino Domínguez Coumes-Gay e cuxa fachada principal dá á Praza de Pontevedra, onde hai unha importante parada de autobuses urbanos.
- No paseo están dous dos Museos Científicos Coruñeses: o Aquarium Finisterrae e a "Domus" ou Casa do Home. Este foi o primeiro museo interactivo do mundo adicado exclusivamente ao ser humano, situado nun recoñecido edificio asinado polo arquitecto Arata Isozaki. Neste tramo está tamén a Torre de Hércules, o principal símbolo da cidade, Patrimonio da Humanidade. É o faro en funcionamento máis antigo do mundo e a fachada actual data dos últimos anos do século XVIII.
- No tramo aberto á ría está a parte traseira do Cemiterio de Santo Amaro, onde están enterrados destacados galegos ilustres, como Eduardo Pondal ou Manuel Murguía.
- Na zona que arrodea a Cidade Vella está o parque da Mestranza, no que se atopa, nun edificio adicado antigamente a parque de artillaría, o reitorado da Universidade da Coruña, así como o Museo Militar xunto ás ruínas do convento de San Francisco, o Hospital Abente y Lago, antigo Hospital Militar, e o edificio da Fundación Luís Seoane, situados sobre unha muralla que servía de defensa costeira. Dende as súas proximidades accédese ao Castelo de Santo Antón, actual sede do museo arqueolóxico, que forma parte da antiga defensa marítima da cidade. Na zona do paseo do Parrote, onde se aprecian máis tramos da muralla están o Hotel Finisterre e o centro deportivo "La Solana".
Ademais, o paseo serve de acceso ás principais praias coruñesas.
Características
editarO Paseo pode dividirse pola súa estética en varios tramos:
- Do límite con Arteixo ao Portiño. Zona peonil inconclusa. É a zona costeira do concello máis afastada e menos urbanizada.
- Do Portiño ao Ascensor panorámico do Monte de San Pedro, a calzada para os vehículos, que está lastrada, segrégase da beirarrúa. Trátase do tramo máis novo, que percorre as zonas menos urbanizadas da costa coruñesa.
- Avenidas de Fernando Suárez García, Gerardo Porto, San Roque de Fóra e Paseo de Ronda: Do Ascensor ao Pazo dos Deportes de Riazor a calzada ten xeralmente dous carrís por sentido e dispón de carril bici.
- Avenidas de Buenos Aires e Pedro Barrié de la Maza e Rúa do Matadoiro: Do Pavillón ao Aquarium Finisterrae a calzada mantén os catro carrís e dende 2012 ten carril bici.[17] Aquí comeza o tranvía, que nun primeiro momento está separado do tráfico regular, pero que despois se une a el. Neste tramo fíxose a primeira substitución da coñecida e polémica balaustrada, que foi trocada por escaleiras e unha cerca metálica. Ten unhas características luminarias brancas, con lámpada esférica.
- Avenida do Alcalde Francisco Vázquez: Do Acuario ao Castelo é quizais o tramo máis coñecido, pois é o que dá acceso á Torre de Hércules. A calzada é de catro carrís en total. Recupera o carril bici e continúa o tranvía. Son salientables as súas 1300 farolas vermellas, de estilo século XIX con esmaltes a media altura realizados pola artista Julia Ares.[18] Algunhas destas farolas foron retiradas dentro do plan de protección da muralla.[19]
- Tramo do Parrote da Avenida do Alcalde Francisco Vázquez: Do Castelo ao Parrote a calzada pasa a ter un carril por sentido, e continúa o carril bici. A construción dun túnel e un aparcadoiro subterráneo na zona suprimiu parcialmente o tráfico rodado en superficie.[20]
- Zona de Oza, Praia de Oza nas Xubias. Zona de náutica deportiva e lugar de lecer.
O paseo marítimo dende a súa inauguración foise adaptando e modificando segundo os usos que a cidade lle foi dando ás infraestruturas. Así o tranvía turístico nun principio con percorrido dende o Parrote ata Riazor quedou en 2014 limitado ao traxecto dende a Torre de Hércules cara a Riazor polo seu pouco uso e os custos que supoñía[21]. Tamén o propio paseo e o mobiliario del foron trocados. Tódolos invernos as praias de Riazor e Orzán eran protexidas das ondas facendo coa area montóns a xeito de rompe ondas, mais nalgúns casos parte do mobiliario do paseo foi esnaquizado polas ondas[22]. En 2015 foron retirados os farois sobre os valados. Parte destes valados de pedra foron trocados por outros en aceiro inoxidable e na zona de Riazor chegáronse a quitar deixando o acceso á praia limpo de obstáculos[23].
Galería de imaxes
editar-
O Castelo de San Antón desde o paseo.
-
Tranvía na zona da Torre de Hércules.
-
Ondas batendo na Rotonda de Riazor.
-
Monumento de Acisclo Manzano no Parrote, en homenaxe aos nenos da Real Expedición Filantrópica da Vacina.
-
Homenaxe ao polbo no paseo marítimo da Coruña.
-
Cetaria no paseo marítimo da Coruña.
-
Paseo marítimo e Illas de San Pedro.
-
Paseo marítimo de Oza, acceso á praia homónima.
Notas
editar- ↑ Coruña Turismo. O informador. «Paseo marítimo».
- ↑ «El Paseo Marítimo de A Coruña, triunfador de los nuevos parques urbanos de Borde» Luis Alfonso Escudero Gómez. Almería, Universidade de Almería, Servicio de Publicaciones, 2002.
- ↑ El proyecto de Bofill sobre el paseo marítimo cambiará la fisonomía de La Coruña
- ↑ "El proyecto Bofill de 1986 acabó siendo desechado por su estilo mediterráneo". Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2016. Consultado o 19 de marzo de 2016.
- ↑ "Proyecto Bofill: La falacia mar-ciudad" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de marzo de 2016. Consultado o 19 de marzo de 2016.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Gutiérrez, José Manuel (25-7-2012). "Veinte años de paseo en la ensenada". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 28-12-2017.
- ↑ 7,0 7,1 Gutiérrez, José Manuel (2-7-2017). "Bodas de plata del paseo marítimo". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 28-12-2017.
- ↑ 8,0 8,1 Paseo Marítimo da Coruña
- ↑ Compañía de Tranvías
- ↑ García López, Alfonso (2009). Calles con historia (en castelán). A Coruña: Espacio Cultura. ISBN 978-84-938089-1-4.
- ↑ "El paseo marítimo Paco Vázquez irá desde San Antón hasta el Matadero". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2016. Consultado o 26 de agosto de 2016.
- ↑ La avenida Gerardo Porto rodea su mejor diseño: el Millenium
- ↑ Parte del Paseo llevará el nombre de Fernando Suárez desde mañana
- ↑ San Roque de Afuera: Una pequeña aldea junto al mar del Orzán
- ↑ Un monumento honra la memoria de ´los héroes del Orzán´
- ↑ Monumentos
- ↑ El carril bici del Paseo completa su trazado con la señalización del tramo del Orzán y Riazor
- ↑ El mar a través del vidrio en Fonseca
- ↑ Ares ve posible recuperar sus esmaltes de las farolas en otros espacios públicos
- ↑ Vecinos y comerciantes critican que la zona no se integre en un plan global para el barrio
- ↑ «El tranvía turístico volverá a recorrer el Paseo Marítimo en Semana Santa» El Ideal Gallego.
- ↑ «El fuerte oleaje destroza el paseo marítimo de A Coruña» Faro de Vigo.
- ↑ «El paseo marítimo de A Coruña estrena barandilla» La Voz de Galicia.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Paseo marítimo da Coruña |
A Galipedia ten un portal sobre: A Coruña |
Ligazóns externas
editar- Espacios > Paseo Marítimo da Coruña factoriaurbana.com (en castelán).