Dolmen de Pedra Cuberta
O dolmen de Pedra Cuberta atópase na parroquia de Treos, no concello de Vimianzo, preto da aldea do Arxomil.
Dolmen de Pedra Cuberta | |
---|---|
Ben de Interese Cultural | |
Dolmen de Pedra Cuberta | |
Localización | |
País | Galiza |
Concello | Vimianzo |
Parroquia | Treos |
Localidade | O Arxomil |
Coordenadas | 43°05′22″N 8°59′04″O / 43.08955556, -8.984305556 |
Datos xerais | |
Categoría | Monumento |
Construción | Prehistoria - |
Estilo | Megalitismo |
Mapa de localización | |
Descrición
editarÉ de grandes proporcións cun corredor de entrada de máis de seis metros (6,6 m) de longo e cunha altura de case dous metros (1,80 m). Fáltalle a lousa de cobertura da cámara principal. Nel atopouse a pintura dun ídolo en cores vermella e negra sobre branco.
As pinturas realizáronse sobre unha capa de cor branca, probabelmente caolín, utilizando o negro e o vermello. O vermello preparouse con óxidos de ferro e o negro con carbón vexetal aglutinados con albumina de ovo. Son formas xeométricas e liñas onduladas en vertical e horizontal, círculos concéntricos e triángulos.
Están dispostas en tres faixas horizontais, igual que no dolmen de Dombate. Na inferior vense dúas faixas paralelas longas de cor vermella con forma de ondas de perfís rectos que parecen zigzags nuns lados e arcos superpostos noutros. Sepárase da media por dúas faixas, unha negra e outra vermella e con liñas onduladas negras por debaixo. Conta con liñas verticais grosas. A faixa superior sepárase cunha liña negra en zigzag e triángulos e nela vense liñas onduladas, zigzags, orlas de cor vermella, círculos concéntricos e trapecios.
Estas decoracións son continuas e abarcan a totalidade do monumento, corredor e cámara.
Investigacións e divulgación
editarEn 1934 o arqueólogo alemán Georg Leisner deu a coñecer internacionalmente a decoración pictórica existente na parte interna dos ortóstatos da cámara e o corredor. Os debuxos do dolmen, en branco e negro, amosan formas complexas, con liñas en zigzag, triangulares, verticais e con motivos ondulados, aínda que no III Coloquio Internacional sobre Arte Megalítica (A Coruña 1997) denunciouse a perda das imaxes por desinterese das administracións públicas.
Foi declarado Ben de Interese Cultural en abril de 2011[1].
Notas
editar- ↑ "RELACIÓN DE BENS DE INTERESE CULTURAL EN GALICIA" (PDF). Xunta de Galicia. Consellaría de Cultura, Eduación e Ordenación Universitaria. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de agosto de 2016. Consultado o 2016-08-16.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Carballo Arceo, Xulio (xullo de 2006). Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Nigra Trea. ISBN 84-95364-40-9.
Ligazóns externas
editar- Dolmen de Pedra Cuberta na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.