Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón

museo arqueolóxico na Coruña
(Redirección desde «Museo Arqueolóxico da Coruña»)

Coordenadas: 43°21′57″N 8°23′18″O / 43.36583333, -8.38833333

O Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de Santo Antón está situado no castelo do mesmo nome, no paseo marítimo da cidade da Coruña. Foi inaugurado en outubro de 1968.[1]

Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón
Castelo de Santo Antón
PaísGalicia
CidadeA Coruña
TipoArqueolóxico e Histórico
AdministradorConcello da Coruña
Construción1588
InauguraciónOutubro de 1968
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Santo Antón foi comezado en 1588 sobre a illa de Santo Antón, como elemento defensivo da cidade fronte ós ataques por mar. Posteriormente, e ata ben avanzada a ditadura franquista, foi utilizado como prisión militar e política. En 1949 foi declarado monumento histórico-artístico[2] e, en 1960, o Ministerio de Defensa cedeu a fortaleza ó concello da Coruña, quen aprobou a conversión do edificio en museo arqueolóxico provincial en 1964, centrado na arqueoloxía e historia da cidade.

Foi o arquitecto Pons Sorolla quen realizou a consolidación e reformas necesarias para a adaptación como espazo museístico e, finalmente, abriuse ó público o 5 de outubro de 1968, baixo a dirección de José María Luengo Martínez.[3] Con posterioridade realizáronse novas reformas baixo a dirección de Manuel Gallego Jorreto, como a reconstrución, en 1993, da Casa de Botes, destinada á recepción e biblioteca, no terreo que ocupaba antigamente o edificio que, baixo ese nome, servía de punto de chegada á illa das barcas que procedían da cidade.

Ao xa mencionado José María Luengo Martínez, primeiro director de 1968 a 1972, sucedeuno Luis Monteagudo García, que ocupou o cargo ata 1975. A dirección máis longa foi a de Felipe Senén López Gómez que ocupou o cargo de 1975 a 1996. Desde entón o director é Xosé María Bello Diéguez[4].

Seccións editar

Os fondos do museo divídense en tres seccións que se reparten en zonas ben diferenciadas:

Arqueoloxía editar

 
Casco de Leiro.

Na planta baixa do castelo expóñense pezas da prehistoria e historia antiga, principalmente da provincia da Coruña pero tamén doutras partes de Galicia, desde o paleolítico ata a romanización de Galicia. Entre as pezas expostas cómpre destaca-la colección de ourivaría pre e protohistórica, como o casco de Leiro (Rianxo), datado no 700 a.C.[5], o torques de Xanceda (Mesía) ou o tesouro do castro de Elviña. Dentro da Idade de Bronce, pódense ver puñais, espadas, puntas de lanza, machados de distinto tipo e numerosos muíños de man, todos eles procedentes de escavacións en diferentes puntos da provincia (monte Lioira (Rianxo), lagoa de Alcaián (Coristanco), Isorna (Rianxo), Taraio (Malpica), Carnota, Dombate, Mina da Parxubeira (Mazaricos), Arca da Piosa (Zas) etc.).

Da época romana destaca a Tabula lougeiorum, procedente do castro de Cido (Folgoso do Courel). Trátase dunha placa de bronce datada no ano 1 d.C., que documenta o tratado de hospitalidade entre Caio Asinio, en nome de Roma, e o pobo ástur dos Louget. No campo da epigrafía latina conta con varias estelas funerarias como a estela de Primiano (de Oza-Cesuras), a de Victorinus (de Tines, Vimianzo) ou a de San Pedro de Grandal (de Vilarmaior) así como varias aras votivas adicadas á Deusa Fortuna e a Xúpiter Óptimo Máximo ou a divindades galaicas como Coso ou os Lugoves. Pezas destacadas son tamén unha pequena estatua de bronce do deus Mercurio e o ídolo fálico do Castro de Elviña. No apartado da ourivaría están expostos torques, diademas e colares. Nas vitrinas adicadas á vida cotiá pódense atopar xerras, fragmentos de ánforas, fichas de xogos e dados. A maioría destas pezas proceden do campamento romano da Ciadella, en Sobrado. Os ritos funerarios están representados na sección "Morrer na aldea, morrer na cidade", que ademais das estelas e inscricións funerarias citadas anteriormente conta cun esqueleto dunha muller nova, disposto con tegulae a dúas augas e acompañado de varios exemplares de urnas funerarias.

A sección de arqueoloxía acolle tamén unha sala destinada a Outras culturas, na que se expoñen obxectos procedentes das escavacións realizadas por equipos españois en Nubia en 1960, con motivo da construción da presa de Asuán. Tamén unha colección de puntas de frecha, machados etc. do paleolítico saharauí, datados en 2.500 a.C.

Na antiga cociña do castelo expóñense diversas pezas de cerámica popular galega.

No exterior, no patio superior, exponse un petróglifo cruciforme procedente do contorno da Torre de Hércules, que se interpreta como cruces ou marcas de presenza de peregrinos ou cruzados medievais. Tamén se pode ver unha reconstrución da cista megalítica de Taraio (Malpica de Bergantiños), da idade de Bronce inicial.

Escultura medieval editar

No patio do castelo e nas casamatas que serviron de calabozo e de dependencias dos soldados, expóñense diversos relevos, esculturas, sepulcros e laudas sepulcrais do século XIV, e diferentes escudos heráldicos dos séculos XVI ó XVIII. Un destes escudos, procedente da Porta da Torre de Arriba (construída en 1590), pode se-lo escudo en pedra da cidade da Coruña máis antigo [6].

Pódese destaca-la representación dun anxo tocando a gaita, nunha doela procedente da portada do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, no concello de Ares [7].

Historia editar

Esta sección distribúese entre a Casa do gobernador e a capela, coa sancristía, situadas na planta alta do castelo. En distintas salas expóñense pezas relacionadas coa torre de Hércules, a invasión do pirata Drake (1589), a batalla de Elviña (1809) e outros acontecementos relevantes na historia da Coruña. Nunha das paredes pódese ver un exemplar da Carta Xeométrica de Galicia, de Domingo Fontán.

Entre outras pezas expostas, pódense destaca-los restos do pecio de Cabo Cee (Corcubión), recuperado en 1987 e do que se mostra unha variada colección de moedas de prata dos reinados de Carlos V e Filipe II.

Na capela do castelo, de estilo neoclásico, destaca a Virxe do Rosario (patroa da Coruña), entre diversos obxectos litúrxicos e de culto. Nas arcadas laterais da capela hai dous murais pintados por Xosé Sesto (1982). Un representa a Apoteose de Santo Antón, coas súas tentacións e milagres; no outro figuran os presos ilustres que pasaron por esta cadea, ó redor da Virxe do Rosario.

Na rampla de acceso ó patio superior exponse unha reconstrución experimental dunha embarcación da Idade de Ferro. Foi construída por alumnos da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela baseándose en imaxes dos petróglifos e textos antigos que citaban as barcas feitas de vimbios e coiro coas que os habitantes do noroeste peninsular podían realizar intercambios comerciais grazas a unha navegación costeira. Foi bautizada como A Borna en lembranza ás representación de barcos prehistóricos nos petróglifos da Borna, en Meira (Moaña).

Outras dependencias editar

O museo conta tamén con distintas dependencias administrativas e de estudo. A biblioteca está na Casa dos Botes, que servía de acceso ó castelo cando este era aínda illa.

Notas editar

  1. "Museo Arqueolóxico - Castelo de San Antón". Concello da Coruña. Consultado o 2021-03-18. 
  2. "Castillo de San Antón". www.castillosnet.org. Consultado o 2021-03-18. 
  3. "Castelo de Santo Antón na web do concello da Coruña". Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2013. Consultado o 25 de xullo de 2011. 
  4. Nova en La Voz de Galicia onde se mencionan os catro directores
  5. Posiblemente, unha cunca de carácter ritual, máis que un casco.
  6. Así o afirma a web do concello[Ligazón morta] e o folleto que a modo de guía se entrega ós visitantes, aínda que a Gran Enciclopedia Galega, s. v. Museo, só di que é un dos máis antigos da cidade gravado en pedra.
  7. Considérase a primeira manifestación da existencia da gaita en Galicia como instrumento musical de identidade [1][Ligazón morta]

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar