Campamento romano da Ciadella
Coordenadas: 43°05′03″N 08°02′37″O / 43.08417, -8.04361
O campamento romano da Ciadella foi un asentamento militar activo entre os séculos II e IV, sito no tramo viario entre Brigantium e Lucus Augusti, entre as actuais parroquia galegas da Ciadella (Sobrado) e Vilariño (Vilasantar). Nel mantíñanse entre 500 e 600 militares da Cohors I Celtiberorum Equitata civium romanorum, que tiña a súa sede en Lucus Augusti. Esta unidade auxiliar do exército imperial romano tivo como función a vixilancia da Vía XX, traballo que desempeñou entre os anos 123 e 395.
Campamento romano da Ciadella | |
---|---|
Parroquia | A Ciadella |
Concello | Sobrado |
Provincia | A Coruña |
Comunidade autónoma | Galicia |
Cronoloxía | |
Datas de ocupación | Séculos II a IV |
Períodos de escavación | Dende 1934 |
Estado actual | Parcialmente escavado |
Extensión estimada | 2'4 ha. |
Véxase tamén | |
Castros de Galicia |
Historia e características
editarA Cohors I Celtiberorum Equitata civium romanorum, formada no ano 80, tería sido trasladada dende Mauritania a Hispania no ano 123, adscrita á Legio VII Gemina (León) por orde do emperador Adriano, como testemuña a Tessera de Castromao (Celanova), que di:
AE 1972, 282: C(aio) Iulio Serio Augurino C(aio) Trebio |
Sendo cónsules Caio Serio Augurino e Caio Trebio Sergiano. |
O recinto foi construído entón, nun planalto de 480 metros sobre o nivel do mar, rodeado por unha pequena cadea montañosa, preto do río Cabalar. Tiña unha muralla perimetral de 172 x 140 metros, coas esquinas redondeadas, e un foxo externo que complementaba as funcións defensivas da muralla. A extensión do campamento era de 2,4 hectáreas. Existían ademais catro portas de acceso ó campamento, e varias torres de vixilancia. No interior había dous edificios principais. Un deles era a Principia (cuartel xeral), de planta case cadrada, que medía 29,5 x 29,6 metros. A carón da Principia estaba o Praetorio (residencia do comandante) de 38 x 29,6 metros. Os dous edificios estaban separados por unha ampla rúa. O resto dos edificios serían barracóns, sanitarios, cortellos para os animais e unha cantina.
Segundo algúns autores, sería neste campamento onde estaría situada a mansión Brigantium da vía XX, ou per loca maritima, do Itinerario de Antonino.[2][3]
O abandono do campamento tivo lugar no século IV, cando a unidade militar foi trasladada a Iuliobriga (Cantabria). Foi entón cando comezou a súa deterioración, sobre todo na época da ocupación xermánica, malia que nalgunhas épocas foi novamente habitado. No século XIX sofreu o espolio da súa cantaría para a construción de edificios veciños.
Escavacións
editarAs escavacións do recinto comezaron oficialmente en 1934, dirixidas por Ángel del Castillo López e Sebastián González, sendo Castillo quen identificou en 1943 que se trataba dun campamento romano e non unha mansio (paradas oficiais nos camiños romanos). Os materiais atopados no lugar foron abondosos, salientando pezas de cerámica, vidros e utensilios de ferro e bronce. Atopáronse tamén moedas, pertencentes a un rango de tempo que atinxe dende Domiciano (ano 86) até Claudio II (ano 270). A maioría destas pezas atopadas na Ciadella están expostas de xeito permanente no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón sito na cidade da Coruña.
Boa parte do campamento non está escavado. Unha parte do sitio escavado ten unha cuberta futurista (aceiro e vidro) reutilizada, que protexe ás ruínas dos efectos erosivos. Malia todo, a zona cuberta ocupa unha superficie inferior á décima parte do recinto histórico, de xeito que a maior parte das ruínas están expostas á acción da choiva, do vento e da vexetación.
Galería de imaxes
editar- Artigos principais: Galería de imaxes da Galicia romana e Galería de imaxes de Sobrado.
-
Campamento na ortofotografía aérea de 2002-2003
-
Campamento na ortofotografía aérea de 2010
-
Campamento na ortofotografía aérea de 2017
-
Campamento
-
Ara á Fortuna
-
Ara ofrecida por un signífero
-
Vasilla
Notas
editar- ↑ Tábula de Castromao Arquivado 27 de xuño de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ Vázquez Gómez, Xoán Luis (1991). "La Coruña en época romana". Ciudad y Torre. Roma y la ilustración en La Coruña (en castelán). p. 39.
- ↑ Franco Maside, Rosa María (2000). "Rutas naturais e vías romanas na provincia de A Coruña" (PDF). Gallaecia (Universidade de Santiago de Compostela) (19): 164. ISSN 0211-8653.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Campamento romano da Ciadella |
Bibliografía
editar- Carballo Arceo, Xulio (xullo de 2006). Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Nigra Trea. ISBN 84-95364-40-9.
Outros artigos
editar- Arquitectura romana en Galicia
- Historia de Galicia
- Romanización de Galicia
- Aquis Querquennis
- Aquis Originis
- Medorra de Fanegas
Ligazóns externas
editar- Castramentación Romana (en castelán).
- A Cidadela después de Roma, traballo da USC (en castelán).
- El campamento romano de Cidadela (en castelán).
- Campamento romano de Ciadella (fotos) (en castelán).