Comarca da Terra de Soneira
A comarca da Terra de Soneira é unha comarca galega situada na provincia da Coruña cuxa capital é Vimianzo[1]. A esta comarca pertencen os concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas. Limita coa comarca de Bergantiños polo nordés e coa de Fisterra polo suroeste. Historicamente a comarca incluía ademais dos concellos actuais o de Laxe e varias parroquias de Cabana.[2]
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia da Coruña | ||||
Capital | Vimianzo | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 16.565 (2020) (44,51 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 372,15 km² | ||||
Etimoloxía
editarO topónimo Soneira aparece recollido en textos medievais como Somnaria, Sonaria ou Subnaria. Existen dúas teorías sobre a etimoloxía do topónimo. O estudoso Fernando Cabeza Quiles faino derivar de Seminaria, que se le nun documento do século IX. Outros autores inclínanse pola expresión Sub Neria, por estar situada na parte baixa da comarca poboada polos nerios.[3][4]
Xeografía
editarA Soneira interior está composta principalmente polo val do río Grande ou río do Porto, separado da comarca do Xallas pola serra de Santiago. Aí está o punto máis alto da comarca, o pico de Meda. A zona sur da comarca forma parte do val do río Xallas, no que se construíu o encoro da Fervenza.[5]
A parte litoral da comarca comprende basicamente o concello de Camariñas, situado sobre unha península que limita a ría de Camariñas. A costa norte da península, que comeza co cabo Vilán é unha zona montañosa de granito aberta ao océano.[6]
Historia
editarOs restos máis antigos que se coñecen da poboación da Terra de Soneira son do neolítico, do que se conservan mámoas. Con todo, a pegada máis importante é da cultura castrexa. A romanización da comarca foi máis tardía que no resto de Galicia.[7]
A toponimia (Zas, Gomariz, Gundar…) revela a presenza de asentamentos suevos, mais a primeira mención que se conserva da comarca non chegou ata o século IX, nun documento no que o rei Afonso III divide o distrito dos Coporos en dúas partes, Soneira e Nemancos. En 899 aparece un documento que cita o comisso (circunscrición) de Soneira. Tamén se coñece a parroquia extensa de Soneira, que dependía do bispo de Iria. Este territorio abranguía a comarca actual máis os concellos de Laxe e parte de Cabana.[8]
Durante a Idade Media a Terra de Soneira viu as loitas polo poder entre o arcebispo de Compostela e algunhas das principais familias galegas da época, os Traba, os Mariño ou os Moscoso. En 1554 creouse a xurisdición señorial de Vimianzo, gobernada por un meiriño nomeado polo conde de Altamira.[9]
Durante a guerra da Independencia houbo enfrontamentos en Camariñas ou na Ponte Olveira. No campo de Paizás instalouse o cuartel xeral da milicia popular. Tras a guerra volveron as xurisdición señoriais ata 1835, cando se crearon os concellos actuais. Nese momento os concellos de Laxe e Cabana pasaron ao partido xudicial de Carballo, mentres os demais pasaron ao de Corcubión.[10]
Arte
editarA Terra de Soneira é unha das comarcas con maior presenza de monumentos megalíticos, como a arca da Piosa ou o dolmen de Pedra Cuberta. Existen tamén varios castros e algúns restos da presenza romana, especialmente en Brandomil, identificado posiblemente co Grandimirum da vía romana XX. No adro de Tines atopouse unha necrópole romano-sueva.[11]
As principais igrexas románicas son as de Cereixo, Xaviña e Baíñas, conservadas completamente. Pola contra, o gótico chegou tardiamente nunha variedade coñecida como "gótico mariñeiro", presente na comarca nalgunhas bóvedas de crucería. Outras estruturas góticas son o cruceiro dos Santos, entre Bamiro e Vilar e o castelo de Vimianzo. Pouco despois da reconstrución deste castelo as Torres do Allo, con elementos renacentistas, inician a era dos pazos galegos. Neste estilo tamén salienta a fachada da igrexa do Allo.
Igual que no resto de Galicia, o barroco ten unha gran presenza nesta zona, destacando as igrexas de Cambeda e a vella de Baio ou as Torres de Romelle en Loroño. O neoclasicismo en cambio está presente en moitos retablos, mais en poucos edificios, entre os que destaca a capela da Concepción en Trasouteiro.
Algunhas obras destacadas a partir do século XIX son a ponte sobre o río Grande en Baio (1851-1853), o faro de cabo Vilán (1890-1896) ou a casa do concello de Zas (1951).
Economía
editarO sector agrario é a principal actividade económica dos concellos de Vimianzo e Zas. En Camariñas son importantes a pesca e o marisqueo, destacando os portos de Camariñas e Camelle.[12]
A industria está reducida a empresas situadas nos polígonos industriais de Vimianzo e O Allo. O sector servizos ten presenza nas vilas da comarca, Vimianzo, Baio, A Ponte do Porto e Camariñas.[13]
Comunicacións
editarA comarca atópase comunicada coa Coruña a través da autoestrada da Costa da Morte e a AC-552, que atravesa Baio e Vimianzo e que coincide co camiño real que se recolle na Carta xeométrica de Galicia. A comunicación con Santiago de Compostela realízase a través das estradas AC-545 e AC-443.[14]
No primeiro terzo do século XX chegouse a aprobar un proxecto ferroviario que uniría A Coruña, Carballo e Cee, que contou con defensores como Plácido Castro Rivas e José Miñones Bernárdez e que nunca se realizou.[15]
Poboación
editarCon 16.565 habitantes no ano 2020, a poboación repártíase entre os 6.963 de Vimianzo, os 5.209 habitantes de Camariñas e os 4.393 cos que contaba Zas.[16]
Padrón municipal 2020 | 16.565 habitantes[17] |
---|---|
Menores de 15 anos | 1.515 (9,15 %) |
Entre 16 e 64 anos | 9.589 (57,89 %) |
Maiores de 65 anos | 5.461 (32,97 %) |
Galería de imaxes
editar- Vexa o artigo principal en Galería de imaxes da comarca da Terra de Soneira
-
Arca da Piosa
-
Dolmen de Pedra Cuberta
-
Igrexa románica de Cereixo
-
Igrexa románica de Xaviña
-
Castelo de Vimianzo
-
Igrexa de Cambeda
-
Faro de cabo Vilán
-
Casa do concello de Zas
Notas
editar- ↑ Terra de Soneira | Agader
- ↑ Lema et al. 2010, p. 11
- ↑ Martínez Lema, Paulo (2010). A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV) (PDF). Universidade de Santiago de Compostela. Consultado o 24-6-2017.
- ↑ Lema et al. 2010, p. 13
- ↑ Lema et al. 2010, pp. 39-50
- ↑ Lema et al. 2010, p. 53
- ↑ Lema et al. 2010, pp. 73-74
- ↑ Lema et al. 2010, pp. 77-78
- ↑ Lema et al. 2010, pp. 78-87
- ↑ Lema et al. 2010, pp. 103-108
- ↑ Lema et al. 2010, pp. 119-126
- ↑ Lema et al. 2010, p. 62
- ↑ Lema et al. 2010, p. 63
- ↑ Lema et al. 2010, pp. 66-68
- ↑ Un siglo detrás del tren de las «3 C»
- ↑ "Nomenclátor estatístico de Galicia". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-03-07.
- ↑ "IGE - Información comarcal". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2021. Consultado o 2021-03-07.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Comarca da Terra de Soneira |
Bibliografía
editar- Lema Suárez, Xosé Mª; Domínguez Rial, Evaristo; Fernández Carrera, Xan; Mouzo Lavandeira, Roberto; Rei Lema, Xosé Mª (2010). A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte. Xerais. ISBN 978-84-9914-163-3.